![]() |
||
| 44 ARGUMENTOS CONTRA O RECHEO DE BOUZAS | ||
As actuacións de conversión da actual escollera da zona norte do recheo de Bouzas en peirao, e a realización dunha praia artificial urbana apoiada na escollera do extremo oeste deste recheo, non se deben levar a cabo polos negativos efeitos que a continuación se detallan tendo en conta que ambos proxectos non son mais que novos aterramentos na Ría. |
||
|
|
||
|
1.- Estrangulamento da Ría. |
||
| Calquera obra na Ría de Vigo que reduza a distancia entre os saintes terrestres da sua costa norte e sur, afecta negativamente á vida dos peixes, moluscos e crustáceos da Ría así como a descontaminación da mesma, porque por unha parte diminue o fluxo de entrada das aguas do Oceano Atlántico, que aportan nutrintes e limpan a Ría e por outra parte reduce o fluxo de saída das suas aguas interiores que levan consigo contaminantes e aguas doces procedentes dos rios. Así prodúcese unha ralentización das correntes, provocando a sedimentación de fangos e favorecendo a colmatación da Ría e a perda de calado, dificultando tamén a depuración natural, e afectando a todos os areeiros. A ampliación do recheo de Bouzas constitue unha obra deste tipo, pois reduce a distancia á costa norte da Ría, nos 85 m. que supón o recheo proxectado. Aademais do forte estorbo que suporían, ás correntes de entrada e saída, os pilotes que sosterían o taboleiro do peirao e os barcos de grande calado que estarían atracados no mesmo. Esta ampliación reduciria a distancia entre o recheo de Bouzas e o baixo do Salgueirón en Cangas a menos de 1 milla (0,89 millas, 1650 m.). En abril de 2005 os práticos de Vigo chamaron a atención sobre a necesidade de protexer un peirao das caracteristicas do que se quere construir, na ampliación do recheo de Bouzas, mediante un espigón de 100 m. na liña NW SE que faga de quebramar, xa que as operacións de atraque estarian espostas aos fortes ventos e aos movimentos do mar. Así con esta ampliación o recheo sairía 215 m. máis cara Cangas. Isto faria avanzar a peninsula artificial de Bouzas un total de 915 m. sobre o mar. Na memoria do proxecto de ampliación do recheo de Bouzas non se contempla este espigón, mais terán que construilo para facer un peirao operativo. De facerse este quebramar e o recheo de Massó en Cangas estos efeitos de estrangulamento da Ría serian muitisimo mais graves. . |
||
|
|
||
| 2.-
Efeito acumulativo das distintas obras de recheo . |
||
| Os proxectos portuarios executados ao longo da Ría de Vigo nas últimas décadas do século XX orixinaron contínuas modificacións do litoral respeito ao seu perfil orixinal. As consecuencias dos sucesivos aterramentos provocaron un cambio brusco da paisaxe primixénia, e sucesivos cambios na dinámica de correntes ocasionando que os sedimentos desaparezan dalgunhas zonas e se acumulen en outras novas, co conseguinte impacto sobre os ecosistemas. Este efeito sinérxico e acumulativo engadido á magnitude do actual proxecto de ampliación ocasionará consecuencias moi graves, tanto pola severidade dos cambios como pola área afectada que é toda a Ría de Vigo. Ademais dos recheos xa executados tamén hai que sumar a realización de outros novos recheos en distintas partes da Ría que estan en proxecto. Asi as negativas repercusions do proxecto de ampliación do recheo de Bouzas debe valorarse no conxunto de outras obras de recheo: as feitas anteriormente, as actuais e as que pudesen ser previstas para o futuro. |
||
|
|
||
| 3.- Extensión e complexidade do impacto. | ||
| O impacto ambiental deste proxecto ten unha alta complexidade ao producirse nun sistema dinámico que extendería o impacto a lugares alonxados da zona en que se realizarían as obras, pois, a Ría de Vigo constitue unha sucesión de hábitats estreitamente interdependentes, onde non pode esperarse que un impacto zonal fique restrinxido a sua vecindade imediata. A Ría de Vigo é unha unidade funcional fisico-biolóxica, polo que as perturbacións que se produzan en calquera ponto repercuten no seu conxunto. Esto implica que os impactos que se produzan nela deben de estudarse no contexto total, tanto espacial como temporalmente. | ||
|
|
||
| 4.- Irreversibilidade do impacto.A execución da ampliación do recheo de Bouzas determinará unha ocupación irreversibel do litoral da Ría, espazo único de alto valor ecolóxico e muito vulnerabel ás perturbacións antrópicas. Como sinala un informe do Instituto Español de Oceanografía, as peculiares características xeomorfolóxicas dinámicas e produtivas que presentan as Rias galegas e en concreto a Ria de Vigo, fan que “actuacións humanas que en mar aberto puderan ser medioambientalmente admisibeis, no interior das rias sexan perigosas ou inaceptabeis”. | ||
|
|
||
| 5.- Impacto estético e paisaxístico. | ||
| A paisaxe tamen é un recurso natural que hai que protexer xa que produce beneficios económicos mediante o turismo e hostelaria e beneficios imateriais. Mais non só debe estar destinada ao desfrute dos turistas, senon que principalmente debe dirixirse á satisfación das necesidades dos habitantes que nela viven, na percura dunha mellor calidade de vida e o mantimento dos recursos naturais. Debese velar por unha paisaxe autoctona, harmónica e organizada coa que os habitantes se identifiquen.
