Diario Oficial de Galicia
mércores, 30 de decembro de 1998
I. DISPOSICIÓNS XERAIS
| Número do Dog: | 251 | Páxina do Dog: | 13.768 | |
| Data da Disposición: | 18 de decembro de 1998 | |||
| Sección: | I. DISPOSICIÓNS XERAIS | |||
| Organismo: | PRESIDENCIA | |||
| Rango: | Lei | |||
| Título: | Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia. | |||
A Constitución española, no artigo 129.2, encoméndalles ós poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas, e o Estatuto de autonomía de Galicia recoñece no artigo 55.3 a potestade da Comunidade Autónoma para facer uso das facultades previstas no apartado 1 do artigo 130 da Constitución, atendendo á modernización e ao desenvolvemento de tódolos sectores económicos, os que poden dinamizarse mediante o fomento das sociedades cooperativas, a través da súa propia lexislación.
A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.
Dispoñendo, pois, a Comunidade Autónoma de Galicia de competencia exclusiva en materia de sociedades cooperativas, resulta necesaria e prioritaria a promulgación da primeira Lei de cooperativas de Galicia, axustada ás especificidades propias delas e adaptada ás estructuras económicas actuais, que lles permita desenvolverse económica e empresarialmente e contribúa eficazmente á súa dinamización.
A análise da realidade das cooperativas galegas evidencia o peso desta forma empresarial de organización e ordenación dos recursos e a súa destacada importancia na estructura socioeconómica de Galicia.
A Xunta de Galicia, asumindo as recomendacións da Alianza Cooperativa Internacional, incardina este texto legal no respecto no substancial ós principios cooperativos revisados con motivo do seu centenario, quedando reflectidos expresamente no seu artigo primeiro e a través do texto articulado.
Reforza esta lei o carácter empresarial das cooperativas co obxecto de potencia-la súa intervención competitiva no mercado, entendéndoas como instrumentos eficaces para a creación de riqueza e xeración de emprego nos seus aspectos cuantitativos e cualitativos, cunha función de destacada importancia na redistribución de recursos, así como na prestación de servizos de natureza social.
A expansión da economía de mercado obriga cada vez máis as empresas a introducirse nos distintos mercados para poder competir e subsistir, o que esixe do lexislador a necesidade e responsabilidade de adecua-los principios cooperativos ós vindeiros tempos, dotando estas sociedades de instrumentos válidos e suficientes, que lles permitan orientarse no seu acceso ao próximo século, organizándose para afronta-los novos desafíos.
Potencia esta lei a autonomía da propia sociedade cooperativa, conferindo un maior grao de autorregulación a través dos estatutos e dos propios órganos sociais, definindo e delimitando as competencias e responsabilidades no exercicio das súas funcións na orde interna, para efectos de evita-la distorsión ata agora existente no seu desenvolvemento, o que vai redundar nunha maior eficacia na súa xestión empresarial, sen detrimento do principio de democracia interna da sociedade.
É obxectivo prioritario desta lei dota-lo sector cooperativo de Galicia dunha regulación propia, avanzada, flexible e con vontade de estabilidade, que recolla as inquietudes das entidades cooperativas.
A lei estructúrase en cinco títulos con 142 artigos, tres disposicións adicionais, sete transitorias, unha única derrogatoria e tres derradeiras.
Título I
Das sociedades cooperativas
Queda estructurado en dez
capítulos que regulan a normativa común aplicable a todas as entidades
cooperativas.
Partindo da realidade de Galicia, defínese a cooperativa
como unha sociedade de capital variable, propiedade conxunta, con plena
autonomía de xestión e rexida pola democracia interna, en consonancia cos
postulados proclamados pola Alianza Cooperativa Internacional, fortalecéndose
ademais o seu carácter empresarial.
Introdúcese, con carácter necesario e
de exclusividade ás sociedades suxeitas a esta lei, a inclusión na súa
denominación das palabras «sociedade cooperativa galega», co obxecto de dotalas
dunha identidade propia e de que terceiros coñezan a lexislación aplicable a
elas.
Acorde coas actuais tendencias lexislativas nesta materia,
establécese legalmente un capital social mínimo como garantía fronte a terceiros
e rigor empresarial da sociedade cooperativa.
Adáptase o número mínimo de
socios á realidade galega, co obxecto de facilita-lo acceso a esta fórmula
empresarial, e limítase a responsabilidade do socio polas débedas sociais ata o
límite do importe das achegas subscritas ao capital social.
En
congruencia cos principios cooperativos e como instrumento coadxuvante para o
desenvolvemento e a consolidación da sociedade cooperativa, establécese a
posibilidade de que a cooperativa poida realizar operacións con terceiros non
socios, tanto por circunstancias estructurais coma conxunturais,
flexibilizándose a posibilidade da realización destas operacións, tendo en conta
que na súa aplicación
deberá valorarse a incidencia da normativa fiscal
vixente en cada momento.
Como mecanismo organizativo opcional, incorpórase a
regulación de seccións por actividades económicas dentro dunha mesma
cooperativa, con especial atención ás seccións de crédito, delimitándose
legalmente a responsabilidade patrimonial delas.
Regúlase o procedemento
constitutivo da sociedade cooperativa desde o inicio ata a adquisición da
personalidade xurídica, esixíndose para a súa constitución escritura pública, e
posibilitando insta-la previa cualificación dos estatutos.
Como
instrumento que lle permita á cooperativa a incorporación e permanencia das
persoas que participen e coadxuven na consecución do seu obxecto social
regúlanse diversas típoloxías de socios. Incardínase a figura do asociado,
presente noutras lexislacións cooperativas, no socio colaborador regulado nesta
lei, posibilitando ademais que participe na consecución do obxecto
cooperativo.
Potenciando a participación democrática, conxugada cos
intereses económicos da cooperativa e co compromiso do socio na actividade
cooperativizada, prevese a posibilidade estatutaria de facer uso de voto plural
ponderado en determinadas clases de cooperativas, en función da súa
particularidade.
Co fin de darlle maior estabilidade ao consello reitor e
permitir que o socio persoa xurídica poida desempeña-lo seu cargo durante o
período para o que foi designado, atribúeselle a esta a posibilidade de ser
membro dos órganos sociais con independencia da persoa física que a
represente.
A prol dunha maior operatividade prevese a figura de
administrador único, pola complexidade dun órgano de administración colexiado en
cooperativas de pequena magnitude.
Co obxecto de reforza-la
profesionalidade, mellorar e dinamiza-la xestión empresarial prevese a
posibilidade estatutaria de incorporar ao órgano de goberno colexiado e en
calidade de conselleiros persoas físicas non socias, e introdúcese a figura de
conselleiro delegado.
Nesta liña de profesionaliza-los órganos sociais,
considérase a posibilidade estatutaria de acceder ao cargo de interventor a
persoas físicas non socias ata o límite legalmente establecido, reforzando as
súas competencias para acadar unha maior eficacia no seu labor fiscalizador de
orde interna.
Co fin de acada-la maior transparencia na xestión e nas
contas da sociedade cooperativa amplíanse os supostos de obrigatoriedade de
sometela a auditoría externa.
Como garantía da seguridade xurídica que
deben observar certos acordos sociais de indubidable transcendencia pública e
social, amplíanse aqueles actos que necesariamente deberán ser dictaminados polo
letrado asesor.
O réxime económico da sociedade cooperativa ten en conta
a obrigatoriedade do total desembolso do capital social mínimo, prevendo a
posibilidade de efectuar achegas non en diñeiro e abrindo un abano de fórmulas
de financiamento externo.
A distribución de excedentes, partindo das
asignacións mínimas legais a fondos obrigatorios, abre un importante campo de
autonomía da asemblea xeral para acorda-lo seu destino coa posibilidade de
incrementa-los fondos obrigatorios ou crear fondos de reserva voluntarios,
irrepartibles ou non, ou destinalo ao retorno cooperativo segundo a definición
que deste se establece.
Na imputación de perdas, configúrase o Fondo de
Reserva Obrigatorio como primeiro soporte delas sen ningún tipo de
limitación.
Facilítase a posibilidade da levanza dos libros sociais
mediante a realización de asentamentos e anotacións por calquera procedemento
idóneo. No que respecta á contabilidade da sociedade faise unha remisión expresa
á aplicación das normas xerais contables, na procura da uniformidade co resto
das diferentes sociedades.
Regúlase a casuística sobre a fusión,
escisión, transformación, disolución e liquidación de sociedades cooperativas.
Resulta significativa a transformación da sociedade cooperativa permitíndose
legalmente transferir parte do seu patrimonio social á sociedade na que se
transforma, establecendo ao mesmo tempo as garantías e cautelas necesarias para
que este patrimonio sirva para a consolidación e o desenvolvemento da actividade
empresarial.
Título II
Do Rexistro de Cooperativas de
Galicia
Créase o Rexistro de Cooperativas de Galicia, estructurado no
Rexistro Central e no correspondente rexistro en cada unha das provincias da
Comunidade Autónoma.
Perfecciónase a súa eficacia, definida polos
principios de publicidade material e formal, legalidade, lexitimación,
prioridade e tracto sucesivo.
Co obxecto de mellora-la prestación do
servizo público ás entidades cooperativas, terceiros e interesados, poténcianse
as funcións dos rexistros de cooperativas. Neste sentido cabe subliña-la
facultade de legalización de libros e de recepción para o seu depósito das
contas anuais das cooperativas. Así mesmo resérvaselle ao Rexistro Central a
competencia para cualificar e inscribir determinadas clases de cooperativas, así
como as asociacións de cooperativas, nomear auditores e outros expertos cando
lle sexan solicitados polas entidades cooperativas, dictar instruccións e
exerce-la coordinación dos rexistros provinciais.
Título
III
Disposicións especiais
Queda estructurado en tres capítulos que
regulan as clases de cooperativas de primeiro grao, as cooperativas de segundo
grao e outras formas de colaboración económica.
En función da realidade
existente en Galicia, recolle quince clases de cooperativas de primeiro grao,
prevendo a posibilidade de que se poidan crear outras novas clases cando resulte
necesario para o desenvolvemento cooperativo autonómico.
Na clasificación
regulada recóllese a casuística tradicional consolidada no sector cooperativo e
inclúense ademais novas clases de cooperativas, axustándose, por unha parte, á
realidade de explotación de recursos propios de Galicia e, por outra, abrindo a
posibilidade de utilizar esta fórmula societaria para satisfacer determinados
servizos sociais que a sociedade actual vén demandando.
Nas cooperativas
de traballo asociado excepciónase o número mínimo de socios, posibilitando a
creación de pequenas empresas como fórmula adecuada de creación de
emprego.
Regúlanse os dereitos e as obrigas dimanantes da prestación de
traballo e recóllese a posibilidade de que, co fin de consegui-la plena
realización do seu obxecto económico e social e sen sobredimensiona-la empresa,
a sociedade cooperativa poida contratar asalariados co límite fixado.
Na
cooperativa agraria posibilítase a incorporación como socio da compañía familiar
galega, configurada como unidade económica única, institución propia do dereito
civil galego. Prevese tamén a substitución da condición de socio no caso de que
o titular da explotación deixe de selo, sen necesidade de transmisión.
Poténciase a intercooperación entre as cooperativas agrarias como instrumento
que facilite o seu desenvolvemento e posibilítase a realización de actividades
de consumo recollendo a realidade existente neste momento en atención ás
necesidades dos seus socios e á comunidade do seu contorno.
Respecto das
cooperativas de vivenda e pola súa particularidade, a lei establece cautelas
conducentes a preserva-los dereitos dos socios e a facilita-la transparencia na
súa xestión.
A entidade e tradición marítima de Galicia esixe a
regulación de cooperativas do mar como unha clase específica, posibilitando o
acceso ao cooperativismo deste importante sector económico.
Destácase
pola súa innovación e transcendencia no sector primario a cooperativa de
explotación dos recursos acuícolas, configurada como unha empresa na que se
integran os dereitos de uso e aprovei
tamento de bens e títulos
administrativos habilitantes, xuntamente coa prestación de traballo persoal, co
obxecto de xestionala realizando a explotación de recursos acuícolas en
común.
Co obxecto de facilita-lo acceso ao emprego e de mellora-la
calidade de vida de colectivos con dificultade de integración social, créase
unha clase específica de cooperativas.
Créase a clase de cooperativas de
servizos sociais como un medio adecuado para a prestación de servizos de
natureza social.
Título IV
Das asociacións e representación
cooperativa
Queda estructurado en dous capítulos que regulan o asociacionismo
cooperativo e o Consello Galego de Cooperativas.
Para ordenar, clarificar
e potencia-la representatividade das sociedades cooperativas configúrase na lei
un deseño do asociacionismo cooperativo de estructura piramidal na súa tripla
manifestación de unións, federacións e confederacións, na procura de garanti-la
esencia do movemento cooperativo e axudar á súa consolidación, respectando en
todo caso a autonomía e a liberdade de asociación.
Posibilítase que unha
confederación de cooperativas, sempre que reúna a representatividade suficiente,
poida denominarse confederación de cooperativas de Galicia.
Créase o
Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do
cooperativismo na Comunidade Autónoma, con funcións ademais de carácter
consultivo e asesor das administracións públicas nesta materia. Deséñase como un
órgano colexiado no que participan as diferentes administracións, as
institucións e o movemento cooperativo, todos eles interesados no fomento, na
promoción e na difusión do cooperativismo.
Vén cubrir este órgano unha
lagoa existente nas relacións entre as propias cooperativas e entre estas coas
administracións públicas.
Ademais das funcións de carácter consultivo,
atribúenselle outras importantes funcións como a arbitraxe en cuestións
litixiosas cooperativas, o nomeamento de liquidadores en determinados supostos e
a planificación e xestión dos fondos de formación e promoción das cooperativas
que os transfiran voluntariamente ou obrigatoriamente se non os xestionaron no
prazo legalmente previsto.
Para o exercicio das funcións encomendadas
pola lei garánteselle plena capacidade de obrar, e asígnanselle, entre outros,
os recursos económicos provenientes das liquidacións e transformacións das
sociedades cooperativas.
Título V
Da administración pública e as
cooperativas
Regúlase a inspección das cooperativas, tipifícanse as
infraccións e establécense as sancións.
A potestade da función inspectora
en relación co cumprimento desta lei correspóndelle á consellería competente en
materia de traballo, sen prexuízo das funcións inspectoras que poidan
corresponderlles a outras consellerías.
Conclúese o texto articulado
facendo mención dunha serie de medidas de fomento que contribúen ao
desenvolvemento do sector cooperativo de Galicia.
Esta lei
complementarase coas correspondentes normas de desenvolvemento regulamentario,
dictadas en función da facultade que confire o texto legal.
Por todo o
exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do
Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora
da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de de
cooperativas de Galicia.
Título I
Das sociedades
cooperativas
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 1.- Concepto.
1.-
A cooperativa é unha sociedade de capital variable que, con estructura e xestión
democrática, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, desenvolve unha
empresa de propiedade conxunta, a través do exercicio de actividades
socioeconómicas, para prestar servizos e para satisfacer necesidades e
aspiracións dos seus socios, e en interese pola comunidade, mediante a
participación activa deles, distribuíndo os resultados en función da actividade
cooperativizada.
2.- A xestión e o goberno da sociedade cooperativa
correspóndenlles exclusivamente a esta e ós seus socios.
3.- Calquera
actividade económico-social poderá desenvolverse mediante unha sociedade
constituída ao abeiro desta lei.
4.- A sociedade cooperativa axustarase
na súa estructura e no seu funcionamento ós principios establecidos pola Alianza
Cooperativa Internacional aplicados no marco desta lei.
Artigo 2.- Ámbito
de aplicación.
Esta lei autonómica aplicaráselles a todas as entidades
cooperativas con domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen
a súa actividade cooperativizada dentro do seu ámbito territorial. Todo isto sen
prexuízo de que establezan rela
cións xurídicas con terceiros ou de que
realicen actividades de carácter instrumental, persoais, accesorias ou
complementarias ao seu obxecto social, establecendo sucursais fóra do devandito
territorio.
Artigo 3.- Denominación.
1.- As cooperativas suxeitas a
esta lei incluirán necesaria e exclusivamente na súa denominación as palabras
«sociedade cooperativa galega» ou a súa abreviatura «s. coop.
galega».
2.- Ningunha entidade cooperativa poderá adoptar denominación
idéntica á doutra xa existente nin usar nomes equívocos ou que induzan a
confusión en relación co seu ámbito, obxecto social ou clase, nin con outro tipo
de entidades.
3.- Ningunha outra entidade nin empresario poderá
utiliza-lo termo «cooperativa» ou a súa abreviatura nin outro termo que induza a
confusión.
Artigo 4.- Domicilio social.
A sociedade cooperativa terá o
seu domicilio social dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, no
lugar onde realice principalmente as súas actividades económicas e sociais
cooperativizadas cos seus socios ou centralice a súa xestión administrativa e
dirección empresarial.
Artigo 5.- Capital social mínimo.
1.- O capital
social mínimo para constituírse e funcionar unha sociedade cooperativa non será
inferior a cincocentas mil pesetas, expresándose nesta moeda, e deberá estar
totalmente desembolsado desde a súa constitución.
2.- Os estatutos
poderán fixar un capital social mínimo superior ao sinalado no apartado
anterior, que tamén estará desembolsado na súa totalidade desde a elevación a
público do acordo social.
A variación da cifra deste capital require unha
modificación estatutaria e o seu acordo deberá publicarse no Diario Oficial de
Galicia. O dito acordo deberá depositarse no Rexistro de Cooperativas de
Galicia, que tramitará a súa publicación gratuíta nel.
Artigo 6.-
Responsabilidade.
1.- Os socios responderán das débedas sociais só ata o
límite das súas achegas subscritas ao capital social, estean ou non
desembolsadas na súa totalidade.
2.- O socio que cause baixa na
cooperativa responderá persoalmente durante cinco anos desde a perda da súa
condición polas débedas sociais, logo de excusión do haber social, derivadas das
obrigas contraídas pola cooperativa con anterioridade á súa baixa e ata o
importe reembolsado das súas achegas ao capital social.
Artigo 7.- Número
mínimo de socios.
1.- As sociedades cooperativas de primeiro grao deberán
estar integradas, polo menos, por catro socios, agás que para a clase de
cooperativas de que se trate se estableza outro criterio nesta lei.
Para
estes efectos non se computarán os socios a proba, excedentes e
colaboradores.
2.- As cooperativas de segundo grao estarán formadas como
mínimo por dúas sociedades cooperativas.
Artigo 8.- Operacións con
terceiros.
1.- As sociedades cooperativas poderán realizar actividades e
servizos cooperativizados con terceiros non socios, nos termos previstos nesta
lei, sen prexuízo das condicións impostas en cada momento pola normativa fiscal
aplicable.
2.- Non obstante, toda sociedade cooperativa, cando por
circunstancias excepcionais non imputables a ela operase exclusivamente cos seus
socios ou con terceiros dentro dos límites establecidos por esta lei e lle
supoña unha diminución de actividade que poña en perigo a súa viabilidade
económica, poderá ser autorizada para realizar ou, se é o caso, ampliar
actividades e servizos con terceiros, por prazo non superior a un ano e ata a
contía que fixe a autorización en función das circunstancias que
concorran.
A solicitude resolveraa no prazo de trinta días a autoridade
administrativa da que dependa o rexistro de cooperativas no que figure inscrita
a sociedade, e entenderase estimada se non recaese resolución expresa no dito
prazo.
3.- Os beneficios obtidos de tales operacións imputaranse como
mínimo nun 50% ao Fondo de Reserva Obrigatorio, e o resto destinarase conforme
previsión estatutaria ou, no seu defecto, segundo acorde a asemblea
xeral.
4.- As cooperativas deberán contabilizar estas operacións de forma
separada e independente, sen prexuízo da contabilidade xeral da
cooperativa.
5.- As cooperativas de crédito e as de seguros deberán
cumprir nas súas operacións con terceiros os requisitos e as limitacións da
regulación aplicable á súa respectiva actividade.
Artigo 9.-
Seccións.
1.- Os estatutos poderán prever e regula-la constitución e o
funcionamento de seccións no seo da cooperativa, con autonomía de xestión e
patrimonio adscrito á sección, co fin de desenvolver actividades económicas
específicas, derivadas ou complementarias do seu obxecto social.
2.-
Estatutariamente poderase establece-la existencia de xuntas de sección,
integradas polos socios
adscritos a ela, nas que poderán delegarse
competencias que non sexan exclusivas dos órganos sociais.
3.- Nos
resultados negativos das operacións que realice a sección quedará afectado no
primeiro lugar o patrimonio desta, sen prexuízo da responsabilidade patrimonial
universal da cooperativa.
Agás disposición estatutaria en contra, a
distribución de excedentes será diferenzada.
4.- A asemblea xeral da
cooperativa poderá acorda-la suspensión con efectos inmediatos dos acordos
adoptados pola xunta de socios dunha sección, debendo facer consta-los motivos
polos que os considera impugnables ou contrarios ao interese xeral da
cooperativa, todo iso sen prexuízo de que tales acordos poidan ser impugnados
pola canle establecida no artigo 40 desta lei.
5.- As seccións levarán
necesariamente a súa contabilidade de forma independente, sen prexuízo da xeral
da cooperativa, así como un libro de rexistro de socios adscritos a elas e un
libro de actas, se é o caso.
6.- As cooperativas con sección virán
obrigadas a realizar en cada exercicio económico auditoría externa das súas
contas.
Artigo 10.- Seccións de crédito.
1.- As cooperativas de
calquera clase, agás as de crédito, poderán ter seccións de crédito. As seccións
de crédito, sen personalidade xurídica propia, poderán desenvolver actividades e
prestar servizos financeiros de activo e de pasivo exclusivamente con socios da
cooperativa ou con esta, en calidade de intermediarios financeiros, sen prexuízo
de poder rendibiliza-los seus depósitos ou os seus excedentes de tesourería en
cooperativas de crédito, bancos ou caixas, sempre e cando o depósito realizado
reúna os requisitos de seguridade e liquidez.
A sección de crédito deberá
levar unha contabilidade separada e independente sen prexuízo da xeral da
cooperativa.
2.- As ditas cooperativas virán obrigadas a designar un
xerente propio para a sección, encargado do xiro e tráfico dela, sen altera-lo
réxime das facultades propias dos administradores. Están obrigadas a audita-las
súas contas en cada exercicio económico, depositando a auditoría para o seu
coñecemento no departamento competente en materia de traballo da Xunta de
Galicia, con independencia do cumprimento do disposto no artigo 73 desta
lei.
3.- A creación da sección de crédito aprobaraa a asemblea xeral,
establecéndose nos estatutos. O devandito acordo, elevado a escritura pública,
así como o regulamento de réxime interno da sección, tamén aprobado pola
asemblea xeral, deberán presentarse no Rexistro Central de Cooperativas
de
Galicia para o seu depósito e posterior inscrición do acordo no
rexistro de cooperativas competente, momento no que adquirirá eficacia
xurídica.
4.- As cooperativas con sección de crédito deberán contar cun
letrado asesor, encargado de dictaminar se os acordos adoptados pola cooperativa
son conformes a dereito.
5.- A Xunta de Galicia, por proposta da
consellería competente en materia de traballo e logo de audiencia do Consello
Galego de Cooperativas, fixará a proporción máxima permitida entre os depósitos
dos socios na sección e os recursos propios das cooperativas con sección de
crédito.
Capítulo II
Da constitución da cooperativa
Artigo 11.-
Constitución.
1.- A sociedade cooperativa constituirase mediante escritura
pública que se inscribirá no correspondente rexistro de cooperativas, adquirindo
neste momento personalidade xurídica.
2.- Para levar a cabo a súa
constitución, os promotores poden optar por solicita-la previa cualificación do
proxecto de estatutos ante o rexistro de cooperativas competente ou ben outorgar
directamente a escritura pública de constitución e insta-la súa inscrición no
devandito rexistro.
Artigo 12.- Da asemblea constituínte.
1.- Con
carácter previo á elevación a pública da escritura de constitución da sociedade
cooperativa deberá ter lugar a asemblea constituínte, que estará integrada polos
promotores da sociedade e que designará de entre eles quen deba exercer de
presidente e secretario dela.
Non obstante, se a escritura pública de
constitución fose outorgada pola totalidade dos promotores da sociedade e non se
fixese uso da facultade de obte-la previa cualificación do proxecto de estatutos
polo rexistro de cooperativas, non será necesaria a realización da asemblea
constituínte.
2.- A asemblea constituínte deliberará e adoptará, como
mínimo, os acordos sobre todos aqueles extremos que resulten necesarios para o
outorgamento da correspondente escritura de constitución, aprobando, en todo
caso, os estatutos da cooperativa e designando de entre os promotores as persoas
que teñan que outorga-la escritura pública de constitución; o seu número non
poderá ser inferior a catro, agás no caso de cooperativas de traballo asociado,
no que ese número poderá ser de tres, e entre eles deberán estar, polo menos, o
designado como secretario da asemblea constituínte, os designados
para
desempeñaren os cargos do primeiro órgano de administración e o
interventor ou interventores.
Se se realizasen achegas non en diñeiro, a
valoración dada a elas deberá ser aprobada pola asemblea constituínte, logo de
informe de experto independente.
3.- A acta da asemblea constituínte
deberá recolle-las deliberacións e os acordos adoptados, a relación de
promotores cos datos establecidos para o outorgamento da escritura de
constitución da sociedade e os resultados das votacións, así como o lugar, a
data e a hora da reunión.
A acta será certificada por quen exerceu as
funcións de secretario da asemblea constituínte, co visto e prace do presidente
dela.
Artigo 13.- A sociedade cooperativa en constitución.
1.- O
presidente, o secretario ou o promotor facultado expresamente pola asemblea
constituínte deberá realizar tódolos actos e as actividades necesarias para a
constitución da cooperativa e a súa posterior inscrición, ademais de todas
aquelas que expresamente lle sexan encomendadas pola asemblea constituínte,
actuando ata o dito momento en nome e representación da futura sociedade,
resultando por conta dela tódolos gastos devengados polas ditas actuacións,
sempre e cando estes resultasen necesarios.
2.- Dos actos e contratos
subscritos polos promotores facultados en nome da cooperativa, e do seu
cumprimento antes da súa inscrición, responderán solidariamente aqueles que os
subscribisen, agás:
a) Que fosen autorizados expresamente pola asemblea
constituínte.
b) Que a dita asemblea acordase que a súa eficacia quede
condicionada á inscrición da cooperativa, ratificándose automaticamente por
consecuencia dela.
c) Que os acepte expresamente a cooperativa dentro do
prazo non superior a un mes desde a súa inscrición.
Nestes supostos
cesará a responsabilidade solidaria dos promotores facultados, respondendo os
socios dos actos e contratos subscritos con anterioridade á inscrición, así como
de tódolos gastos necesarios para a práctica dela, coa achega social efectuada
por cada un deles ou que estivesen obrigados a desembolsar sempre que o
patrimonio social sexa suficiente para facer fronte ás obrigas contraídas.
Noutro caso, os socios virán obrigados persoalmente a cubri-la
diferenza.
3.- Ata o momento no que se produza a inscrición rexistral da
cooperativa, a sociedade deberá engadir á súa denominación os termos «en
constitución».
Artigo 14.- Contido mínimo dos estatutos.
1.- Os
estatutos das sociedades cooperativas suxeitas a esta lei deberán regular como
contido mínimo os seguintes extremos:
1) A denominación da
sociedade.
2) O domicilio social.
3) O obxecto social.
4) O capital
social mínimo.
5) O ámbito territorial onde desenvolverá as actividades
cooperativizadas cos seus socios.
6) A duración da sociedade.
7) As
condicións e os requisitos para adquiri-la condición de socio e o réxime de
baixa.
8) A cuantificación e o establecemento do réxime da participación
mínima do socio na actividade cooperativa que desenvolve o seu obxecto e fin
social, podendo establecer e regula-lo principio de exclusividade.
