| |
En el
presente texto se da a conocer el índice y un fragmento de
30 págs. del libro titulado Luce Irigaray, publicado
en la colección Baía Pensamento de la Editorial
Baía Edicións, A Coruña - España,
2004. Autora: Purificación Mayobre Rodríguez. Idioma:
Gallego.[ comercial@baiaedicions.com
]
1. Contexto histórico,
vital e profesional.
1.1. A pensadora no seu tempo.
1.2. Biobibliografía.
1.3. Para leer a Luce irigaray.
2. Crítica dunha cultura monosexuada.
2.1. Speculum.
2.1.1. Acerca do título.
2.1.2. Acerca do subtítulo.
2.1.3. Espello, speculum,
Especula(riza)r.
2.2. Crítica á filosofía.
2.2.1. Espéculo.
2.2.2. A hístera
de Platón.
2.2.3. A mística.
3. A diferencia sexual.
3.1. A cultura da percepción.
3.2. O outro: muller
3.3. A lingua non é neutra.
3.4. Dereitos sexuados.
3.5. Educación.
3.6. Xenealoxías femeninas.
3.7. O Amor.
3.8. Entre Oriente e Occidente.
4. Escolma de textos.
5. Glosario.
6. Bibliografía.
7. Notas.
"Non
se trata de cambiar tal ou cual cousa nun horizonte xa definido como
cultura humana, senón de cambiar o propio horizonte. Trátase
de comprender que a nosa interpretación da identidade humana
é incorrecta na teoría e na praxe".
Luce Irigaray,
Amo a ti, p. 36.
1.2. Biobibliografía
Non
se coñecen moitos datos persoais de Luce Irigaray, xa que a
autora pensa que a mellor maneira de desacreditar a unha muller pensadora
é reducila a súa biografía, polo que en xeral
mantén unha posición antiautobiográfica co fin
de que os seus traballos sexan xulgados por si mesmos e non polos
feitos máis ou menos relevantes da súa vida persoal.
En calquera caso, coñecemos algúns feitos particularmente
significativos procedentes -na maioría dos casos- das revelacións
que fixo a autora nalgunha entrevista ou nalgúns dos seus libros.
Naceu
en Blaton (Bélxica) en 1932 e é filósofa, lingüista,
psicóloga e psicoanalista. Foi docente na Hig School Secundaria
de Bruxelas desde 1956 a 1959 e desde 1962 a 1964 traballou para a
Fundación Nacional de Investigación Científica
de Bélxica. Posteriormente trasladouse a París, participando
nos seminarios psicoanalíticos de Lacan, ao tempo que se involucraba
no Movemento de Liberación deMulleres (MLF). Forma parte do
grupo "Psy-et-Po" (Psychanalyse et Politique), liderado
por Antoinette Fouqué, que posteriormente cambiou o nome por
"Politique et Psychanalyse", e que representaba a á
esquerda ou "revolucionaria" do movemento de mulleres.
Influenciada
pola teoría feminista comenza un traballo de investigación
consistente en repensar as categorías fundamentais da psicoanálise
e da filosofía a partir de temas como a sexualidade femenina,
o inconscinte, o corpo da muller, o vínculo da muller coa nai,
que culminou coa publicación da súa tese de doutoramento
Speculum en 1974, que provocou a súa ruptura con Lacan
e a súa expulsión da Escola de Vincennes, do departemento
de psicoanálise de Vincennes, contiguo á Universidade
de París VIII.
Cando
foi expulsada da escola lacaniana recorreu á gran líder
do feminismo francés, Simone de Beauvoir, esperando recibir
o seu apoio, sen embargo "Simone de Beauvoir non respondeu endexamais.
A súa actitude entristeceume; buscaba nela unha lectora atenta
e intelixente, unha irmá que me apoiara nas dificultades universitarias
e institucionais que precisamente me causou aquel libro. Mais ¡ai!
a miña esperanza veuse frustrada. O único xesto de Simone
de Beauvoir consistiu en pedirme datos sobre Le Langage des Déments
cando ela se dedicaba a escribir sobre a vellez. Non se cruzou entre
nós unha soa palabra que tivera que ver coa liberación
das mulleres"[1].
Na
década dos setenta-oitenta estivo moi implicada no movemento
de mulleres, dando conferencias e seminarios por toda Europa, sendo
publicadas varias delas. Por exemplo, en 1984, publícase Éthique
de la Différence Sexuelle, que é unha compilación
das conferencias que pronunciou na Universidade Erasmus de Rotterdam
durante o segundo semestre de 1982 e, en 1987, Sexes et Parentés,
que é outra escolma de conferencias.
