GALEGO Europa é plurilingüe, quen sabe galego sabe máis

Presentación

En xullo de 2007 entrou en vigor a nova normativa sobre a regulación do uso e a promoción da lingua galega no sistema educativo (Decreto 124/2007). Este decreto reforza o programa de educación bilingüe que se vén ofrecendo en Galicia dende 1995. A principal diferenza é que o actual programa marca nun mínimo do 50 % as materias que deben ensinarse en galego, fronte ao teórico e nunca cumprido 33 % do programa anterior. Este cambio é moi necesario unha vez feito o diagnóstico da aplicación do programa durante os últimos 12 anos, que deu uns resultados moi insatisfactorios na adquisición ou reforzamento de competencias lingüísticas do alumnado galego.

Os datos demostraron que co anterior programa os únicos alumnos con alta competencia bilingüe oral e escrita eran aqueles de lingua inicial ou ambiental galega, mentres que os alumnos de lingua inicial ou ambiental castelá non conseguían ser bilingües ao se detectaren neles graves eivas e insuficiente formación lingüística.

O programa anterior, o do chamado “bilingüismo harmónico”, resultou un fracaso porque non capacitou por igual a todo o alumnado nas dúas linguas oficiais.



EN QUE CONSISTE A EDUCACIÓN PLURILINGÜE ?

O termo educación bilingüe ou plurilingüe refírese ao uso de dúas ou máis linguas de instrución durante algún momento do proceso educativo da poboación en idade escolar. A gran maioría dos estados do mundo ofrece algunha modalidade de educación plurilingüe. O obxectivo de todo modelo de educación plurilingüe é posibilitar o dominio efectivo dunha ou máis linguas que o alumnado non ten no seu medio social e/ou familiar.

Pero a educación plurilingüe é moito máis cá promoción dunha segunda ou terceira lingua: é apostar polo desenvolvemento social, polo enriquecemento da comunidade e pola consecución dun mundo máis democrático, educado, culto, tolerante, libre e plural. E precisamente isto é o que menos lles gusta aos detractores da educación bilingüe.

Por iso, o plurilingüismo debe ser unha esixencia e unha aspiración para todas as persoas, non só para os falantes de linguas socialmente minorizadas. O plurilingüismo é precisamente o camiño máis axeitado para salvagardar a diversidade cultural, con todo o que iso implica; con esa finalidade, a educación debe perseguir a plena capacitación plurilingüística do alumnado.

O sistema educativo, de seu, non pode garantir nin o mantemento nin a recuperación dunha lingua, pero será moi difícil darlle continuidade futura a un idioma á marxe do sistema educativo. De feito, nas sociedades plurilingües, só as linguas que teñen presenza no sistema educativo teñen garantida a súa demanda como linguas de prestixio social (mercado laboral, medios de comunicación etc.).

AS VANTAXES DA EDUCACIÓN PLURILINGÜE

A experiencia de case 100 anos de programas de educación plurilingüe nos cinco continentes pon de manifesto múltiples vantaxes para os colectivos receptores. Entre elas podemos destacar as vantaxes comunicativas, emocionais, identitarias, culturais, económicas, laborais, cognitivas e educativas.

Está demostrado que a escolarización nun sistema educativo plurilingüe, levado á práctica con rigor e responsabilidade, ten efectos positivos sobre o desenvolvemento educativo e lingüístico do alumnado. Este non só desenvolve mellores habilidades nas materias de lingua senón que reforza a súa capacidade de simbolización e de abstracción, polo que tamén favorece a adquisición de contidos relacionados, por exemplo, coas matemáticas ou coa plástica.

Pero os programas de educación plurilingüe teñen tamén consecuencias positivas para o conxunto da sociedade. Unha sociedade que dea potenciado a súa diversidade lingüística contribuirá de xeito significativo ao seu propio enriquecemento, entre outras cousas porque as linguas constitúen un patrimonio cultural e colectivo extraordinario.