9) As
obrigas e os dereitos dos socios.
10) As normas de disciplina social, a
tipificación das infraccións e sancións, o procedemento sancionador e os
recursos.
11) A forma de publicidade e o prazo para convoca-la asemblea
xeral, ordinaria e extraordinaria, en primeira e segunda
convocatoria.
12) A achega obrigatoria mínima ao capital social para
adquiri-la condición de socio da cooperativa.
13) A composición do órgano
de administración, do de intervención e, se é o caso, do comité de recursos da
cooperativa, así como a duración do mandato dos seus membros.
14) O
réxime de transmisión das achegas dos socios, así como o seu dereito de
reembolso sobre elas.
15) O réxime das seccións que se creen, se é o
caso, na cooperativa.
16) As causas de disolución da cooperativa.
17)
Calquera outra materia esixida por esta lei.
2.- Os estatutos poderán ser
desenvolvidos a través do regulamento de réxime interno, que deberá ser aprobado
pola asemblea xeral.
Artigo 15.- Cualificación previa do proxecto de
estatutos.
1.- Os promotores facultados pola asemblea constituínte poderán,
con carácter previo á elevación a pública da escritura de constitución,
solicitar do rexistro de cooperativas competente a cualificación previa do
proxecto de estatutos, agás acordo en contrario da propia asemblea.
2.- Á
solicitude da devandita cualificación previa deberá xuntarse a acta da asemblea
constituínte e o proxecto de estatutos, así como a certificación de que non
existe inscrita outra sociedade con idéntica denominación expedida pola Sección
Central do Rexistro de Cooperativas dependente da Administración xeral do
Estado.
Artigo 16.- Escritura de constitución.
1.- A escritura pública
de constitución será outorgada polas persoas designadas para tal efecto pola
asemblea constituínte con suxeición ós acordos adoptados por ela, agás que o
sexa pola totalidade dos promotores, e será inscrita no rexistro de cooperativas
competente.
2.- A escritura de constitución da sociedade cooperativa
recollerá, se é o caso, a acta da asemblea constituínte e deberá conter como
mínimo:
a) A relación dos promotores, cos seus datos de identificación
persoal ou a razón ou denominación social, se é o caso, e a actividade
comprometida.
b) A manifestación dos outorgantes de que tódolos
promotores reúnen os requisitos legais e estatutarios necesarios para ser socio
da cooperativa que se constitúe.
c) A manifestación da vontade de fundar
unha cooperativa da clase de que se trate.
d) Os estatutos.
e) A
manifestación dos outorgantes de que tódolos promotores desembolsaron, como
mínimo, o 25% da achega obrigatoria mínima para ser socio, establecida nos
estatutos, e a acreditación de que se desembolsou totalmente o capital social
mínimo fixado estatutariamente.
f) A identificación das persoas
designadas para desempeñaren os distintos cargos dos órganos sociais, coa súa
aceptación e coa declaración expresa de non estaren incursas en causa de
incapacidade ou incompatibilidade das establecidas no artigo 48 desta
lei.
g) O valor asignado, se as houbese, das achegas non en diñeiro, con
expresión delas e identificación do promotor que as realice ou se obrigase a
realizalas.
h) A declaración de que non existe outra sociedade
cooperativa con idéntica denominación, xuntando para a súa incorporación ao
instrumento público certificación da Sección Central do Rexistro de Cooperativas
dependente da Administración xeral do Estado.
i) Calquera outro pacto ou
acordo que se adoptase na asemblea constituínte, sempre e cando non sexa
contrario ao dereito e ós principios que configuran a especial natureza da
sociedade cooperativa.
3.- Os promotores facultados pola asemblea
constituínte poderán, agás acordo expreso en contrario
dela, emendar
calquera defecto que puidese existir no contido da escritura pública de
constitución, ata a obtención da súa definitiva inscrición, salvo que o defecto
revista, polas súas características ou por prescrición legal ou regulamentaria,
o carácter de inemendable.
4.- Se a escritura de constitución é outorgada
pola totalidade dos promotores, estes poderán, no acto de outorgamento,
modificar calquera acordo dos que se adoptasen na asemblea constituínte, se esta
tivese lugar.
Artigo 17.- Inscrición da sociedade cooperativa.
1.-
Unha vez outorgada a escritura de constitución da sociedade cooperativa, os
promotores facultados deberán solicitar no prazo de dous meses desde o seu
outorgamento a inscrición da sociedade no rexistro de cooperativas
competente.
Para a inscrición das cooperativas de crédito e seguros
deberá achegarse a previa autorización do organismo competente.
2.-
Transcorridos doce meses desde o outorgamento da escritura de constitución sen
que se procedese á súa inscrición ou verificada a vontade de non inscribi-la
sociedade, calquera socio poderá insta-la disolución da cooperativa en
constitución e esixir, logo de liquidación do patrimonio social, a restitución
das súas achegas. No caso de que a sociedade cooperativa iniciase ou continúe as
súas actividades seranlle aplicables as normas reguladoras das sociedades
colectivas ou, se é o caso, as das sociedades civís.
Capítulo III
Dos
socios
Artigo 18.- Persoas que poden ser socios.
1.- Nas cooperativas de
primeiro grao poden ser socios tanto as persoas físicas coma as xurídicas,
públicas ou privadas, e as comunidades de bens, coas particularidades que
puidesen establecerse para cada clase de cooperativa de que se trate no título
III desta lei.
Nas cooperativas de segundo grao só poden ser socios as
sociedades cooperativas e os socios de traballo daquelas, así como outras
sociedades de carácter non cooperativo cando exista a necesaria converxencia de
intereses e necesidades, sempre e cando os estatutos non o prohíban.
2.-
Calquera administración ou ente público con personalidade xurídica poderá ser
socio dunha cooperativa para a prestación de servizos públicos e o exercicio da
iniciativa económica pública, sempre que non supoña exercicio de autoridade
pública.
3.- Ninguén poderá ser socio dunha cooperativa a título de
empresario, contratista, capitalista ou outro análogo respecto dela ou dos
socios como tales.
Artigo 19.- Admisión en calidade de socio.
1.- Para
ingresar en calidade de socio nunha cooperativa, o solicitante deberá cumpri-los
requisitos legais e estatutarios para adquiri-la dita condición, sen que estes
últimos poidan quedar vinculados a motivos ilícitos ou
inconstitucionais.
En todo caso para adquiri-la dita condición será
necesario subscribi-la achega obrigatoria mínima, desembolsándoa na contía
fixada estatutariamente, e, se é o caso, a cota de ingreso.
2.- A
solicitude de admisión realizarase por escrito dirixido ao órgano de
administración da sociedade cooperativa, que deberá resolver motivadamente nun
prazo non superior a dous meses, contados a partir do seguinte á recepción do
escrito de solicitude, comunicándolle a resolución ao solicitante e publicando o
dito acordo no taboleiro de anuncios da cooperativa ou noutro medio establecido
estatutariamente. Transcorrido o devandito prazo sen resolución expresa, a
solicitude entenderase denegada.
Contra a denegación de admisión, o
solicitante poderá recorrer no prazo dun mes, contado desde a súa notificación
ou da terminación do prazo que o órgano de administración ten para resolver,
ante o comité de recursos ou, no seu defecto, ante a asemblea xeral. O comité de
recursos resolverá nun prazo máximo dun mes, contado desde a presentación da
impugnación, ou, se o recurso se interpón ante a asemblea xeral, na primeira que
se realice, por votación secreta. En ámbolos dous supostos, logo de audiencia do
interesado.
3.- O acordo de admisión tamén poderá ser impugnado polo
número de socios que estatutariamente se determine, no prazo de dez días,
contados desde a súa publicación, ante o comité de recursos, que resolverá no
prazo máximo dun mes, ou, no seu defecto, no mesmo prazo ante a asemblea xeral,
que resolverá o recurso na primeira que se realice, por votación secreta,
quedando a admisión en suspenso ata que transcorrese o prazo para recorrer ou
ata que resolva o comité de recursos ou a asemblea xeral. En ámbolos dous casos,
logo de audiencia do interesado.
Artigo 20.- Baixa do socio.
1.- O
socio poderá darse de baixa voluntariamente na cooperativa en calquera momento,
mediante preaviso por escrito ao órgano de administración. O prazo de preaviso
que fixarán os estatutos non poderá ser superior a un ano.
Para os
efectos previstos no artigo 64 desta lei para o reembolso de achegas,
entenderase producida a baixa ao termo do prazo de preaviso.
O
incumprimento do prazo de preaviso dará lugar á correspondente indemnización de
danos e perdas.
2.- Os estatutos poderán esixi-lo compromiso do socio de
non darse de baixa voluntariamente, sen xusta causa que a cualifique de
xustificada, ata o final do exercicio económico no que queira causar baixa ou
ata que transcorrese, desde a súa admisión, o tempo que fixen os estatutos, que
non poderá ser superior a dez anos.
Se o prevén os estatutos, o
incumprimento polo socio do compromiso ao que fai referencia o parágrafo
anterior autoriza a cooperativa a esixirlle ao socio participar, ata o final do
exercicio económico ou do período comprometido, nas actividades e nos servizos
cooperativizados nos termos nos que viña obrigado ou, no seu defecto, a
esixirlle a correspondente indemnización de danos e perdas.
3.- Terán a
consideración de xustificadas as baixas que teñan a súa orixe nas seguintes
causas:
a) A adopción de acordos pola asemblea xeral que impliquen
obrigas ou cargas gravemente onerosas, non previstas estatutariamente, se o
socio salvase expresamente o seu voto ou, estando ausente, manifeste a súa
desconformidade por escrito dirixido ao órgano de administración da cooperativa,
no prazo de dous meses desde a adopción do acordo. En ámbolos casos deberá
formaliza-la súa solicitude de baixa dentro do mes seguinte á data de
realización da asemblea ou da presentación do devandito escrito.
b) En
tódolos demais supostos previstos nesta lei ou nos estatutos.
4.- Cesará
obrigatoriamente o socio que perda os requisitos esixidos para adquiri-la dita
condición.
A baixa obrigatoria será acordada polo órgano de
administración, de oficio, por petición de calquera socio ou do interesado, en
todo caso logo de audiencia del.
A baixa obrigatoria terá a consideración
de non xustificada cando a perda dos requisitos para adquiri-la condición de
socio responda a un deliberado propósito do socio de eludir obrigas ante a
cooperativa ou beneficiarse indebidamente coa súa baixa obrigatoria.
5.-
Os acordos do órgano de administración sobre a cualificación e os efectos da
baixa do socio poderán ser impugnados ante a xurisdición ordinaria, e contra
eles poderase recorrer previamente ante o comité de recursos ou, no seu defecto,
ante a asemblea xeral, no prazo máximo de dous meses desde a notificación do
acordo.
Artigo 21.- Socios de traballo.
1.- Nas cooperativas de
primeiro grao que non sexan de traballo asociado, de explotación comunitaria da
terra ou de recursos acuícolas e nas cooperativas de segundo grao poderán
adquiri-la condición de socios de traballo, se os estatutos o prevén,
as
persoas físicas que terán como actividade a prestación do seu traballo persoal
na cooperativa.
2.- Resultaranlles aplicables ós socios de traballo as
normas establecidas nesta lei para os socios traballadores das cooperativas de
traballo asociado, coas particularidades establecidas neste artigo.
3.-
Os estatutos que prevexan a admisión de socios de traballo fixarán os criterios
para unha equitativa e ponderada participación deles na cooperativa.
4.-
En calquera caso, as perdas determinadas pola actividade cooperativizada das que
deban responde-los socios de traballo imputaranse ao Fondo de Reserva
Obrigatorio e, no seu defecto, ós socios usuarios, na contía necesaria para lles
garantir a aqueles unha compensación económica mínima equivalente ao 70% da
retribución salarial que viñesen percibindo na mensualidade inmediatamente
anterior a aquela na que se imputen as devanditas perdas e, en todo caso, non
inferior ao salario mínimo interprofesional ou a calquera outro límite superior
que establezan os estatutos.
5.- Se os estatutos prevesen un período de
proba para os socios de traballo, este non procederá se o novo socio levase na
cooperativa, como traballador por conta allea, como mínimo, o tempo que
corresponda ao dito período. Se procedese o período de proba e se resolvese a
relación por decisión unilateral de calquera das partes, entenderase renovada a
relación xurídico-laboral nas condicións existentes ao inicio daquel.
6.-
Os socios de traballo, para os efectos do réxime da Seguridade Social, serán en
todo caso asimilados a traballadores por conta allea.
Artigo 22.-
Dereitos dos socios.
1.- Os socios teñen, ademais dos dereitos que lles
outorguen as normas legais e estatutarias ou os acordos validamente adoptados
polos órganos sociais, os seguintes:
a) A ser elector e elixible para os
cargos dos órganos sociais da cooperativa.
b) A formular propostas e
participar con voz e voto na adopción de acordos nas reunións dos órganos
sociais dos que sexa membro.
c) A participar na actividade da cooperativa
para o cumprimento do seu fin social, sen ningunha discriminación.
d) A
recibi-la información necesaria para o exercicio dos seus dereitos e o
cumprimento das súas obrigas.
e) A percibi-lo retorno cooperativo, se é o
caso.
f) Á actualización e devolución das achegas ao capital social, así como
a percibir xuros por elas, se é o caso.
2.- Os dereitos exerceranse de
conformidade coas normas legais e estatutarias e cos acordos validamente
adoptados polos órganos sociais da cooperativa.
Artigo 23.- Dereito de
información.
1.- Todo socio ten dereito a recibir toda a información
necesaria sobre a marcha da cooperativa nos termos fixados nesta lei, nos
estatutos ou nos acordos da asemblea xeral.
2.- Como contido mínimo do
dereito de información, todo socio ten dereito a:
a) Recibir unha copia dos
estatutos e, se é o caso, do regulamento de réxime interno, así como das
modificacións deles, sendo responsabilidade do órgano de administración
facilita-la dita documentación.
b) Ter libre acceso ao exame do
libro-rexistro de socios, ao libro de actas da asemblea xeral e ao libro de
achegas ao capital social no domicilio social da cooperativa, e, se o solicita,
a que o órgano de administración lle expida certificación dos acordos da
asemblea xeral e das anotacións realizadas no libro rexistro de
socios.
c) Recibir, se o solicita, do órgano de administración copia
certificada dos acordos do dito órgano que o afecten persoalmente e, en todo
caso, a que se lle amose e aclare no domicilio social da cooperativa, nun prazo
non superior a un mes, o estado da súa situación económica coa
cooperativa.
d) Ter á súa disposición durante todo o prazo da
convocatoria, para a súa consulta no domicilio social da cooperativa, as contas
anuais, a proposta de distribución de resultados, o informe, se é o caso, de
auditoría externa e o informe dos interventores cando a asemblea xeral, conforme
a orde do día, teña que deliberar e adoptar acordos sobre as contas do exercicio
económico. Durante o dito prazo, calquera socio poderá solicitar por escrito do
órgano de administración, con polo menos cinco días de antelación á realización
da asemblea xeral, calquera aclaración referida á documentación mencionada neste
apartado, para ser contestada no acto da asemblea xeral.
Cando na orde do
día se inclúa calquera outro asunto de natureza económica, será aplicable o
establecido no parágrafo anterior, se ben referido á documentación básica que
reflicta a cuestión económica que vaia debate-la asemblea e sen que sexa preciso
o informe dos interventores.
e) Solicitar por escrito do órgano de
administración calquera aclaración e informe sobre a marcha da cooperativa, que
lle será proporcionado na primeira asemblea xeral da cooperativa que teña lugar,
pasados quince días desde a presentación do escrito.
f) Recibir do órgano
de administración por escrito, nun prazo non superior a un mes, a información
que considere necesaria, cando o 10% dos socios
da cooperativa ou 100
socios lla soliciten tamén por escrito.
3.- O órgano de administración poderá
denegar, nos supostos previstos nas letras d), e) e f) do número anterior, a
información solicitada cando ao proporcionala poña en grave perigo os lexítimos
intereses da cooperativa, agás que a información solicitada deba proporcionarse
no acto da asemblea xeral, e esta apoiase a dita solicitude por máis da metade
dos votos presentes e representados, e, nos demais supostos, cando así o acorde
o comité de recursos ou, no seu defecto, a asemblea xeral como consecuencia do
recurso interposto polos socios solicitantes da información.
En todo
caso, a negativa do órgano de administración a facilita-la información
solicitada polos socios poderá ser impugnada por eles de conformidade coa canle
procedemental establecida no artigo 40 desta lei, os que ademais, respecto dos
supostos establecidos nos apartados a), b) e c) deste artigo, poderán acudir ao
procedemento previsto no artigo 2166 da Lei de axuizamento civil.
Artigo
24.- Obrigas dos socios.
Os socios están obrigados a:
a) Asistir ás
reunións da asemblea xeral e dos demais órganos para os que fosen
convocados.
b) Cumpri-los deberes legais e estatutarios así como os
acordos validamente adoptados polos órganos sociais da cooperativa.
c)
Participar na actividade cooperativizada que desenvolve o obxecto social da
cooperativa, na contía mínima obrigatoria establecida nos estatutos, agás
liberación temporal da dita obriga por parte do órgano de administración por
causa xustificada e logo de solicitude motivada do socio afectado.
d) Non
realizar actividades competitivas coas propias desenvolvidas pola cooperativa,
agás autorización expresa do órgano de administración.
e) Gardar segredo
sobre aqueles asuntos e datos da cooperativa dos que a divulgación poida
prexudica-los intereses dela.
f) Desembolsa-las súas achegas ao capital
social nas condicións previstas.
g) Participar nas actividades de
formación.
h) Acepta-los cargos para os que fosen elixidos, agás xusta
causa.
Artigo 25.- Normas de disciplina social e procedemento
sancionador.
1.- Os estatutos establecerán as normas de disciplina social. Os
socios só poderán ser sancionados polas faltas previamente tipificadas, a través
do procedemento establecido e con audiencia do interesado. As faltas graves e
moi graves deberán estar tipificadas nos estatutos e as leves poderán selo tamén
no regulamento de réxime interno ou por acordo da asemblea xeral. As sancións
que poderán impo
ñérselles ós socios por cada tipo de faltas deberán
estar establecidas nos estatutos e poderán ser económicas, de suspensión de
dereitos sociais ou de expulsión.
2.- As infraccións cometidas polos
socios prescribirán, se son leves, ao mes; se son graves, ós dous meses, e, se
son moi graves, ós tres meses, desde que o órgano de administración tivo
coñecemento delas. En todo caso as faltas prescribirán ós doce meses desde a
data na que se cometeron. A prescrición das faltas interromperase pola incoación
do procedemento sancionador, pero só no caso de que nel recaese resolución e
fose notificada no prazo de tres meses desde a súa iniciación.
3.- Os
estatutos establecerán os procedementos sancionadores e os recursos que
procedan, respectando as seguintes normas:
a) A facultade sancionadora é
competencia indelegable do órgano de administración.
b) En tódolos
supostos deberá instruírse expediente para o efecto e será preceptiva a
audiencia do interesado, que poderá formaliza-las súas alegacións por
escrito.
c) Nos supostos de sanción, e sen prexuízo do carácter executivo
do acordo do órgano de administración, o socio poderá recorrer no prazo de
trinta días desde a súa notificación ante o comité de recursos ou, no seu
defecto, ante a asemblea xeral.
O recurso ante a asemblea xeral deberá
incluírse como primeiro punto da orde do día da primeira que se realice, e
resolverase mediante votación secreta, con audiencia previa do interesado,
podendo formalizarse esta mediante as súas alegacións por escrito.
O
recurso ante o comité de recursos deberá ser resolto con audiencia do
interesado, que poderá articularse nos mesmos termos establecidos no parágrafo
anterior, nun prazo máximo de dous meses desde a data de presentación.
Transcorrido o dito prazo sen que se notificase a resolución, o recurso
entenderase estimado.
O acordo de sanción ou, se é o caso, a ratificación
del poderá ser impugnado no prazo de dous meses desde a súa notificación ante a
xurisdición ordinaria pola canle procesual establecida no artigo 40 desta
lei.
4.- A sanción de suspender ao socio nos seus dereitos só poderá ser
prevista polos estatutos para o suposto no que o socio estea ao descuberto das
súas obrigas económicas ou non participe nas actividades cooperativizadas nos
termos establecidos nos estatutos.
A suspensión de dereitos ao socio, que
rematará no momento no que normalice a súa situación, non poderá alcanzar ao
dereito de información nin ao de asistencia á asemblea con voz, nin ao devengo
do
retorno dos xuros polas súas achegas ao capital social nin á
actualización delas.
Artigo 26.- Expulsión.
1.- A expulsión só poderá ser
acordada polo órgano de administración, por falta moi grave tipificada nos
estatutos, mediante expediente instruído para o efecto e con audiencia previa do
interesado, podendo formalizarse mediante alegacións por escrito.
Cando a
causa de expulsión sexa encontrarse o socio ao descuberto das súas obrigas
económicas, non operarán os prazos de prescrición establecidos no artigo
anterior, podendo acordarse a expulsión en calquera momento, agás que o socio
regularice a súa situación durante a tramitación do expediente.
2.- O
procedemento sancionador axustarase ao establecido no artigo anterior, se ben só
poderá recorrerse contra o acordo de expulsión ante a asemblea xeral, agás que a
dita competencia se delegue estatutariamente no comité de recursos, e será
executivo desde que sexa notificada a súa ratificación ou transcorrese o prazo
para recorrer ante o devandito órgano.
O acordo de expulsión poderá ser
impugnado pola canle procesual establecida no artigo 40 desta lei.
Artigo
27.- Socios a proba.
1.- Nas cooperativas de primeiro grao, agás vivendas,
crédito e seguros, se os estatutos o prevén e regulan, poderán existir socios a
proba, por un período, na dita condición, non superior a doce meses, salvo o
previsto no punto 2 do artigo 107 desta lei.
2.- Os socios a proba teñen
os mesmos dereitos e obrigas cós demais socios, agás que:
a) Non poden
realizar achegas ao capital social, nin satisfacer ningunha cota.
b) Poden
resolve-la relación de forma unilateral. A mesma facultade recoñéceselle ao
órgano de administración.
c) Non responden das perdas sociais, nin
perciben retorno cooperativo.
d) Non poden ser electores nin elixibles para
ocupar cargos nos órganos sociais.
3.- Transcorrido o prazo da situación a
proba e sen denuncia previa por ningunha das partes, o socio, logo de desembolso
da achega obrigatoria e, se é o caso, da cota de ingreso, adquirirá a condición
de socio indefinido con tódolos dereitos e obrigas inherentes a ela.
4.-
O total de socios a proba que exista en cada momento non poderá superar máis dun
quinto do total de socios da cooperativa.
Artigo 28.- Socios
excedentes.
1.- Nas cooperativas, agás as de vivendas, poderá
concedérselle-la condición de socio excedente a aqueles socios que por causa
xustificada deixen de selo, mediante solicitude por escrito dirixida ao órgano
de administración, que deberá resolver no prazo
de dous meses.
Transcorrido o dito prazo sen resolución expresa, entenderase admitida a
solicitude.
2.- Os estatutos da cooperativa poderán regula-los dereitos,
as obrigas e o réxime dos socios excedentes, respectando en todo caso as
seguintes normas:
a) O dereito a recibi-lo xuro pactado polas súas
achegas ao capital social, ou o que acorde a asemblea xeral para este tipo de
figura societaria, e ao reembolso daquelas nas mesmas condicións e prazos que
para o resto dos socios.
b) Non terán dereito ao retorno cooperativo, se
ben poderán utiliza-los servizos da cooperativa en canto resulte legalmente
compatible coa súa condición persoal.
c) Non poderán formar parte do
órgano de administración, intervención, comité de recursos, nin ser
liquidadores, pero poderán participar na asemblea xeral, con voz e
voto.
d) Non estarán obrigados a realizar novas achegas ao capital
social.
e) A súa baixa terá sempre a consideración de xustificada.
3.- Se
o socio excedente volvese reuni-las condicións e os requisitos para ser socio
activo, poderá solicitalo do órgano de administración, que autorizará decontado
a recuperación da dita condición, con tódolos dereitos e obrigas inherentes a
ela.
Artigo 29.- Socios colaboradores.
1.- Os estatutos poderán prever
e regula-la existencia de socios colaboradores, persoas físicas ou xurídicas,
públicas ou privadas, que, sen poderen realizar plenamente o obxecto social
cooperativo, poidan colaborar na súa consecución.
Estatutariamente
determinaranse os dereitos e as obrigas, fixándose en todo caso a achega
obrigatoria mínima, o desembolso dela, os requisitos para adquiri-la condición
de socio, o seu réxime de baixa, e o dereito ao retorno cooperativo, e, no non
previsto por estes, por acordo da asemblea xeral. O conxunto destes socios, agás
que sexan sociedades cooperativas, non poderá superar un terzo dos membros do
órgano de administración, sen que en ningún caso poidan desempeña-los cargos de
presidente e vicepresidente del.
Os socios colaboradores que acheguen
exclusivamente capital percibirán o xuro pactado, que non poderá ser inferior ao
percibido polos socios, nin exceder en máis de seis puntos do xuro legal do
diñeiro, sen que en ningún caso teñan dereito a percibi-lo retorno
cooperativo.
En todo caso, o número máximo de socios colaboradores non
excederá dun terzo dos socios da cooperativa.
2.- Tamén poderán ser
socios colaboradores aquelas cooperativas coas que se subscribise un
acordo
de colaboración intercooperativo, nas mesmas condicións
establecidas no número anterior.
3.- Os socios colaboradores non poderán
desenvolver actividades cooperativizadas en competencia coas que desenvolva a
sociedade cooperativa da que sexan colaboradores.
Capítulo IV
Dos
órganos da cooperativa
Sección 1.ª
Da asemblea xeral
Artigo 30.- Da
asemblea xeral: concepto.
A asemblea xeral, como órgano supremo de expresión
da vontade social, é a reunión dos socios, constituída co obxecto de deliberar
sobre a política xeral da cooperativa e adoptar acordos sobre aqueles asuntos
que, en virtude desta lei e dos que veñan fixados nos estatutos, sexan da súa
competencia, vinculando as súas decisións adoptadas validamente a tódolos
membros da cooperativa.
Artigo 31.- Competencia.
1.- Correspóndelle en
exclusiva á asemblea xeral a adopción dos seguintes acordos:
a) A
aprobación do plan empresarial da cooperativa, presentado polo órgano de
administración, que será o responsable da súa xestión e execución.
b) O
nomeamento e a revogación, por votación secreta, dos administradores, dos
interventores e dos liquidadores, así como, se é o caso, dos membros do comité
de recursos, e o exercicio da acción de responsabilidade contra eles.
c)
O nomeamento e a revogación dos auditores de contas.
d) O exame da xestión
social, a aprobación das contas anuais e da distribución de excedentes ou a
imputación de perdas.
e) O establecemento de novas achegas obrigatorias
ou voluntarias, a fixación dos xuros que lles puidesen corresponder e a
actualización delas.
f) A emisión de obrigas, títulos participativos ou
outro tipo de participacións que puidesen establecerse, ou de calquera outro
título admitido en dereito.
g) A aprobación ou modificación do
regulamento de réxime interno da cooperativa.
h) O establecemento ou a
modificación das cotas de ingreso ou periódicas.
i) A constitución de
cooperativas de segundo grao e doutras formas de participación económica, así
como a adhesión e separación delas.
j) A modificación dos
estatutos.
k) A fusión, escisión, transformación, disolución e liquidación da
sociedade.
l) A creación de seccións e a aprobación e modificación, se é o
caso, dos seus regulamentos de réxime interno.
m) A cesión ou o
alleamento da sociedade ou de parte desta, ou calquera outra decisión que supoña
unha modificación substancial da estructura económica, social, organizativa ou
funcional dela.
n) Tódolos demais acordos nos que así o estableza a lei
ou os estatutos.