Nos
anos oitenta incrementa os seus vínculos co movemento feminista
italiano, principalmente con Diótima, comunidade filosófica
de mulleres da universidade de Verona e, en particular coa persoa
máis carismática de dita comunidade, Luisa Muraro, á
que entrevista no artículo titulado "Más mujeres
que hombres", publicado no seu libro Yo, tú, nosotras[2].
Tamén mantén unha estreita relación co movemento
comunista italiano como queda ben patente no prólogo de Amo
a ti, no que narra o positivo que resultou a súa colaboración
nunha política mixta para a elección de Renzo Imbeni,
alcalde comunista de Bolonia, ao Parlamento Europeo.
A
colaboración práctica e política máis
comprometida e máis recente está recopilada no texto,
La democrazia comin cia
a due (1994), no que se recolle a súa aportación
como conselleira na Comisión para a Igualdade de Oportunidades
para a rexión italiana Emilia-Romagna, rexión que a
invitou para que educara a súa cidadanía nos seus ideais
políticos. Así mesmo é coautora con Renzo Imbeni
dun Informe sobre la Ciudadanía de la Unión,
informe basado no recoñecemento da diferencia sexual como fundamento
privilexiado para a construcción de novas formas de convivencia
humana respetuosas de todas as formas de alteridade.
Na
década dos noventa é nomeada directora da Comisión
de Filosofía do Centro Nacional de Investigacións Científicasde
París, cargo que compatibiliza coa docencia no Colexio Internacional
de Filosofía de París e nas Universidades de Turín
e Bolonia.
Nos
últimos años da un xiro no seu pensamento e gran parte
das súas reflexións están dedicadas ácultura
oriental. Esta nova etapa iníciase a partir da relectura de
autores como Nietzsche, Heidegger e, sobre todo, despois de sufrir
un accidente automovilístico a raíz do que se lle recomenda
a práctica do ioga. Dita práctica suscita o seu interés
e curiosidade por certos textos da India, nos que descubre unha forma
de pensar moi diferente á occidental e moi próxima aos
seus presupostos teóricos, xa que o pensamento oriental -como
o seu propio pensamento- presenta unha maior preocupación pola
realidade máis inmediata e pola identidade femenina, ademais
de ser un pensamento máis encarnado e que mantén unha
actitude máis respetuosa coa natureza e co cosmos en xeral.
Esta nova fase tradúcese no seu libro Tra Oriente e Occidente.
En canto a súa bibliografía
convén salientar os seguintes escritos:
Irigaray, L., Le langage des déments. The Hague, Mouton,
1973.
Irigaray, L., Speculum de l´autre femme. Éditions
de Minuit, París, 1974. Traduc. cast.: Baralides, A..,Speculum.
Espéculo de la otra mujer. Saltés, Madrid, 1978.
Irigaray, L., Ce sexe qui n´en est pas un. París.
Éditions de Minuit, París, 1977. Traduc. cast.: Tubert,
S., Ese sexo que no es uno. Saltés, Madrid, 1982
Irigaray, L., Et l´une ne bouge pas sans l´autre.
Éditions de Minuit, París, 1979.
Irigaray, L., Amante Marine. De Friedrich Nietzsche.
Éditions de Minuit, París, 1980.
Irigaray, L., Le corps à corps avec le mère.
Éditions de la Pleine Lune, París, 1981. Traduc. cast.:
Bofil, M., Carvallo, A., El cuerpo a cuerpo con la madre. El otro
género de la naturaleza. Otro modo de sentir. La Sal, Barcelona,
1985.
Irigaray, L., Passions elementaires. Éditions de Minuit.
París, 1982.
Irigaray, L., La Croyance même. Éditions Galilée,
París, 1983
Irigaray, L., L´Oubli de l´aire. Chez Martin Heidegger.
Édition de Minuit, París, 1983.
Irigaray, L., Éthique de la différence sexuelle.
Éditions de Minuit, París, 1984.
Irigaray, L., Parler n´est jamais neutre. Éditions
de Minuit, París, 1985.
Irigaray, L., Sexes et parentés. Édition de Minuit,
París, 1987. Traduc. it.: L. Muraro, Sessi e genealogie.
La Tartaruga, 1989.
Irigaray, L., Le sexe linguistique, (collectif). Langages,
nº 85, Éditions Larousse, 1989.
Irigaray, L., Le temps de la différence. Librairie Générale
Française, París, 1990.
Irigaray, L., Sexes et genres à travers les langues: Éléments
de communication sexuée. Grasset, París, 1990.
