A
revista Viceversa, dedicada a recoller traballos sobre
a tradución en Galicia, comezou a publicarse
no ano 1995 coa intención de encher un baleiro
que existía nas nosas revistas científicas.
Había pouco que se puxera en funcionamento a
licenciatura de Tradución e Interpretación
da Universidade de Vigo e a consolidación destes
estudos era un feito evidente que demandaba unha publicación
na que se puidese recoller, basicamente, a produción
científica dos profesores dedicados ó
ensino da tradución, a reflexión dos propios
tradutores sobre o seu labor e unha serie de traballos
que puidesen servir de axuda práctica ós
estudantes de Tradución e Filoloxía Galega.
Para isto pensouse nunha revista con seccións
definidas:
1.
Historia e teoría da tradución Publicáronse artigos orixinais de investigadores
galegos e estranxeiros sobre historia e teoría
da tradución.
2.
Instrumenta As
contribucións desta sección son eminentemente
prácticas, orientadas á presentación
de traballos sobre distintos temas: terminoloxía,
fraseoloxía, ortografía técnica,
comparación de linguas, etc.
3.
Traducións xustificadas Os
tradutores reflexionan sobre o proceso da tradución,
partindo do seu propio labor.
4.
Críticas e recensións Pretende
recoller algunhas opinións sobre as traducións
publicadas en galego e sobre libros, en calquera lingua,
relacionados coa disciplina.
5.
Informacións Congresos, reunións da FIT, etc.
Durante
estes anos que a revista se leva publicando, temos que
salientar o traballo de tódolos membros do consello
de redacción, en especial o daqueles que estiveron
na dirección e na secretaría da revista,
xa que sen eles a revista non podería ir para
adiante.
Esperamos que esta páxina sexa de utilidade para
tódalas persoas interesadas na tradución
e, sobre todo, na cultura e lingua galegas.