Dende o curso 2003/2004 no campus de Vigo vense desenvolvendo a través da Oficina de Medio Ambiente o Programa de Educación Ambiental "Universidade é Natureza".
Destinatarios
Trátase dunha actividade dirixida ós escolares do último curso de Primaria, ESO e Bacharelato de tódolos centros educativos do Concello de Vigo e bisbarra.
A partir do curso 2005/2006 o desenvolvemento do Programa "Universidade é Natureza" manterase como tal pero integrado no conxunto de visitas didácticas que o Concello de Vigo ofrece baixo o Programa Educativo Municipal "Vigo por Dentro". Isto supón unha vantaxe tanto para a actividade en si, polo maior alcance da súa divulgación, como para os centros educativos do Concello de Vigo, que disporán dun servizo de transporte gratuíto ata o campus das Lagoas-Marcosende.
Descrición
O programa emprega, como principal actividade, a realización de dous percursos guiados que atravesan diferentes hábitats propios da nosa rexión, nos que se dan a coñece-la flora autóctona e a fauna que habita no campus, ó mesmo tempo que se tenta concienciar e sensibiliza-los rapaces sobre a importancia de respectar e conserva-lo noso medio.
Ó final deste itinerario convídase ós rapaces e ós seus mestres a un pequeno almorzo elaborado con produtos ecolóxicos, aproveitando para explicar algunhas nocións relativas a esta opción de consumo e as súas vantaxes. Ademais, a cada un dos rapaces entrégaselle un exemplar da Unidade Didáctica do programa "Universidade é Natureza" e un exemplar da "Guía da Natureza do Campus de Vigo".
Ós mestres participantes na actividade proporciónaselles unha carpeta con material de apoio consistente nun CD explicativo dos hábitats, flora e fauna do
campus, propostas de avaliación, un exemplar da unidade didáctica do Programa e un exemplar da "Guía da Natureza do Campus de Vigo".
Participación
Os diferentes centros veñen amosando un grande interese por este Programa, cunha participación total de 2258 alumnos dende o ano 2003 ata o ano 2009, pertencentes a un total de 43 centros de Vigo e arredores.
Máis información
Se estades interesados en participar no Programa poñédevos en contacto connosco.