Irigaray, L., Je, tu, nous. Éditions Grasset, París,
1990. Traduc. cast.: Linares, P., Yo, tú, nosotras.
Cátedra, Madrid, 1992.
Irigaray, L., J´aime à toi. Editions Grasset et
Fasquelle, París, 1992. Traduc. cast.: Goldstein, V., Amo
a tí. Bosquejo de una felicidad en la historia. Icaria,
Barcelona, 1994.
Irigaray, L., Genres culturels et interculturels, (collectif).
Langages, nº 111, Éditions Larousse, 1993.
Irigaray, L., La democrazia comincia a due. Éditions
Bollati Boringhieri, Torino, 1994.
Irigaray, L., "La diferencia sexual como fundamento de la democracia"
en Duoda. Revista d´Estudis feministes, nº 8, 1995.
Irigaray, L., Le souffle des femmes. ACGF, París, 1996.
Irigaray, L., Tra oriente e occidente: dalla singolarità
alla comunità. Le Esche. Roma, 1997.
Irigaray, L., Progetto di formazione alla cittadinanza per ragazze
e ragazzi, per donne e uomini / Luce Irigaray su incarico della
Commissione per la realizzazione della parità fra uomo e donna
della Regione Emilia-Romagna. 1997.
Irigaray, L., Être Deux. Éditions Grasset &
Fasquelle, París, 1997. Traduc. cast.: Willson, P., Ser
dos. Paidós, Buenos Aires, 1998.
Irigaray, L., La chiave per uma convivenza universale. Biblioteca
di Casalmaggiore, 1999.
Irigaray, L., "Sostituire il desiderio per l´altro al bisogno
di droghe". Animazione Sociale. Febbraio, 2000.
Irigaray, L., "La question de l´autre". Labrys,
études féministes. Nº 1-2, juillet/décembre
2002.
1.3.
Para leer a Luce Irigaray
Antes de comenzar a expoñer o pensamento de Luce Irigaray é
preciso facer unha serie de advertencias acerca da súa obra:
1.- Os escritos da nosa autora teñen un forte carácter
literario, evocador, imaxinativo, provocador, o que favorece lecturas
e interpretacións moi diferentes da súa obra, desde
a exaltación hasta o rechazo total.
2.- Unha utilización peculiar da linguaxe, desde a perspectiva
de "parler femme", polo que evoca máis que expón
ou alude máis que explica pormenorizadamente. O resultado é
unha gran ambigüidade, incrementada polos neoloxismos que crea
a autora mediante a utilización de prefixos, infijos, sufixos
ou polos xogos de linguaxe e palabras que favorecen a homofonía
e a parafonía, moi elocuentes na lingua francesa, mais que
en moitos casos son intraducibles a outras linguas. O carácter
problemático do seu pensamento increméntase pola contemporeneidade
da autora., o que a súa vez acrecenta a dificultade de reducir
o seu pensamento a unha exposición sistemática e conceptual.
3.- Que no seu pensamento podemos distinguir catro períodos.
Un primeiro período deconstructivo, caracterizado pola crítica
a unha cultura monosexuada e falogocéntrica, marcado fundamentalmente
pola publicación de Speculum. De la otra mujer en 1974.
Unha segunda etapa na que propón certas alternativas para a
construcción dunha subxectividade femenina e da que o libro
máis significativo quizais sexa Yo, tú, nosotras. Na
terceira fase está empeñada na construcción dunha
cultura de dous suxeitos respetuosos das súas diferencias,
que sexa modelo para unha coexistencia da diversidade a nivel universal,
como se pode observar en Ser Dos ou Amo a ti. A cuarta
e última época está moi influenciada pola cultura
oriental.
En calquera caso é necesario reparar en que a clasificación
anterior non deixa de ser artificial, pois como afirma a propia autora
toda a súa reflexión filosófica -desde a contida
en Speculum hasta as súas últimas publicacións-
está orientada a levar a cabo un labor deconstructivo dunha
cultura patriarcal e a avanzar unha cultura da diferencia sexual.
O carácter artificioso da clasificación amósase,
sobre todo, na segunda e na terceira etapa, que en realidade é
un continuum, en tanto que a primeira e a cuarta están máis
diferenciadas.
2.
Crítica dunha cultura monosexuada
O pensamento occidental -di a autora- eríxese sobre un matricido
orixinario, o asasinato da muller-nai narrado en La Orestíada,
moito máis arcaico que o parricidio que Freud expón
en Totem y Tabú como orixe da civilización. O
resultado deste matricidio é que desde os albores da nosa civilización
exclueuse á muller, negouse a diferencia, a alteridade, como
queda ben patente no pensamento de Platón, fundador dunha economía
binaria, dunha tradición logocentrica, ou mellor dito falogocéntrica
e dunha cultura hom(m)osexual, non no sentido erótico do término
senón no sentido de que o verdadeiro suxeito e protagonista
desta tradición foi o suxeito masculino.