Nas últimas décadas o crecemento do porto e o exceso de construcións sen planificación teñen deixado a sua pegada sobre a paisaxe. Como consecuencia, esta foise despersonalizando e perdendo o seu valor. O macro-recheo de Bouzas xa provocou graves deterioros en lugares de especial beleza paixasística deixando un impacto visual moi negativo na paisaxe, mais se fan a mpliación prevista este impacto se multiplicará. Aparte do efeito do próprio recheo, os contentores apilados formarán unha barreira visual de varios andares de altura, ao longo do peirao, polo que a paisaxe da Ría ficará ainda máis degradada: Gruas como as que estan instaladas en Guixar permiten armazenar 5 alturas de contentores de 2,5 m. cada un, o que da unha altura total de 12,5 m., isto en Bouzas formaría unha pantalha permanente ao longo do peirao que alonxará vilualmente, ainda mais, a ria do barrio e terá un efeito horrendo para as vistas desde calquera dos miradores sobre a Ría. Outro efeito visual negativo o provocan as naves que se construiron no peirao, muitas delas non estan relacionadas para nada coa actividade portuaria e non se pode xustificar a sua presencia nun peirao. Non ten ningun sentido fazer recheos que perxudican irreversibelmente a ecoloxía da Ría e destrozan a sua singularidade paisaxística para convertir os peiraos en polígonos industriais. A caracterización de Bouzas como vila mariñeira pérdese completamente ao desaparecer o mar e con el vanse as potencialidades turísticas e hostaleiras da zona, asi como a calidade de vida das veciñas e veciños. A degradación do ambiente e da nosa riqueza paisaxística é degradación tamén da nosa identidade. |
||
|
|
||
| 6.- Agresión a espazos protexidos. | ||
| A Ría de Vigo é un val mariño de 35 Km. de lonxitude considerado polo ministerio de medio ambiente, xunto coas demais rías galegas, como habitat costeiro de “Interés na Unión Europea” (documento sobre a estratexia para a conserrvación da biodiversidade no estado español) e que comprende até cinco areas, cunha superficie total de 5.432 Has., propostas pola Xunta de Galiza para a sua inclusión na “Rede Natura 2000” como Lugares de Importancia Comunitaria, declaradas provisionalmente como “Espacios naturais en réxime de porotección xeral” Os espazos naturais protexidos na Ría son: Enseada San Simón, Costa da Vela, Illas estelas, Foz do Miñor e Illas Cies. O proxecto de ampliación do recheo terá diversos efeitos negativos sobre estos espazos.
Esta obra afectaría, como explicamos no ponto 7 á Enseada de San Simón espazo da Rede Natura 2000 , catalogado xa como Lugar de Importancia Comunitaria, polo que serían de aplicación as obrigas da Directiva 92/43/CEE , que no artigo 6.2 dispón que os Estados membros adoptarán as medidas apropiadas para evitar, nas zonas especiais de conservación, o deterioro dos hábitats naturais e dos hábitats de especies, así como as alteracións que repercutan nas especies que motivaran a designación da zona. |
||
|
|
||
| 7.- Impacto na Enseada San Simón. | ||
| O aumento de depósitos, nesta enseada, coa conseguinte perda de fundo é claramnete constatabel desde as últimas décadas. Este proceso de colmatación leva asociado unha troca de especies que repercute na redución das zonas de marisqueo de bivalbos e que fai previsivel a perda da enseada como ecosistema mariño. Os eventos que contribuen a esta forma de degradación son: O enbalsamento do río Oitavén que provoca unha perda de correntes coa conseguinte redución do efeito do lavado e arraste de materiais cara o exterior da Ría. E tamen os incendios forestais, que favorecen o poder erosivo das aguas de escorrentía, e así o aporte desedimentos ao sistema.
Con todo a contribución mais importante ven probabelmente dada pola interdependencia que o réxime de marés determina entre as diversas zonas da Ría. Na maré alta a enseada fica chea de agua pobre, en principio, en material particulado, agua que, no valeirado da maré baixa, arrastrea cara o exterior os sedimentos terríxenos. É claro que a perda de fundo disminue a cantidade de agua que pode entrar con maré alta e, polo tanto, a capacidade total de lavado. Mais se a agua entrante na maré alta ven xa carregada de materiais en suspensión o anterior proceso fica invertido, convertindose a enseada de S. Simón nunha zona de depósito de sedimentos procedentes das zonas meias da Ría. Ademais o efeito de estrangulamento da Ría provocado pola ampliación do recheo de Bouzas e o recheo de Massó en Cangas antes descrito, terá un efeito muito mais agudizado nesta enseada, debido que as correntes son muito mais débiles nesta zona. |
||
|
|
||
| 8.- Excesivo tamaño do proxecto. | ||
| A superficie que se pretende gañar ao mar coa ampliación do recheo de Bouzas ascende a 82.104 m 2, sendo de recheo 61.104 m 2 , sendo o volume do material de recheo necesário de 1.231.560 m 3 Alen diso queren facer un dragado dun area de fondo de 140.000 m 2 . retirando 630.000 m 3 . de sedimentos e rocha, datos suficientemente expresivos do tamaño da actuación pretendida.
Alen diso esta ampliación está proxectada na parte da escolleira que tem menor calado, o cal da que pensar que só é unha primeira fase dun proxecto máis grande que manteñen agachado e que coincide co do anterior presidente da Autoridade Portuaria que pretendia rechear os 1.400 m. de longo que ten a escolleira. |
||
|
|
||
| 9.- Inxustificación do calado de 20 m. | ||
| Falase de facer un enorme dragado coa intención de acadar este calado, argumentando a necesidade deste para os grandes buques portacontentores, mais tomando como referencia o Canal de Panamá, a grande porta entre os Océanos Pacífico e Atlántico, este ten na actualidade 12 m. de fondura e a prevista no novo Canal é de 15 m. Non se entende a necesidade definida. Asi como o calado de grandes portos no mundo os que non exceden os 13 m.