A EDUCACIÓN PLURILINGÜE NO MUNDO

Modelos semellantes ao que se está a poñer en marcha en Galicia co novo decreto teñen un longo percorrido, tanto nos estados máis avanzados do mundo: Canadá, Finlandia, Suecia, Reino Unido, Italia, EEUU, Alemaña, Holanda etc., como en economías emerxentes: Singapur, Malaisia, Indonesia, China ou a India. E, sen irmos tan lonxe, hai unha longa tradición de educación plurilingüe con resultados moi positivos verbo da competencia en varias linguas en Cataluña e en Euskadi, onde o alumnado é capacitado para dominar por igual a lingua propia, a lingua do estado e polo menos unha lingua estranxeira.

Nun mundo cada vez máis globalizado e uniformizado (xa que logo, empobrecido), a parte máis libre e intelixente da humanidade aférrase cada vez máis á riqueza das diferenzas, da diversidade natural. Preservar a riqueza lingüística e cultural da terra é o mesmo que preservar para o futuro a riqueza ecolóxica, paisaxística etc. Aínda estamos a tempo.

O caso de Finlandia –país con cinco millóns de habitantes–, merece comentario por se tratar do país que sempre aparece coa máxima puntuación no informe PISA, parámetro do rendemento educativo dos estados da OCDE.

Finlandia estivo dominada polos suecos ata 1807 e polos rusos ata 1920, cando acadou a independencia. Só desde 1920 o finlandés é cooficial co sueco, antes era só a lingua da familia, a lingua minorizada, desprestixiada para usos oficiais, mentres que o sueco era a lingua “importante”.

Desde aquela, a tradición educativa finesa exemplifica as características fundamentais para un desenvolvemento con éxito de modelos educativos bilingües e plurilingües. Velaquí algunhas destas características na actualidade:

Todos os estudantes acaban a escolaridade obrigatoria dominando catro idiomas: finés, sueco, inglés e un cuarto idioma optativo (cinco idiomas no caso dos sami ou lapóns). O sueco só é a lingua materna do 6 % da poboación pero por ser lingua cooficial en toda Finlandia xunto co finés, propio do 93 % da poboación, todos os fineses deben estudalo e coñecelo.

O caso de Islandia tamén é sobranceiro. É o país con maior índice de lectura por habitante do mundo e cuns resultados escolares óptimos. Islandia pertenceu a Dinamarca ata 1944 e ata ese ano a vida oficial (escola, administración etc.) discorría en danés porque era a única lingua oficial; o islandés era a lingua B, a lingua da casa. O islandés leva só 60 anos sendo lingua oficial e só se fala en Islandia, onde viven 300.000 persoas, tantas como habitantes ten a cidade de Vigo.

Os nenos islandeses estudan en islandés como lingua principal, pero tamén aprenden en danés, inglés e alemán/francés. As tres universidades islandesas imparten clases só en islandés, aínda que a maioría dos manuais estean en inglés ou outras linguas. Despois da independencia os islandeses normalizaron o seu idioma sen renunciaren ao danés e ao inglés. De feito, os estudantes islandeses teñen boa ou moi boa competencia en catro linguas ao remate da súa escolarización. O islandés a primeira.

En toda Europa hai casos abondos de plurilingüismo e convivencia lingüística. Outro exemplo témolo na rexión autónoma da Voivódina, en Serbia, con menos poboación que Galicia, onde teñen cinco linguas oficiais: serbo-croata, húngaro, esloveno, romanés e ruteno, correspondentes ás nacionalidades que historicamente viven nesa rexión, e onde a educación, a prensa, a administración etc., é sempre como mínimo en tres linguas. O plurilingüismo nesta rexión non foi ningún problema, máis ben foi unha vantaxe para o desenvolvemento intelectual e a cohesión social e cultural dos seus habitantes. Un índice disto é que a Voivódina foi sempre unha das rexións europeas con mellor ratio de doutores universitarios por habitante.