A
consolidación desta cultura monosexuada ten lugar alá
polo século V a. c. coa aparición da filosofía
e, particularmente, coa instauración do dualismo ontolóxico
de Platón, creador da metafísica da identidade, é
dicir, dunha metafísica que funciona producindo oposicións
binarias e xerárquicas en virtude das que se nega ou se infravalora
o real, o corpóreo, o continxente, en tanto que o que en principio
é menos real, o mundo das ideas, do inmutable, do permanente
e do necesario, pasa a ser o realmente existente. A consecuencia desta
concepción platónica é o establecemento e valoración
da lóxica da identidade ou binaria, lóxica que se fundamenta
nunha serie de dicotomías: Verdadeiro/Falso, Bon/Malo, Blanco/Negro,
Home/Muller, Cultura/Natureza, Intelecto/Corpo... Esta visión
dicotómica da realidade conleva unha xerarquización
das partes implicadas e unha priorización dos primeiros términos
sobre os segundos. Conleva tamén a asociación do varón
coa razón e coa cultura, en tanto que á muller se lle
identifica coa natureza, co corpo, é dicir, cos termos menos
valorados, polo que é considerada como xerarquicamente inferior.
En palabras da psicoanalista feminista J. Flax a lóxica identitaria
procede do seguinte xeito:
"O real é inestable e está en fluxo perpetuo. A
metafísica occidental crea unha falsa aparencia de unidade,
reducindo o fluxo e a heteroxeneidade da experiencia a unhas oposicións
binarias. O primeiro de cada un deles está destinado a dominar
ao segundo, que acaba por ser definido como o "outro" do
primeiro. O outro non ten un carácter independente ou autónomo,
por exemplo, "muller" defínese como un home deficinte
nos discursos de Aristóteles a Freud"[3].
2.1. Speculum
Speculum. Espéculo de la otra mujer é
probablemente a obra que mellor recolle o labor deconstructivo
de Luce Irigaray. Previamente tiña publicado un voluminoso
libro, La Langage des déments, no que estudia a linguaxe
dos dementes seniles e no que non se manifesta todavía unha
perspectiva feminista, aínda cando se avanzan teses que serán
moi importantes para as súas investigacións feministas.
En efecto, a confirmación nese estudio de que os síntomas
de diversos tipos de enfermedades como a afasia, a neurose ou a psicose
poden percibirse nas estructuras sintácticas dos dementes seniles,
será moi útil para as súas investigacións
psicolingüísticas posteriores, nas que concluirá
que a configuración da identidade femenina ou masculina está
moi condicionada pola posición do suxeito na linguaxe.
O
título Speculum seguramente non é accidental.
Segundo a propia autora: "No título Speculum, como
no conxunto do libro, practiquei xogos de palabras, de sentidos, para
facer aparecer outra verdade. Asi o speculum designa un instrumento
de xinecoloxía, pero este término é empregado
nunha época mais anterga da nosa cultura, para designar a expresión
máis fiel posible da realidade. Speculum mundi, por
exemplo, é un título que foi frecuente e no que eu pensei.
Significa espello do mundo, non tanto como reflexo gracias a un espello,
senón máis ben como pensamento da realidade ou da obxectividade
do mundo a través do discurso. Por desgracia, este segundo
sentido, o máis importante para o meu propósito, é
o menos coñecido"[4].
A
parte dese propósito declarado explícitamente pola autora,
probablemente haxa outras intencións máis equívocas.
Neste sentido, no propio título, é relativamente fácil
entresacar unha certa contestación ás teses lacanianas
contidas no " Estadio do espello como formador da formación
do eu", segundo o que a adquisición da identidade individual
comenza coa experiencia do espello, esto é, a experiencia na
que o neno ou a nena (de seis aos dazaoito meses) se ve por primeira
vez no espello e só percibe outro ser humano co que se identifica.
O espello que só devolve imaxes, precede á comparecencia
do Pai e da Lei, representado polo Falo, que se manifesta por medio
das palabras e rompe a unidade dual da nai e o fillo, facilitando
que este se perciba como o non-todo, como un eu separado corporalmente
da nai e do mundo, como un eu dividido. A orde imposta pola Lei do
Pai, na terminoloxía lacaniana é denominada "Orde
Simbólica" e en dita orde os "símbolos"
son as "palabras", os "discursos" que se distinguen
das "imaxes" e dos "signos" que pertenecen á
fase preedípica, á "Orde Imaxinaria", fase
que precede á do espello, na que non existe nin diferencia,
nin ausencia, só unidade e completud.