2.- Así mesmo poderá debate-la asemblea sobre cantos asuntos
sexan de interese para a cooperativa, sempre que consten na orde do día, pero
unicamente poderá tomar acordos obrigatorios en materias que esta lei non
considere competencia exclusiva doutros órganos sociais.
3.- A
competencia da asemblea xeral sobre aqueles asuntos e actos nos que o seu acordo
é preceptivo por imperativo legal ten carácter indelegable.
Artigo 32.-
Clases de asembleas.
1.- As asembleas xerais poden ser ordinarias ou
extraordinarias.
2.- A asemblea xeral ordinaria ten por obxecto principal
examina-la xestión social, aprobar, se procede, o plan empresarial e as contas
anuais e resolver sobre a distribución dos excedentes ou a imputación das
perdas, e poderá incluír na orde do día da súa convocatoria calquera outro
asunto propio da súa competencia. Todas as demais asembleas teñen o carácter de
extraordinarias.
Artigo 33.- Convocatoria.
1.- A asemblea xeral será
convocada polo órgano de administración, que fixará a orde do día da
convocatoria.
Cando os interventores ou un número de socios que
represente o 5% ou acade a cifra de 100 propoñan por escrito, dentro dos catro
días seguintes ao da publicación da convocatoria da asemblea, asuntos para
introducir na orde do día, estes deberán ser incluídos polo órgano de
administración, facéndose pública a nova orde do día cunha antelación mínima de
catro días á realización da asemblea, na forma establecida para a
convocatoria.
2.- A asemblea xeral ordinaria será convocada dentro dos
seis primeiros meses seguintes á data de pechamento do exercicio social. Se
transcorre o dito prazo sen que teña lugar a convocatoria, os interventores
deberán e calquera socio poderá requirir fidedignamente ós administradores para
que procedan a efectuala. Se estes non a convocan no prazo de quince días,
contados desde a recepción do requirimento, os interventores ou calquera socio
poderán solicitarlla ao xuíz de primeira instancia do domicilio social, quen
deberá convocala, designando quen a deba presidir. Neste caso producirase a
destitución inmediata do consello reitor, e procederase á súa nova
elección.
O prazo legal para convoca-la asemblea xeral ordinaria poderá
ser prorrogado pola autoridade da que depende o rexistro no que está inscrita a
cooperativa, por solicitude motivada do órgano de administración
ou dos
interventores. En todo caso a asemblea xeral, aínda convocada fóra de prazo, non
perderá a súa condición de ordinaria.
3.- A asemblea xeral extraordinaria
reunirase en calquera momento por iniciativa propia dos administradores, por
petición dos interventores ou por petición de socios que representen polo menos
o 20% do total de votos sociais ou 100 socios, efectuada por medio dun
requirimento fidedigno ós administradores que inclúa a orde do día cos asuntos e
coas propostas a debate. Se a asemblea xeral non fose convocada no prazo de
trinta días, contados desde a recepción da solicitude, calquera socio poderá
solicitar convocatoria xudicial conforme o previsto no número
anterior.
Artigo 34.- Forma de convocatoria.
1.- A asemblea xeral
convocarase sempre mediante anuncio exposto publicamente no domicilio social da
cooperativa e en cada un dos demais centros nos que desenvolva a súa actividade,
así como en carta ao domicilio do socio, sen prexuízo de que os estatutos poidan
establecer, ademais, outras formas de publicidade para facilita-lo seu
coñecemento por tódolos socios.
A convocatoria farase pública cunha
antelación mínima de quince días no suposto de asemblea ordinaria e dez días no
de asemblea extraordinaria, e cun máximo de dous meses á data da realización da
asemblea xeral.
2.- A convocatoria indicará, polo menos, a data, a hora e
o lugar da reunión, en primeira e segunda convocatoria, entre as cales deberá
transcorrer como mínimo media hora, e expresará con claridade, precisión e
suficiente detalle os asuntos que compoñen a orde do día, así como a
documentación relativa a ela, que poderá examinarse no domicilio social da
cooperativa.
3.- Non será necesaria a convocatoria sempre que estando
presentes ou representados tódolos socios da cooperativa estes decidan por
unanimidade darlle á reunión carácter de asemblea xeral universal e os asuntos
que se van tratar nela, asinando tódolos socios a acta na que se acorde a súa
realización, figurando a relación dos asistentes e a orde do día.
Artigo
35.- Constitución e funcionamento da asemblea.
1.- A asemblea xeral, salvo
que teña o carácter de universal, terá lugar na localidade onde radique o
domicilio social da cooperativa. Os estatutos, nos casos nos que exista causa
que o xustifique, poderán fixar, con carácter xeral, outros lugares de reunión
ou os criterios que seguirán os administradores para a determinación do lugar de
realización dela.
2.- A asemblea xeral quedará validamente constituída en
primeira convocatoria cando estean presentes ou representados a maioría dos
votos, e en segunda convocatoria cando estean presentes ou representados polo
menos socios que teñan o 10%
dos votos ou 100 votos; basta alcanza-lo
dito quórum ao comezo da sesión.
3.- Terán dereito a asistir á asemblea xeral
aqueles socios que o fosen na data de realización daquela.
4.- Presidirá
a asemblea xeral a persoa designada polos estatutos, no seu defecto quen presida
o órgano de administración ou o substitúa nesta función, ou o socio que elixa a
asemblea. Correspóndelle ao presidente dirixi-las deliberacións, mante-la orde
no desenvolvemento da asemblea e velar polo cumprimento das formalidades legais
e estatutarias.
O presidente da asemblea realizará o cómputo dos
asistentes coa fiscalización dos interventores e declarará, se é o caso,
constituída esta.
O secretario da asemblea será quen exerza a dita
función no órgano de administración, agás previsión estatutaria en contra, ou no
seu defecto quen acorde a asemblea xeral.
Cando na orde do día figuren
asuntos que afecten directamente a quen deba exerce-las funcións de presidente
e/ou secretario da asemblea xeral, esta virá obrigada a elixir de entre os
socios presentes as persoas que o substitúan na dita función.
5.- As
votacións serán secretas nos supostos previstos nesta lei ou nos estatutos,
ademais de naqueles nos que así o aproben, logo da súa votación por solicitude
de calquera socio, o 10% dos votos sociais presentes e representados na asemblea
xeral.
6.- Serán nulos os acordos sobre asuntos que non consten na orde
do día, salvo o de convocar unha nova asemblea xeral, prorroga-la sesión,
destituír ou revogar calquera membro ou membros dos órganos sociais, conforme o
previsto no artigo 45.3 desta lei, e acorda-lo exercicio da acción de
responsabilidade contra os membros dos devanditos órganos, así como solicitar
auditoría externa das contas da sociedade.
7.- Os administradores e
interventores deberán asistir á asemblea xeral aínda no suposto de non teren a
condición de socio, neste último caso sen dereito a voto. A asemblea xeral ou o
órgano de administración poderá autoriza-la asistencia, sen dereito a voto, de
calquera outra persoa da que a súa presenza resulte de interese para o bo
funcionamento da cooperativa, sen prexuízo do establecido no artigo 140 desta
lei.
8.- Os administradores poderán requiri-la presenza de notario para
que levante acta da asemblea xeral, que terá carácter de acta única da asemblea,
e estarán obrigados a facelo sempre que, con cinco días de antelación ao
previsto para a realización dela, o soliciten polo menos o 10% dos socios ou 100
votos sociais. Os honorarios serán por conta da cooperativa.
En todo
caso, calquera socio poderá esixi-la presenza de notario na asemblea para dar fe
do alí ocorrido, que non terá outra eficacia ca a derivada
do propio
instrumento público, e os seus honorarios serán satisfeitos por quen requirise a
súa presenza.
Artigo 36.- Dereito de voto.
1.- Nas sociedades
cooperativas cada socio terá dereito a un voto.
2.- Non obstante, se os
estatutos o prevén e regulan, nas cooperativas agrarias, de servizos e do mar,
os socios, sexan persoas físicas ou xurídicas, poderán ter dereito a voto plural
ponderado en proporción ao volume da actividade cooperativizada que desenvolven
coa cooperativa, que en todo caso non poderá ser superior a 5 votos
sociais.
Nestes supostos, os estatutos deberán fixar con claridade os
criterios de proporcionalidade do dereito de voto plural.
3.- O número
total do conxunto de votos plurais non poderá supera-lo 25% dos votos sociais da
cooperativa, incrementándose estes na correspondente porcentaxe.
4.- O
conxunto total de votos dos socios colaboradores, excedentes e a proba non
poderá superar máis dun terzo dos votos sociais da cooperativa.
5.- En
canto ao voto plural nas cooperativas de segundo grao, rexerá o previsto no
artigo 130 desta lei.
6.- En ningún suposto poderá existir voto
dirimente.
7.- Os estatutos deberán establece-los supostos nos que o socio en
conflicto por razón do asunto obxecto do acordo deba absterse de
votar.
8.- Se os estatutos o prevén, os socios poderán facerse
representar por outros socios, autorizándoos por escrito autógrafo ou poder
especial subscrito polo representado para cada asemblea, verificada tal
representación polos interventores da cooperativa.
Ningún socio poderá
ter máis de dúas representacións, ademais da súa.
9.- Se os estatutos o
prevén, os socios poderán facerse representar na asemblea xeral polo seu cónxuxe
ou os ascendentes ou descendentes en primeiro grao, con plena capacidade para
obrar. A autorización axustarase ao previsto no apartado anterior.
10.- A
representación conferida entenderase revogada se o socio representado asiste á
asemblea xeral para a que concedeu a representación.
Artigo 37.- Adopción
de acordos.
1.- Os acordos da asemblea xeral, a excepción dos supostos
previstos nesta lei ou nos estatutos, serán adoptados por máis da metade dos
votos validamente expresados, non sendo computables para estes efectos os votos
en branco nin as abstencións.
2.- Requirirase a maioría de dous terzos
dos votos presentes e representados para a adopción de acordos sobre
modificación de estatutos, fusión, escisión, transformación, disolución e
reactivación da socie
dade. Igualmente, esixirase esta maioría para a
imposición de novas achegas obrigatorias ao capital social e o establecemento e
a modificación das cotas de ingreso e periódicas, agás que estatutariamente se
estableza a súa aprobación por máis da metade dos votos validamente
expresados.
3.- Os acordos adoptados pola asemblea xeral producirán os
efectos que lles son propios desde o momento da súa adopción.
Artigo 38.-
Acta da asemblea xeral.
1.- Correspóndelle ao secretario da asemblea levantar
acta da sesión dela, a que deberá expresar, en todo caso, o lugar e a data da
reunión, a manifestación da existencia de quórum suficiente para a súa válida
constitución e o número de asistentes, se ten lugar en primeira ou segunda
convocatoria, o sinalamento da orde do día da convocatoria e o resumo das
deliberacións e intervencións das que se solicitase a súa constancia na acta,
así como a transcrición dos acordos adoptados cos resultados das
votacións.
2.- A acta da sesión poderá ser aprobada pola propia asemblea
xeral a continuación do acto da súa realización ou, no seu defecto, deberá selo
dentro do prazo dos quince días seguintes, por tres socios designados na mesma
asemblea, ou un só nas cooperativas de menos de dez socios, así como polo
presidente e o secretario da asemblea xeral, e deberá asinarse e incorporarse ao
correspondente libro de actas.
Os acordos certificaraos o secretario co
visto e prace do presidente, e cando sexan inscribibles deberán presentarse para
estes efectos no correspondente rexistro de cooperativas, dentro dos trinta días
seguintes ao da aprobación da acta, baixo a responsabilidade do órgano de
administración.
Artigo 39.- Asemblea xeral de delegados.
1.- Cando
nunha cooperativa concorran circunstancias que dificulten a presenza simultánea
de tódolos socios na asemblea xeral para debate-los asuntos e adopta-los
correspondentes acordos, os estatutos poderán establecer que as competencias da
asemblea xeral se exerzan mediante unha asemblea de segundo grao, integrada
polos delegados designados en xuntas preparatorias.
Os estatutos
establecerán os criterios de adscrición dos socios ás xuntas preparatorias, e os
administradores manterán actualizados os censos dos adscritos a cada
xunta.
2.- A convocatoria da asemblea xeral incluirá a das xuntas
preparatorias e estas deberán ter lugar pasados dez días desde a súa publicación
e antes dos dous días anteriores ao da realización da asemblea xeral.
Se
os administradores preparasen memorias ou calquera outra clase de informes ou
documentos para o seu exame pola asemblea xeral, facilitaráselle
tamén
unha copia a cada xunta preparatoria ao tempo de efectua-la convocatoria.
3.-
A xunta preparatoria, que se constituirá conforme as normas establecidas polos
estatutos ou, no seu defecto, pola asemblea xeral, iniciarase coa elección, de
entre os socios presentes, do presidente e do secretario da
xunta.
Debatidos os asuntos que compoñen a orde do día, os socios
adscritos á xunta, que non poderán reservar para si o dereito de asistir
persoalmente á asemblea xeral, procederán, en votación secreta, á elección dos
delegados. Nesta elección, aínda que sexan socios adscritos á xunta, non
intervirán nin como electores nin como elixibles os membros do consello reitor,
os interventores, os liquidadores nin, se é o caso, os membros do comité de
recursos, por canto terán o dereito e a obriga de asistir á asemblea
xeral.
4.- Poden ser elixidos delegados os socios adscritos á respectiva
xunta preparatoria presentes nela.
Para ser proclamado delegado será
necesario obter polo menos o número de delegacións de voto que establezan os
estatutos. O socio ou os socios que non alcanzasen o dito mínimo de delegacións
no mesmo acto da xunta preparatoria poderán cederse as delegacións de voto que
recibisen, para que un ou varios completen o número de delegacións de voto
necesarias para a súa proclamación como delegados, ou a outros socios que
tivesen xa suficientes delegacións de voto para a súa proclamación como tales, e
se non as cedesen consideraranse perdidos os votos que lles fosen
delegados.
5.- Os delegados, que terán tantos votos como lles fosen
delegados, non terán mandato imperativo, sendo válidos unicamente para a
asemblea xeral concreta de que se trate.
6.- A acta, que a aprobará a
propia xunta preparatoria ao final da realización dela, recollerá o lugar e a
data na que tivo lugar a xunta, o número de socios asistentes, se tivo lugar en
primeira ou segunda convocatoria, o resumo das deliberacións e as intervencións
nas que a súa constancia foi solicitada, o nome dos delegados e o número de
delegacións de voto conferidas a cada un deles. Unha certificación da acta,
asinada polo presidente e o secretario da xunta, acreditará os delegados ante a
asemblea xeral.
7.- No non previsto neste artigo e nos estatutos sobre
convocatoria e funcionamento das xuntas preparatorias, observaranse en canto
sexan aplicables as normas establecidas sobre asembleas xerais. Os estatutos
poderán prever e regula-la existencia e designación de suplentes dos delegados
titulares.
8.- A existencia de asemblea xeral de delegados non limita o
dereito de información do socio, se ben nos supostos en que debería solicitala
ou recibila no acto de realización da asemblea xeral, farao a través do delegado
a quen llo encomende.
Artigo 40.- Impugnación de acordos da asemblea
xeral.
1.- Poderán ser impugnados os acordos da asemblea xeral que sexan
contrarios á lei, se opoñan ós estatutos ou lesionen en beneficio dun ou varios
socios ou de terceiros os intereses da cooperativa.
Non procederá a
impugnación dun acordo social cando fose deixado sen efecto ou substituído
validamente por outro.
2.- Serán nulos os acordos contrarios á lei. Os
demais acordos ós que se refire o número anterior serán anulables.
3.- Os
membros do órgano de administración e os interventores están obrigados a
exerce-las accións de impugnación contra os acordos sociais cando sexan
contrarios á lei ou se opoñan ós estatutos.
4.- Están lexitimados para o
exercicio das accións de impugnación dos acordos anulables os asistentes á
asemblea xeral que fixesen constar na acta a súa oposición ao acordo ou o seu
voto en contra del, os socios ausentes e os que fosen ilexitimamente privados de
emiti-lo seu voto.
Para o exercicio das accións de impugnación dos
acordos nulos están lexitimados tódolos socios e os terceiros que acrediten
interese lexítimo.
5.- A acción de impugnación de acordos nulos caducará
polo transcurso dun ano, desde a data de adopción do acordo ou desde a súa
inscrición no rexistro de cooperativas. A acción de impugnación de acordos
anulables caducará transcorrido un mes, desde a súa adopción ou
inscrición.
6.- O procedemento de impugnación acomodarase ao establecido
nos artigos 115 a 122 do texto refundido da Lei de sociedades anónimas, en canto
non resulte contrario ao prescrito nesta lei, coa particularidade de que para
solicita-la suspensión do acordo adoptado no escrito de demanda os demandantes
deberán se-los interventores ou os socios que representen polo menos o 20% do
total de votos sociais.
7.- A sentenza estimatoria da acción de
impugnación producirá efectos fronte a tódolos socios, pero non afectará os
dereitos adquiridos por terceiros de boa fe a consecuencia do acordo impugnado.
No caso de que o acordo impugnado estivese inscrito, a sentenza determinará a
súa cancelación.
Sección 2.ª
Do órgano de administración
Artigo
41.- Os administradores: natureza e competencias.
1.- O consello reitor é o
órgano de goberno, xestión e representación da sociedade cooperativa, con
suxeición ao establecido nesta lei, nos estatutos e na política xeral fixada
pola asemblea xeral, sen prexuízo do establecido no artigo 31.2 desta lei,
podendo exercer ademais todas aquelas facultades
que non lle estean
reservadas por esta lei ou polos estatutos a outro órgano social.
Non
obstante, naquelas cooperativas nas que o número de socios sexa inferior a dez,
os estatutos poderán establece-la existencia dun administrador único, persoa
física que deberá te-la condición de socio, coas competencias e co réxime
establecido para o consello reitor.
O presidente do consello reitor serao
tamén da sociedade cooperativa, e terá a súa representación legal, sen prexuízo
de incorrer en responsabilidade se a súa actuación non se axustase ós acordos da
asemblea xeral ou do consello reitor.
2.- Se os estatutos o prevén, o
consello reitor poderá nomear, por maioría de dous terzos dos seus membros e de
entre eles, un ou varios conselleiros delegados, persoas físicas, con facultades
xerais referidas exclusivamente ao xiro e tráfico empresarial ordinario da
cooperativa.
En ningún caso poderá ser obxecto de delegación a rendición
de contas e a presentación do balance á asemblea xeral, así como aqueloutras
facultades das que o seu carácter non delegable veña sinalado por esta lei ou
polos estatutos.
O nomeamento e o cesamento, así como as facultades
conferidas, constarán en escritura pública e deberán inscribirse no
correspondente rexistro de cooperativas.
Artigo 42.- Exercicio da
representación.
1.- A representación atribuída ao consello reitor estenderase
en xuízo e fóra del a tódolos asuntos concernentes á
cooperativa.
Calquera limitación ás súas facultades establecida nos
estatutos non poderá facerse valer fronte a terceiros.
2.- O presidente
do consello reitor ou administrador único, que o será tamén da cooperativa, terá
a representación legal dela, sen prexuízo de incorrer en responsabilidade se a
súa actuación non se axusta ós acordos da asemblea xeral ou do propio
consello.
3.- O consello poderá conferirlle apoderamentos de facultades
representativas a calquera persoa por medio de escritura pública, que deberá ser
inscrita no correspondente rexistro de cooperativas.
Artigo 43.-
Composición do consello reitor.
1.- Os estatutos establecerán a composición e
organización do consello reitor. O número de membros non poderá ser inferior a
tres, debendo existir en todo caso un presidente, un vicepresidente e un
secretario, agás nas cooperativas de traballo asociado cando o número de socios
sexa inferior a catro, nas que o consello estará formado por dous membros, non
esixíndose o cargo de vicepresidente.
A existencia doutros cargos de
designación voluntaria e suplentes, así como o número de membros, determinarase
estatutariamente, podendo preverse un número variable entre un mínimo e un
máximo.
2.- As cooperativas con máis de 50 traballadores con contrato por
tempo indefinido deberán reservar un posto de vocal do consello reitor para un
deles, o que será elixido e só poderá ser revogado polo comité de empresa ou, no
seu defecto, polo colectivo de traballadores que representa. O período para o
que é elixido será o mesmo que para o resto dos membros do consello
reitor.
3.- Os estatutos poderán reservar postos de membros vocais do
consello reitor para a súa designación de entre colectivos de socios
configurados en función das zonas xeográficas ás que a sociedade estende a súa
actividade cooperativizada ou en función das actividades que desenvolve se están
claramente diferenzadas; nas de traballo asociado, en función das distintas
categorías profesionais dos seus socios, e nas demais clases de cooperativas, en
función do carácter de socio de traballo.
Artigo 44.- Elección.
1.- Os
administradores e, se é o caso, os suplentes serán elixidos pola asemblea xeral
de entre os socios en votación secreta polo maior número de votos. Non obstante,
se o prevén os estatutos, ata un 25% dos membros do consello reitor poderán ser
elixidos entre persoas físicas non socios, agás o presidente e o vicepresidente,
que deberán ser, en todo caso, socios da cooperativa.
2.- Os cargos de
presidente e vicepresidente serán elixidos directamente pola asemblea xeral,
agás que os estatutos dispoñan expresamente que poderán selo polos membros do
consello reitor de entre os seus compoñentes.
Se o elixido é unha persoa
xurídica, esta deberá nomea-la persoa física que, vinculada por calquera título
a esta, a represente no cargo para o que fose designada para cada
elección.
3.- Os estatutos poderán establece-lo sistema de elección de
acordo coas normas establecidas nesta lei.
4.- O nomeamento dos
conselleiros producirá efecto desde o momento da súa aceptación, que se
formalizará nos quince días seguintes á súa designación, e deberá presentarse
para a súa inscrición no correspondente rexistro de cooperativas dentro dos
trinta días seguintes á aceptación.
Artigo 45.- Duración, cesamento e
vacantes.
1.- Os administradores serán elixidos por un período, que fixarán
os estatutos, de entre dous e seis anos. Agás que os estatutos establezan a
renovación parcial, o consello reitor renovarase na súa totalidade ao vencemento
do prazo para o que foron elixidos.
Os administradores continuarán tendo
os seus cargos ata o momento no que se produza a renovación deles e os elixidos
acepten o cargo.
Os conselleiros poderán ser reelixidos, agás limitación
estatutaria.
2.- A renuncia dos conselleiros poderá ser aceptada polo
consello reitor, así como pola asemblea xeral aínda que o asunto non conste na
orde do día. De resultar aceptada pola asemblea xeral deberá procederse no mesmo
acto ao nomeamento do substituto, agás que os estatutos regulen a existencia de
suplentes e os mecanismos de substitución.
Se a renuncia orixinase a
situación á que se refire o número 6 deste artigo, ademais de convocarse a
asemblea xeral no prazo que nel se establece, os conselleiros deberán continuar
nas súas funcións ata que se reúna esta e os elixidos acepten o
cargo.
3.- A asemblea xeral poderá destituír dos seus cargos os membros
do consello reitor en calquera momento, por acordo adoptado como mínimo pola
metade máis un dos votos totais da cooperativa, agás que o asunto constase na
orde do día da convocatoria, suposto no que bastará o voto favorable da maioría
dos votos presentes e representados.
4.- O cesamento por calquera causa
dos membros do consello reitor só producirá efectos fronte a terceiros desde a
súa inscrición no rexistro de cooperativas.
5.- Agás que os estatutos
establezan a existencia de suplentes dos membros do consello reitor e o sistema
de substitución, as vacantes que se produzan nel cubriranse na primeira asemblea
xeral que se realice.
Vacante o cargo de presidente, será substituído nas
súas funcións polo vicepresidente, ata que teña lugar a asemblea xeral na que se
cubra o dito cargo, salvo o previsto no número 2 do artigo anterior, en que
poderá cubrirse no propio consello.
6.- Se quedasen vacantes
simultaneamente os cargos de presidente e vicepresidente ou quedase un número de
membros do consello reitor insuficiente para constituír validamente este, as
funcións do presidente serán asumidas polo conselleiro designado para o efecto
de entre os que quedasen, e deberá convocarse asemblea xeral no prazo máximo de
quince días desde que se produza a dita situación, para efectos de cubri-los
cargos vacantes.
Artigo 46.- Funcionamento do consello reitor.
1.- O
funcionamento interno do consello reitor deberá estar regulado nos estatutos. No
non previsto nestes, poderá autorregularse o propio órgano, sometendo esta
regulación á primeira asemblea xeral que se realice.
2.- A reunión do
consello reitor deberá ser convocada polo presidente ou por quen o substitúa,
por iniciativa propia ou por petición de calquera conselleiro. Se a solicitude
non fose atendida no prazo de dez días, poderá ser convocada por quen fixese a
petición, sempre que logre para a súa convocatoria a adhesión, polo menos, dun
terzo do consello.
Non será necesaria a convocatoria cando estando
presentes tódolos conselleiros decidan por unanimidade a realización do
consello.
Poderá convocarse á reunión, sen dereito de voto, o letrado
asesor e os técnicos da cooperativa, así como outras persoas das que a súa
presenza sexa de interese para o bo funcionamento da cooperativa.
3.- O
consello quedará validamente constituído cando concorran persoalmente á reunión
máis da metade dos seus compoñentes. Os conselleiros non poderán facerse
representar.
4.- Os acordos adoptaranse por máis da metade dos votos
validamente expresados, agás nos supostos establecidos nesta lei. Para
acorda-los asuntos que deban incluírse na orde do día da asemblea xeral será
suficiente o voto favorable dun terzo dos membros que constitúen o
consello.
Cada conselleiro terá un voto. O voto do presidente dirimirá os
empates.
5.- O secretario do consello levantará acta da reunión, que deberá
ser levada ao libro de actas do consello reitor, na que deberá consta-la lista
de asistentes, o lugar, a data e a hora da reunión, o resumo dos debates e o
texto dos acordos, o resultado das votacións e calquera outra circunstancia da
que pola súa importancia se estime oportuna a súa constancia, así como aquelas
intervencións das que calquera conselleiro solicite a súa constancia na
acta.
A acta será asinada polo presidente e o secretario.
Os acordos
certificaraos o secretario co visto e prace do presidente.
Artigo 47.-
Remuneración.
Os estatutos ou, no seu defecto, a asemblea xeral poderán
asignarlles remuneracións ós membros do consello reitor. En calquera caso serán
compensados dos gastos que lles orixine a súa función, agás da asistencia ás
reunións da asemblea xeral.
Artigo 48.- Incapacidades e
incompatibilidades.
1.- Non poderán ser membros do consello reitor:
a) Os
altos cargos, funcionarios e persoal ao servizo das administracións con funcións
que se relacionen coas actividades propias da cooperativa de que se trate, salvo
que o sexan en representación do ente público ou da administración na que
prestan os seus servizos.
b) Os crebados e concursados non rehabilitados,
os menores e incapacitados, os condenados apenas que levan anexa a
inhabilitación para o exercicio de cargos públicos, os que fosen condenados por
grave incumprimento de leis ou disposicións sociais e aqueles que por razón do
cargo non poidan exercer actividades económicas lucrativas.
c) Os que
desenvolvan ou exerzan por conta propia ou allea actividades que poidan resultar
competitivas coas da propia cooperativa ou que baixo calquera
forma teñan
intereses opostos ós dela, agás autorización expresa da asemblea
xeral.
d) Os interventores, os membros do comité de recursos e o letrado
asesor, así como os parentes deles ata o segundo grao de consanguinidade ou
afinidade, salvo para as cooperativas de segundo grao.
e) Os incursos nos
supostos estatutariamente previstos.
2.- Son incompatibles entre si os cargos
de membro do consello reitor. Son igualmente incompatibles cos seus ascendentes,
descendentes e afíns no primeiro grao e co seu cónxuxe, agás que o permitan os
estatutos.