En España, no Val de Arán (Lleida), o alumnado cando remata o ensino obrigatorio dominan ben tres idiomas: aranés , catalán e castelán, e ten abonda competencia en inglés e francés. Os nenos e nenas araneses non só non sofren ningún tipo de trauma escolar, máis ben ao contrario, son persoas con mellores aptitudes e actitudes para todo tipo de aprendizaxes.

A media mundial é de 17 linguas por estado, aínda que en Europa esta media baixe a cinco linguas por estado. O plurilingüismo é o normal, o natural, o monolingüismo é o anormal.

EDUCACIÓN BI OU PLURILINGÜE EN GALICIA

En Galicia o ensino bilingüe ten como principal obxectivo garantir que todo o alumnado remate a escolarización obrigatoria (ESO) cun nivel semellante de coñecemento de galego e de castelán, tanto nas destrezas orais como nas de lecto-escritura e, asemade, acadar un coñecemento digno dunha lingua estranxeira, normalmente o inglés. Isto é, preténdese que a poboación que accede ao sistema educativo acade unha competencia suficiente para poder expresarse con corrección nas dúas linguas, para garantir a igualdade plena e efectiva das dúas, ademais doutra terceira lingua.

Para isto, o decreto permite unha notable flexibilidade na súa aplicación, xa que fixa un punto de chegada común para todos os centros educativos pero, en consonancia coa situación sociolingüística de Galicia, ten en conta puntos de partida diferentes, en función da distinta visibilidade da lingua galega.

Así, en ámbitos de predominio escolar castelán-falante como os espazos urbanos, onde a presenza social do castelán é alta, os criterios académico-pedagóxicos aconsellan un tipo de actuación diferente á que se dá en ámbitos onde o galego ten unha maior visibilidade social. Nestes eidos é aconsellable aumentar a presenza do galego como lingua de ensino para que o alumnado acade así a mesma competencia lingüística en galego e en castelán. E todo coa mesma finalidade: contribuír a que a lingua galega, patrimonio de todos os galegos e patrimonio da humanidade, acade o prestixio e a presenza social abondas que conduzan á súa transmisión normal de xeración en xeración.

O CONTEXTO XURIDICO DO DECRETO

O actual Decreto insírese nun marco normativo que supera á lexislación autonómica: responde ao mesmo espírito tanto do Estatuto de Autonomía (1981), como da Lei de normalización lingüística (1983) e coincide cos fins da recentemente aprobada Lei orgánica de educación (2006, arts. 2g., 2j., 17e., 23h. e 23e.) e, por suposto, coa Constitución Española (1978) e coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (2002). Ademais, o decreto é consecuencia directa do Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado en 2004 por unanimidade dos representantes elixidos democraticamente pola cidadanía galega no Parlamento (PP, PSOE e BNG).

Máis aínda, unha recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (n.o 01084/2007 do 21 de novembro de 2007), determina que a aprobación deste decreto non lesiona dereitos fundamentais de liberdade e igualdade nin vulnera o dereito á educación, todo o contrario, é o camiño para fomentar a igualdade.

O CONTEXTO SOCIOLINGÜISTICO DO DECRETO

O modelo de ensino bilingüe existente ata agora non garantiu en absoluto a competencia por igual nas dúas linguas e, en ambientes escolares urbanos castelanizados, moitos alumnos remataron a súa formación cunha expresión oral moi deficiente, non só en galego senón en ambas as linguas. Non se formaron cidadáns bilingües ou plurilingües, senón semilingües pouco competentes nas dúas linguas da comunidade autónoma e na lingua estranxeira. O novo Decreto pretende corrixir este rumbo equivocado.

O actual modelo educativo plurilingüe parte da consideración real do desequilibrio en se atopan actualmente galego e castelán. Calquera persoa coincide en que o prestixio social do castelán está fóra de toda dúbida e que este prestixio proporciona vantaxes notables. Pola súa parte, o galego, debido a unha serie de procesos históricos de desprestixio que se agudizaron durante o século XX, sobre todo durante o franquismo, atópase nunha situación moi sensible de infravaloración social que require unha intervención urxente para garantir a súa viabilidade como lingua normal de comunicación na complexa sociedade do século XXI.