Para
Lacan a disimetría entre os sexos nesa pasaxe da orde imaxinaria
á orde simbólica ou da fase preedípica á
fase edípica prodúcese a nivel simbólico: a nena
non pode simbolizar o seu sexo porque no imaxinario só hai
ausencia, en tanto que o simbolismo do falo é prevalente, polo
que para a superación do Edipo tanto o neno como a nena han
de identificarse co pai, co falo. O falo convírtese no significante
da diferencia entre os sexos. Cada xénero constrúe a
súa identidade segundo a súa relación co falo:
os homes teñen falo -pola confusión ilusoria do órgano
biolóxico , o pene, e o significante simbólico, o falo-
e as mulleres son o falo, ao considerar as mulleres o seu sexo como
ausencia do órgano masculino. As mulleres polo complexo de
castración aceptan a súa condición de castradas
simbólicamente, mais como estratexia de resistencia para conseguir
o falo, tórnanse o falo, o obxecto de desexo do outro. Así
a muller pode ser o falo -o obxecto de desexo do home- aínda
que paradóxicamente carecen do falo.
A
contestación ás teses lacanianas atópanse non
só dunha forma velada no título senón tamén
no desenrolo posterior, mais a crítica a Lacan é particularmente
dura no capítulo titulado "Misère de la psychanalyse"
contido no seu libro Parler n´ est jamais neutre. En
calquera caso en Speculum repróchalle á psicoanálise
en xeral que reduza o desexo da nena ao do neno, que apele a un sexo
separado do corpo, que reduza o corpo a unha máquina de producción
de libido, que impoña o imperio dunha morfoloxía imaxinaria
masculina, do falo, que non atenda ás continxencias históricas
da orde simbólica e que convirta dita orde nunha endogamia
cultural entre homes. En definitiva, reprocha a Freud e a Lacan que
nos seus sistemas sexa impensable a subxectividade e a sexualidade
femeninas desde unha posición de suxeito
A crítica
implícita no título contrapoñendo speculum a
espello, desenrolarase pormenorizadamente ao longo dos diversos capítulos
do libro, facéndoa extensiva á Historia da Filosofía.
2.1.2.
Acerca do subtítulo
A traducción do subtítulo, De l´autre femme,
orixinou numerosos malentendidos e en moitos casosalterou o sentido
que lle quería dar a propia Luce Irigaray. A traducción
en castelán, Espéculo de la otra mujer, non parece a
máis axeitada para o obxectivo da autora, segundo a que a súa
intención "na elección do título: Speculum.
De l´autre femme, correspondía ao proxecto de constituír
o mundo -non somente especular -do outro en canto muller"[5].
Polo tanto, non se debe traducir "De la otra mujer", pois
non remite nin a unha relación empírica entre dous mulleres
nin a unha relación xa constituída con "La otra
mujer" xa que non existe ese xenérico femenino. Tratábase
de resaltar que "l´autre" debe ser entendido como
un sustantivo, que supostamente designa en francés -lingua
na que non está marcado polo xénero- ao home e á
muller. "De l´autre femme" quere subraiar que, de
feito, "l´autre" non é neutro, nin gramatical
nin semánticamente e que xa non é posible utilizar de
maneira indistinta a mesma palabra para o masculino e o femenino,
que non é posible seguir facendo ciencia, filosofía,
relixión, política etc. sen preguntarse quen ou que
representa ese outro, sen dar unha definición efectiva e real
do outro e, en concreto "De l´autre femme", polo que
a traducción máis axeitada sería Speculum del
otro, mujer. Desta forma a autora pretendía poñer de
manifesto queunha das tarefas da nosa época é construír
positivamente a alteridade femenina.
2.1.3. Espello, Speculum, Especula(riza)r
Un pouco máis arriba veíamos como a autora nos decía
que para conseguir o seu obxectivo, esto é, "para facer
aparecer outra verdade" practicaba diversos xogos de palabras
e de sentidos. Eiquí interésannos resaltar os xogos
de palabras que realiza cos términos "espello", "speculum"
ou "especula(riza)r". Para elo é preciso distinguir
o significado de cada un deles. "Espello" emprégase
no sentido habitual de superficie brillante na que se reflexan imaxes.