3.- O conselleiro incurso en calquera das prohibicións deste
artigo será inmediatamente destituído do seu cargo polo consello reitor, sen
prexuízo da responsabilidade na que puidese incorrer pola súa conducta
desleal.
4.- O cargo de membro do consello reitor non poderá desempeñarse
simultaneamente en máis de tres sociedades cooperativas de primeiro
grao.
Artigo 49.- Conflicto de intereses.
1.- Será precisa a previa
autorización da asemblea xeral cando a cooperativa tivese que obrigarse con
calquera membro do consello reitor, interventores e parentes deles, ata o
segundo grao de consanguinidade ou afinidade, ou para que con cargo á
cooperativa, e en favor das persoas sinaladas ou dos apoderados da cooperativa,
se realicen operacións de asunción de débedas, prestación de fianzas, garantías,
avais, préstamos e calquera outra de análoga finalidade.
Esta
autorización non será necesaria cando se trate das relacións coa cooperativa
propias da condición de socio ou de traballador dela se se tratase de membro
vocal do consello reitor en representación dos traballadores.
As persoas
nas que concorra a situación de conflicto de intereses coa cooperativa non
tomarán parte na votación correspondente na asemblea xeral.
2.- Os actos,
os contratos e as operacións ós que se refire o número anterior realizados sen a
mencionada autorización son nulos de pleno dereito, aínda que quedarán a salvo
os dereitos adquiridos polos terceiros de boa fe, e darán lugar ó cesamento do
conselleiro ou apoderado, que responderá persoalmente dos danos e perdas que
deriven para a cooperativa.
Artigo 50.- Responsabilidade dos
administradores.
1.- Os membros do consello reitor actuarán coa dilixencia
debida e con lealdade á representación e responsabilidade que posúen.
Responderán solidariamente fronte á cooperativa, ós socios e a terceiros do dano
causado por actos contrarios á lei ou ós estatutos, ou polos realizados sen a
dilixencia
coa que deben desempeña-lo cargo. Estarán exentos de
responsabilidade os conselleiros que salvasen expresamente o seu voto nos
acordos que causasen dano e os ausentes que fixesen consta-la súa oposición
mediante documento fidedigno dirixido ao dito órgano nos trinta días seguintes
ao da adopción do acordo.
Os conselleiros deberán gardar segredo sobre
aqueles asuntos que teñan carácter confidencial, aínda despois de cesaren nas
súas funcións.
2.- Non exonerará a responsabilidade o feito de que o acto
ou acordo lesivo fose adoptado, autorizado ou ratificado pola asemblea
xeral.
Artigo 51.- Accións de responsabilidade.
1.- A acción de
responsabilidade contra os membros do consello reitor poderá ser exercida pola
cooperativa, mediante acordo da asemblea xeral adoptado por máis da metade dos
votos presentes e representados, aínda que o asunto non conste na orde do
día.
A asemblea xeral poderá, en calquera momento, renunciar ou transixir
ao exercicio da acción por acordo adoptado por maioría dos dous terzos dos votos
presentes e representados.
2.- O acordo da asemblea xeral de promove-la
acción ou transixir sobre ela implica a destitución automática dos
administradores afectados.
3.- Cando a cooperativa non interpoña a acción
de responsabilidade, no prazo de tres meses desde a data de adopción do acordo,
esta poderá exercela calquera socio en nome propio e pola súa conta en beneficio
da cooperativa. Se prosperase a acción, a cooperativa virá obrigada a
reembolsarlle ao socio os gastos necesarios ocasionados ao exercita-la
acción.
4.- Transcorrido o prazo de seis meses desde a comisión dos
feitos que orixinaron o acordo de exercicio da acción de responsabilidade sen
que a asemblea xeral ou os socios a interpuxesen, calquera acredor da sociedade
poderá exercitalo co fin de reconstruí-lo patrimonio social
cooperativo.
5.- A acción prescribirá ós dous anos de producirse os actos
que orixinasen a dita responsabilidade ou desde o seu coñecemento.
6.-
Malia o disposto nos números precedentes, quedan a salvo as accións individuais
que poidan corresponderlles ós socios e a terceiros por actos dos
administradores que lesionen directamente os seus intereses, dentro dos prazos
sinalados no número anterior.
Artigo 52.- Impugnación dos acordos do
consello reitor.
1.- Os acordos do consello reitor que sexan contrarios á lei
ou ós estatutos que vulneren os dereitos do socio ou que lesionen en beneficio
dun ou varios socios ou de terceiros os intereses da cooperativa poderán ser
impugnados.
Son nulos os acordos contrarios á lei, os demais serán
anulables.
Para os efectos da súa impugnación, os acordos dos conselleiros
delegados entenderanse adoptados polo consello reitor.
2.- Están
lexitimados para interpoñe-las accións de impugnación de acordos anulables
aqueles membros do consello reitor que fixesen constar en acta a súa oposición
ao acordo, os ausentes que fixesen consta-la súa oposición mediante documento
fidedigno dirixido ao dito órgano nos trinta días seguintes ao da adopción do
acordo, ademais dos interventores e dos socios que representen, como mínimo, o
10% dos votos sociais.
Para a interposición de accións de impugnación de
acordos nulos está lexitimado calquera socio, incluídos os membros do consello
reitor que votasen a favor do acordo e os que se abstivesen.
3.- As
accións de impugnación de acordos nulos e anulables deberán ser interpostas no
prazo de dous meses, contados desde que se tivese coñecemento do acordo e sempre
que non transcorrese un ano desde a súa adopción.
4.- As accións de
impugnación tramitaranse e producirán os efectos previstos consonte o
establecido nesta lei para a impugnación dos acordos da asemblea
xeral.
Sección 3.ª
Dos interventores da cooperativa
Artigo 53.-
Dos interventores: nomeamento e composición.
1.- A asemblea xeral elixirá,
mediante votación secreta polo maior número de votos, de entre os socios da
cooperativa os interventores titulares e, se é o caso, os suplentes.
Non
obstante, cando exista máis dun interventor, se o prevén os estatutos e por unha
maioría de dous terzos dos votos presentes e representados na asemblea xeral, un
deles poderá ser elixido entre persoas físicas non socias que reúnan os
requisitos de cualificación profesional e experiencia técnica ou empresarial
adecuados en relación coas funcións daquel órgano.
2.- Estatutariamente
determinarase o número de interventores titulares e suplentes, se é o caso, así
como a duración do seu mandato entre un período de dous a seis anos, e poderán
ser reelixidos.
3.- Só os socios que non estean incursos nalgunha das
causas de incapacidades e incompatibilidades establecidas no artigo 48 desta lei
poden ser elixidos interventores.
4.- Seralles aplicable ós
interventores, en canto sexa compatible, a regulación establecida para o
consello reitor nesta lei, se ben a responsabilidade dos interventores non terá
o carácter de solidaria.
Artigo 54.- Funcións dos interventores.
1.-
Son funcións dos interventores, ademais das que poidan fixa-los propios
estatutos e que non sexan competencia doutro órgano social, as
seguintes:
a) A censura das contas anuais antes da súa presentación á
asemblea xeral mediante informe emitido para o efecto, así como sobre a proposta
de distribución de excedentes ou imputación de perdas. No caso de
desconformidade poderá emitirse informe por separado.
Con este fin, e no
prazo mínimo dun mes anterior á data de realización da asemblea xeral, o órgano
de administración poñerá á súa disposición as contas anuais e calquera
documentación que os interventores puidesen solicitar para o mellor cumprimento
da súa función fiscalizadora.
Se a cooperativa auditase externamente as
súas contas, eximirase ós interventores da obrigatoriedade de emiti-lo informe
de censura das contas anuais daqueles exercicios económicos nos que se efectúe a
auditoría.
Será nulo o acordo de aprobación das contas anuais pola
asemblea xeral sen o previo informe dos interventores ou, se é o caso, do
informe de auditoría externa.
O informe dos interventores recollerase no
libro de informes de censura de contas.
b) Convocar asemblea xeral nos
supostos e a través dos procedementos establecidos nesta lei.
c)
Controla-la levanza dos libros da cooperativa.
d) Solicitar do consello
reitor todas aquelas informacións sobre a marcha da cooperativa que consideren
oportunas no exercicio da súa función.
e) Decidir sobre a idoneidade do
escrito ou poder que acredite a representación nas asembleas xerais.
f)
Impugnar ante a asemblea xeral a valoración dos bens ou dereitos como achega ao
capital social acordada polo consello reitor.
g) Calquera outra función
que lles encomende esta lei.
2.- Se se prevé estatutariamente, os
interventores poderán solicitar, a cargo da cooperativa, o asesoramento de
profesionais externos a ela, para o mellor exercicio e cumprimento das funcións
e responsabilidades encomendadas nesta lei e nos estatutos.
3.- Os
interventores deberán gardar segredo sobre os datos confidenciais ós que teñan
acceso no exercicio da súa función interventora, salvo aqueles que faciliten a
través das canles establecidas legal e estatutariamente.
Artigo 55.-
Auditoría externa.
As sociedades cooperativas virán obrigadas a audita-las
contas anuais nos mesmos supostos, forma e procedemento esixidos para calquera
outro tipo de sociedade pola Lei de auditoría de contas e nor
mas de
desenvolvemento ou por calquera outra norma legal aplicable, ou cando o
establezan os estatutos, o acorde a asemblea xeral ou o órgano de
administración, e nos casos e cos requisitos previstos nesta
lei.
Igualmente deberán someterse a auditoría externa cando o soliciten
por escrito o 15% dos socios da cooperativa. Neste suposto, os gastos orixinados
como consecuencia da auditoría serán por conta dos solicitantes, excepto cando
dela resulten vicios ou irregularidades esenciais na contabilidade
comprobada.
Os auditores de contas serán designados pola asemblea xeral.
Non obstante, cando a designación por este órgano non se fixese oportunamente ou
as persoas designadas non poidan cumpri-las súas funcións, o consello reitor
poderá proceder á dita designación, e dará conta dela na primeira asemblea xeral
que se realice.
En ningún caso poderá ser realizada a verificación das
contas por persoas que desenvolvan ou desenvolvesen nos catro anos anteriores
postos de administración ou funcións de asesoramento ou de confianza na
cooperativa. Tampouco poderá ser realizada por quen forme ou formase parte do
persoal dela en idéntico período de tempo nin polas persoas que estean inmersas
nalgunha das prohibicións que esta lei establece para as persoas
interventoras.
As persoas revisoras de contas dispoñerán, cando menos, do
prazo dun mes, desde que as contas anuais lles fosen entregadas polo órgano de
administración, para formula-lo seu informe, que conterá, como mínimo, as
mencións seguintes:
a) Se na relación das contas anuais se respectaron as
normas legais e estatutarias.
b) As observacións sobre os feitos que, se
é o caso, comprobasen e que representen un perigo para a situación financeira da
cooperativa.
c) A certificación de que a contabilidade das contas anuais
é correcta ou, se é o caso, os motivos polos que formulen reservas ou rexeiten
entrega-la certificación.
Sección 4.ª
Do comité de recursos e do
letrado asesor
Artigo 56.- Do comité de recursos: funcións e
composición.
1.- Se se prevé estatutariamente, poderá constituírse un comité
de recursos, que tramitará e resolverá os recursos contra as sancións impostas
ós socios polo consello reitor e os demais recursos en que así o prevexa esta
lei ou os estatutos.
2.- A composición do comité fixarase nos estatutos e
estará integrado polo menos por tres membros, persoas físicas, elixidos de entre
os socios pola asemblea xeral en votación secreta. A duración do seu mandato
determinarase estatutariamente entre un período de dous a seis anos, e poderán
ser reelixidos.
Será aplicable o establecido no artigo 45 desta lei sobre
a prórroga do mandato ata que se produza a súa renovación.
Os membros do
comité de recursos elixirán de entre eles un presidente e un
secretario.
O cargo de membro do comité é incompatible con calquera outro
cargo de elección na cooperativa ou coa relación laboral con ela.
3.- O
comité de recursos deliberará validamente coa asistencia da metade máis un dos
seus compoñentes. Os seus acordos adoptaranse por maioría simple dos membros
asistentes, non sendo posible a delegación de voto. O voto do presidente
dirimirá os empates.
Non poderán tomar parte na tramitación e resolución
dos recursos os membros que teñan respecto do socio ou, se é o caso, do afectado
parentesco de consanguinidade ou de afinidade ata o segundo grao, ou relación de
servizo.
A acta da reunión do comité, asinada polo secretario e o
presidente, recollerá o texto dos acordos.
Os acordos do comité de
recursos serán executivos, e definitivos como expresión da vontade social, e
poden ser obxecto de recurso pola canle procesual prevista no artigo 40 desta
lei.
Artigo 57.- O letrado asesor: funcións.
1.- As cooperativas que
de acordo coas contas do último exercicio veñan obrigadas a realizar auditoría
externa de contas deberán designar por acordo da asemblea xeral ou, no seu
defecto, polo consello reitor un letrado asesor para exercicios sucesivos
mentres permaneza a obriga de auditarse.
2.- O letrado asesor, asista ou
non ás reunións dos órganos sociais, deberá dictaminar en todo caso se son
conformes a dereito os acordos adoptados por aqueles que sexan inscribibles en
calquera rexistro público. As certificacións dos ditos acordos levarán a
constancia de que nos libros de actas figuran dictaminados polo letrado asesor.
Igualmente dictaminará en todos aqueles asuntos relacionados co réxime de altas
e baixas e coa aplicación das normas disciplinarias e o seu
procedemento.
3.- O exercicio na función de letrado asesor será
incompatible con calquera cargo doutros órganos sociais.
4.- O letrado
asesor non poderá ser socio da cooperativa nin manter con ela relacións
comerciais ou contractuais que non sexan as propias de asesoramento xurídico,
séndolle aplicables as incapacidades e incompatibilidades establecidas no artigo
48 desta lei.
5.- A relación contractual entre a cooperativa e o letrado
asesor poderá ser de arrendamento de servizos ou laboral.
6.- As
confederacións, federacións, unións de cooperativas e cooperativas de segundo
grao poderán
prestarlles estes servizos ós seus socios, mantendo co
letrado asesor calquera das modalidades contractuais reflectidas no número
anterior.
7.- O letrado asesor responderá civilmente fronte á
cooperativa, ós seus socios e a terceiros no caso de danos ocasionados por
neglixencia profesional na emisión dos dictames que lle sexan
solicitados.
Capítulo V
Do réxime económico
Artigo 58.- Capital
social.
1.- O capital social da sociedade cooperativa estará constituído
polas achegas de natureza patrimonial realizadas a el polos socios, xa sexan
obrigatorias ou voluntarias.
2.- As achegas acreditaranse mediante
títulos nominativos non negociables ou mediante outro sistema idóneo que
acredite as achegas que se realicen e as actualizacións delas, se é o caso, así
como as deduccións practicadas sobre elas por perdas imputadas ós
socios.
Calquera que sexa o medio utilizado para acredita-las achegas,
deberá reflectirse en todo caso a parte de capital subscrito e non
desembolsado.
3.- As achegas realizaranse en moeda de curso legal. Non
obstante, se o prevén os estatutos ou o acorda a asemblea xeral, poden consistir
tamén en bens e dereitos susceptibles de valoración económica. Neste caso os
administradores fixarán o seu valor, logo de informe dun ou varios expertos
independentes designados por eles baixo a súa responsabilidade, dándoselles
coñecemento diso ós interventores.
4.- As achegas non en diñeiro non
producen cesión ou traspaso nin para os efectos da Lei de arrendamentos urbanos
ou rústicos, senón que a sociedade cooperativa é continuadora na titularidade do
ben ou dereito. O mesmo entenderase respecto de nomes comerciais, marcas,
patentes e calquera outro título ou dereito que constituísen achegas ao capital
social.
5.- O importe total das achegas de cada socio nas cooperativas de
primeiro grao non poderá exceder dun terzo do capital social.
Artigo 59.-
Achegas obrigatorias ao capital social.
1.- Os estatutos fixarán a achega
obrigatoria mínima ao capital social para adquiri-la condición de socio, que
poderá ser diferente para os distintos tipos de socios previstos nesta lei, ou
en función da súa natureza física ou xurídica ou da clase de actividade
realizada, ou para cada socio en proporción ao compromiso ou uso potencial que
cada un deles asuma da actividade cooperativizada.
2.- Esta achega deberá
desembolsarse polo menos nun 25% no momento da súa subscrición, e o resto no
prazo que acorde a asemblea xeral.
3.- A asemblea xeral poderá acorda-la
esixencia de novas achegas obrigatorias, fixando a contía, os
prazos e as
condicións do desembolso. O socio que tivese desembolsadas achegas voluntarias
poderá aplicalas en todo ou en parte a cubri-las novas achegas.
O socio
desconforme coa ampliación obrigatoria de capital social poderá darse de baixa,
que se cualificará como xustificada.
4.- Se pola imputación de perdas da
cooperativa ós socios a achega ao capital social dalgún deles quedase por
debaixo da mínima obrigatoria sinalada estatutariamente, o socio afectado deberá
realiza-la achega necesaria ata alcanza-lo dito mínimo, para o que será
inmediatamente requirido polo consello reitor, o cal fixará o prazo para
efectua-lo desembolso, que non poderá ser inferior a dous meses.
5.- O
socio que non desembolse as achegas nos prazos previstos incorrerá en mora polo
só vencemento do prazo e deberá aboarlle á cooperativa o xuro legal e resarcila
dos danos e perdas causados pola morosidade.
O socio que incorra en mora
poderá ser suspendido dos seus dereitos nos termos establecidos no número 4 do
artigo 25 desta lei ata que normalice a súa situación, e se non realiza o
desembolso no prazo de dous meses desde que fose requirido, poderá ser causa de
expulsión da sociedade.
En todo caso, a cooperativa poderá proceder
xudicialmente contra o socio moroso.
6.- A asemblea xeral ordinaria fixará
anualmente a contía das achegas obrigatorias dos novos socios e as condicións e
os prazos para o seu desembolso, harmonizando as necesidades económicas da
cooperativa e o principio de facilita-la incorporación de novos socios.
O
importe das achegas obrigatorias dos novos socios non poderá ser inferior ao das
achegas obrigatorias mínimas para ser socio, nin superior ao das efectuadas
polos socios actuais, incrementadas na contía que resulte de aplica-lo índice de
prezos ao consumo.
Artigo 60.- Xuro das achegas obrigatorias.
As
achegas obrigatorias ao capital social poderán devengar un xuro na contía que
previamente establezan os estatutos ou, no seu defecto, a asemblea xeral, que
non poderá exceder do legal do diñeiro en máis de 3 puntos.
Artigo 61.-
Achegas voluntarias ao capital social.
1.- A asemblea xeral poderá acorda-la
admisión de achegas voluntarias ao capital social que vaian realiza-los socios,
fixando as condicións delas, sen excede-la retribución que se estableza ao xuro
legal do diñeiro, incrementado en 6 puntos.
2.- As achegas voluntarias
deberán desembolsarse totalmente no momento da subscrición e terán o carácter de
capital social, do que pasan a formar parte.
Artigo 62.- Regularización
de balances e actualización das achegas.
1.- O balance da cooperativa poderá
ser regularizado nos mesmos termos e cos mesmos beneficios previstos para as
sociedades de dereito común.
2.- A plusvalía resultante destinaraa a
cooperativa nun 50% como mínimo ao Fondo de Reserva Obrigatorio; o resto
destinarase conforme o previsto nos estatutos ou, no seu defecto, o acorde a
asemblea xeral á actualización das achegas ao capital ou ao incremento das
reservas, obrigatorias ou voluntarias. Non obstante, cando a cooperativa teña
perdas sen compensar, a dita plusvalía aplicarase en primeiro lugar á
compensación delas, e o resto, ós destinos sinalados
anteriormente.
Artigo 63.- Transmisión das achegas.
As achegas poderán
transmitirse:
a) Por actos inter vivos, logo de notificación ós
administradores, entre socios preferentemente e entre aqueles que reunindo os
requisitos para seren socios se comprometan a selo nos tres meses seguintes, nos
termos fixados nos estatutos.
b) Por sucesión mortis causa, ós habentes
causa se fosen socios e así o soliciten ou, se non o fosen, logo de admisión
como tales, que deberá solicitarse no prazo de tres meses desde o falecemento,
sen resultar obrigado a desembolsar cota de ingreso.
Noutro caso, terán
dereito á liquidación do crédito correspondente á achega social.
Se os
herdeiros fosen varios, a cooperativa poderá esixir que o dereito á condición de
socio sexa exercido por un só, co expreso consentimento dos demais, e se non
houbese acordo entre os herdeiros procederase a aboárlle-la liquidación,
conforme se prevé no apartado anterior, a aqueles que acrediten dereito a
ela.
Artigo 64.- Reembolso das achegas.
1.- Os estatutos regularán o
dereito dos socios ao reembolso das súas achegas ao capital social no caso de
baixa. A liquidación destas achegas farase segundo o balance de pechamento do
exercicio no que se produza a baixa, podendo establecer deduccións tan só sobre
as achegas obrigatorias, que non serán superiores ao 30% no caso de expulsión,
nin ao 20% no caso de baixa non xustificada. No caso de baixa xustificada, non
procederá ningunha deducción.
2.- A decisión sobre a porcentaxe de
deducción aplicable en cada caso será competencia dos administradores en función
das circunstancias que concorran.
3.- Sen prexuízo das deduccións
anteriormente citadas, computaranse, en todo caso, e para efectos do oportuno
desconto da achega que se lle deba devolver ao socio que causa baixa, as perdas
reflectidas no balance de pechamento do exercicio no que se produza a baixa, xa
correspondan ao dito exercicio
ou proveñan doutros anteriores ou estean
sen compensar.
4.- O prazo de reembolso non poderá exceder de cinco anos, a
partir da data da baixa. No caso de falecemento do socio, o reembolso deberá
realizarse nun prazo non superior a un ano desde o feito causante.
As
cantidades pendentes de reembolso non serán susceptibles de actualización, pero
darán dereito a percibi-lo xuro legal do diñeiro, incrementado a partir do
segundo ano en 2 puntos cada ano, acumulativamente.
Artigo 65.-
Financiamentos que non integran capital social.
1.- Estatutariamente ou pola
asemblea xeral poderán establecerse cotas de ingreso e/ou periódicas que non
integrarán o capital social nin serán reintegrables. As ditas cotas poderán ser
diferentes para os distintos tipos de socios previstos nesta lei, ou en función
da natureza física ou xurídica deles, ou para cada socio en proporción ao seu
respectivo compromiso ou uso potencial da actividade cooperativizada.
2.-
As cotas de ingreso non poderán ser superiores ao 50% da achega obrigatoria
mínima ao capital social vixente en cada momento para adquiri-la condición de
socio.
3.- A entrega polos socios de calquera tipo de bens ou a
prestación de servizos para a xestión cooperativa e en xeral os pagamentos para
a obtención dos servizos cooperativizados non integran o capital social e están
suxeitos ás condicións fixadas e contratadas coa cooperativa. Aquelas entregas
non integran o patrimonio da cooperativa e non poden ser obxecto de embargo
polos acredores sociais.
4.- As cooperativas, por acordo da asemblea
xeral, poderán emitir obrigas, axustándose o seu réxime ao disposto na
lexislación aplicable. Así mesmo, a asemblea xeral poderá acordar, cando se
trate de emisións en serie, a admisión de financiamento voluntario dos socios ou
de terceiros baixo calquera modalidade xurídica e co prazo e coas condicións que
se establezan.
5.- A asemblea xeral poderá acordar igualmente a emisión
de títulos participativos, que darán dereito á correspondente remuneración mixta
en forma de xuro fixo, máis un xuro variable que se estableza no momento da
emisión en función dos resultados da cooperativa.
O acordo de emisión,
que concretará o prazo de amortización e as demais condicións aplicables, poderá
establece-lo dereito de asistencia dos subscritores destes títulos á asemblea
xeral, con voz e sen voto.
6.- Tamén poderán contratarse contas en
participación, axustándose o seu réxime ao establecido polo Código de
comercio.
Artigo 66.- Determinación do resultado do exercicio.
1.-
Para a determinación do resultado do exercicio aplicaranse as normas e os
criterios establecidos no Código de comercio e na normativa contable que resulte
aplicable.
2.- Non obstante, consideraranse como gastos deducibles para a
determinación do resultado do exercicio os seguintes:
a) O importe dos
bens entregados para a xestión cooperativa, en valoración non superior ós prezos
reais de liquidación, así como o importe dos anticipos laborais dos socios
traballadores e de traballo en contía global non superior ás retribucións
normais na zona para o sector de actividade correspondente.
b) Os xuros
debidos polas achegas ao capital social e polas prestacións e os financiamentos
non integrados no capital social.
3.- Os beneficios obtidos das
operacións cooperativizadas realizadas con terceiros non socios destinaranse ao
Fondo de Reserva Obrigatorio e figurarán na contabilidade por
separado.
Os beneficios procedentes de plusvalías no alleamento dos
elementos do activo inmobilizado ou os obtidos doutras fontes alleas ós fins
específicos da cooperativa, así como os derivados de investimentos ou
participacións en sociedades de natureza non cooperativa, destinaranse nun 50%
como mínimo ao Fondo de Reserva Obrigatorio e polo menos nun 25% á dotación de
capital social debidamente acreditado a cada socio en función da súa
participación nas actividades cooperativizadas.
Artigo 67.- Distribución
dos excedentes netos. O retorno cooperativo.
1.- Anualmente, dos excedentes
netos do exercicio económico destinarase:
a) Ó Fondo de Reserva Obrigatorio e
ao Fondo de Formación e Promoción unha contía global mínima do 30%, destinándose
un 5% dos excedentes como mínimo ao Fondo de Formación e Promoción e polo menos
un 20% destes excedentes ao Fondo de Reserva Obrigatorio.
b) O resto
estará á disposición da asemblea xeral, que poderá distribuílo na forma
seguinte: ao retorno cooperativo ós socios, á dotación a fondos de reserva
voluntarios con carácter irrepartible ou repartible en todo ou en parte, ao
incremento dos fondos de reserva obrigatorios e á participación dos
traballadores asalariados nos resultados da cooperativa.
2.- O retorno
cooperativo é a parte do excedente dispoñible que a asemblea xeral acorde
repartir entre os socios, que se lles acreditará a eles en proporción ás
operacións, ós servizos ou ás actividades realizadas por cada socio coa
cooperativa, sen que en ningún caso poida acreditarse en función das achegas ao
capital social.
3.- A cooperativa poderá regular nos seus estatutos ou
por acordo da asemblea xeral o dereito dos seus traballadores asalariados a
participaren nos resultados. Esta participación terá carácter salarial e
substituirá o complemento de similar natureza establecido, se é o caso, na
normativa laboral aplicable, salvo que fose inferior ao dito complemento; en tal
caso, aplicarase este último.
Artigo 68.- Fondos sociais
obrigatorios.
1.- O Fondo de Reserva Obrigatorio destinado á consolidación,
ao desenvolvemento e á garantía da cooperativa é irrepartible entre os socios. Ó
Fondo de Reserva Obrigatorio destinaranse necesariamente:
a) A porcentaxe
dos excedentes netos que estableza a asemblea xeral, de acordo co establecido no
artigo 67 desta lei.
b) As deduccións sobre as achegas obrigatorias ao
capital social no caso de baixa ou expulsión de socios.
c) As cotas de
ingreso.
d) Os resultados extracooperativos das operacións sinaladas no
número 3 do artigo 66 desta lei, nun 50% como mínimo.
2.- O Fondo de
Formación e Promoción Cooperativa destinarase, en aplicación das liñas básicas
fixadas polos estatutos ou pola asemblea xeral, a actividades que cumpran
algunha das seguintes finalidades:
a) A formación dos socios e
traballadores nos principios cooperativos.
b) A formación profesional
adecuada á actividade cooperativizada dos socios e traballadores.
c) A
formación na dirección e no control empresarial adecuada ós membros do consello
reitor e interventores.
d) A promoción das relacións intercooperativas e
das demais entidades creadas para a promoción, asistencia, dirección común ou
actividades de apoio entre cooperativas, incluíndo a cobertura de gastos
orixinados pola constitución ou incorporación en cooperativas de segundo
grao.
e) A promoción e difusión das características do cooperativismo no
contorno social no que se desenvolva a cooperativa e na sociedade en
xeral.
f) Logo de autorización do Consello Galego de Cooperativas, tamén
se poderá destinar este fondo á promoción cultural, profesional e social da
comunidade en xeral.