No caso de que fora totalmente imprescindibel este calado, na ria de Vigo existen outras áreas nas que os gradientes batimétricos son superiores aos do area escollida, polo que os 20 metros de calado, poden lograrse con operacións mais respetuosas ambientalmente. Os práticos do porto consideran que a falta de calado non é problema. Así o que foi prático entre 1965 e 2000 asegura que “por falta de calado non deixa de atracar practicamente ningún barco en Vigo” (Faro de Vigo 06/12/01) Aponta como solución, se de verdade houbese falta de calado, que se habilite para grandes buques a zona do Berbés, transformando as actuais escolleras en liñas de atraque onde xa hai 20 m. de calado e 750 m. de lonxitude sem rechear nada. Esta alternativa seria menos custosa e mais repetuosa desde o ponto de vista ambiental. |
||
|
|
||
| 10.- Inxustificación da necesidade de superficie. | ||
| Non hai xustificación para a ampliación pretendida. Non existe un estudo pormenorizado sobre o estado, idoneidade de usos e utilización das concesións, asi como dos solares desocupados e einfrautilizados no ámbito portuario. Ao longo dos 10 Km. aproximadamente que van desde Bouzas até a ponte de Rande, non hai un só Kilómetro para o disfrute da cidadanía, está todo cheo de instalacións portuarias de diverso tipo, a miudo infrautilizadas e algunha en penoso estado de abandono.” Antes de efectuar recheos na ria para gañar superfície destinada a depósito de mercancias, semella lógico racionalizar o uso da superfície portuária xa existinte, reducindo armazens e galpons infrautilizados. Na actualidade en terreos da Autoridade Portuaria incumplese sistematicamente o artículo 32.1 da Lei de Costas, pois existen empresas, armazens e indústrias alleas a actividade do porto que poderian reubicarse, sen menoscabo das suas funcións, en outros lugares cedendo o espazo que agora ocupan. Non se entende que dispoñendo actualmente de 77.346 m2, na zona centro, se pretenda liberalos para usos lúdico deportivos, cando a Autoridade Portuária insiste en dicer que necesita espazo para unha série de "necesidades do porto". A Autoridade Portuária debería utilizar os metros cadrados de que dispón actualmente, reordenar realmente o porto de Vigo e aproveitar adequadamente os recursos, evitando desta forma a realización de mais recheos na Ria de Vigo O Porto de Vigo xa dispón dunha ampla terminal de contentores en Guixar asi como dunha plataforma logística en Salvaterra-As Neves. Non apresentan dados respeito da necesidade de ampliación do peirao de Bouzas e da instalación no mesmo dunha terminal de contentores. O actual porto comercial de Vigo destinado ao movemento de contentores dispón das condicións para realizar este tipo de dragado sen ter que avanzar un só metro por recheos na Ria. Ademais o porto comercial xa dispón dunha infra-estrutura ferroviaria para as necesidades asociadas ás actividades que se realizarán. |
||
|
|
||
| 11.- Arelas construtivas. | ||
| As políticas da Autoridade Portuaria parecen ter a actividade constructora como unha finalidade en si mesma que para nada é a actividade para que foi creada esta institución. Falan de construir hoteis, restaurantes de comida rápida, piscinas... E esto a actividade portuaria?. Bouzas e Vigo son mariñeiras e queren ver o mar, non o formigón do porto, nen unha disneylandia no litoral. | ||
|
|
||
| 12.- Impacto na diversidade de usos da Ría. | ||
| As cidades, vilas aldeas e lugares da Ría, deben a esencia da sua personalidade ao mantemento da Ría nun estado que promove unha rica diversidade de usos que definen a Ría como un entorno complexo, cunha dinámica global que conxuga felizmente diferentes condicións locais. Esta heteroxenidade de usos estase esquencendo cedendolle paso ao mero afán de construir, de utilizar o litoral para amorear cemento ou para fuxir cara adiante dos erros aínda recentes. |
||
|
|
||
| 13.- Inviabilidade da praia artificial. | ||
| Praia artificial que se proxecta facer no lado oeste do actual recheo de Bouzas fai alviscar unha agresion de enormes consecuencias para as praias de Bouzas, e Alcabre (areais de Fontoura, O Carril, Sta. Baia e O Cocho), tais como a desaparición futura de todas elas ao seren seriamente alterados os seus areeiros co areeiro artificial, xa que coas dinámicas existentes na zona esta area verquida artificialmente, que teria que ser reposta de pouco en pouco, seria trasladada de norte a sur e do este ao oeste pechando a enseada artificial de Bouzas á renovación das aguas e provocando a sua posterior desecación, ao mesmo tempo que sepultaría as praias de Alcavre soterrando bancos marisqueiros. Esta praia querese realizar cun recheo de area de máis de 56.000 m 2 . que non vai perdurar no lugar polo efeito da ondaxe que vate directamente sobre esta escollera, as mareas e os temporais. Primeiro aterranse as praias e logo fanse praias artificiais que sepultan outras praias. Isto carece totalmente de lóxica. |
||
|
|
||
| 14.- Existencia de núcleos de poboación moi perto do lugar da obra . | ||
| O decreto 2414/1961 que aproba o Regulamento de Actividades molestas, Insalubres Nocivas e Perigosas que, no seu Artigo 4, advirte sobre a necesidade de manter distáncias adecuadas, 2000 m, entre núcleos de povoación agrupada e o lugar onde se realiza a actividade perigosa, insalubre ou nociva. No Plano de Usos do Porto non hai previstas restriccións no tipo de mercancias dos contentores na futura terminal de Bouzas, nen descartado de nengun xeito o emplazamento de depósitos de combustíbeis, aceites, gases licuados, ou outros axentes químicos na mencionada terminal ou en áreas próximas. Os bairros de Bouzas e Alcabre son dous dos mais importantes e populosos de Vigo, rexistandose altísimas densidades de poboación nalgunhas áreas, en concreto ao comezo da ponte sobre a enseada de Bouzas da estrada VG 20 (Avda Atlántida, R/ Casiano Martínez) e ao comezo da enseada, no área da Alameda Suárez LLanos. Toda a ladeira sul da enseada é xa Chan Urbano Consolidado segundo o vixente Plano Xeral de Ordenación Urbana Municipal (PXOUM) de Vigo (1993) (e tamén segundo o proxecto remitido recentemente á Xunta de Galiza para a sua aprobación) e, portanto, está suxeita ás proteccións que estabelecen a lexislación nacional, autonómica asi como a das normativas municipais, encanto a contaminación ambiental en xeral. En particular, existen blocos de vivendas moi próximos á ubicación prevista para a futura terminal de contentores de Bouzas a que nos estamos a referer. De feito a proximidade estende-se a todo o peirao principal de Bouzas, mesmo tendo en conta a ampliación prevista, é dicer, non hai forma de evitar tal proximidade. Mais ainda, en Bouzas-Alcabre está previsto no Proxecto do PXOUM un forte desenvolvimento urbanístico, que, de feito, xa está a ter lugar con próximas entregas de edifícios de vivendas próximos á mencionada futura terminal. Portanto, milheiros de persoas viven en grande proximidade á futura terminal de contentores e, en maior ou menor medida, próximas a outras infra-estruturas como a estrada VG 20 e as posíbeis futuras vias férreas. Situanse tamén próximos áreas de paseo e esparcimento. |