"Espéculo" como o instrumento xinecolóxico
que sirve para explorar ás mulleres e como pensamento da realidade
ou da obxectividade do mundo a través do discurso. Especula(riza)r
é un neoloxísmo co que se quere significar non só
a imaxe reflexada nun espello senón a necesidade subxacente
á dialéctica racional de postular un suxeito que sexa
capaz de reflexarse no seu propio ser. É dicir, o discurso
filosófico preséntase como especulación, como
reflexión sobre a condición do Ser do Home, mais o pensamento
do filósofo depende da súa especularidade (autorreflexividade)
e aquelo que sobrepasa ese círculo é impensable. Esta
especularización, esta especulación narcisista é
a que ten en conta Luce Irigaray cando argumenta que o discurso filosófico
occidental é incapaz de explicar a feminidade/muller como algo
que non sexa o lado negativo do seu propio reflexo. Nas súas
propias palabras:
"A
muller contribuirá a este desdoblamento especular devolvendo
ao home a "súa" imaxe, repetíndoo como
"mesmo". A intervención dunha imaxe "outra",
dun espello "outro" significa sempre o risco dunha crise
mortal. A muller, polo tanto, haberá de ser o mesmo (simplemente
invertido) á vez que , en canto nai, permitirá a
repetición do mesmo"[6].
Xogando
cos sentidos desas palabras a autora afirma que a muller na orde simbólica
patriarcal funciona como un espello plano que devolve a autorreflexión
do suxeito masculino e que garantiza a súa constitución
como suxeito do discurso. A muller, a partir dese espello plano, só
pode advenir como o outro invertido do suxeito masculino, ou como
falla, porque o seu sexo non é especula(riza)ble . Sen embargo,
afirma Luce Irigaray, si en vez do espello se empregara o espéculo,
o espello cóncavo, que perturba a montaxe de representación
segundo os cánones masculinos, para ver realmente as mulleres
se observaría que esto non é realmente así e
que a muller non é simplemente un alter-ego invertido ou negativo,
que a muller non é simplemente o outro do home, senón
que é outro que ten unha subxectividade propia.
O libro, Speculum, está dividido en tres partes, mais
a división non obedece a criterios cronolóxicos ou temáticos
senón a que a autora "xoga" tamén coa "estructura
lóxica" da obra, na que non hai propiamente nin un arjé
nin un télos. Comenza con Freud e remata con Platón,
mais o seu fin no é tomar a historia ao revés, pois
nos textos intercalados entre os dous extremos non hai inversión.
Do que se trata é de "desconcertar a montaxe da representación
segundo parámetros exclusivamente masculinos... non trata de
invertirse -posto que esto nos levaría finalmente ao mesmo-
senón de desordenar, de alterar, a partir dun "fóra"
que se sustrae, en parte, a súa lei"[7].
É dicir "para facer aparecer a outra verdade" aplica
unha lóxica diferente da que impón a coherencia discursiva,
unha lóxica basada nunha economía de intercambio e non
nunha economía de subordinación. Esta lóxica
implica outra relación coa unidade, coa verdade, coa alteridade,
coa temporalidade etc.. Require, ademais, atravesar os procesos de
especula(riza)ción que reducen ao "outro", á
muller, ao complemeto ou suplemento do suxeito masculino e introducir
un modelo de especula(riza)ción que permita a relación
da muller consigo mesma e coas súas semellantes.
A
primeira parte titulada, "O ponto oscuro dun vello soño
de simetría" consiste nunha lectura crítica da
obra de Freud, particularmente daqueles escritos que fan referencia
á feminidade e ao desenrolo psicosexual da muller. Para entender
o seu exame crítico hai que ter en conta, por unha banda, que
non se opón tanto á psicoanálise como á
lectura misóxina que fai Freud ou Lacan da subxectividade femenina
e, por outra banda, que a autora na súa exposición emprega
unha postura moi derrideana, consistente en facer aflorar outros sentidos
do texto a partir do emprego da mímese. O mimetismo, isto é,
o rol de imitación asignado por excelencia ás mulleres
na cultura patriarcal, é empregado por Luce Irigaray cunha
intencionalidade ben diferente á outorgada ao seu sexo, pois
o que pretende é "redoblar o que sexa, a quen sexa, receber
todas as improntas, sen apropiárselas e sen agregar nada a
elas. É dicir, non ser nada máis que a posibilidade
para que o filósofo reflexione[8].
Tal como a xora platónica, pero tamén como espello do
suxeito"[9]. En
concreto o procedemento empregado por Luce Irigaray consiste en deixar
falar ao autor por sí só nunha longa sucesión
de citas, habilmente manipuladas, de modo que por si mesmas resalten
o carácter falocéntrico de autor que, en ocasións,
é ademais salientado pola comentarista.