Destinaranse necesariamente ao Fondo de Formación e
Promoción Cooperativa:
a) A porcentaxe dos excedentes netos que establezan os
estatutos ou a asemblea xeral de acordo co establecido no artigo 67 desta
lei.
b) As sancións económicas que lles impoña a cooperativa ós seus
socios.
O Fondo de Formación e Promoción Cooperativa é inembargable e as súas
dotacións deberán figurar no pasivo do balance con separación doutras
partidas.
Para o cumprimento dos fins do fondo poderase colaborar con
outras sociedades ou asociacións cooperativas, con institucións públicas e
privadas e co Consello Galego de Cooperativas, órgano que xestionará
directamente o dito fondo nos seguintes supostos:
a) Cando a cooperativa
lle transfira os importes correspondentes ao dito fondo dentro do exercicio
económico no que se efectúe a dotación.
b) Cando a cooperativa non
aplicase ao seu destino o importe do dito fondo no prazo de cinco anos desde que
efectuou a dotación no seu exercicio correspondente, debendo neste caso
transferirllo ao Consello Galego de Cooperativas.
En todo caso, o importe
do referido fondo que non se aplicase sen que transcorrese o prazo previsto na
letra b) precedente deberá materializarse dentro do exercicio económico seguinte
a aquel no que se efectuase a dotación, en títulos de débeda pública nos que os
rendementos financeiros se aplicarán ao mesmo fin. Os ditos títulos non poderán
ser peñorados nin afectados a préstamos ou contas de crédito.
Artigo 69.-
Imputación de perdas.
1.- Os estatutos poderán fixa-los criterios para a
compensación das perdas, sendo válido imputalas a unha conta especial para a súa
amortización con cargo a futuros resultados positivos, dentro do prazo máximo de
sete anos.
2.- Na compensación de perdas, a cooperativa terá que
suxeitarse á orde seguinte:
a) Ó Fondo de Reserva Obrigatorio.
b) Ós
fondos de reserva voluntarios.
c) A contía non compensada cos fondos
obrigatorios e voluntarios imputaráselles ós socios en proporción ás operacións,
ós servizos ou ás actividades realizadas por cada un deles coa cooperativa, sen
que en ningún caso poidan imputarse en función das achegas ao capital social. As
perdas imputadas a cada socio satisfaranse dalgunha das formas
seguintes:
1) Directamente ou mediante deduccións nas súas achegas ao
capital social, dentro do exercicio seguinte a aquel no que se
produzan.
2) Con cargo ós retornos que poidan corresponderlle ao socio
dentro dos sete anos seguintes como máximo se quedasen perdas sen compensar, que
deberán ser satisfeitas por el nun prazo máximo dun mes.
Artigo 70.-
Dereitos dos acredores persoais dos socios.
Os acredores persoais dos socios
non terán ningún dereito sobre os bens da cooperativa nin sobre as achegas dos
socios ao capital social, sendo inembargables por aqueles, sen menoscabo dos
dereitos que poidan exercer sobre os reembolsos e retornos satisfeitos ao
socio.
Artigo 71.- Exercicio económico.
1.- O exercicio económico
coincidirá co ano natural, agás disposición en contrario dos
estatutos.
2.- O consello reitor estará obrigado a formular no prazo
máximo de tres meses, contados a partir do pechamento do exercicio económico, as
contas anuais, o informe de xestión e a proposta de distribución de excedentes e
destino dos beneficios extracooperativos ou da imputación de perdas para a súa
aprobación pola asemblea xeral.
Capítulo VI
Documentación social e
contabilidade
Artigo 72.- Documentación social.
1.- As cooperativas
levarán en orde e ao día os seguintes libros:
a) Libro-rexistro de
socios.
b) Libro-rexistro de achegas ao capital social.
c) Libro de actas
da asemblea xeral, do órgano de administración, de informes de censura de
contas, dos liquidadores e, se é o caso, do comité de recursos, das xuntas
preparatorias e das de sección.
d) Libro de inventarios e balances e
libro diario, conforme o contido disposto para eles na normativa
mercantil.
e) Calquera outro libro que veña esixido por esta e outras
disposicións legais.
2.- Tódolos libros sociais e contables serán
dilixenciados e legalizados, con carácter previo á súa utilización, polo
rexistro de coperativas competente.
3.- Os libros e demais documentos da
cooperativa estarán baixo a custodia, vixilancia e responsabilidade do consello
reitor.
4.- Malia o anterior, será válida a realización de asentamentos e
anotacións por calquera procedemento idóneo, sobre follas que despois serán
encadernadas correlativamente para forma-los libros obrigatorios, os que serán
presentados ao rexistro para a súa legalización antes de que transcorran os
catro meses seguintes á data do pechamento do exercicio.
Artigo 73.-
Contabilidade.
1.- As cooperativas deberán levar unha contabilidade ordenada
e adecuada á súa actividade consonte o establecido no Código de comercio, o Plan
xeral contable e as singularidades da natureza do réxime económico da sociedade
cooperativa.
2.- As contas anuais da cooperativa comprenderán o balance,
a conta de perdas e ganancias e a memoria.
3.- O consello reitor
presentará para o seu depósito no rexistro de cooperativas competente, dentro do
prazo de dous meses, contados desde a súa aprobación pola asemblea xeral, as
contas anuais, o informe de xestión e o informe dos interventores ou, se é o
caso, o informe de auditoría externa, así como a certificación acreditativa do
número de socios.
Capítulo VII
Da modificación de estatutos
Artigo
74.- Modificación de estatutos.
1.- Os estatutos da cooperativa poderán ser
modificados por acordo da asemblea xeral consonte os seguintes
requisitos:
a) Que os propoñentes da modificación presenten un informe
escrito sobre a conveniencia e xustificación dela.
b) Que se expresen na
convocatoria coa debida claridade os extremos que se deban modificar. No anuncio
da convocatoria farase constar expresamente o dereito de tódolos socios a
examinaren no domicilio social o texto íntegro da modificación proposta e o
informe xustificativo dela, e a pediren a entrega gratuíta dos ditos
documentos.
c) O acordo deberá adoptarse por maioría de dous terzos dos
votos presentes e representados.
2.- O acordo sobre cambio de
denominación, cambio de domicilio, modificación do obxecto social ou do capital
social mínimo anunciarase nun dos diarios de maior circulación da provincia do
domicilio social da cooperativa e no Diario Oficial de Galicia con carácter
previo á súa inscrición.
3.- Cando a modificación consista no cambio de
clase da cooperativa ou na modificación substancial do obxecto social ou das
condicións para adquiri-la condición de socio, así como das súas obrigas, os
socios que votasen en contra ou os que, non asistindo á asemblea, expresen a súa
desconformidade por escrito dirixido ao consello reitor no prazo de dous meses,
contados desde a inscrición do acordo no rexistro de cooperativas, terán dereito
a separarse da cooperativa. Nestes casos, a súa baixa será considerada como
xustificada, debendo formalizarse dentro do mes seguinte á data de realización
da asemblea ou da presentación do referido escrito.
4.- O acordo da
modificación, co texto aprobado, elevarase a escritura pública, que se
inscribirá no rexistro de cooperativas nun prazo de tres meses, podendo instarse
a previa cualificación do acordo e texto modificado.
Cando a modificación
supoña un incremento do capital social mínimo estatutario, deberá acreditarse o
seu total desembolso.
5.- O cambio de domicilio social dentro do mesmo
termo municipal non esixirá acordo da asemblea xeral e poderá acordalo o
consello reitor agás disposición estatutaria en contra. A inscrición rexistral
poderá practicarse en virtude de certificación do
acordo coas sinaturas
do secretario e presidente do consello reitor lexitimadas notarialmente ou
autenticadas polo rexistro de cooperativas. O dito acordo deberá comunicárselles
formalmente ós socios e publicarse conforme o disposto no número 2 deste
artigo.
Capítulo VIII
Da fusión e escisión
Artigo 75.- Modalidades
e efectos da fusión.
1.- As sociedades cooperativas poderán integrarse
mediante a fusión de varias cooperativas para constituír unha nova ou mediante a
absorción dunha ou máis cooperativas por outra xa existente.
As
cooperativas en liquidación poderán participar nunha fusión sempre que non
comezase o reembolso das achegas ao capital social.
2.- As sociedades
cooperativas que se fusionen nunha nova ou que sexan absorbidas por outra xa
existente quedarán disoltas, aínda que non entrarán en liquidación, e os seus
patrimonios e socios pasarán á sociedade nova ou absorbente, que se subrogará
nos dereitos e nas obrigas das sociedades disoltas. Os fondos sociais
obrigatorios das sociedades disoltas pasarán a integrarse nos da sociedade
cooperativa nova ou absorbente.
Artigo 76.- Proxecto de fusión.
1.- Os
consellos reitores das cooperativas que participen na fusión redactarán un
proxecto de fusión, que deberá subscribirse como convenio previo, e conterá como
mínimo as seguintes mencións:
a) A denominación, a clase e o domicilio
das cooperativas que participen na fusión con tódolos seus datos rexistrais
identificativos.
b) O sistema para fixa-la contía que se lle recoñece a
cada socio das cooperativas que se extingan como achega ao capital da
cooperativa nova ou absorbente, computando, cando existan, as reservas
voluntarias de carácter repartible.
c) Os dereitos e as obrigas que se
lles recoñezan ós socios da cooperativa extinguida na cooperativa nova ou
absorbente.
d) A data a partir da que as operacións das cooperativas que
se extingan haberán de considerarse realizadas para tódolos efectos por conta da
cooperativa nova ou absorbente.
e) Os dereitos que, se é o caso, se lles
recoñezan na nova cooperativa ou na absorbente ós posuidores de títulos das
sociedades que se extingan.
2.- O proxecto quedará sen efecto se a fusión
non é aprobada por todas as cooperativas que participen nela nun prazo de seis
meses desde a data do convenio previo.
Artigo 77.- Documentación
complementaria da convocatoria da asemblea.
Ó publica-la convocatoria da
asemblea deberán poñerse á disposición dos socios no domicilio social os
seguintes documentos:
a) O proxecto de fusión.
b) O informe do
consello reitor de cada unha das sociedades cooperativas sobre a conveniencia e
os efectos da proxectada fusión.
c) O balance, a conta de perdas e
ganancias e a memoria explicativa dos tres últimos exercicios das sociedades que
participan na fusión, xunto cos correspondentes informes dos interventores, e a
auditoría de contas, se é o caso.
d) O balance de fusión de cada unha das
sociedades, cando sexa distinto do último balance anual aprobado.
e) O
proxecto de estatutos da nova sociedade ou, se se trata dunha absorción, o texto
íntegro das modificacións que, se é o caso, deban introducirse nos estatutos da
sociedade absorbente.
f) Os estatutos vixentes das sociedades que
participan na fusión.
g) A relación das persoas físicas con nome e apelidos,
ou a denominación ou razón social se fosen persoas xurídicas, e, en ámbolos dous
casos, a nacionalidade e o domicilio dos administradores das sociedades que
participan na fusión e a data desde a que desempeñan os seus cargos. Así mesmo,
deberán tamén relacionarse as persoas que se vaian propoñer para desempeñar
cargos nos órganos sociais da nova sociedade ou na absorbente.
Artigo
78.- Requisitos para o acordo de fusión.
1.- O acordo de fusión deberá ser
adoptado en asemblea xeral por cada unha das sociedades que se fusionen,
cumprindo os seguintes requisitos:
a) A convocatoria da asemblea xeral
deberá incluí-las mencións mínimas do proxecto de fusión e fará consta-lo
dereito de tódolos socios a examinaren no domicilio social os documentos
indicados no artigo anterior, así como a pediren a entrega ou o envío do texto
íntegro deles, gratuitamente.
b) O acordo de fusión deberá aprobar sen
modificacións o proxecto de fusión.
c) O acordo de fusión de cada unha das
cooperativas, unha vez adoptado, publicarase no Diario Oficial de Galicia e nun
dos diarios de maior circulación da provincia na que teñan o seu domicilio
social cada unha das cooperativas.
2.- Desde o momento no que o proxecto
de fusión fose aprobado pola asemblea xeral de cada unha das cooperativas, todas
elas quedan obrigadas a continua-lo procedemento de fusión.
3.- As
sociedades agrarias de transformación e as sociedades laborais poderán
integrarse, mediante fusión, nunha cooperativa, sempre que non exista precepto
legal que expresamente o prohíba, sendo
aplicables as respectivas normas
reguladoras das sociedades que se fusionan.
Artigo 79.- Balance de
fusión.
1.- Poderá considerarse balance de fusión o último balance anual
aprobado, sempre que non sexa anterior en máis de seis meses á data de
realización da asemblea que deba resolver sobre a fusión. No caso contrario,
será preciso elaborar un balance dentro do prazo antes mencionado, que deberá
ser censurado polos interventores ou auditado externamente e someterse á
aprobación da asemblea.
2.- A impugnación do balance de fusión non poderá
suspender por si soa a execución desta.
Artigo 80.- Dereito de separación
do socio.
1.- Os socios de todas as cooperativas participantes na fusión que
votasen en contra dela e os que non asistindo á asemblea expresen a súa
desconformidade mediante escrito dirixido ós administradores no prazo de dous
meses desde a publicación do último dos anuncios do acordo de fusión terán
dereito a separarse da cooperativa.
2.- No caso de exercer este dereito,
a baixa do socio entenderase xustificada, e deberá formalizarse dentro do mes
seguinte á data de realización da asemblea ou da presentación do referido
escrito. A devolución da súa achega, para o caso dos socios das cooperativas que
se extingan como consecuencia da fusión, será obriga da cooperativa nova ou
absorbente.
Artigo 81.- Dereito de oposición dos acredores.
A fusión
non poderá formalizarse antes de que transcorra un mes desde a data de
publicación do último dos anuncios previsto no artigo 78.1.c) desta lei. No
anuncio do acordo de fusión deberá mencionarse o dereito de oposición dos
acredores. Se durante este prazo algún acredor ordinario dalgunha das sociedades
que se extinguen se opuxese por escrito á fusión, esta non poderá levarse a
efecto se os seus créditos non son enteiramente satisfeitos ou se previamente a
sociedade debedora ou a que vaia resultar da fusión non achega garantía
suficiente para eles. Os acredores non poderán opoñerse ao pagamento aínda que
se trate de créditos non vencidos.
Artigo 82.- Escritura de fusión.
A
formalización dos acordos de fusión farase mediante escritura pública única, na
que constará o acordo de fusión aprobado polas respectivas asembleas xerais das
sociedades que se fusionan, e conterá o balance de fusión das sociedades que se
extinguen.
Se a fusión se realizase mediante a creación dunha nova
sociedade, a escritura deberá conter, ademais, as mencións esixidas para a súa
constitución no artigo 16 desta lei en canto resulte aplicable. Se se realizase
por absorción, conterá as modificacións estatutarias que acordase a sociedade
absorbente con motivo da fusión.
A escritura de fusión terá eficacia no
rexistro de cooperativas, para a cancelación das sociedades que se extinguen e a
inscrición da novamente constituída ou modificacións da
absorbente.
Artigo 83.- Escisión.
1.- Poderá escindirse a cooperativa
mediante a súa disolución, sen liquidación, dividíndose o seu patrimonio social
e o colectivo de socios en dúas ou máis partes, que se traspasarán en bloque a
cooperativas de nova creación ou absorbidas por outra ou outras xa
existentes.
Para os efectos de proceder á escisión, esixirase o
desembolso das achegas subscritas e non desembolsadas polos socios da
cooperativa.
2.- A escisión tamén poderá consistir na segregación dunha
ou varias partes do patrimonio e dos socios da cooperativa, sen produci-la súa
disolución, traspasándose en bloque o segregado a outras cooperativas de nova
creación ou xa existentes.
3.- Serán aplicables á escisión de
cooperativas as normas establecidas nesta lei reguladoras da
fusión.
Capítulo IX
Da transformación da cooperativa
Artigo 84.-
Transformación de cooperativas noutras sociedades.
1.- As sociedades
cooperativas poderán transformarse en sociedades civís ou mercantís de calquera
clase, de conformidade coa normativa que lles resulte aplicable, sen que iso
afecte a personalidade xurídica da sociedade transformada.
2.- A
transformación rexerase polos seguintes requisitos:
a) O acordo de
transformación deberá ser adoptado pola asemblea xeral, de conformidade e cos
requisitos establecidos nesta lei para a modificación de estatutos.
b) A
asemblea xeral deberá aproba-lo balance da sociedade previamente auditado
externamente, pechado o día anterior ao do acordo de transformación, así como as
mencións esixidas pola lei aplicable ao tipo de sociedade na que pretenda
transformarse.
c) O acordo deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia
e nun dos diarios de maior circulación da provincia onde radique o domicilio
social da cooperativa.
d) O acordo de transformación, co balance e coas
mencións sinaladas na letra b) anterior, deberá elevarse a escritura pública,
que incorporará informe dos expertos independentes sobre o patrimonio social,
que serán designados de conformidade co previsto na lexislación mercantil ou, no
seu defecto, polo Consello Galego de Cooperativas.
A escritura pública de
transformación tamén deberá recoller, se é o caso, a relación dos socios
que
exercesen o dereito de separación e o capital que representen; en tal
caso incorporarase á mencionada escritura o balance final pechado o día anterior
ao do outorgamento dela.
e) Solicitarase do rexistro de cooperativas
competente, logo de acreditación do destino das cantidades a que se refire o
número 4 deste artigo, certificación na que consten a transcrición literal dos
asentamentos que deban quedar vixentes e a declaración de inexistencia de
obstáculos para a inscrición da transformación, de conformidade co que se
estableza regulamentariamente.
Este rexistro efectuará anotación
preventiva da transformación. Inscrita a transformación no rexistro que
corresponda, este comunicarallo de oficio ao de cooperativas, que procederá á
cancelación dos asentamentos relativos á sociedade.
3.- Os socios terán
dereito a separarse nos mesmos termos e prazos establecidos no artigo 80 desta
lei para o caso de fusión, tendo dereito ao reembolso inmediato das súas
achegas.
4.- O valor nominal do Fondo de Reserva Obrigatorio, do Fondo de
Formación e Promoción e de calquera outro fondo ou dotación que teña o carácter
de irrepartible recibirá o destino establecido para o caso de disolución e
liquidación da cooperativa. Recibirá o mesmo destino o 50% do valor do resto do
patrimonio social da cooperativa segundo o resultado da valoración efectuada
conforme o disposto na letra d) do número 2 deste artigo, excepto o importe
correspondente ás achegas dos socios e dos fondos repartibles.
O resto
poderá transferírselle por acordo da asemblea xeral á nova sociedade, se ben, e
para os efectos sinalados no seguinte parágrafo, quedará afectado durante un
prazo de cinco anos, contados a partir da data de constitución dela, ao fin
previsto para os supostos de disolución e liquidación.
No suposto de que
se produza a disolución, creba ou transformación noutra sociedade antes de
transcorre-lo prazo anteriormente sinalado, o Consello Galego de Cooperativas
posúe respecto desa parte a condición de acredor preferente para o efecto de
recupera-lo dito importe.
Artigo 85.- Transformación de sociedades en
cooperativas.
1.- Calquera sociedade ou agrupación de carácter non
cooperativo poderá transformarse en cooperativa dalgunha das clases reguladas
nesta lei, sempre que non exista precepto legal que o prohíba
expresamente.
2.- A transformación será acordada pola xunta xeral, ou
mediante o sistema válido equivalente para expresa-la vontade social, coa
maioría esixida pola lexislación aplicable; non afectará a personalidade
xurídica da entidade transformada e farase constar en escritura pública, que
expresará necesariamente o cumprimento de tódolos requisitos e as
mencións
esixidos por esta lei para a constitución dunha
cooperativa.
3.- A escritura pública de transformación, á que se incorporará
o informe dos expertos independentes sobre o patrimonio social, presentarase
para a súa inscrición no rexistro de cooperativas competente, acompañada do
balance pechado o día anterior ao do acordo de transformación.
4.- A
transformación en cooperativa non altera o anterior réxime de responsabilidade
dos socios da entidade transformada polas débedas sociais contraídas con
anterioridade á transformación da entidade, a non ser que os acredores
consentisen expresamente a transformación.
Capítulo X
Da disolución e
liquidación
Sección 1.ª
Da disolución
Artigo 86.- Causas de
disolución.
A sociedade cooperativa disolverase:
a) Por acordo da asemblea
xeral, adoptado pola maioría de dous terzos dos votos presentes e
representados.
b) Por cumprimento do termo fixado nos estatutos, agás
acordo expreso en contrario da asemblea xeral, adoptado coa maioría establecida
na letra anterior, que se elevará a escritura pública e se inscribirá no
rexistro de cooperativas.
c) Por finalización e cumprimento da actividade
empresarial, social ou económica que constitúa o seu obxecto social, ou pola
imposibilidade notoria e manifesta do seu cumprimento; ou pola paralización dos
seus órganos sociais durante un ano, ou da actividade cooperativizada durante
dous anos, de tal modo que imposibilite o seu funcionamento.
d) Pola
reducción do capital social mínimo estatutario ou do número de socios necesarios
para constituí-la cooperativa da clase e grao de que se trate, sen que se
restableza no prazo de seis meses.
No caso da reducción do capital social
mínimo estatutario, poderá evitarse a causa de disolución, procedéndose á
reducción do capital social, por acordo da asemblea xeral adoptado pola maioría
de dous terzos dos votos presentes e representados, sempre e cando o resultante
non sexa inferior ao mínimo legal.
e) Por creba da sociedade, cando como
resultado da interposición e resolución do dito proceso concursal proceda a súa
disolución.
f) Pola fusión ou escisión da sociedade cooperativa.
g)
Por calquera outra causa establecida nesta lei ou nos estatutos.
Artigo 87.-
Eficacia das causas de disolución.
1.- O transcurso do prazo de duración da
sociedade operará de pleno dereito, agás o disposto no apartado b) do artigo
anterior; neste último suposto o socio
desconforme poderá causar baixa na
cooperativa, que terá a consideración de xustificada.
2.- Cando concorra
calquera outra causa de disolución, coa excepción das previstas nas letras a) e
f) do artigo anterior, o consello reitor deberá, no prazo dun mes, convocar
asemblea xeral para que adopte o acordo de disolución. Os interventores ou
calquera socio poderán requiri-los administradores para que procedan á
convocatoria.
Nestes supostos o acordo de disolución será adoptado pola
asemblea xeral por máis da metade dos votos validamente expresados.
O
acordo de disolución deberá formalizarse en escritura pública.
Se a asemblea
xeral non puidese acada-lo acordo de disolución, os administradores e os
interventores deberán, e calquera socio poderá, instar, do xulgado de primeira
instancia do domicilio social da cooperativa, a disolución xudicial da
cooperativa. Para estes efectos está lexitimado o Consello Galego de
Cooperativas.
3.- O acordo de disolución ou, se é o caso, a resolución
xudicial, ademais de inscribirse no rexistro de cooperativas, publicarase no
Diario Oficial de Galicia e nun dos diarios de maior circulación da provincia do
domicilio social da cooperativa.
4.- Cumpridas as formalidades legais
sobre disolución da sociedade, abrirase o período de liquidación, agás nos
supostos de fusión, escisión e transformación. Desde a adopción do acordo de
disolución, a sociedade disolta conservará a súa personalidade xurídica mentres
se realiza a liquidación, e deberá engadir á súa denominación os termos «en
liquidación».
Artigo 88.- Reactivación da sociedade.
A cooperativa
disolta poderá ser reactivada cando se elimine a causa que motivou a disolución
e non comezase o reembolso das achegas ós socios.
A reactivación require
acordo da asemblea xeral, adoptado por maioría de dous terzos dos votos
presentes e representados, que deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia
e nun dos diarios de maior circulación na provincia do domicilio social da
cooperativa. O devandito acordo elevarase a escritura pública e inscribirase no
rexistro de cooperativas, momento no que adquirirá eficacia.
No caso de
creba, a reactivación só poderá ser acordada se a cooperativa chega a un
convenio cos seus acredores.
Sección 2.ª
Da liquidación
Artigo 89.-
Proceso de liquidación.
1.- Aberto o proceso de liquidación, designaranse de
entre os socios da cooperativa os liquidadores, en número impar, que serán
elixidos mediante votación secreta pola asemblea xeral.
Poderán ser
retribuídos polas súas funcións, sempre que o acorde a asemblea xeral, e
compensaránselles en todo caso os gastos que se lles orixinen.
2.- O
nomeamento dos liquidadores non producirá efectos ata o momento da súa
aceptación, acreditada consonte o establecido para os administradores, e para a
súa eficacia fronte a terceiros require ademais a súa inscrición no rexistro de
cooperativas.
3.- Transcorridos dous meses desde a disolución sen que se
efectuase o nomeamento de liquidadores e producida a aceptación do cargo, os
administradores e os interventores deberán, e calquera socio poderá, solicitar
do Consello Galego de Cooperativas o nomeamento de liquidadores, que poderá
recaer en persoas non socios da cooperativa. Transcorrido o dito prazo, o propio
consello poderá efectua-lo nomeamento de oficio.
4.- A renuncia dos
liquidadores poderá ser aceptada pola asemblea xeral aínda que o asunto non
constase na orde do día; en tal caso procederase no mesmo acto á designación de
quen deba substituílos.
No suposto de cesamento por calquera outra causa
deberán convocar asemblea para prove-las vacantes no prazo máximo de quince
días.
Os liquidadores continuarán tendo os seus cargos ata o momento que
se produza a súa substitución e os substitutos aceptasen o cargo.
5.-
Durante o período de liquidación observaranse as normas legais e estatutarias
aplicables sobre réxime das asembleas xerais. Estas serán convocadas polos
liquidadores, que as presidirán e lles darán conta da marcha da liquidación para
que acorden o que conveña ao interese común.
Artigo 90.- Transmisión de
funcións.
Disolta a cooperativa, os administradores continuarán nas súas
funcións de representación e xestión, para os únicos efectos de evitar posibles
prexuízos, e cesarán nelas unha vez que se producise o nomeamento e a aceptación
dos liquidadores e se efectuasen as oportunas inscricións rexistrais.
Subscribirán cos administradores un inventario e balance da cooperativa, con
referencia ao día no que se inicie a liquidación e con carácter previo a que os
liquidadores comecen a desempeña-las súas funcións.
Ademais, se os
administradores fosen requiridos, deberán proporciona-la información e colaborar
cos liquidadores para a práctica das operacións de liquidación.
Artigo
91.- Funcións dos liquidadores.
1.- Os liquidadores estarán facultados para
realizar cantas operacións sexan necesarias para a liquidación, para o cal terán
a representación da cooperativa en xuízo e fóra del, obrigando á sociedade
fronte a terceiros nos mesmos termos cós establecidos para o órgano de
administración da cooperativa.
Incúmbelles ademais ós liquidadores:
a)
Levar e custodia-los libros e a correspondencia da cooperativa e velar pola
integridade do seu patrimonio.
b) Realiza-las operacións pendentes e as
novas que sexan necesarias ou convenientes para a liquidación da
cooperativa.
c) Allea-los bens sociais coa modalidade que acorde a
asemblea xeral.
d) Reclamar e percibi-los créditos pendentes, sexan contra
terceiros ou contra os socios, e paga-las débedas sociais.
e) Concertar
transaccións e compromisos cando así conveña ós intereses sociais.
f) Pagar
ós acredores e ós socios e transferi-lo remanente da cooperativa ao Consello
Galego de Cooperativas.