||
|
|
||
| 15.- Contaminación acústica . | ||
| A lei de Ruído 37/2003 de 17 de Novembro estabelece protecións fronte aos emisores acústicos xa sexan de titularidade pública ou privada, portanto, os limites acústicos estabelecidos polo Concello de Vigo a través da vixente Ordenanza Municipal de Protección do Medio Contra a Contaminación Acústica Producida pola Emisón de Ruídos e Vibrazóns (Setembro de 2001) son plenamente aplicabeis. O grau de saturazón acústica en alguns pontos de Bouzas e Alcabre é xa extraordináriamente alto, sendo a sua orixe o tráfico, fundamentalmente o de camións, con destino ou saída de esplanada de Bouzas contribuíndo tamén o ruído constante dalgunhas das indústrias ubicadas no recheo. Dado que a terminal de contentores se situaría en dita esplanada, e que ésta non apresenta nengun desnivel significativo respeito aos bairros de Bouzas e Alcabre que pudese axudar a mitigar as emisóns sonoras, cabe imaginar un aumento dos índices acústicos que poderia levá-los a valores insustentáveis, incompatíbeis mesmo, con calquera tipo de excepcionalidade que pudese tentar aplicarse. O posíbel acceso do ferrocarril (mediante unha ponte sobre a enseada) só levaria a situación a limites ainda mais insustentáveis. Hai que ter en conta que os mapas de ruído, han de contemplar entre outros factores o número estimado de persoas, de vivendas, de colégios e hospitais (en Bouzas está anunciada a construcción dun Centro de saúde) expostos á contaminación acústica Art. 15. 2d correspondiente á mencionada Lei 37/2003. Na esplanada do recheo de Bouzas está prevista unha ampliación drástica na sua actividade coa instalación da nova terminal de contentores. Tal ampliación de actividade somaríase aos usos actuais, e subporía o arribo de buques de moito maior tamaño que os actuais, a instalación de grandes gruas fixas, de gruas móbis, toros, etc. o que provocaría ainda mais ruído. É espécialmente decepcionante que non se estabeleza nengun plano de acción en matéria de contaminación acústica (Art. 15.c da Lei 37/2003) prevendo os indubidábeis impactos do que sería a nova configuración da esplanada de Bouzas, singularmente a proxectada nova terminal de contentores. A ausencia de medidas paliativas de calquera tipo, non só para a contaminación acústica, é lamentabel. A área portuária de Bouzas debería estar diseñada para apresentar unha mínima armonía co seu entorno |
||
|
|
||
| 16.- Contaminación do ar. | ||
| A veciñanza de Bouzas e Alcabre levan máis de 30 anos sofrindo a contaminación do ar debido ao pó dos aterramentos, este pó aparte de manchar tellados e terrazas, métese dentro das casas e o mais fino acaba alonxandose nos pulmóns das persoas. Debido a que este recheo, como todos os demais, teñen pensado facelo con entullos de obras e materiais de canteiras, o pó, que se levanta ao descarregar os camións, leva consigo partículas moi perxudiciais para a saúde como o amianto (material moi utilizado na construcción nas últimas décadas), granito, etc. Alen diso, a contaminación actual do ar debido ás emisións de CO2 producidas polo intenso tráfico de veiculos e camións que rodean á vila de Bouzas sobre unha estrada de catro carrís, e producidas tamén polas chimeneias dos barcos, veríanse incrementadas polo aumento no número de buques, aumento no paso de camións e a chegada do ferrocarril (que podería ser de gas oil), debido ao funcionamento da terminal de contentores. |
||
|
|
||
| 17.- Contaminación lumínica. | ||
| Contaminación que xa existe dun xeito alarmante no recheo de Bouzas, debido aos grandes focos que a Zona Franca de Vigo ten acesos durante toda a noite. Coa nova terminal aumentaría o número de focos polo que esta contaminación sería muito maior. É in tolerabel e aberrante este descontrol luminotécnico. A veciñaza leva anos soportando a intrusión lumínica procedente dos focos do recheo que entra polas xanelas invadindo o interior das vivendas, modificando o entorno doméstico e provocando transtornos das actividades humanas e molestias como soño inquieto, ausencia de repouso, insónia, cansazo e nervosismo. Este despilfarro irresponsábel de energia implica a emisón de gases contaminantes resultado da combustión de carbón e petróleo nas centrais térmicas. Ten tamén efeitos directos sobre a vida silvestre, Aves, mórcegos, anfíbios, peixes, insectos, etc, ven alterados os seus hábitos nocturnos (reprodución, migracións, etc) pola presenza dos potentes focos que rompen o ciclo natural do dia e a noite. Esta contaminación orixina fenómenos de cegamento e desorientación nas aves, e unha alteración dos ciclos de ascenso e descenso do plancton mariño, o que afecta á alimentación de espécies mariñas que habitan na Ria. Incide na peculiar distribución de distintas espécies de peixes, crustáceos, etc, que habitan no litoral. Tamén incide sobre os ciclos reprodutivos dos insectos, alguns dos cais atravesan notabeis distáncias para se topar e non poden pasar polas "barreiras de luz" que forman estas áreas excesivamente ilumínadas. Rompese, ademais, o equilibrio poboacional das espécies, porque algunhas son cegas a certas lonxitudes de onda de luz e outras non, co cal as depredadoras poden prosperar, entrementes se extinguen as depredadas. Finalmente, a flora vese afectada ao diminuir os insectos que realizan a polinizazón de certas plantas. Constituen un evidente atentado contra a paisaxe celeste nocturna, que imposibilita, a observación do firmamento, supoñendo unha perda cultural e paisaxística de valor incalculabel, segundo recoñece a Unesco na sua "Carta dos direitos das xeracións futuras". |
||
|
|
||
| 18.- Oposición da veciñanza. | ||
A meirande parte das veciñas e veciños dos barrios de Bouzas e Alcabre están en contra deste novo recheo e da creación da nova terminal de contentores como mostran os milleiros de bandeiras colgadas das xanelas coa lectura: “En Bouzas Non aos recheos Non á depuradora” e tamén coas máis de 5.000 sinaturas, en contra deste proxecto, que foron presentadas no rexistro do Concello de Vigo. |
||
|
|
||
| 19.- Contradicións coa propaganda que gasta a Autoridade Portuária. | ||
| Na propaganda do Porto de Vigo para esta ampliación dise que na súa maior parte irá sobre o sistema de pilotado, mais na documentación da Autoridade Portuária definese perfectamente que irán 85 m. de recheo puro e duro e os 30 m. restantes sobre pilotes, contradecíndose notablemente. | ||
|
|
||
| 20.- Carencia de informe de sustentabilidade ambiental. | ||
| Requerimento que estabelece a Lei 9/2006 de 28 de Abril, nos seus artigos 3.1.a e 3.2.a. “Tal informe há de ser accesibel e intelixibel para o público (artigo 8.4) e reflectir entre outros aspectos os provabeis efeitos significativos no meio ambiente incluídos aspectos como a biodiversidade, a povoación, a saúde humana, o agua, o ar, a paisaxe e a interrelación entre estes factores (Anexo I, f) asi como as medidas previstas para prevenir, reducir e, na medida do posíbel, contrapesar calquera efeito negativo (Anexo I, g).