O
primeiro capítulo comenza coas palabras de Freud referentes
ao "enigma da feminidade", ao carácter misterioso,
inescrutable e irrepensentable da subxectividade femenina. Mais a
pesar de considerar incomprensible a sexualidade da muller, Freud
non renuncia a describila e a descifrala -como se encarga de facernos
ver Luce Irigaray- desde o ponto de vista da tradición falocrática,
fundamentándose na lóxica binaria, definindo a diferencia
sexual en función do a priori do Mesmo (Varón), recurrindo
aos procedementos propios da economía patriarcal como á
analoxía, ácomparación, á simetría,
ás oposicións dicotómicas e xerárquicas
en razón ás que coclúe que "a diferencia
sexual acaba resolvéndose no estar de máis ou de menos
dun único sexo: o pene. Co que o "outro" do sexual
vese reducido a non tenelo"[10].
Freud
fundamentándose no método da analoxía e "seguindo
un vello soño de simetría "
interpreta a subxectividade femenina cos mesmos conceptos e categorías
psicoanalíticas coas que analiza a sexualidade masculina, polo
que define á muller como simple envés ou incluso reverso
dunha sexualidade masculina. Así "a nena (non) é
(máis que) un rapaciño"[11],
"a nena nunca ha(berá) existido"[12],
é un rapaz co pene máis pequeno e todas as etapas que
a nena ha de pasar: envexa do pene,renuncia ao placer clitorideano,
desexo dun fillo-pene do pai, complexo edípico etc. para chegar
a ser unha muller normal son unha copia negativa dos procesos masculinos.
Os conceptos psicoanalíticos de "envexa", "complexo
de castración", "falla", "celos"...
non son máis que unha nova manifestación da lóxica
identitaria, da necesidade que ten o sistema falocéntrico de
sosterse na muller para reforzar o narcisismomasculino e de impoñer
o desexo do varón. Son tamén -segue afirmando Luce Irigaray-
unhamanifestación da incapacidade de Freud para recoñecer
unha sexualidade especificamente femenina, pois "a existencia
dun non-sexo, dun sexo "castrado" ou a "envexa do pene"
non constitúen en modo algún unha heteroxeneidade sexual,
senón a representación dun tipo de negatividade que
sostén e confirma a homoxeneidade do desexo masculino"[13].
A
autora conclúe a primeira parte afirmando que a psicoanálise,
como gran parte da nosa tradición, está presidida pola
lóxica especular, xa que parte da preeminencia do falo. O falo
é o todo, o cheo, a actividade, en tanto que a vaxina é
a nada, o vacío, a pasividade. Mais si a psicoanálise
recoñecera a posibilidade da diferencia sexual, si se mirara
a muller non como o outro do home, non como o reflexo do home, senón
como o outro do outro, quizais Freud poidera entender que o autoerotismo
da muller é moi diferente do autoerotismo do varón,
que o goce e a sexualidade femenina se rixen por uns parámetros
diferentes aos masculinos, que ten outra linguaxe, outra expresión,
outra manifestación.
A
falla desos parámetros é o que induce a Freud e ao discurso
patriarcal a situar á muller fóra da representación,
xa que l´autre femme, a muller vista desde o speculum
e non desde o espello non existe, é invisible, é o "enigma",
o "continente oscuro". A lóxica falocéntrica
só pode aceptar á muller como un home castrado. Para
a muller "a castración consistiría en non ter nada
que ofrecer á vista, en non ter nada. En non ter nada
de pene, en ver que (non) ten nada. Nada que sexa o mesmo que ten
o home. Logo nada de sexo que se ofrezca nunha forma susceptible
de fundamentar a súa realidade, de reproducir a súa
verdade. Non ter nada que se vexa equivale a non ter nada.
Ningún ser, ningunha verdade"[14].
Deste forma, despoxada da capacidade da súa autorrepresentación,
a muller queda atrapada nun discurso que nega a especificidade da
súa subxectividade femenina e que a presenta como vacío,
revés, negativo do falo, quedando así "hommosexualizada,.
Perversamente tra(ns)vestizada para satisfacción pederástica
ou sodomizante do pai-marido"[15]
En
calquera caso hai que deixar claro que o problema non estriba tanto
na especularización, que incluso a especularización
do outro podería ser desexable. O problema é que non
sexa recíproca, que non teña luga á marxe do
esquema modelo/copia .
2.2.