2.- Os acordos dos liquidadores recolleranse no
libro de actas dos liquidadores; cando estes sexan varios, actuarán de forma
colexiada.
3.- No caso de insolvencia da cooperativa, os liquidadores
deberán solicitar, no prazo de dez días a partir daquel no que se aprecie esa
situación, a declaración de suspensión de pagamentos ou a de creba, segundo
proceda.
4.- Os liquidadores rematan as súas funcións unha vez realizada
a liquidación, por revogación acordada en asemblea xeral ou por decisión
xudicial. Os liquidadores responderán nos mesmos termos establecidos para os
administradores.
Artigo 92.- Intervención da liquidación.
1.- O 20%
dos votos sociais poderá solicitar do xuíz de primeira instancia do domicilio
social da cooperativa a designación de interventores que fiscalicen as
operacións da liquidación.
2.- Cando o xustifique a importancia da
liquidación, o Consello Galego de Cooperativas poderá, de oficio ou por
instancia de parte interesada, designar unha ou varias persoas que se encarguen
de intervi-la liquidación e de velar polo cumprimento das leis e dos
estatutos.
Non terán validez os actos dos liquidadores efectuados sen a
aprobación destes interventores.
Artigo 93.- Adxudicación do haber
social.
1.- Non se poderá adxudicar nin reparti-lo haber social ata que se
satisfixesen integramente as débedas sociais ou se procedese á súa consignación,
ou se asegurase o pagamento dos créditos non vencidos, e en todo caso ata que os
acordos adquiran carácter de firmeza.
2.- Satisfeitas as ditas débedas, o
remanente do haber social adxudicarase pola seguinte orde:
a) O Fondo de
Formación e Promoción Cooperativa poñerase á disposición do Consello Galego de
Cooperativas.
b) Reintegraráselles ós socios o importe das achegas que
efectuasen ao capital social, actualizadas se é o caso, comezando polas achegas
voluntarias e seguindo coas obrigatorias.
c) Reintegraráselles ós socios
a súa participación nos fondos de reserva voluntarios que teñan carácter
repartible por disposición estatutaria ou por acordo da asemblea xeral,
distribuíndose estes en proporción ao achegado ou ás operacións, servizos ou
actividades realizadas por cada un dos socios coa cooperativa durante os últimos
cinco anos ou, para as cooperativas cunha duración inferior a este prazo, desde
a súa constitución ou desde a data de ingreso do socio.
d) O sobrante, se
o houbese, tanto do Fondo de Reserva Obrigatorio coma do haber líquido da
cooperativa, poñerase á disposición do Consello Galego de Cooperativas, agás o
disposto para as cooperativas de segundo grao.
3.- O proceso de
liquidación non poderá exceder de tres anos, contados a partir da inscrición
rexistral do acordo de disolución, que poderá ser prorrogado por solicitude dos
liquidadores ante a consellería competente en materia de traballo, que decidirá
logo de audiencia do Consello Galego de Cooperativas.
Transcorrido o dito
prazo e sen que se instase a prórroga, o Consello Galego de Cooperativas
intervirá a liquidación adoptando as medidas necesarias co obxecto de finalizala
e proceder á adxudicación do haber social.
Artigo 94.- Balance final da
liquidación.
1.- Rematadas as operacións de extinción do pasivo social, os
liquidadores formarán o balance final, que reflectirá con exactitude e claridade
o estado patrimonial da sociedade e o proxecto de distribución do
activo.
2.- O balance final e o proxecto de distribución do activo serán
censurados polos interventores da cooperativa ou auditores externos e, cando
proceda, polos interventores a que se refire o artigo 92 desta lei e auditores,
e someteranse para a súa aprobación á asemblea xeral. Os mencionados acordos
publicaranse no Diario Oficial de Galicia e nun dos diarios de maior circulación
na provincia do domicilio social da cooperativa.
3.- Os acordos ós que se
refire o número anterior poderán ser impugnados durante o prazo dun ano, desde a
data de publicación do último dos anuncios, polo socio que se sinta agraviado ou
polos acredores que non tivesen satisfeitos ou garantidos os seus créditos, así
como polo Consello Galego de Cooperativas, e a impugnación tramitarase conforme
as regras establecidas para a impugnación de acordos da asemblea
xeral.
4.- Se fose imposible a realización da asemblea xeral, os
liquidadores publicarán o balance final e o proxecto de distribución do activo,
unha vez censurados, no Diario Oficial de Galicia e nun dos dia
rios de
maior circulación na provincia do domicilio social da
cooperativa.
Transcorrido un ano desde as ditas publicacións sen que sexan
impugnados polas persoas e polo procedemento ao que se refire o número 3 deste
artigo, entenderanse aprobados definitivamente.
5.- Concluído o termo
para a impugnación sen que se formulasen reclamacións, ou firmes as sentenzas
que as resolvesen, procederase á correspondente distribución do activo da
sociedade.
As cantidades non reclamadas ou transferidas no prazo dos tres
meses seguintes á data na que se inicie o pagamento consignaranse en depósito no
Banco de España ou na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma, á
disposición dos seus lexítimos donos.
Artigo 95.- Escritura pública de
extinción da sociedade e cancelación rexistral.
Rematada a liquidación e
materializada esta, os liquidadores outorgarán escritura pública de extinción,
que conterá a aprobación do balance final de liquidación e as súas operacións, e
inscribirase no rexistro de cooperativas, solicitando deste a cancelación de
tódolos asentamentos relativos á cooperativa, e depositando na dita dependencia
os libros e documentos relativos a ela, que se conservarán durante un período de
seis anos.
Artigo 96.- Suspensión de pagamentos e crebas.
Ás
sociedades cooperativas resultaralles aplicable a normativa mercantil sobre
dereito concursal, e deberán inscribirse no rexistro de cooperativas competente
as resolucións xudiciais que constitúan, modifiquen ou extingan as situacións
concursais que afecten a cooperativa.
Título II
Do Rexistro de
Cooperativas de Galicia
Artigo 97.- Características, organización e
competencia.
1.- O Rexistro de Cooperativas de Galicia é un rexistro xurídico
dependente da Xunta de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de
traballo, estructurado no Rexistro Central e no correspondente rexistro
provincial.
2.- O Rexistro de Cooperativas é público.
3.- Presúmese
que o contido dos libros do rexistro é exacto e válido, e coñecido de todos, non
podendo alegarse a súa ignorancia.
4.- O Rexistro Central de Cooperativas
é competente respecto de:
a) As cooperativas con ámbito superior a unha
provincia.
b) As cooperativas de crédito e seguros.
c) As cooperativas de
segundo grao.
d) As asociacións de cooperativas.
5.- Os rexistros
provinciais de cooperativas serán competentes respecto das restantes clases de
cooperativas cun ámbito que non sexa superior ao da respectiva
provincia.
Artigo 98.- Funcións dos rexistros.
1.- Os rexistros de
cooperativas asumirán nos diferentes niveis as seguintes funcións:
a)
Cualificar, inscribir e certifica-los actos a que se refire esta lei.
b)
Habilitar e legaliza-los libros obrigatorios das entidades cooperativas.
c)
Recibi-lo depósito das contas anuais, así como a certificación acreditativa do
número de socios ao pechamento do exercicio económico.
d) Calquera outra
atribuída por esta lei ou polas súas normas de desenvolvemento.
2.- O
Rexistro Central terá ademais as seguintes competencias:
a) Nomear auditores
e outros expertos independentes, por solicitude das entidades cooperativas e por
conta destas.
b) Coordina-los rexistros provinciais de
cooperativas.
c) Dictar instruccións e resolve-las consultas que sexan da súa
competencia.
Artigo 99.- Eficacia.
1.- A eficacia do Rexistro de
Cooperativas vén definida polos principios de publicidade material e formal,
legalidade, lexitimación, prioridade e tracto sucesivo.
2.- A publicidade
do rexistro farase efectiva mediante a manifestación dos libros e documentos do
arquivo a que fagan referencia os asentamentos rexistrais ou de certificación
sobre tales asentamentos, expedida polo encargado do dito rexistro, nos termos
que regulamentariamente se determine.
3.- Os títulos e documentos
suxeitos a inscrición e non inscritos non producirán efectos fronte a terceiros
de boa fe. Non poderá invocarse a falta de inscrición por quen incorreu na súa
omisión.
4.- A inscrición produce tódolos efectos previdos nesta lei, e
non valida os actos e contratos nulos de acordo coas leis.
5.- Os
asentamentos do rexistro producirán os seus efectos mentres non se inscriba a
declaración de inexactitude ou nulidade, que non poderá prexudica-los dereitos
de terceiros de boa fe adquiridos conforme o contido do rexistro.
Artigo
100.- O encargado do rexistro.
1.- O Rexistro de Cooperativas estará baixo a
responsabilidade do funcionario encargado del.
2.- Os requisitos e as
circunstancias para a súa designación, así como as súas competencias,
determinaranse regulamentariamente.
Artigo 101.- Inscricións
constitutivas.
A inscrición dos actos de constitución, modificación dos
estatutos, fusión, escisión, disolución, reactivación e liquidación das
sociedades cooperativas, así como a transformación en sociedades desta natureza,
será constitutiva.
As restantes inscricións terán o carácter de
declarativas.
Artigo 102.- Dereito supletorio e normas
complementarias.
Respecto de prazos, recursos, comparecencia e representación
e demais materias non reguladas expresamente nesta lei ou nas súas normas de
desenvolvemento, haberá que aterse ao disposto na regulación do procedemento
administrativo común, así como na normativa mercantil en canto resulte aplicable
acorde coa natureza xurídica deste tipo de sociedades.
Título
III
Disposicións especiais
Capítulo I
Das clases de
cooperativas
Sección 1.ª
Normas comúns
Artigo 103.- Clasificación e
normas aplicables.
1.- As cooperativas de primeiro grao constituiranse
acolléndose a calquera das clases das reguladas nesta lei.
2.- Ás
cooperativas seralles aplicable a normativa específica considerada para a clase
de cooperativa de que se trate e, no non previsto nela, polas normas de carácter
xeral establecidas nesta lei.
En todo caso, as cooperativas quedarán
suxeitas á lexislación específica aplicable en función da actividade empresarial
que desenvolvan.
3.- A Xunta de Galicia, por proposta da consellería
competente en materia de traballo e logo de informe do Consello Galego de
Cooperativas, poderá desenvolver regulamentariamente o réxime das distintas
clases de cooperativas previstas nesta lei, así como regular mediante normativa
específica novas clases de cooperativas cando sexa preciso para o
desenvolvemento cooperativo, respectando os principios e caracteres establecidos
nesta lei.
Sección 2.ª
Das cooperativas de traballo asociado
Artigo
104.- Suxeitos, obxecto e ámbito.
1.- As cooperativas de traballo asociado
están formadas por persoas naturais con capacidade legal e física para
desenvolve-la actividade cooperativizada, podendo constituírse e funcionar con
tres socios.
A capacidade legal para ser socio rexerase pola lexislación
civil e laboral. Os estranxeiros poderán ser socios de acordo co disposto na
lexislación específica sobre a prestación do seu traballo en España.
A
perda da condición de socio dá lugar ao cesamento definitivo da prestación de
traballo na cooperativa.
2.- As cooperativas de traballo asociado teñen
por obxecto a prestación do traballo dos socios, proporcionándolles emprego,
para producir en común bens e servizos para terceiros.
3.- Os centros de
traballo nos que se desenvolva habitualmente a actividade cooperativizada
deberán estar situados dentro do ámbito territorial da cooperativa
estatutariamente fixado, sen prexuízo da existencia de socios minoritarios
noutros centros de traballo de carácter subordinado, auxiliar ou instrumental,
situados fóra do dito ámbito.
Artigo 105.- Réxime económico.
1.- Os
socios teñen dereito a percibir periodicamente no prazo non superior a un mes un
anticipo laboral en contía similar ás retribucións da zona e do sector de
actividade, segundo a súa categoría profesional. En ningún caso este anticipo
poderá ser inferior ao salario mínimo interprofesional en cómputo anual, tendo
en conta a xornada laboral realizada dentro da legalidade vixente.
2.- O
retorno cooperativo percibirase en función do anticipo laboral, agás que os
estatutos prevexan outro criterio en razón á actividade
cooperativizada.
Artigo 106.- Seguridade Social.
1.- Os socios
traballadores están obrigados a afiliarse á Seguridade Social, optando nos
estatutos da cooperativa polo réxime correspondente.
2.- Desfrutarán de
tódolos beneficios da Seguridade Social nos mesmos termos, extensión e
condicións existentes para os demais traballadores de acordo coa normativa xeral
nesta materia, segundo o réxime elixido.
Artigo 107.- Réxime de
prestación de traballo.
1.- Os estatutos regularán ou poderán remitir ao
regulamento de réxime interno a organización básica do traballo, que fará
referencia como mínimo á estructura da empresa, clasificación profesional,
mobilidade funcional e xeográfica, licenzas retribuídas e
excedencias.
Por proposta do consello reitor, a asemblea xeral aprobará
anualmente o calendario sociolaboral, que conterá como mínimo a duración da
xornada de traballo, o descanso mínimo entre cada xornada e o descanso semanal,
as festas e as vacacións anuais e as pausas, así como todo aquilo que coide
necesario para a boa marcha da empresa. Será aplicable como dereito de contido
mínimo necesario a normativa laboral para os traballadores por conta
allea.
2.- Estatutariamente poderá establecerse para os novos socios un
período de proba non superior a seis meses.
Os socios en período de proba
terán os mesmos dereitos e obrigas cós demais socios, coas seguintes
excepcións:
a) Poden resolve-la relación de forma unilateral. A mesma
facultade recoñéceselle ao órgano de administración.
b) Non poden
realizar achegas ao capital social nin satisfacer ningún tipo de
cotas.
c) Non responden das perdas sociais.
d) Non perciben retorno
cooperativo, se ben participarán nos resultados positivos, quedando equiparados
ós traballadores asalariados.
e) Non poden ser electores nin elixibles
para ocupar cargos nos órganos sociais.
3.- Cando se produzan causas
económicas, técnicas, organizativas, de producción ou de forza maior que así o
fagan necesario, poderase suspender temporalmente a prestación de traballo con
perda dos dereitos e das obrigas económicas da dita prestación, conservando os
demais.
A asemblea xeral deberá declara-la causa, a necesidade e o tempo
de suspensión, designando nominalmente os socios afectados. Ó cesa-la causa, o
socio recobrará plenamente tódolos seus dereitos e obrigas.
Cando a causa
ou as causas obriguen a reducir con carácter definitivo o número de postos de
traballo seguirase o mesmo procedemento indicado no parágrafo anterior,
cualificándose a baixa como xustificada, con dereito ao reembolso inmediato ao
socio da súa achega ao capital social e con dereito preferente ao reingreso no
prazo dos tres anos seguintes á baixa.
4.- Nos supostos previstos no
número anterior, ou no caso de excedencias, que supoñan deixa-la cooperativa
durante máis de seis meses cun número de socios inferior ao mínimo para a súa
constitución, a suspensión ou excedencia non poderá ser superior ao dito
período.
Os socios en excedencia pasarán á situación prevista no artigo
28 desta lei e estarán obrigados a realizar novas achegas ao capital social se
así o prevén os estatutos.
No caso de excedencia forzosa, teñen dereito á
reserva do seu posto de traballo, e a súa incorporación producirase nun prazo
non superior a un mes desde o cesamento da causa que a motivou.
5.-
Seralles aplicable ás cooperativas e ós seus socios traballadores a normativa de
seguridade e hixiene no traballo.
6.- En todo o non previsto neste
artigo, será aplicable a normativa laboral de traballadores por conta
allea.
Artigo 108.- Réxime disciplinario.
1.- As faltas e sancións
derivadas da actividade da prestación de traballo deberán estar tipificadas
estatutariamente, polo menos as que teñan carácter de moi graves e graves. As
leves poderán ser consideradas no regulamento de réxime interno ou acordadas
pola asemblea xeral.
2.- A competencia sancionadora, que é indelegable,
correspóndelle ao consello reitor da cooperativa.
3.- O socio traballador
só poderá ser sancionado mediante a incoación do oportuno expediente
sancionador; respectarase en todo caso a previa audiencia del en todas as
instancias resolutorias.
4.- A impugnación do acordo do consello reitor
ante o comité de recursos ou, no seu defecto, ante a asemblea xeral formularase
no prazo de quince días desde a súa notificación.
O órgano competente
resolverá por votación secreta no prazo máximo de dous meses. O acordo de
expulsión do socio só poderá ser impugnado ante a asemblea xeral.
5.- O
acordo de expulsión só será executivo desde que sexa ratificado polo
correspondente órgano ou transcorrese o prazo para recorrer ante el. Non
obstante, a cooperativa poderá suspende-lo socio no seu emprego, conservando
este tódolos seus dereitos económicos.
6.- Desde que o acordo sexa
executivo poderá instarse a súa revisión ante a xurisdición da orde social, que
tamén resolverá sobre a transcendencia económica derivada do período de
tramitación.
7.- Se non recaese resolución expresa nos prazos
establecidos, os recursos interpostos entenderanse estimados.
8.- As
faltas leves prescribirán ao mes, as graves ós dous meses e as moi graves ós
tres meses, desde que o consello reitor tivo coñecemento delas. En todo caso as
faltas prescribirán ós doce meses desde a data na que se
cometeron.
Artigo 109.- Cuestións contenciosas.
1.- As cuestións
contenciosas que se susciten entre a cooperativa e os seus socios derivadas da
actividade cooperativizada resolveranse conforme esta lei e os estatutos, e
subsidiariamente polas disposicións da lexislación laboral, e someteranse á
xurisdición da orde social. Quedan excluídas desta xurisdición aquelas cuestións
que non veñan afectadas pola achega do traballo do socio ou os seus efectos, nin
comprometidos os seus dereitos en canto achegante de traballo.
2.- Quedan
excluídas da competencia do Consello Galego de Cooperativas as cuestións
sometidas a este procedemento sen prexuízo do establecido no artigo 135.2.f)
desta lei.
Artigo 110.- Asalariados.
1.- A cooperativa poderá
contratar traballadores por conta allea, sen que o seu número poida exceder do
30% do total dos seus socios, agás nos supostos de transmisión de empresas nas
que por disposición legal se teñan que subrogar nos dereitos e nas obrigas do
anterior titular; neste caso, a consellería competente en materia de traballo
poderá autorizar ata un 60% e dictará as condicións para regulariza-la dita
situación.
2.- Os estatutos poderán fixa-lo procedemento polo que os
traballadores asalariados poden acceder á condición de socio. O traballador con
máis de dous anos na cooperativa deberá ser admitido como socio traballador, sen
período de proba, se reúne os demais requisitos e así o solicita.
3.- Os
asalariados participarán nos resultados da cooperativa, cando estes fosen
positivos, na proporción que deberán fixa-los estatutos, que en ningún caso será
inferior ao 25% do retorno cooperativo recoñecido ós socios de igual ou
equivalente categoría profesional.
Sección 3.ª
Das cooperativas
agrarias
Artigo 111.- Suxeitos, obxecto e ámbito.
1.- Son cooperativas
agrarias as que integran a titulares de explotacións agrícolas, gandeiras ou
forestais, que terán por obxecto a realización de todo tipo de operacións
encamiñadas ao mellor aproveitamento das explotacións dos seus socios, dos seus
elementos ou compoñentes e da cooperativa e á mellora da poboación agraria e do
desenvolvemento do medio rural, así como a atender calquera outro fin ou servizo
que sexa propio da actividade agrícola, gandeira ou forestal ou estea
relacionado directamente con elas.
As explotacións agrarias dos seus
socios deberán estar dentro do ámbito territorial da cooperativa, establecido
estatutariamente.
2.- Poderá ser socio dunha cooperativa agraria a
compañía familiar galega, constituída formalmente e debidamente documentada, que
se configura como unidade económica única, e para tódolos efectos considerados
nesta lei coa consideración de socio único, constituída polas persoas e consonte
o establecido na Lei de dereito civil de Galicia, que rexerá, como dereito
supletorio desta lei, en canto resulte aplicable á natureza da sociedade
cooperativa e dos seus socios.
Con independencia do sinalado no parágrafo
anterior, os estatutos poderán establecer, con carácter xeral, a forma na que os
membros da comunidade familiar vinculados á explotación agraria do socio ou quen
con el conviva poidan beneficiarse das actividades e dos servizos que a
cooperativa desenvolva ou preste.
3.- Se os estatutos o prevén, no caso
de que o titular da explotación deixe de selo, poderá substituílo na súa
condición de socio da cooperativa, subrogándose en tódolos dereitos e obrigas
contraídos por el coa cooperativa ou inherentes á súa participación en calidade
de socio nela, sen necesidade de transmisión, o que o substitúa na dita
condición por calquera título admitido en dereito. En todo caso, debe cumpri-lo
resto dos requisitos para adquiri-la condición de socio e ser admitido polo
órgano de administración.
4.- A cooperativa agraria poderá, con carácter
accesorio e subordinado, procurar bens e servizos para o consumo dos seus socios
e dos familiares que con eles convivan ata un 50% da actividade principal que
ela realice cos seus socios, producindo os bens e servizos que proporcionen ou
adquiríndoos de terceiros.
A subministración destes bens e servizos terá
a consideración de operacións societarias internas, resultando a mesma
cooperativa así como os seus socios como consumidores directos.
No
suposto de supera-lo dito límite, estará obrigada a crea-la correspondente
sección de consumo.
Poderán realizar operacións con terceiros ata o
límite e cos requisitos previstos no número 7 deste artigo.
5.- As
cooperativas agrarias poderán subscribir con outras da mesma clase os acordos
intercooperativos que correspondan, para o cumprimento dos seus obxectos
sociais. En virtude destes acordos, a cooperativa e os seus socios poderán
realizar operacións de subministración, entrega de productos ou servizos na
outra cooperativa; tales feitos terán a mesma consideración cás operacións
cooperativizadas desenvolvidas cos propios socios e non como
terceiros.
6.- As operacións que realicen as cooperativas agrarias e as
de segundo grao que as agrupen con productos ou materias, incluso subministrados
por terceiros, consideraranse, para tódolos efectos, actividades cooperativas
internas co carácter de operacións de transformación primaria, sempre que se
destinen unicamente ás explotacións dos seus socios.
7.- As cooperativas
agrarias poderán realizar operacións con terceiros non socios ata un límite
máximo do 50% do total das realizadas polos socios para cada tipo de actividade
desenvolvida por aquelas, e poderán solicitar polas causas e procedemento e ante
o órgano establecido no artigo 8 desta lei un incremento da dita
porcentaxe.
A cooperativa deberá reflectir esta circunstancia na súa
contabilidade de forma separada e independente e de maneira clara e
inequívoca.
Sección 4.ª
Das cooperativas de explotación comunitaria da
terra
Artigo 112.- Suxeitos, obxecto, ámbito e réxime dos socios.
1.- Son
cooperativas de explotación comunitaria da terra as que asocian titulares de
dereitos de usos e aproveitamento de bens susceptibles de explotación agraria,
que ceden os ditos dereitos á cooperativa e que prestan ou non o seu traballo
nela, así como a quen, sen ceder ningún dereito de desfrute, vai presta-lo seu
traballo nela, co obxecto de xestionar unha única empresa ou explotación
agraria, na que tamén poderán integrarse os bens que, por calquera título, posúa
a cooperativa.
2.- Os estatutos deberán establecer e distingui-los
módulos de participación dos socios que achegasen o dereito de uso e
aproveitamento de terras ou outros bens, e dos socios que acheguen tamén ou
exclusivamente o seu traballo, os cales terán a consideración de socios
traballadores.
Así mesmo, deberán establece-lo prazo mínimo de
permanencia na cooperativa dos socios na súa condición de cedentes do uso e
aproveitamento de bens, que non poderá ser superior a dez anos, e poderá
prorrogarse por iguais períodos.
Os titulares de arrendamentos e demais
dereitos de desfrute poderán cede-lo uso e aproveitamento dos bens polo prazo
máximo de duración do seu contrato ou título xurídico, sen que iso sexa causa de
desafiuzamento ou resolución daquel.
En caso de baixa dun socio cedente
de dereitos de uso e aproveitamento de terras, ou de transmisión por parte del
de todas ou parte das terras achegadas, os estatutos deberán establece-la
posibilidade de permuta das terras cedidas por outras de igual valor ou ben unha
opción de compra preferente en favor da cooperativa e, no seu defecto, de
calquera dos seus socios.
3.- Poderán desenvolver calquera actividade
dirixida ao cumprimento do seu obxecto social, tanto as dedicadas directamente á
obtención de productos agrarios coma as preparatorias destas e as que teñan por
obxecto constituír ou perfecciona-la explotación en tódolos seus elementos, así
como as de recolleita, almacenamento, tipificación, transporte, distribución e
venda, por xunto ou directamente ao consumidor, dos productos da súa explotación
e, en xeral, cantas sexan propias da actividade agraria ou sexan antecedentes,
complemento ou consecuencia directa delas.
4.- A actividade cooperativa
de comercialización de productos procedentes de terceiros non socios rexerase
polo previsto nesta lei para as cooperativas agrarias.
5.- O número de
traballadores asalariados non poderá ser superior ao dobre do establecido no
artigo 110 desta lei para as cooperativas de traballo asociado.
6.- No
non previsto nesta sección, seranlles aplicables ós socios traballadores desta
clase as normas establecidas nesta lei para o mesmo tipo de socios das
cooperativas de traballo asociado.
Os socios traballadores desta clase de
cooperativas para os efectos de Seguridade Social serán, en todo caso,
asimilados a traballadores por conta allea.
7.- Nas cooperativas de
explotación comunitaria cada socio terá un voto.
8.- O ámbito da cooperativa
será fixado estatutariamente.
Artigo 113.- Do réxime económico.
1.- Os
estatutos fixarán a achega obrigatoria mínima ao capital social para ser
socio.
2.- As rendas pola cesión do uso dos bens e os anticipos polo
traballo serán análogos ao nivel de rendas e de retribucións salariais usuais na
zona.
3.- Os retornos acreditaránselles ós socios, segundo a actividade
desenvolvida por cada un deles coa cooperativa, en proporción ós anticipos
laborais e/ou ás rendas que deba aboar aquela pola cesión do uso dos
bens.
4.- A imputación das perdas ós socios realizarase conforme os
criterios sinalados para os retornos no número anterior, se ben os estatutos ou
a asemblea xeral determinarán o necesario para garantirlles ós socios
traballadores unha compensación mínima igual ao 70% das retribucións satisfeitas
na zona por igual traballo, e nunca inferior ao salario mínimo
interprofesional.
5.- Os estatutos sinalarán o procedemento para
valora-los bens susceptibles de explotación en común, e poderán regula-lo réxime
de obras, melloras e servidumes que poidan afecta-los bens cedidos para o seu
desfrute e sexan consecuencia do plan de explotación comunitaria deles. Tamén
poderá regularse que os socios que lle cedesen á cooperativa o uso e
aproveitamento de bens queden obrigados a non transmitir a terceiros dereitos
sobre os ditos bens que impidan o uso e aproveitamento destes por parte da
cooperativa, durante o prazo de permanencia obrigatoria do socio
nela.
Sección 5.ª
Das cooperativas de consumidores e
usuarios
Artigo 114.- Suxeitos e obxecto.
1.- Son cooperativas de
consumidores e usuarios aquelas que teñen por obxecto a procura de bens e
servizos para o consumo dos seus socios e dos familiares que con eles convivan,
producindo os bens e servizos que proporcionen ou adquiríndoos de
ter
ceiros, así como a defensa e promoción dos dereitos dos consumidores
e usuarios. Poderán ser socios destas cooperativas as persoas físicas e
xurídicas e as entidades ou organizacións de consumidores que teñan o carácter
de destinatarios finais.
2.- A subministración de bens e servizos da
cooperativa ós seus socios terá a consideración de operacións societarias
internas, resultando a mesma cooperativa así como os seus socios, para tódolos
efectos, como consumidor directo.