Segundo estabelece o artigo 4.2 e o Anexo II da mencionada Lei 9/2006 a determinación de efeitos significativos no meio ambiente há de ter en conta, entre outros, os seguintes aspectos: O carácter acumulativo dos efeitos (Anexo II, apartado b) Os riscos para a saúde humana ou o meio ambiente (devidos, por exemplo, a acidentes) (Anexo II, apartado d) A magnitude e alcance espacial dos efeitos (área xeográfica e tamaño da povoación que podan verse afectadas) (Anexo II, apartado e) A superación de estandares de calidade ambiental ou de valores limite (Anexo II, apartado f.2º). . |
||
|
|
||
| 21.- Necesidades futuras baseadas en meras especulacións . | ||
| No Plan de Usos do Porto redactado recentemente din textualmente no ponto 5.1.: “O Porto de Vigo dispón dunhas superfícies marítimas abrigadas e dunhas superfícies terrestres cos seus peiraos, instalacións de armacenamento e medios mecánicos para a carrega e descarrega, tal como se especificaron no apartado 3.2 do presente plano de utilización, suficientes para os tráficos marítimos que se desenvolven na actualidade”…….. “Da descrición e análise da evolución recente e situación actual dos diferentes tráfegos existintes no Porto de Vigo, podese concluir alguns elementos útis para a planificación futura. Contodo nada pode segurar que algunhas tendéncias e factores que se desenvolveron nos últimos anos continuen desenvolvendose no futuro, nen que aparezan novos sectores e demandas de tráfico, nen que algunhas que estaban en proceso de decrecimento muden de tendéncia. As propostas que se desprenden das análises das tendéncias de tráfego deben poder aplicar-se con suficiente flexibilidade como para facer fronte a trocos e a novas condicións que actualmente son difícis de prever.” Se din que as infraestruturas actuais son suficientes e que nada pode segurar as tendéncias e demandas dos sectores involucrados non hai razón para facer unha actuación da envergadura do recheo en Bouzas e que ocasione tan graves consequencias. |
||
|
|
||
| 22.- Argumentacións localistas e infantís. | ||
| No Plan de Usos no ponto 5.2. P din textualmente: “Se se realiza a nova ampliación na área, (Bouzas) transformando unha parte da actual escolleira en peirao, o porto de Vigo estará en disposición de seguir mantendo o seu liderazgo respeito aos outros portos galegos e confirmar a sua representación como peza chave da loxística da área metropolitana de Vigo….” O obxectivo de seguir mantendo o liderazgo respeito dos outros portos galegos non semella suficiente. O que ten de mau que outros portos galegos medren se no seu caso é factíbel? Hai que crear riqueza e postos de traballo en toda Galiza, non ten sentido facer macro-cidades, mentras se abandonan outras zonas. Hai portos como o de Marín, que teñen espazo de abondo. Sería lóxico fazer varias terminais de contentores conectadas por ferrocarril, en distintas cidades e que se compensaran unhas con outras cando unha se vira saturada, e non unha enorme. |
||
|
|
||
| 23.- Inexistencia de proxecto técnico real de dita actuación . | ||
| Ainda que a autoridade portuária apresente como proxecto o "panfleto" que constantemente nomea nos medios de comunicación. Para que isto poda considerarse "proxecto" debe estar acompañado dunha série de informes técnicos (estudos complementarios e de impacto ambiental e o correspondiente informe da consellería de Pesca, Marisco e Acuicultura) dos cais adolece, e asinado polos responsábeis de dito estudo. |
||
|
|
||
| 24.- Mala xestión do porto. | ||
| Moi a miudo sucede que os contentores que chegan á terminal de Guixar fican bloqueados durante dias por falta de inspectores, o que ralentiza muitísimo o funcionamento da terminal. Por outra banda a Autoridade Portuaria admite que a mitade dos contentores que chegan e saen de en Guixar están valeiros. E hai tamén contentores valeiros armacenados acupando espazo. Para isto van destrozar a Ría?. Xa escomenzan a soar voces dalgúns empresários que din de ir descargar os contentores a Leixões en Portugal, Peirao coa mitade de superficie mas que move o doble de contentores, xa que está muito mellor xestionado. O Porto debe ser un lugar de paso de mercadorias non un armacén. |
||
|
|
||
| 25.- Contradición de xeito flgrante con directrices de administracións públicas. | ||
| Aparte das leis que incumple este proxecto explicadas en outros pontos: Contradí as directrices do Ministerio de Medio Ambiente enunciadas no documento “A Estratexia para a Conservación da Biodiversidade do estado español” onde a conservación da natureza defínese non só como unha obriga ética, senon como unha necesidade de supervivencia e onde se recoñece ás Rias galegas como habitats costeiros de Interese na Unión Europea”. E contradí as directrices da Xunta de Galiza que na Rede Natura 2000 recoñece na Ría de Vigo 4 espazos naturais protexidos. Ademais a corporación municipal de Vigo aprovou, en 1994, por unanimidade unha emienda ao documento especial do plano do porto no que constaba de xeito expreso que non se faria ningun recheo máis na area portuaria. Non debe esquencerse que o mandato constitucional contido no artículo 45.2 CE/1978 relativo ao deber de velar pola utilización racional de todos os recursos naturais co fin de protexer e mellorar a calidade da vida e defender e restaurar o medio ambiente, vai dirixido a todos os poderes públicos. Contradí o PLAN ESPECIAL DO PORTO DE VIGO que no seu artigo nº 8 di: “Non se farán máis recheos, nin a ampliación dos existentes sen a debida xustificación.” A superficie total bruta portuaria de Vigo aumenta significativamente en 2.418.487 m2 na PLISAM de Salvaterra, polo que, carece de sentido esta ampliación de 80.500m2. No recheo de Bouzas. . |
||