Crítica a Filosofía
2.2.1. "Espéculo"
A segunda parte do libro, "Espéculo", é a
que da título ao volume. Toda ela está adicada a facer
unha análise deconstructiva da filosofía occidental
e, en concreto, dos sistemas de pensamento de Platón, Aristóteles,
Plotino, Descartes, Kant e Hegel. Examina pormenorizadamente a cada
un deles, resaltando o carácter androcéntrico -cando
non misóxino- das súas filosofías. Da lectura
de cada un deses capítulos derívase con claridade que
todos eles se basan nunha lóxica binaria e polarizada, en virtude
da que se pretende presentar un suxeito único e unificado,
empeñado en negar a alteridade e que reduce ao "outro"
a un espello que ha de devolver ao home a súa imaxe -aínda
que invertida- para que non perigue a coherencia do seu estatuto narcisista.
O procedemento deconstructivo que segue a autora á hora de
analizar a esos grandes filósofos é o de "derrocamiento",
consistente en "derrocar algo exterior a un mesmo e xa constituído
como tal. En términos freudianos, podería decirse que
se trata máis ou menos dun asasinato do pai. "Polo que
a mín respecta, eu me derroquei máis ben a mí
mesma... Operei un derrocamento da feminidade que me era imposta para
intentar definir o femenino correpondente ao meu xénero: o
en-si para-si da miña natureza femenina... A diferencia da
maioría das mulleres... non quixen falar do outro: muller como
o outro-muller de/para o home, do outro-muller nun horizonte masculino
e patriarcal da nosa cultura... Quixen comenzar a definir que é
a muller"[16].
En concreto, o método de "derrocamiento" que emprega
a autora -como vimos na primeira parte- é a mímese e
a ironía, así que os autores en gran parte falan por
si mesmos, xusto coas súas palabras, mais a autora moi habilmente
trastoca o sentido primitivo do texto cunhas acertadas explicacións.
Así no capítulo de Aristóteles obsérvase
como seguindo ese recurso da mímese, seleccionando unhas citas
do autor e facendo uns oportunos comentarios, o Estagirita reduce
á muller a "materia", "receptáculo",
"recipiente", ou a un home mutilado. Particularmente irónico
resulta o capítulo adicado a Plotino, no que Luce Irigaray
só expón unha serie de fragmentos tirados das Eneadas
mais non fai ningún comentario, simplemente limítase
a poñer pontos suspensivos, resultando moi elocuente que a
caracterización que fai Plotino da materia como non ser, condena
ás mulleres ao mutismo, prívaas da palabra. Prosigue
o seu tono incisivo con Descartes, coa concepción cartesiana
do suxeito, dese suxeito racional e solipsista, construído
a expensas do corpo da muller e das raíces corpóreas
do propio eu, que é capaz de dudar da evidencia do seu propio
corpo, mais o carácter satírico increméntase
ao falar da capacidade de enxendramento de todo o universo que lle
outorga Descartes a ese suxeito masculino. De novo revélase
a ironía sarcástica da autora no capítulo adicado
a Kant, do que a autora subraia a cancelación da materialidade
e da inmediatez da relación coa nai para elaborar un suxeito
trascendental. E, por último, con Hegel para o que o femenino
se presenta como a eterna ironía da comunidade -dos homes-
a condición de que ela non pretenda ser o seu igual.
NOTAS
1.-
Irigaray, L., Yo, tu, nosotras. Cátedra, Madrid, 1992,
p. 8.
2.-O artículo toma o título do Manifesto
Más mujeres que hombres publicado pola Librería
de Mulleres de Milán, grupo ao que pertenece Luisa Muraro.
3.- Flax, J., Psicoanálisis y feminisno.
Pensamientos fragmentarios. Cátedra, Madrid, 1995, p. 99.
4.- Irigaray, L., Amo a ti. Bosquejo de una felicidad
en la historia. Icaria, Barcelona, 1994, pp. 91-92.
5.- Irigaray, L., Amo a ti, opus cit., p. 93.
6.- Irigaray, L., Speculum, pp. 57-58.
7.- Irigaray, L., Ese sexo que no es uno. Saltés,
Madrid, 1982, p. 67
8.- En francés "réflechir"
significa reflexionar e reflexar.
9.- Irigaray, L., Ese sexo que no es uno, p.
143.
10.- Irigaray, L., Speculum. Espéculo
de la otra mujer. Saltés, Madrid, 1978, p. 55.
11.- Irigaray, L., Speculum. Espéculo
de la otra mujer, p. 24.
12.- Irigaray, L., Speculum. Espéculo
de la otra mujer, p. 51.
13.- Irigaray, L., Speculum. Espéculo
de la otra mujer, p. 67.
14.- Irigaray, L., Speculum. Espéculo
de la otra mujer. P. 50.
15.- Irigaray, L., Speculum. Espéculo
de la otra mujer, p. 157.
16.- Irigaray, L., Amo a ti, p.p. 98-99.
Volver
a la Página Principal
|