3.- Poderán realizar actividades
cooperativizadas con terceiros non socios, dentro do ámbito estatutario da
cooperativa, se así o establecen os estatutos, ata o límite do 50% das súas
operacións cos socios.
Sección 6.ª
Das cooperativas de
servizos
Artigo 115.- Suxeitos, obxecto e ámbito.
1.- Son cooperativas de
servizos as que integran a persoas físicas e/ou xurídicas, titulares de
actividades industriais ou de servizos, así como a profesionais e artistas que
exerzan a súa actividade por conta propia.
2.- Teñen por obxecto a
prestación de subministracións e servizos e a realización de operacións
encamiñadas ao melloramento económico e técnico das actividades profesionais ou
das explotacións dos seus socios.
Para o cumprimento do seu obxecto
social, poderán desenvolver calquera actividade económica ou social.
3.-
En cada exercicio económico, a cooperativa poderá desenvolver actividades con
terceiros ata un 20% do volume total da actividade cooperativizada realizada cos
seus socios.
4.- As explotacións dos socios deberán estar situadas dentro
do ámbito territorial da cooperativa. No caso de profesionais ou artistas,
deberán desenvolve-la súa actividade habitual dentro do referido
ámbito.
Sección 7.ª
Das cooperativas de transportistas
Artigo 116.-
Suxeitos, obxecto e ámbito.
1.- Son cooperativas de transportistas as que
asocian titulares de empresas do transporte ou profesionais que poidan exercer
en calquera ámbito a actividade do transporte e teñan por obxecto organizar e/ou
prestar servizos de transporte ou ben a realización de actividades que fagan
posible este obxecto.
Resultaralles aplicable a estas cooperativas o
previsto nesta lei para as cooperativas de servizos.
2.- Consideraranse
como cooperativas de transportistas de traballo asociado cando estean formadas
por persoas naturais con capacidade legal e física
para prestarlle á
cooperativa o seu traballo persoal, realizando a actividade do transporte e/ou
complementarias.
Seralles aplicable o establecido nesta lei para as
cooperativas de traballo asociado.
Sección 8.ª
Das cooperativas do
mar
Artigo 117.- Suxeitos, obxecto e ámbito.
1.- Son cooperativas do mar
aquelas que asocian titulares de explotacións dedicadas a actividades
pesqueiras, de industrias marítimo-pesqueiras, marisqueo, acuicultura e
derivadas, nas súas diferentes modalidades de mar, rías, ríos, lagos e lagoas, e
profesionais das devanditas actividades e teñen por obxecto a prestación de
subministracións e servizos e a realización de operacións encamiñadas á mellora
económica e técnica das actividades profesionais ou das explotacións dos seus
socios.
2.- Para o cumprimento do seu obxecto social poderán desenvolver
calquera actividade económica ou social.
3.- As cooperativas do mar
poderán realizar actividades con terceiros nos mesmos termos establecidos nesta
lei para as cooperativas agrarias.
4.- O ámbito da cooperativa será
fixado estatutariamente.
Sección 9.ª
Das cooperativas de explotación dos
recursos acuícolas
Artigo 118.- Suxeitos, obxecto e ámbito.
1.- Son
cooperativas de explotación dos recursos acuícolas as que asocian titulares de
dereitos de uso e aproveitamento de bens e aqueles que posúen títulos
administrativos habilitantes, todos eles relacionados co exercicio de
actividades de explotación dos recursos acuícolas, e que de acordo co réxime
xurídico deses títulos acheguen total ou parcialmente os ditos dereitos á
cooperativa, así como aqueles que, sen achegar título ou dereito de desfrute
ningún, vaian presta-lo seu traballo persoal nela, co obxecto de xestionar unha
empresa na que poderán integrarse os bens e dereitos que, por calquera título,
posúa a cooperativa.
Nestas cooperativas poderán ser socios as confrarías
de pescadores e as administracións ou os entes públicos, e poderá
estatutariamente reservarse un posto para estes socios no órgano de
administración.
A achega á cooperativa dos títulos administrativos
habilitantes para a explotación de recursos mariños deberá contar coa previa
autorización da consellería competente en materia de pesca, marisqueo e
acuicultura. Os socios traballadores destas cooperativas deberán, así mesmo,
estar en posesión do título administrativo necesario para o desenvolvemento da
súa
actividade, sempre e cando resulte obrigatorio en virtude da
normativa aplicable.
A achega á cooperativa dos títulos que habilitan
para a explotación dos recursos acuícolas non terá en ningún caso a
consideración de transmisión nin arrendamento, nin implicará o cambio de
titularidade deles.
2.- Os estatutos deberán establecer e distingui-los
módulos de participación dos socios que achegasen o dereito de uso e
aproveitamento e dos socios que acheguen o seu traballo, que terán a
consideración de socios traballadores.
Así mesmo establecerán o prazo
mínimo de permanencia na cooperativa dos socios na súa condición de cedentes do
uso e aproveitamento de bens e dereitos, que non será superior a dez anos, e
poderá prorrogarse por iguais períodos.
Os titulares de bens e dereitos
poderán cede-lo seu uso e desfrute polo prazo máximo de duración do seu contrato
ou título xurídico, sen que iso poida ser causa de resolución ou revogación
del.
En caso de baixa dun socio cedente de bens e dereitos, ou de
transmisión por parte del de todos ou parte deses bens e dereitos, os estatutos
deberán establecer, logo de autorización da consellería competente, o dereito de
tanteo en favor da cooperativa ou, no seu defecto, a favor de calquera dos seus
socios.
3.- Poderán desenvolver calquera actividade dirixida á
explotación dos recursos acuícolas, tanto as dedicadas directamente á obtención
dos seus productos e derivados nas súas distintas modalidades de mar, rías,
lagos, lagoas e ríos coma as preparatorias delas e as que teñan por obxecto
constituír ou perfecciona-la explotación en tódolos seus elementos, así como as
de extracción, almacenamento, tipificación, transporte, distribución e venda,
por xunto ou directamente ao consumidor, e, en xeral, cantas sexan propias da
actividade ou sexan antecedentes, complemento ou consecuencia directa delas,
coas limitacións establecidas na súa lexislación específica.
4.- A
actividade cooperativa de comercialización de productos procedentes de terceiros
non socios rexerase polo previsto nesta lei para as cooperativas
agrarias.
5.- O número de traballadores asalariados non poderá ser
superior ao dobre do establecido no artigo 110 desta lei para as cooperativas de
traballo asociado.
6.- No non previsto nesta sección, seranlles
aplicables ós socios traballadores desta clase de cooperativas as normas
establecidas nesta lei para o mesmo tipo de socios das cooperativas de traballo
asociado.
Os socios traballadores desta clase de cooperativas para
efectos de Seguridade Social encadraranse no
correspondente réxime como
asimilados a traballadores por conta allea ou autónomos, segundo corresponda en
función da súa actividade e regulación específica en materia de Seguridade
Social.
7.- Nas cooperativas de explotación de recursos acuícolas cada
socio terá un voto.
8.- O ámbito da cooperativa, que se fixará
estatutariamente, determinará o espazo xeográfico no que os socios traballadores
poden desenvolve-la súa actividade cooperativizada de prestación de traballo, e
dentro do que estarán localizados os bens e dereitos integrantes da
explotación.
Artigo 119.- Do réxime económico.
1.- Os estatutos
fixarán a achega obrigatoria mínima ao capital social para ser socio.
2.-
Na súa calidade de achegantes de dereitos os socios recibirán unha compensación
económica periódica que deberá fixa-la asemblea xeral da cooperativa con
carácter previo á admisión como socio.
Pola prestación persoal do seu
traballo, os socios percibirán anticipos laborais análogos ás retribucións
salariais usuais na zona e actividade.
3.- Os retornos acreditaránselles
ós socios, segundo a actividade desenvolvida por cada un deles coa cooperativa,
en proporción ós anticipos laborais e/ou ás compensacións que deba aboar aquela
pola cesión do uso de bens e dereitos.
4.- A imputación de perdas ós
socios realizarase consonte os criterios sinalados para os retornos no número
anterior, se ben os estatutos ou a asemblea xeral determinarán o necesario para
garantirlles ós socios traballadores unha compensación mínima igual ao 70% das
retribucións satisfeitas na zona por igual traballo, e nunca inferior ao salario
mínimo interprofesional.
5.- Os estatutos sinalarán o procedemento para
valora-los bens e dereitos susceptibles de explotación, e poderán regula-lo seu
réxime de obras e melloras como consecuencia do plan de explotación deles. Tamén
poderá regularse que os socios que achegasen á cooperativa o uso e
aproveitamento de bens e dereitos queden obrigados a non transmitir a terceiros
dereitos sobre eles que impidan o uso e aproveitamento destes por parte da
cooperativa, durante o prazo de permanencia obrigatoria do socio
nela.
Para a adopción de acordos relativos ao establecido neste número,
será necesario o voto favorable de socios que representen, cando menos , o 50%
da totalidade dos dereitos explotados en réxime cooperativo.
Sección
10.ª
Das cooperativas de vivendas
Artigo 120.- Suxeitos, obxecto e
ámbito.
1.- As cooperativas de vivendas están constituídas principal e
maioritariamente por persoas físicas.
Tamén poden ser socios os entes
públicos, os entes sen ánimo de lucro mercantil e as cooperativas.
O
número mínimo de socios necesarios para constituí-la cooperativa será o
equivalente ao 75% do total da promoción de vivendas que se pretende realizar,
todo o cal se fixará estatutariamente.
A aprobación do proxecto de
execución e financiamento das vivendas é competencia exclusiva da asemblea
xeral, así como as modificacións ou variacións del, por causas non previstas
inicialmente.
2.- Teñen por obxecto procurar vivendas e/ou locais para os
seus socios.
Tamén poderán ter por obxecto procurar edificacións e
instalacións complementarias, e rehabilitación de vivendas, locais, elementos,
zonas ou edificacións e instalacións complementarias.
Para o cumprimento
do seu obxecto social, poden desenvolver cantas actividades sexan
necesarias.
A propiedade ou o uso e desfrute das vivendas e locais
poderán serlles adxudicados ou cedidos ós socios mediante calquera título
admitido en dereito.
Cando a cooperativa reteña a propiedade das vivendas
ou locais, haberá de determinarse estatutariamente, debendo establecerse ademais
as normas para o seu uso e desfrute polos socios.
Poderán allearlles a
terceiros os locais comerciais e as instalacións e edificacións complementarias,
e o importe deles aplicarase conforme acorde a asemblea xeral.
3.- A
cooperativa constituirase por tempo determinado fixado estatutariamente, e
deberá disolverse por cumprimento do seu obxecto social finalizada a execución
da promoción e entrega de vivendas e locais e, en todo caso, ós dous anos desde
a data de outorgamento da licenza municipal de primeira ocupación, agás que a
cooperativa reteña a propiedade ou que a normativa específica aplicable
estableza un prazo superior.
4.- As cooperativas de vivendas
administrarán e xestionarán de forma directa a promoción de vivendas e locais, e
non poderán cederlles tal xestión a terceiras persoas mediante ningún título,
agás acordo da asemblea xeral adoptado polos dous terzos dos votos presentes e
representados, sen prexuízo da posibilidade de requirir expertos externos para
cuestións puntuais.
5.- As cooperativas de vivendas terán dereito á
adquisición preferente de terreos de xestión pública para o cumprimento dos seus
fins específicos, sen prexuízo de cumpri-lo establecido na normativa sectorial
aplicable.
Artigo 121.- Réxime do socio.
1.- O socio ten a obriga de
habita-la vivenda e non pode ser titular de máis dunha, en cada cooperativa,
agás nos casos de familia numerosa.
2.- No caso de baixa do socio, a
cooperativa poderá rete-lo total das cantidades entregadas por el para
financia-lo pagamento de vivendas e locais ata que sexa substituído no seus
dereitos e obrigas por outro socio. Os estatutos fixarán o prazo máximo de
duración do dereito de retención, que non poderá ser superior a un
ano.
Cando a baixa do socio fose considerada como non xustificada, se o
prevén os estatutos, poderán aplicárselles ás cantidades entregadas por el para
financia-lo pagamento das vivendas e locais as deduccións a que se refire o
artigo 64 desta lei, ata un máximo do 40% das porcentaxes que nel se establecen,
destinándose na súa totalidade ao Fondo de Reserva Obrigatorio.
As
cantidades a que se refire o parágrafo anterior, así como as achegas ao capital
social, deberánselle reembolsar ao socio no momento en que sexa substituído nos
seus dereitos e obrigas por outro socio.
3.- O socio que pretendese
transmitir inter vivos os seus dereitos sobre a vivenda ou local sen xusta
causa, antes de que transcorrese un ano ou outro prazo superior fixado polos
estatutos, desde a data de concesión da licenza municipal de primeira ocupación
da vivenda ou local, deberá poñela á disposición da cooperativa, que llelos
ofrecerá ós socios expectantes, por orde de antigüidade.
O prezo do
tanteo será igual á cantidade desembolsada polo socio que transmite os seus
dereitos sobre a vivenda ou local, incrementada coa revalorización que
experimentase, conforme o índice de prezos ao consumo, durante o período
comprendido entre as datas dos distintos desembolsos parciais e a data da
transmisión dos dereitos sobre a vivenda ou local.
Transcorridos tres
meses desde que o socio puxo en coñecemento do consello reitor o propósito de
transmiti-los seus dereitos sobre a vivenda ou local sen que ningún socio
expectante faga uso do dereito de preferencia para a adquisición deles, o socio
queda autorizado para transmitilo a terceiros non socios.
Cando o socio
incumpra o anterior, transmitindo a terceiros os seus dereitos sobre a vivenda
ou local, a cooperativa, se quixese adquirilos algún socio expectante, exercerá
o dereito de retracto, e deberá reembolsarlle ao comprador o prezo de tanteo
sinalado neste artigo incrementado cos gastos que se lle ocasionasen, que serán
a cargo do socio incumpridor.
O dereito de retracto poderá exercitarse
durante un ano desde a inscrición da transmisión no rexistro da propiedade ou,
no seu defecto, durante tres meses, desde que a cooperativa tivese coñecemento
da devandita transmisión.
As limitacións establecidas nos números
anteriores deste artigo non serán aplicables cando o socio lles transmita os
seus dereitos sobre a vivenda ou local ás persoas que con el convivan, sen
prexuízo do
disposto pola normativa aplicable ós supostos de obtención de
axudas oficiais.
4.- Para os efectos previstos no número anterior, as
cooperativas de vivendas levarán, en orde e ao día, o libro de socios
expectantes coas mesmas formalidades e requisitos cós previstos para o
libro-rexistro de socios.
5.- Ningunha persoa poderá ser membro,
simultaneamente, do consello reitor en máis dunha cooperativa de
vivendas.
Artigo 122.- Percepción de cantidades anticipadas na
construcción.
Cando a cooperativa obteña dos socios cantidades en diñeiro
anticipadas para a construcción das vivendas e locais, deberá recibilas a través
dunha entidade de crédito, na que deberán depositarse en conta especial coa
separación doutra clase de fondos, e das que soamente poderá dispoñerse para as
atencións derivadas da construcción das vivendas e locais. As devanditas
cantidades garantiranse mediante contrato de seguro comprometéndose a súa
devolución, cos seus correspondentes xuros legais, no caso de que a construcción
non se inicie ou non chegue a boa fin no prazo convido.
Artigo 123.-
Auditoría externa.
As cooperativas de vivendas, antes de presentarlle as súas
contas anuais á asemblea xeral ordinaria para o seu estudio e aprobación,
deberán sometelas a unha auditoría externa de contas. Esta obriga legal
subsistirá mentres non se produza a adxudicación ou cesión das vivendas ou
locais.
Sección 11.ª
Das cooperativas de ensino
Artigo 124.-
Cooperativas de ensino.
1.- Son cooperativas de ensino as que teñan por
obxecto desenvolver actividades docentes nos seus distintos niveis e
modalidades, podendo realizar con carácter complementario actividades conexas ou
que faciliten o seu obxecto principal.
2.- Consideraranse como
cooperativas de ensino de traballo asociado as integradas por profesores e
demais profesionais do ensino así como polo persoal de administración e
servizos, resultándolles aplicables as normas establecidas nesta lei para as
cooperativas de traballo asociado.
3.- Cando a cooperativa integre os
pais dos alumnos, os alumnos ou os seus representantes legais consideraranse
como cooperativas de ensino de consumidores e usuarios, resultándolles
aplicables as normas establecidas nesta lei para as cooperativas de consumidores
e usuarios.
Sección 12.ª
Das cooperativas de integración
social
Artigo 125.- Suxeitos e obxecto.
1.- As cooperativas de integración
social estarán constituídas por persoas naturais e, maioritariamente, por
diminuídos físicos, psíquicos, sensoriais ou
calquera outro colectivo con
dificultades de integración social, así como polos seus titores ou persoal de
atención. Teñen como finalidade promove-la integración social.
2.- O
obxecto destas cooperativas será prove-los seus socios de bens e servizos de
consumo xeral ou específicos para a súa subsistencia e desenvolvemento, así como
organizar, canalizar, promover e comercializa-los productos e servizos do
traballo dos socios, ou aqueloutros de tipo terapéutico, residencial, deportivo
ou asistencial que poidan resultar necesarios ou convenientes para o seu
desenvolvemento, asistencia e integración social.
A prestación do
traballo persoal rexerase polas normas establecidas nesta lei para as
cooperativas de traballo asociado.
3.- Nestas cooperativas poderán
participar como socios as administracións e entidades públicas responsables de
prestación de servizos sociais, así como os axentes sociais colaboradores de
prestacións de servizos sociais, mediante a designación dun representante e a
correspondente achega, prestando o seu apoio técnico, profesional e social e
participando nos órganos sociais, colaborando na boa marcha da
entidade.
Os socios diminuídos poderán estar representados nos órganos
sociais por quen posúa a súa representación legal.
Sección 13.ª
Das
cooperativas de servizos sociais
Artigo 126.- Cooperativas de servizos
sociais.
1.- Son cooperativas de servizos sociais as que teñen por obxecto a
prestación de todo tipo de actividades e servizos sociais, públicos ou
privados.
2.- Nestas cooperativas poderán participar como socios as
administracións ou entidades públicas, así como os axentes sociais colaboradores
da prestación de servizos sociais.
No suposto de participación de
entidades públicas, estas poderán reservar para si o control público en canto á
calidade e ás condicións da prestación dos servizos.
3.- Quedan excluídos
os servizos sociais que requiran o exercicio de autoridade pública.
4.-
Resultaralles aplicable a estas cooperativas o previsto nesta lei para as
cooperativas de traballo asociado, completando a súa clasificación como
tales.
Sección 14.ª
Das cooperativas de crédito
Artigo 127.-
Cooperativas de crédito.
1.- Son cooperativas de crédito aquelas que teñen
por obxecto servir ás necesidades financeiras activas e pasivas dos seus socios
e de terceiros, mediante o exercicio das actividades e dos servizos propios das
entidades de crédito.
2.- As cooperativas de crédito rexeranse pola súa
normativa específica, así como pola lexislación sobre as entidades de crédito en
xeral, resultándolles así mesmo aplicables con carácter supletorio esta lei e as
normas que a desenvolvan.
3.- As cooperativas de crédito poderán
utiliza-la denominación «caixa rural», cando o seu obxecto estatutario e
operativo preferente sexa a prestación de servizos financeiros dirixidos cara ao
medio rural.
4.- Só poderán utiliza-la denominación «cooperativas de
crédito», «caixa rural» ou outras análogas aquelas cooperativas das reguladas
neste artigo cos condicionantes e requisitos establecidos nel ou nas normas que
lles resulten aplicables.
5.- A consellería competente en materia de
economía e facenda da Xunta de Galicia exercerá as funcións que lle correspondan
sobre cooperativas de crédito, de conformidade coa lexislación
vixente.
Sección 15.ª
Das cooperativas de seguros
Artigo 128.-
Cooperativas de seguros.
Son cooperativas de seguros as que, consonte a
normativa ordenadora do seguro privado, exercen a actividade aseguradora en
calquera das súas ramas. Poderán organizarse e funcionar como entidades a prima
fixa ou a prima variable.
Sección 16.ª
Das cooperativas
sanitarias
Artigo 129.- Cooperativas sanitarias.
1.- Son cooperativas
sanitarias as que teñan por obxecto desenvolver actividades sanitarias nas súas
distintas modalidades de seguros a prima fixa, de traballo asociado ou de
consumidores e usuarios, e poderán realizar con carácter complementario
actividades conexas ou que faciliten o seu obxecto principal.
2.-
Consideraranse como cooperativas sanitarias de seguros aquelas nas que a súa
actividade empresarial consista en cubrir, a prima fixa, riscos relativos á
saúde dos asegurados e dos beneficiarios deles, resultándolles aplicable a
normativa establecida para as cooperativas de seguros.
3.- Consideraranse
como cooperativas sanitarias de traballo asociado as formadas por profesionais
da saúde e persoal non sanitario, séndolles aplicables as normas establecidas
para as cooperativas de traballo asociado.
4.- Consideraranse como
cooperativas sanitarias de consumidores e usuarios as integradas por persoas
físicas e xurídicas co fin de prestarlles asistencia sanitaria ós seus socios,
familiares e, se é o caso, ós seus traballadores, a través de establecementos
sanitarios, resultándolles aplicable, ademais da lexislación sanitaria, a
normativa establecida para as cooperativas de consumidores e
usuarios.
Capítulo II
Das cooperativas de segundo grao
Artigo 130.-
Suxeitos, obxecto e ámbito.
1.- Son cooperativas de segundo grao as que
integran a cooperativas da mesma ou distinta clase e a outras persoas xurídicas
públicas ou privadas, sempre que non superen o 25% do total de socios, e que
teñen por obxecto promover, coordinar e desenvolver fins económicos comúns das
súas entidades membros, así como reforzar ou integra-la actividade económica
deles.
Ningún socio destas cooperativas poderá posuír máis do 50% do
capital social da cooperativa de segundo grao.
Tamén poderán integrarse
en calidade de socios nas cooperativas de segundo grao os socios de
traballo.
2.- Cando a cooperativa se constitúa con fins de integración
empresarial, os estatutos determinarán as áreas de actividade empresarial
coordinadas, as bases para o exercicio da dirección conxunta do grupo e as súas
características.
Para estes efectos os estatutos das cooperativas sociais
poderán prever que se deleguen no consello reitor da cooperativa de segundo grao
as seguintes competencias:
- A elaboración e presentación do plan
empresarial básico común a todo o grupo.
- A representación legal da
sociedade cooperativa nos termos establecidos na escritura de apoderamento, que
unicamente poderá afectar ao xiro e tráfico ordinario da empresa.
- A
presentación do informe de xestión social relativo ás áreas de actividade
empresarial integradas, como mínimo unha vez ao ano.
A cooperativa de
segundo grao velará pola integración da actividade empresarial dos seus socios,
formulando as directrices de actuación conxunta do grupo, nas que deberá
enmarcarse o plan empresarial de todas as cooperativas socias.
3.- Na
asemblea xeral, cada persoa xurídica será representada pola persoa que teña a
súa representación legal. Pode tamén ser representada por outro socio dela, se
fose designado para tal efecto para cada asemblea, por acordo do seu órgano de
administración.
4.- Os membros do consello reitor, os interventores, os
membros, se é o caso, do comité de recursos e os liquidadores serán elixidos
pola asemblea xeral de entre os seus socios, se ben, se os estatutos o
establecen, poderán ser membros do consello reitor e do órgano de intervención
persoas non socios coas limitacións, os requisitos e as condicións establecidos
nesta lei para as cooperativas de primeiro grao.
5.- As persoas físicas
que representen ás persoas xurídicas no consello reitor, órgano de intervención,
comité de recursos e como liquidadores non poderán representalas nas asembleas
xerais da cooperativa
de segundo grao, e deberán asistir a elas con voz
pero sen voto.
6.- Nas cooperativas de segundo grao, se o prevén e regulan os
estatutos, o voto dos socios poderá ser proporcional ao volume de actividade
cooperativizada desenvolvida por cada un deles coa cooperativa e/ou ao número de
socios que integran a persoa xurídica asociada.
En todo caso, o número de
votos por socio non poderá ser superior ao terzo dos votos totais, agás que a
sociedade estea integrada só por tres sociedades cooperativas; neste caso o
límite elevarase ao 40%, e se a integrasen unicamente dúas, os acordos deberán
adoptarse por unanimidade.
Os estatutos deberán fixa-lo límite máximo do
total dos votos sociais que poderán te-las persoas xurídicas de natureza non
cooperativa na asemblea xeral, que non poderá ser superior en ningún caso ao 25%
dos votos presentes e representados na asemblea xeral.
En ningún caso
existirá voto dirimente ou de calidade.
7.- En caso de disolución e
liquidación dunha cooperativa de segundo grao, os fondos obrigatorios
transferiranse ao fondo da mesma natureza de cada unha das sociedades que a
constitúen, distribuíndose o resto do haber líquido resultante entre os socios,
todo iso en proporción ao importe do retorno percibido nos últimos cinco anos
ou, no seu defecto, desde a súa constitución. No caso de que non se percibisen
retornos, distribuirase en proporción ao volume de actividade cooperativizada
desenvolvida por cada socio coa cooperativa ou, no seu defecto, ó número de
socios de cada entidade agrupada na cooperativa.
Os retornos que perciban
as cooperativas socias das de segundo grao, así como os xuros devengados polas
súas achegas ao capital social, non terán o carácter de beneficios
extracooperativos.
8.- No non previsto nesta sección, as cooperativas de
segundo grao rexeranse pola regulación de carácter xeral establecida nesta lei
en todo aquilo que resulte aplicable.
Capítulo III
Outras formas de
colaboración económica
Artigo 131.- Formas de colaboración económica.
1.-
As sociedades cooperativas de primeiro e segundo grao poderán constituír e
participar, xunto con outras persoas físicas ou xurídicas, privadas ou públicas,
en sociedades, asociacións, agrupacións empresariais e consorcios e contraer
calquera outro vínculo societario, para facilitar ou garanti-las actividades que
desenvolven para a consecución do seu obxecto social ou para fins concretos e
determinados.
2.- Os excedentes, beneficios ou xuros obtidos polas
cooperativas polas participacións ou polos investimentos realizados nos supostos
ós que se refire o apartado anterior destinaranse como mínimo nun 50% ao Fondo
de Reserva Obrigatorio e nun
25% a dotación de capital social,
debidamente acreditado a cada socio en función da súa participación nas
actividades cooperativas.
Título IV
Das asociacións e representación
cooperativa
Capítulo I
Do asociacionismo e fomento cooperativo
Artigo
132.- Principios xerais.
1.- Para a defensa e promoción dos seus intereses en
canto a sociedades cooperativas, estas poderán asociarse libre e voluntariamente
en unións, federacións e confederacións de cooperativas.
2.- As
cooperativas, as súas unións, federacións e confederacións, así como o Consello
Galego de Cooperativas, integran o movemento cooperativo da Comunidade Autónoma
de Galicia.
3.- Os poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia
adoptarán as medidas necesarias para fomenta-lo asociacionismo das entidades
cooperativas e as relacións de intercooperación, coa colaboración e asistencia
do Consello Galego de Cooperativas.
Artigo 133.- Unións, federacións e
confederacións.
1.- As unións de cooperativas estarán constituídas cando
menos por cinco cooperativas da mesma clase, e poden formar parte delas as
sociedades cooperativas de segundo grao integradas maioritariamente por
cooperativas da mesma clase e tamén sociedades agrarias de
transformación.
As cooperativas que pertenzan a clases que non conten cun
número mínimo de sociedades, rexistradas na Comunidade Autónoma e con actividade
económica acreditada, necesario para a constitución dunha unión, poderán
asociarse entre si con independencia do seu número e da clase á que
pertenzan.
2.- Dúas ou máis unións poderán constituír federacións de
cooperativas.