|
|
||
| 26.- Impacto económico nas actividades de pesca, marisqueo e acuicultura na Ría. | ||
| Segundo os datos do Instituto de Investigacións mariñas os recursos pesqueiros e marisqueiros da Ría (ameixas, mexilóns, navallas, nécoras, robalos, maragotas, sargos, polvo,...) xeneran mais de 7.000 empregos direitos, sostendo uns 740 barcos de pesca e 511 bateas de 500 m 2 . O marisqueo será un dos recursos mariños mais afectados pola movilización de materiais contaminados como consecuencia da execución do proxecto. As especies como vieira (Pectem maximus), volandeira (Chlamys opercularia) e zamburiña (Chlamys varia) serán especialmente afectadas posto que existen importantes bancos naturais destas especies dentro do radio de afectación da obra. A situación pódese agravar muito máis se as operacións de dragado coinciden coa fase larvaria destas especies, xa que é nesta etapa do ciclo vital cando mostran maior mortandade ante concentracións moi baixas de contaminantes. O sector marisqueiro é o cuarto sector na economía galega con maior cuota exportadora, moi parecida a do sector naval e é o décimo sector con maior efeito arrastre sobre a renda da economía galega. Se se contabilizan as externalidades negativas que se poden xerar nos demais recursos mariños en risco, as perdas globais para as economías locais serian millonarias. Estas externalidades deberán ser internalizadas pola Autoridade Portuaria, promotora do proxecto. A organización dunha explotación dos recursos de base biolóxica en consonancia cos niveis de coñecementos científicos e tecnolóxicos hoxe disponibeis, daría pé a unha actividade económica susceptibel de competir, polo menos en condicións de igualdade e en muitos casos con vantaxe coas actividades actualmente hexemónicas do Porto, algunhas delas, no fundo, só pseudomodernas. Mais ainda, respeitar na medida do que se poda as condicións que fan das Rías Baixas un notabel aparello produtor de biomasa, seria tal vez o mellor xeito de fomentar a incorporación de recursos técnicos verdadeiramente modernos á economía do entorno. |
||
|
|
||
| 27.- Dispersión de materiais. | ||
| Desde hai varias décadas o aumento do tráfego marítimo e a ampliación das instalacións portuarias a costa de lle gañar superficie ao mar, ven dando lugar en toda a area xeográfica da Ría de Vigo á acumulación de particulas de diverso grao de finura acumuladas no fundo. A Realización do Recheo de Bouzas levou aparellada a dispersión na Ría, por fora dos límites da obra un volume aproximado de 1.800.000 m 3 dos materiais aportados. unha parte sustancial destas perdas formou fundos lamacentos, incompatibeis con a aerobiose. O resto en tanto se mantivo en suspensión na colunna de agua, constituiu un importante factor depresor da fotosintese. A área de recheo constitue a zona cara a que se dirixe un gradiente positivo de sólidos en suspensión, demanda química de osíxeno, contido de coliformes na agua, altura do sedimento e perda de biodiversidade biolóxica. Os efeitos dalgún destes índices (exem. Nivel de coliformes) garda relación mais direita cos efluintes urbanos, mas os efeitos de ambo os dous tipos de factores potencian-se mutuamente. As obras de recheo constituen un importante factor de deterioro da integridade biolóxica e sanidade ambiental da Ría de Vigo. (Informe do impacto ambiental do recheo de Bouzas do Instituto de Investigacións mariñas de Vigo.) |
||
|
|
||
| 28.- Acumulación de materia orgánica persistente. | ||
| Os fundos da franxa litoral da Ría, de natureza lamacenta, están saturados de materia orgánica escasamente degradada, suportando unhas comunidades biolóxicas moi características de zonas eutróficas. A orixe desta materia orgánica, presente nesta franxa, está nos efluintes urbanos que se verquen intratados ao mar. Mais as arxilas que se dispersan coas obras de aterramento contribuen, ao sedimentaren, a restarenlles velocidade aos procesos naturais de oxidación da materia orgánica. | ||
|
|
||
| 29.- Entrada de contaminantes. | ||
| Os recheos realízanse con pedra, terras, areas e escombros procedentes de canteiras obras e desmontes, material muito diverso e alleo ao medio mariño. Este material, ao chegar ao mar pon en disolución e/ou en suspensión substáncias perxudiciais para os ecosistemas, ademais a fración fina formará mais fango. Os contaminantes químicos, a certas concentracións, producen impactos negativos no meio mariño a distintos níveis: organismos individuais, povoacions, comunidades e ecosistemas, alterando fundamentalmente a reprodución e provocando, entre outras, perturbacións bioquímicas e fisiológicas. Estes efeitos adversos teñen maior incidéncia canto menos evoluído é o ser vivo, polo que fito e zooplacton, ovos, larvas e xuvenis son os mais perxudicados producindose, en xeral, unha disminución da biomasa en todos os eslavóns da cadea alimentaria, coa conseguinte repercusión para a economia derivada da pesca e o marisqueo. | ||
|
|
||
| 30.- Impacto dos Dragados. | ||