Por iso, o modelo de educación lingüística que promove o Decreto 124/2007 é un modelo de mantemento de linguas, isto é, un bilingüismo aditivo que, sen prexudicar o castelán, promove o bilingüismo entre o alumnado e garante (1) que o galego aumente o seu uso e prestixio social, (2) que o galego recupere funcionalidade na familia, (3) que a poboación poida elixir libremente a lingua de uso na comunicación debido a que coñece e pode usar correctamente as dúas e (4) mediante a introdución dunha lingua estranxeira como lingua vehicular, o seu dominio digno e efectivo e non só teórico como ata agora.

Isto último só se pode garantir se a poboación adquire durante a etapa escolar un domi- nio semellante nas dúas linguas cooficiais, independentemente da súa lingua familiar. E isto, en contextos socialmente diglósicos e desequilibrados coma o galego, en que un dos idiomas –o autóctono– é desfavorecido e precisa unha atención especial, isto só se poderá conseguir regulando positivamente ao seu favor, facendo que co galego adquirido na escola se recupere o galego non adquirido no eido social ou familiar.

RAMO

Estamos ante un Decreto que debe ter unha validez de non menos de dez anos, que é o tempo mínimo para avaliar os cambios positivos que pretende propiciar. E, sobre todo, estamos ante un texto normativo que está destinado a favorecer que en Galicia a educación lingüística sexa o referente para unha convivencia social en que a igualdade de dereitos das persoas que usan linguas distintas se convirta nunha realidade.

É un Decreto destinado a capacitar a sociedade galega futura da competencia e liberdade lingüística que aínda non temos no presente. Ninguén terá liberdade para falar/escribir entre varias linguas se só sabe falar e escribir unha. Non pode haber liberdade lingüística sen coñecemento lingüístico. Por iso o Decreto chanta os alicerces dunha sociedade plurilingüe formada por unha gran maioría de individuos competentes na lingua propia e natural do país e en dúas ou máis linguas foráneas, necesarias para a comunicación internacional.

O plurilingüismo é unha cuestión de grao de civilización e de nivel cultural. Hai 30 anos o “normal” era a destrución do medio natural ou do patrimonio histórico en nome da “modernidade”. Demolíanse edificios históricos ou destruíanse espazos naturais para substituílos por outras cousas, normalmente peores.

Hoxe o sensato, culto e civilizado en toda Europa é a conservación e rehabilitación para novos usos do medio natural, do patrimonio histórico e, por suposto, das linguas minorizadas pola historia, por iso a Unión Europea e o Consello de Europa teñen tanto interese no fomento do patrimonio lingüístico europeo dentro do marco dunha Europa culta e políglota.

Pois igual que lles queremos legar aos nosos fillos praias fermosas, aire puro, cidades con patrimonio ben conservado, o gusto pola música, os valores democráticos etc., tamén nos sentimos na obriga de lles legar aos nosos fillos a nosa lingua, creada por todos os galegos ao longo dos séculos. Se o medio familiar, polo que fose, non a dese transmitido, é obriga lóxica do sistema educativo suplir esta carencia. O Decreto 124 vai nesta liña.

Sabéndomos galego, cun mínimo esforzo chegamos a ser competentes en portugués, lingua falada por 250 millóns de persoas en catro continentes, e con poucas horas de aprendizaxe accedemos doadamente a unha mínima competencia noutras linguas da familia románica: italiano, catalán, sardo, francés, romanés etc.

Quen é competente en galego e castelán, aparte de posuír unha destreza maior en capacidades cognitivas e neuro-lingüísticas, ten a porta aberta a unha máis doada competencia nas linguas e coñecementos que se propoña. Este decreto proporciona a chave desa porta. Ábrea.