3.- Só poderán incluír na súa denominación unha referencia a un
determinado ámbito xeográfico aquelas unións ou federacións que acrediten
asociar, directamente ou a través das entidades a elas asociadas, cando menos o
25% das cooperativas rexistradas na zona xeográfica correspondente.
4.-
Dúas ou máis federacións de cooperativas poderán constituír
confederacións.
Só cando unha confederación agrupe cando menos o 60% das
unións e federacións de cooperativas de Galicia, e cando entre todas elas
agrupen, á súa vez, máis do 30% das cooperativas rexistradas na Comunidade
Autónoma e con actividade económica acreditada, poderá denominarse confederación
de cooperativas de Galicia.
5.- Ningunha cooperativa poderá pertencer a
máis dunha unión, nin esta a máis dunha federación, e ningunha federación poderá
pertencer a máis dunha
confederación, en tódolos casos das rexidas por
esta lei.
Artigo 134.- Normas comúns: unións, federacións e confederacións de
cooperativas.
1.- Correspóndelles ás unións, federacións e confederacións
de cooperativas:
a) Representar ós membros que asocien, de acordo co que
establezan os seus estatutos.
b) Organizar, facilitar e financiar
servizos de asesoramento, de verificación de contas e de asistencia xurídica e
técnica, así como aqueloutros servizos que sexan convenientes ou necesarios para
os seus membros.
c) Fomenta-la promoción e a formación
cooperativa.
d) Realizar mediacións e conciliacións.
e) Exercer
calquera actividade de natureza análoga.
2.- As unións, federacións e
confederacións constituídas ao amparo desta lei, para adquiri-la personalidade
xurídica e plena capacidade de obrar, deberán depositar por medio dos seus
promotores no Rexistro de Cooperativas Central de Galicia escritura pública que
haberá de conter:
1.º) A relación das entidades promotoras, cos seus
datos identificativos.
2.º) A certificación do acordo de asociación de, cando
menos , o órgano de administración de cada unha delas.
3.º) A composición
dos órganos de representación e goberno da entidade.
4.º) O certificado da
Sección Central do Rexistro de Cooperativas da Administración xeral do Estado de
que non existe outra entidade con idéntica denominación.
5.º) Os
estatutos, que conterán como mínimo:
a) A denominación, que deberá incluír,
segundo proceda, os termos «unión de cooperativas», «federación de cooperativas»
ou «confederación de cooperativas», ou as súas abreviaturas «u. de coop.», «f.
de coop.» ou «c. de coop.».
b) O domicilio e ámbito territorial e
funcional de actuación da entidade.
c) Os órganos sociais, que serán como
mínimo a asemblea xeral e os de representación, goberno e administración, coa
regulación do seu funcionamento e do réxime de provisión electiva dos seus
cargos.
d) Os requisitos e procedementos para a adquisición e perda da
condición de asociado, así como o réxime de modificación de estatutos e de
fusión e disolución da entidade.
e) O réxime económico da entidade, co
establecemento do carácter, da procedencia e do destino dos recursos.
f)
A regulación do dereito de voto, co establecemento de limitacións ao voto
plural.
O rexistro de cooperativas competente dispoñerá, no prazo de
trinta días, a publicidade do depósito ou o requirimento ós seus promotores, por
unha soa vez, para que no prazo doutros trinta días emenden os defectos
observados. Transcorrido este prazo, o rexistro dispoñerá a publicidade ou
rexeitará o depósito mediante resolución exclusivamente fundada na carencia
dalgún dos requisitos mínimos a que se refire este capítulo.
A
publicidade do depósito realizarase no Diario Oficial de Galicia.
A entidade
adquirirá personalidade xurídica e plena capacidade de obrar transcorridos
trinta días hábiles desde que solicitou o depósito sen que o rexistro de
cooperativas formulase reparos ou rexeitase o depósito.
A modificación
dos estatutos das asociacións cooperativas xa constituídas axustarase ao mesmo
procedemento regulado neste número.
3.- As unións, federacións e
confederacións de cooperativas deberán comunicarlle ao Rexistro de Cooperativas
Central, no prazo dun mes desde que se produza o feito, as altas e baixas dos
seus socios directos, xuntando, nos casos de alta, certificación do acordo de
asociarse.
4.- A asemblea xeral estará formada polas entidades
directamente asociadas e, se é o caso, polas unións ou federacións que a
integran.
5.- O órgano de administración presentará para a aprobación da
asemblea xeral os estados financeiros do exercicio, o balance e a liquidación do
orzamento e o proxecto de orzamento do exercicio seguinte, ademais do informe de
xestión.
6.- Seranlles aplicables ás asociacións cooperativas, no que
proceda de acordo coa súa natureza, as disposicións establecidas nesta lei para
as sociedades cooperativas.
Capítulo II
Do Consello Galego de
Cooperativas
Artigo 135.- Natureza e funcións.
1.- O Consello Galego de
Cooperativas é o máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na
Comunidade Autónoma, con funcións, ademais, de carácter consultivo e asesor das
administracións públicas galegas naqueles temas que afecten o cooperativismo,
velando en todo momento polo cumprimento dos principios cooperativos, pola
axeitada aplicación desta lei e polo respecto das regras dunha xestión correcta
e democrática das cooperativas de Galicia, iso sen prexuízo das funcións
inspectoras que lle corresponden á administración.
Este órgano gozará de
plena capacidade de obrar para o exercicio das funcións previstas nesta lei e
nas súas normas de desenvolvemento, recoñecén
doselle a autonomía
suficiente para a execución delas e quedando adscrito á consellería competente
en materia de traballo.
2.- Correspóndenlle ao Consello Galego de
Cooperativas as seguintes funcións:
a) Facilitar e colaborar na
investigación, planificación e execución dos programas de desenvolvemento e
fomento do cooperativismo, prestando un especial interese polos programas da
Unión Europea, así como promove-la educación e formación cooperativa.
b)
Elaborar propostas e dictames en relación coas cuestións que afecten o
cooperativismo.
c) Realizar estudios e impulsa-las accións encamiñadas a
facilita-la intercooperación.
d) Emitir informe, con carácter preceptivo,
sobre os proxectos de disposicións legais e regulamentarias e demais normas que
afecten directamente as cooperativas ou as súas organizacións, así como
procura-la súa difusión.
e) Contribuír ao perfeccionamento do réxime
legal e institucional do ordenamento socioeconómico da Comunidade Autónoma de
Galicia.
f) Conciliar e exerce-la arbitraxe nas cuestións litixiosas que
se susciten entre cooperativas, entre estas e os seus socios, ou no seo delas
entre os seus socios, cando ambas as partes o soliciten ou ben estean obrigadas
a iso en razón ó establecido nos seus estatutos.
g) Promove-la educación
e formación cooperativa nos distintos niveis do sistema educativo
xeral.
h) Exercer todas as accións que resulten necesarias para
percibi-los fondos irrepartibles, así como o remanente do haber líquido social
das cooperativas.
i) Percibir, planificar e xestionar mediante un
programa específico os fondos de formación e promoción nos supostos previstos
nesta lei.
j) Todas aquelas funcións que lle veñan determinadas por esta
lei ou polas súas normas de desenvolvemento.
3.- Para o cumprimento dos
seus fins, o Consello Galego de Cooperativas poderá participar nos organismos e
nas institucións que contribúan ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia,
así como naqueloutros que poidan corresponderlle.
Artigo 136.-
Composición.
1.- O Consello Galego de Cooperativas estará integrado
maioritariamente polas entidades representativas das cooperativas e, ademais,
por representantes da Xunta de Galicia, dos concellos e das universidades da
Comunidade Autónoma, formando un órgano de carácter colexiado.
O número
respectivo de representantes determinarase regulamentariamente. O número de
repre
sentantes do cooperativismo non será inferior ao resto de membros
que integran o consello.
O presidente do Consello Galego de Cooperativas
será o conselleiro competente en materia de traballo.
2.- A
representación das cooperativas realizarase a través das unións, federacións ou
confederacións nas que aquelas se integren, en función da representación que
teñan segundo os datos que consten no Rexistro Central de
Cooperativas.
Non obstante, as cooperativas de crédito que non acaden o
número suficiente para a constitución dunha unión das reguladas nesta lei, dado
o seu especial obxecto e finalidade así como a súa suxeición á normativa
específica, poderán contar cun representante no consello.
Un destes
representantes exercerá o cargo de vicepresidente.
3.- A estructura, a
composición e as funcións dos órganos do consello, o sistema de elección e as
atribucións determinaranse regulamentariamente.
Título V
Da
administración pública e as cooperativas
Artigo 137.- Principios
xerais.
1.- A Xunta de Galicia recoñece de interese social a promoción e o
desenvolvemento das sociedades cooperativas e das súas estructuras de
integración económica e representativa, garantíndose a súa liberdade e
autonomía.
Neste marco, realizará unha política de fomento do movemento
cooperativo e adoptará as medidas necesarias para promove-la constitución e o
desenvolvemento de cooperativas, de forma que poidan cumpri-los seus obxectivos
económicos e sociais, de acordo cos principios cooperativos informadores desta
lei.
2.- A correspondente actuación levarase a cabo a través da
consellería competente en materia de traballo, á que se dotará de recursos e
servizos necesarios para o cumprimento das súas funcións, sen prexuízo das
competencias doutras consellerías en función da actividade empresarial que
desenvolvan as cooperativas para o cumprimento do seu obxecto social.
3.-
A Administración local, no ámbito das súas competencias, procurará considerar
dentro dos seus plans ou programas de actuación a promoción e o desenvolvemento
das sociedades cooperativas.
Artigo 138.- Inspección das
cooperativas.
Correspóndelle á consellería competente en materia de traballo
a potestade da función inspectora en relación co cumprimento desta lei.
A
función inspectora sobre o cumprimento da lexislación cooperativa, así como do
seu desenvolvemento estatutario segundo o previsto nesta lei, exerceraa a dita
consellería a través da Inspección de Traballo
e Seguridade Social, sen
prexuízo das funcións inspectoras que lles correspondan a outras consellerías en
función da lexislación específica aplicable.
Esta función realizarase
preferentemente con carácter preventivo, para contribuír ao mellor cumprimento
da lexislación cooperativa. Os inspectores prestarán o seu asesoramento para
evitar que as cooperativas incorran en infracción, podendo advertir e aconsellar
en lugar de iniciar un procedemento sancionador.
Artigo 139.- Infraccións
e sancións.
1.- As sociedades cooperativas son suxeitos responsables das
accións e omisións contrarias á lei e ós estatutos, con independencia da
responsabilidade dos membros dos seus órganos sociais en canto lles sexan
imputables con carácter solidario ou persoal, ben de forma directa ou porque
poida vir esixida a través de derivación de responsabilidade.
2.1.- Son
infraccións moi graves:
a) Utiliza-la sociedade cooperativa para encubrir
finalidades alleas a estas entidades, á clase na que se encadren ou ao seu
obxecto social.
b) Non somete-las contas anuais a auditoría externa nos
supostos previstos nas normas legais e nos estatutos.
c) Non destinar ós
fondos sociais obrigatorios as porcentaxes mínimas establecidas por esta lei,
polos estatutos ou por acordo da asemblea xeral.
d) Acreditar retornos
cooperativos a quen non teña a condición de socio, ou por causas distintas ás
actividades cooperativizadas realizadas polo socio.
e) Reparti-los fondos
sociais obrigatorios e os voluntarios con carácter de irrepartibles, así como,
se é o caso, o haber líquido social.
f) Imputa-las perdas contradicindo o
establecido nesta lei ou nos estatutos.
g) Excede-los límites legais na
contratación de asalariados e en xeral supera-las porcentaxes máximas nas
operacións con terceiros.
h) Fixar ou acreditar un tipo de xuro polas
achegas ao capital social superior ou inferior ao legal ou estatutariamente
establecido.
i) Aplica-los excedentes vulnerando o previsto nesta
lei.
j) Supera-la proporción que se fixe, de acordo co previsto no número 5
do artigo 10 desta lei, para as cooperativas con sección de
crédito.
2.2.- Son infraccións graves:
a) Transgredi-los dereitos dos
socios e en particular en materia de información, como elector e elixible para
os cargos dos órganos sociais, a participar con voz e voto na asemblea xeral e
na actividade empresarial que desenvolve a cooperativa sen ningunha
discriminación.
b) Non convocar en tempo e forma a asemblea xeral
ordinaria e a asemblea xeral extraordinaria, cando proceda.
c) Non
renovar ou cubri-los cargos dos órganos sociais cando corresponda por imperativo
legal ou estatutario.
d) Non depositar no rexistro de cooperativas os
documentos esixidos por esta lei e polas súas normas de
desenvolvemento.
e) Non formalizar e non presentar no rexistro de
cooperativas, para a súa inscrición, os acordos inscribibles.
f) Non
levar en orde e por un tempo que exceda de tres meses a partir do último
asentamento a documentación social e contable obrigatoria.
g)
Transgredi-los dereitos dos asalariados, así como incumpri-las normas
establecidas sobre participación deste persoal no consello reitor ou nos
excedentes dispoñibles.
h) Non aplica-lo Fondo de Formación e Promoción
Cooperativa ós seus fins específicos.
2.3.- Son infraccións leves:
a)
Omiti-lo dictame do letrado asesor, cando sexa preceptivo, naqueles documentos
esixidos por esta lei cando deban elevarse ao rexistro de
cooperativas.
b) Atrasarse na presentación ou no depósito no rexistro de
cooperativas dos documentos esixidos por esta lei.
c) Non acreditarlles
ós socios as súas achegas ao capital social na forma prevista nesta
lei.
d) Non formula-los interventores, cando proceda, o seu informe sobre
as contas anuais, nos prazos establecidos.
e) Incumpri-las obrigas
impostas polo artigo 24.1 do Código de comercio para os empresarios individuais,
sociedades e entidades suxeitas a inscrición obrigatoria no rexistro
mercantil.
f) Calquera outra que afecte a obrigas de carácter formal ou
documental esixidas na lexislación cooperativa e que non estea tipificada neste
artigo.
3.- As infraccións graduaranse para os efectos da súa
correspondente sanción en grao mínimo, medio e máximo, en función da neglixencia
e intencionalidade, falsidade, incumprimento das advertencias previas e
requirimentos da inspección, número de socios afectados, prexuízo causado,
repercusión social e dimensión da cooperativa.
Cando non se considere
relevante para estes efectos ningunha das circunstancias anteriormente
sinaladas, a sanción impoñerase no grao mínimo na súa contía
inferior.
3.1.- As infraccións leves sancionaranse con multa de 25.000 a
100.000 pesetas; as graves, con multa de 100.001 a 1.000.000 de pesetas, e as
moi graves
con multa de 1.000.001 a 5.000.000 de pesetas ou coa
descualificación da cooperativa.
3.2.- As sancións poderán impoñerse nos
graos de mínimo, medio e máximo.
As faltas leves sancionaranse con multa, no
seu grao mínimo, de 25.000 a 50.000 pesetas; no seu grao medio, de 50.001 a
75.000 pesetas, e no seu grao máximo, de 75.001 a 100.000 pesetas.
As
faltas graves sancionaranse con multa, no seu grao mínimo, de 100.001 a 250.000
pesetas; no seu grao medio, de 250.001 a 500.000 pesetas, e no seu grao máximo,
de 500.001 a 1.000.000 de pesetas.
As faltas moi graves sancionaranse con
multa, no seu grao mínimo, de 1.000.001 a 2.000.000 de pesetas; no seu grao
medio, de 2.000.001 a 3.000.000 de pesetas, e no seu grao máximo, de 3.000.001 a
5.000.000 de pesetas.
3.3.- Se se apreciase reincidencia aplicarase o
dobre da sanción económica correspondente. Existe reincidencia cando se comete
unha infracción do mesmo tipo e cualificación ca a que motivou unha sanción
anterior no termo dun ano desde a comisión desta; neste suposto requirirase que
a resolución sancionadora adquirise firmeza.
4.- As infraccións reguladas
neste artigo prescribirán ós doce meses desde que a administración pública
tivese coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ao ano as que teñan carácter
de leves, ós dous anos as graves e ós tres anos as moi graves, contados a partir
da data na que se producisen.
5.- O coñecemento das infraccións e a
imposición de sancións correspóndenlle á consellería competente en materia de
traballo, en virtude de acta levantada pola Inspección de Traballo e Seguridade
Social, e mediante a tramitación do correspondente expediente de conformidade
coas seguintes normas de competencia para a súa imposición:
a) Delegados
provinciais da consellería competente en materia de traballo, ata 1.000.000 de
pesetas, cando a cooperativa figure inscrita nos correspondentes rexistros
provinciais.
b) Direitor xeral competente en materia de traballo, ata
3.000.000 de pesetas.
c) Conselleiro competente en materia de traballo, ata
5.000.000 de pesetas.
6.- Na tramitación dos expedientes sancionadores
resultará aplicable a normativa específica en materia de infraccións e sancións
na orde social.
Artigo 140.- Intervención temporal das cooperativas e
outras medidas.
1.- Cando como consecuencia do coñecemento de irregularidades
nunha cooperativa concorran circunstancias que poñan en perigo a propia
cooperativa ou os intereses dos socios ou de terceiros, o conselleiro competente
en materia de traballo, e
logo de informe do Consello Galego de
Cooperativas, que se emitirá no prazo de dez días, téndose por executado
favorablemente transcorrido o dito prazo, poderá acorda-las seguintes medidas
temporais:
a) Designar un funcionario con facultade de convocar e
presidi-la asemblea xeral, establecendo a orde do día.
b) Nomear
funcionarios para intervi-los órganos da cooperativa, carecendo de validez os
acordos que se adopten sen a súa aprobación.
2.- Así mesmo, o dito
conselleiro poderá designar un funcionario ou un representante do Consello
Galego de Cooperativas, con funcións asesoras dos órganos sociais da
cooperativa, que asistirá para tal fin ás reunións destes.
3.- O acordo
será inmediatamente executivo, sen prexuízo da interposición dos recursos xerais
que procedan.
4.- Para a adopción das medidas sinaladas no número 1 deste
artigo, cando afecten a cooperativas de crédito ou seguros, será preceptivo o
informe da consellería competente en materia de economía e
facenda.
Artigo 141.- Descualificación da cooperativa.
1.- O
conselleiro competente en materia de traballo poderá acorda-la descualificación
da cooperativa cando concorra algunha das seguintes causas:
a) As
sinaladas no artigo 86 desta lei, coa excepción das previstas nas súas letras
a), b) e f).
b) A comisión de calquera infracción cualificada como moi
grave cando poida provocar importantes prexuízos económicos ou
sociais.
c) A perda ou o incumprimento dos requisitos necesarios para a
cualificación da sociedade como cooperativa.
2.- O procedemento
axustarase ás normas reguladoras do procedemento administrativo común, coas
seguintes particularidades:
a) Deberá emitir informe preceptivo a
Inspección de Traballo no prazo dun mes. No mesmo prazo emitirá informe o
Consello Galego de Cooperativas, transcorrido o cal se dará por executado en
sentido favorable.
Nos supostos de que a medida afecte a cooperativas das
previstas no número 4 do artigo precedente, será preceptivo o informe da
Consellería de Economía e Facenda.
b) No trámite de audiencia,
comparecerá o órgano de administración ou, no seu defecto, os socios, en número
non inferior a tres. Cando non se producise a dita comparecencia, o trámite
cumprirase mediante a correspondente publicación no Diario Oficial de
Galicia.
c) A resolución administrativa será revisable en vía
contencioso-administrativa, e, se se recorrese
contra ela, non será
executiva mentres non recaia sentenza firme e definitiva.
3.- Unha vez que a
descualificación adquirise carácter de firmeza, producirá efectos rexistrais de
oficio e implicará a disolución da cooperativa.
4.- Transcorridos dous
meses desde a disolución sen que se efectuase o nomeamento de liquidadores e a
aceptación do cargo, os administradores e os interventores deberán, e calquera
socio poderá, solicitar do Consello Galego de Cooperativas o nomeamento de
liquidadores, que poderá recaer en persoas non socios da cooperativa.
Transcorrido o dito prazo, a consellería competente en materia de traballo
poderá instar, así mesmo, o dito nomeamento.
Artigo 142.- Medidas de
fomento.
1.- As cooperativas, independentemente da súa cualificación fiscal,
terán a condición de maioristas, polo que lles serán aplicables os prezos ou as
tarifas correspondentes, e poderán detallar como minoristas na distribución ou
venda.
2.- Non terán a consideración de vendas, resultando como
operacións societarias internas, as entregas de bens e prestacións de servizos
que lles realicen as cooperativas ós seus socios, xa sexan producidos por elas
ou adquiridos a terceiros para o cumprimento dos seus fins sociais.
3.-
As cooperativas que concentren as súas empresas mediante calquera das figuras
xurídicas recoñecidas legalmente, así como outras formas de colaboración
económica, gozarán de tódolos beneficios outorgados na lexislación aplicable
sobre agrupación e concentración de empresas.
4.- As cooperativas terán
dereito preferente nos casos de empate nos concursos e nas poxas en que
participen, convocados polas administracións públicas galegas e entes
dependentes delas, para a realización de obras, servizos e
subministracións.
5.- A Xunta de Galicia poderá cualificar como entidades
de carácter non lucrativo as cooperativas que, polo seu obxecto, actividade e
criterios económicos de funcionamento, acrediten a súa función social. Estas
cooperativas terán como condición mínima que os excedentes de explotación da
actividade, no caso de existiren, se reinvestirán na súa totalidade na mellora
da cooperativa.
6.- A consellería competente en materia de economía e
facenda poderá adopta-las medidas oportunas para que os títulos e os valores
emitidos por sociedades cooperativas co fin de atende-lo seu obxecto social
sexan cualificados como aptos para os efectos de cubri-lo coeficiente de
investimento obrigatorio das caixas de aforros, de acordo coas disposicións que
lles sexan aplicables. Para estes efectos, destinarase, como mínimo, a
porcentaxe que determine esta consellería do total do fondo das caixas de
aforros ocupado en investimentos obrigatorios cualificados pola citada
consellería.
Disposición adicional primeira
Nos prazos sinalados nesta
lei por días, o cómputo farase en días hábiles.
Cando os prazos se fixen por
meses ou anos, rexerá o disposto no Código civil.
Cando o último día do prazo
sexa inhábil, este entenderase prorrogado ao primeiro día hábil
seguinte.
Disposición adicional segunda
A contía das sancións
establecidas no artigo 139 desta lei poderá ser actualizada periodicamente pola
Xunta de Galicia por proposta do conselleiro competente en materia de traballo,
tendo en conta a variación dos índices de prezos ao consumo.
Disposición
adicional terceira
Resultaranlles aplicables ás entidades reguladas por esta
lei os beneficios fiscais, arancelarios e de calquera outra índole establecidos
na lexislación cooperativa estatal en todo o que non se opoña a esta
lei.
Disposición transitoria primeira
Esta lei aplicaráselles a todas
as sociedades cooperativas reguladas por ela, con independencia da data da súa
constitución, e o contido das súas escrituras ou estatutos quedará sen efecto en
todo o que a ela se opoña.
Disposición transitoria segunda
Os
expedientes en materia de entidades cooperativas iniciados antes da entrada en
vigor desta lei tramitaranse e resolveranse de conformidade coas disposicións
ata agora en vigor, coa excepción do procedemento de liquidación e
transformación, en canto ao destino do haber social, que se adecuará ás
previsións contidas nela.
Disposición transitoria terceira
No prazo de
tres anos, contados desde a publicación do calendario que se estableza no
regulamento do rexistro de cooperativas, as cooperativas e as súas unións e
federacións ás que lles sexa aplicable esta lei deberán adapta-los seus
estatutos a ela.
As referidas entidades que, no correspondente prazo, non
adaptasen os seus estatutos e solicitasen do rexistro de cooperativas competente
a súa inscrición, quedarán disoltas de pleno dereito e entrarán en período de
liquidación, sen prexuízo da posibilidade prevista no artigo 88 desta
lei.
A adaptación dos estatutos levarase a cabo na forma establecida
nesta lei para a súa modificación, coas seguintes particularidades:
1)
Non será necesaria a presentación de informe escrito sobre a súa conveniencia e
xustificación.
2) Para a aprobación do texto adaptado pola asemblea xeral
será necesaria unha maioría de dous terzos dos votos presentes e
representados.
3) A escritura pública de modificación de estatutos deberá
conter en todo caso:
a) O texto íntegro dos estatutos adaptados.
b) A
acreditación de que o capital social mínimo fixado estatutariamente está
totalmente desembolsado.
Cando a cooperativa estivese inscrita nun
rexistro de cooperativas distinto ao que resulte competente, o rexistro
correspondente pasará a exercer respecto daquela todas as funcións rexistrais
desde o momento no que a cooperativa inste ante el a adaptación dos seus
estatutos; competencia que alcanzará, incluso, ás inscricións e ós demais
trámites rexistrais necesarios para a inscrición da escritura pública de
adaptación.
Disposición transitoria cuarta
En tanto non entre en vigor
o regulamento do Rexistro de Cooperativas de Galicia, resultarán aplicables as
disposicións vixentes ata a data en materia rexistral.
Disposición
transitoria quinta
Ata que non se constitúa o Consello Galego de
Cooperativas, a dirección xeral competente en materia de traballo asumirá as
seguintes funcións atribuídas a el:
1) Nomear liquidadores no suposto
previsto no artigo 89 desta lei.
2) Percibi-lo Fondo de Formación e
Promoción, así como os demais fondos irrepartibles e o remanente do haber
líquido social ou o patrimonio social das cooperativas nos casos previstos nesta
lei, que se depositarán na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma á
disposición do futuro Consello Galego de Cooperativas.
Naqueles supostos
nos que esta lei estableza a necesidade do previo informe do Consello Galego de
Cooperativas, entenderase como non establecido o dito
requisito.
Disposición transitoria sexta
Aquelas cooperativas que á
entrada en vigor desta lei non se atopen reguladas nela deberán adapta-los seus
estatutos segundo o previsto na disposición transitoria terceira, adoptando a
clase de cooperativa que corresponda das previstas no título terceiro desta
lei.
Disposición transitoria sétima
As sociedades cooperativas que na
data de publicación desta lei conten cun número de asociados, dos previstos no
capítulo V da Lei 3/1987, do 2 de abril, xeral de cooperativas, superior ao
establecido como máximo nesta lei para os socios colaboradores, dispoñerán dun
prazo de cinco anos a partir da súa entrada en vigor para axustarse ao límite
establecido no número 1 do artigo 29 desta lei.
O devandito prazo poderá
ampliarse por proposta da consellería competente en materia de
traballo.
Disposición derrogatoria única
Quedan derrogadas cantas
normas de igual ou inferior rango contradigan ou se opoñan ao establecido nesta
lei dentro do seu ámbito de aplicación, sen prexuízo do establecido na
disposición transitoria cuarta.
Disposición derradeira primeira
Esta
lei entrará en vigor ós dous meses da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.
Disposición derradeira segunda
A consellería competente en
materia de traballo queda facultada para aclarar e interpreta-las normas
contidas nesta lei, e poderá ademais dictar normas relativas á petición de datos
ás cooperativas para efectos estatísticos.
Disposición derradeira
terceira
Facúltase a Xunta de Galicia para que no prazo de dezaoito meses, e
por proposta do conselleiro competente en materia de traballo, dicte as normas
necesarias para o desenvolvemento desta lei.
Igualmente, autorízase para
que, polo mesmo procedemento, dicte todas aquelas disposicións que resultasen
convenientes para a aplicación dela.
Santiago de Compostela, dezaoito de
decembro de mil novecentos noventa e oito.
Manuel Fraga
Iribarne
Presidente
|
© Xunta de Galicia 1998 Información mantida pola Xunta de Galicia Servizo Prestado pola Consellería da Presidencia e Admón. Pública URL: http://www.xunta.es/dog/dog.nsf E-mail:webdoga@xunta.es |