| Na documentación da Autoridade Portuaria sinálase que seria necesario dragar un area de fundo de 140.000 m 2 . Os fundos da Ría e en concreto os da zona que se pretende rechear e dragar estan cubertos de fangos, dos cuais muitos formaronse cos materiais de recheos anteriores. Estes fangos funcionan como unha esponxa absorvendo os contaminantes, os cuais se liberan quando estes fangos son removidos. A carga contaminante, acumulada durante décadas, aloxada nos fangos do fundo é un perigo potencial tanto para a fauna e flora de todo o medio mariño como para os consumidores dos produtos da Ría. A grande parte dos materiais presentes no fundo non se degradan e existe un elevado risco de que se introduzan na cadea alimentaria e cheguen aos humanos. Tanto as obras de dragado como a subseguinte actividade portuaria suporian unha constante resuspensión da fracción sedimentaria mais fina e a mais contaminada, coa posta en circulación dos seus contidos contaminantes nas redes tróficas da Ría. Os resultados analíticos elaborados polo CEDEX, dobre sedimentos da dársena de Bouzas e aportados pola Autoridade Portuaria de Vigo en relación ao proxecto de Ampliación do Peirao para Reparación de Buques (Xullo de 2001) poñen de manifesto a contaminaación de metais pesados, compostos de hidrocarburos aromáticos policíclicos (PAHs) e benifenilos policlorados (PCBs) do sedimento en torno ao porto. Acadanse valores medios clasificados como categoria II en cobre, PCBs e PAHs. En varias mostras tamén se obteñen valores de categoría II en Mercurio, chumbo e zinc. Igualmente as analises publicadas polo Observatorio medioambiental da Ría de Vigo nas suas publicacións evidencian un grao notabel de contaminación química do sedimento obtendo valores moi altos de metais pesados e de 13 hidrocarburos aromáticos policiclicos. Compostos especialmente perigosos polo seu potencial canceríxeno e capacidade de bioacumulación nos seres vivos e bioamplificación no seu fluxo a través das cadeas tróficas. Son compostos moi persistentes e de difícil degradación natural, o que supón un risco de contaminación das aguas da Ría e incluso un risco alimentario, influindo no desenvolvimento de enfermidades dexenerativas e diversos tipos de cancro. Mentras os sedimentos contaminados por metais pesados e outros compostos persistentes e bioacumulabeis permañezan no fundo, as condicións hipóxicas e anóxicas do mesmo dificultan a entrada deses compostos nas cadeas tróficas. Mais a removilización dos sedimentos ao acometer dragados en materiais contaminados, causa a sua dispersión e oxisenación. Nestas novas condicións químicas poden cambiar deixar de adsorverse ás arxilas e entrar nas cadeas tróficas e seren biodisponibeis para os organismos vivos. Na medida en que a lexislación comuinitaria, faise cada vez mais estricta nos niveis de metais pesados nos produtos do mar, incurrese no risco de perder mercado, o distintivo de calidade dalgúns produtos pesqueiros da Ría de Vigo e posibilidade de máis sancions e prohibición de venda en fresco deses produtos. Ao poñerse en suspensión sedimentos contaminados con sustancias toxicas, estas poden estenderse a lugares alonxados dentro da Ría. Ademais o peirao, unha vez construido produciría distorsións no réxime de correntes e isto a sua vez, na dinámica de transporte de sedimentos. É inevitabel que unha porcentaxe do material dragado se poña en suspensión e se esparza pola Ría, acadando distancias de varios Km. ao este e ao oeste, podendo chegar á marxe norte da ria e a zonas de grande interese ecolóxico e comercial como bancos de marisco, poligonos de bateas de mexilón, zonas de posta e alevinaxe, bosques de laminaria, e Zoostera etc. |
||
|
|
||
| 31.- Xeración de residuos. | ||
| As actividades industriais realizadas nos recheos producen residuos, verquidos e emisións cuxa repercusión será negativa para a ecoloxia da Ría. Ademais o funcionamento das novas instalacións tamén producirá un incremento na produción destos residuos contaminantes. . |
||
|
|
||
| 32.- Destrución de ecosistemas de alto valor. | ||
| As rias baixas deven a sua alta produtividade biológica á posición xeográfica que ocupan, ás suas características hidrodinámicas e xeomorfológicas e a un alto grau de acoplamento espazo-temporal dunha série de ciclos: físicos, químicos, xeolóxicos e biológicos. Asi, estes espazos semicerrados, e de alto valor ecológico, son moi vulnerabeis ás perturbacións antrópicas (entre as que se i ncluen a entrada de contaminantes e as actuacións de dragado/recheo), xa que as alteracións poden romper equilibrios e desaxustar os ciclos. Nos escasos enclaves libres deste litoral hai fundos de area e rocha que sosteñen un ecosistema de alto valor, poboados con bosques de Laminaria, nos leitos duros e praderas de Zoostera nos blandos que albergan povoacións de invertebrados e peixes de grande interese económico e social. Os bosques de Laminaria acollen poboacións importantes de interese comercial como a centolla e de interés ecolóxico como o cabaliño de mar, tipificada como “vulnerabel” Tamen hai que destacar os bancos marisqueiros de bivalvos e poboacións de peixes como a lubina. |
||
|
|
||
| 33.- Destrución de zonas de alevinaxe. | ||
| As rías son zonas de alevinaxe para muitas especies de invertebrados e peixes de interese comercial como as xoubas, futuras sardiñas, ou os bruños, futuros centolos, que cumpren as primeiras fases do seu ciclo biolóxico nos medios ricos en alimentos e aptos como refuxio frente aos depredadores que lles brindan os bosques de Laminaria e as pradeiras de Zoostera, antes de realizar as migracións que os levan a aguas mais oceánicas. A eliminación deste tipo de habitats deprime irrevisibelmente, pois, tamén os nosos recursos pesqueiros da plataforma. | ||
|
|
||
| 34.- Pérdida de hábitat mariño. | ||
| De xeito irreversibel, nos sedimentos dragados e aterrados e no espazo físico de mar ocupado polos recheos. | ||
|
|
||
| 35.- Perda de biodiversidade. | ||
| O efeito sinerxico da ampliación do recheo de Bouzas e a alta tasa de contaminación da Ría de Vigo empobrecerán a bidiversidade biolóxica da mesma. Este empobrecimento ecoloxico será irreversibel. A biodiversidade é a propiedade esencial e singular de cualquer ecosistema. Así empobrecerase o seu fundo xenético, as poboacións, as comunidades e as paisaxes. O que vai favorecer a aparición de especies oportunistas que acabarán por desplazar as especies autoctonas da Ría.
Curiosamente, quando surxen ocasións de interese inegabel como a deparada pola sorprendente productividade pesqueira e marisqueira da lagoa espontánea formada durante o recheo de Bouzas, os responsabeis das obras litorais apresuraronse a cegala, quando se formularon as primeiras iniciativas de aproveitamento e expansión controlada do experimento natural que a dinámica da Ría agasallara. |
||
|
|
||
| 36.- Mortandades, nas áreas próximos á obra. | ||
| Da biota mariña con movilidade reducida ou nula ou que non posua ou teña pouco desenvolvida a reación de "fuxida". Enterramento de comunidades bioloxicas con moi alto valor ecolóxico e polo tanto económico. Bosques de Laminaria e Pradeiras de Zoostera fundamentais para as poboacións de crustáceos e peixes, Fundos de Maërs debaixo dos cuais topanse ameixas, ... todos eles caracterizan ás Rias como ecosistemas altamente produtivos. Alen diso o dragado da rocha do fundo mariño que se realice mediante voaduras provocará mortandades na vida mariña das proximidades. Provocarase a desaparición de todos os organismos mariños nos milleiros de metros cúbicos de mar (agua e sedimentos) que serán substituídos por recheo e as comunidades bentónicas colonizadoras dos sedimentos que serán dragados. |
||
|
|
||
| 37.- Impacto na produción primaria. | ||
| Que é o sustento de todo o sistema biolóxico e pódese definir como a cantidade de carbono fixado en forma de materia orgánica por organismos de natureza vexetal mediante a fotosíntese. Esta produción primaria dentro da Ría débese á actividade do fitoplancton e en muita menor medida ás macroalgas. A execución do macrorecheo de Bouzas, a terminal de transbordadores e outros, vertendo á Ria terra, escombro e outros materiais de refugallo provocaron unha perda de transparencia das aguas nun amplo sector da Ría debido á dispersión dos verquidos. Segundo estudos do IIM (Instituto de Investigacións mariñas) ao aumentar a presencia de arxila descende o nivel de clorofila, é dicer do fitoplancton o que fai disminuir con posibeis efeitos amplificadores a produción terciaria, ou sexa, a capacidade potencial de explotación da Ría polo home. A turbidez provocada polos sólidos en suspensión procedentes do material de recheo reduce o paso da enerxía luminica indispensabel para a fotosíntese fitoplanctónica (e de macroalgas), é dicer, para a produción primária, de forma que a biomasa que se produce na Ría, incluídos os recursos explotados, diminue coa conseguinte repercusión económica e social. |
||
|
|
||
| 38.- Disminución da concentración de osíxeno. | ||
| Ao diminuir a fotosintese debido á turbidez das aguas provocada por recheos e dragados disminue a concentración de osixeno no agua. | ||
|
|
||
| 39.- Impacto nas poboacións. | ||
| Tanto a presencia de materiais arxilososo en suspensión, coma a de produtos de tipo petrolífero, inciden gravemente na respiración de numerosos organismos mariños. As suas superficies tenden a seren recubertas por este tipo de sustancias, coa conseguinte redución da sua capacidade para o intercambio gaseoso. A entrada na ria de materiais inertes en suspensión tamén afecta ao metabolismo dos organismos filtradores entre os que se topan a maioria dos moluscos bivalvos de interese comercial (mexilóns, ameixas, croques...) que teñen que excretar as partículas non asimilabeis, co conseguinte consumo enerxético, o que diminue o crecimento e engorde (mingua de biomasa). Estos organismos constituen un dos grupos mais afectados por este tipo de contaminación. | ||
|
|
||
| 40.- Perda de bancos naturais. | ||
| Unha consecuencia evidente dos aterramentos masivos consiste, na perda de bancos naturais de marisco. Abonda lembrar que na area hoxe ocupada polo recheo de Bouzas estaba localizado un dos bancos de ameixa máis produtivos da Ría. Mais os efeitos do verquido de sólidos sen escolleiras de protección acadan tamén aos bancos dun arredor sensibelmente largacio, como o proba o constante descer das producións. No ano 1967 a totalidade da zona do banco de Bouzas producía unhas 940 Tm. de ameixa. No ano 1985 a produción cifrouse en 10-15 Tm. No ano 1986 foi só de 1 Tm. | ||
|
|
||
| 41.- Perda de áreas de posta. | ||
| A Ría de Vigo constitue a zona principal de posta de numerosas especies de peixes de interese comercial, e as localizacions predominantes das maiores concentracións de formas larvarias e xuvenís destes peixes son as franxas litorais, é dicer, as áreas de pouco fundo. Unha consecuencia inmediata pois, das obras de recheo, consiste na desaparición destes biotopos, coa conseguinte redución das zonas de cria e aumento da competencia polo alimento e o espazo que conduce a meirandes mortandades larvarias e xuvenís, e polo tanto ao descenso na abondancia dos adultos. O recheo de Bouzas eliminou xa boa parte dunha importante zona de cria, de continuarse aterrando, a totalidade da zona desaparecerá. |
||
|
|
||
| 42.- Impacto na poboación de arroás (Tursiops truncatus). | ||
| Na Ría de Vigo, topase case con toda seguridade a poboación residente máis importante de Europa, ao terse rexistrado un bando de preto de cen individuos. As mandas que percorren a ría son grupos familiares de femias con crías e novas dos anos anteriores. Os arroaces son de hábitos costeiros e circulan frecuentemente a escasos metros do recheo de Bouzas, polo que coa nova terminal desplazaríanse cara outros lugares, seguramente fora da Ría. O arroaz está incluído nos Anexos II e IV da directiva comunitaria 92/43/CEE , relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, catalogado como “especie de interese comunitario”, sendo preciso para a súa conservación designar zonas especiais de conservación e requiren protección estricta”. | ||
|
|
||
| 43.- Soma de erros. | ||
| O crecemento do porto de Vigo tivo lugar de forma rápida e cunha ausencia total de planificación. Co tempo recoñeceuse que muitos dos aterramentos levados a cabo no pasado para gañar terreo ao mar na Ría eran superfluos e inecesários, ou presentaban deseños que esquencian o impacto ambiental. Alguns foron declarados ilegais e ambientlamente perxudiciais, incluso xudicialmente como o macrorecheo de Bouzas, que causou a desaparición dun dos mellores bancos marisqueiros da Ría de Vigo. Con todo, lonxe de fuxir deses erros ainda recentes parece que se profundiza neles ainda mais, con mais proxectos de recheos. |
||
|
|
||
| 44.- Acto de colonización. | ||
| Tendo en conta que o 75 % dos ingresos da Autoridade Portuaria van para Madrid, estos proxectos de ampliacións portuarias non son mais que unha das muitas agresións colonizadoras que sofre Galiza, nas que non importa por en perigo de xeito irreversibel a explotación de recursos naturais acabando coas nosas economias locais para levarse as máximas ganancias posibeis cara Madrid, que non repercuten para nada no país, en detrimento das actividades produtivas tradicionais que sí se reinverten na zona. | ||
|
|
||
Conclusións: A fraxilidade deste peculiar espazo que é a Ría, xunto cos seus valores paisaxísticos e faunísticos, as suas posibilidades recreativas, pesqueiras e marisqueiras, asi como a sua aptitude para futuros desenvolvimentos de acuicultura, fan que antes de levar a cabo calquera actuación que poda menoscabar as suas posibilidades actuais e venideiras, haxa que valorar, con obxectividade, as suas consequencias, a corto e a longo prazo, ponderando correctamente todos os factores intervenientes. |
||
Páxina mantida por bouzasmovete.
|
||