Divulgación

 

 Cogomelos Tóxicos

 

Introducción

No reino Fungi, onde están incluidos os oidios, os balores e os cogomelos coñecense arredor dunhas 80.000 especies en todo o mundo, deles só unha pequena porcentaxe (10 %) están constituidos por longos filamentos microscópicos (hifas), que viven baixo terra, no interior da madeira, sobre outros fungos, etc. formando o micelio ou “branco de fungo”. Estes son os eumicetos ou verdadeiros fungos.

Algúns dos eumicetos son os que producen frutificacións macroscópicas, os Cogomelos é son os que denominamos MACROMICETOS. Ainda que no sentir popular os termos fungo e cogomelo son empregados indistintamente, como ben se ve non son sinónimos, é algo así como a pereira e as peras.

Os cogomelos son popularmente coñecidos debido a que se lles dan múltiples usos: artesanal, folclórico, medicinal ou alimentario e, probablemente, desde os primeiros tempos da historia do home, tanto especies silvestres como rudimentariamente cultivadas. Ó xurdiren espontáneos con certa regularidade estacional, deberon ser usados como alimentos xa na época preagrícola cando as tribus nómadas se mantiñan de raíces, bulbos e froitos silvestres.

Sen embargo, é importante non esquecer que hai cogomelos tóxicos, que poden ser confundidos con outros comestibles e que causan envenenamentos graves, ás veces mortais. En Galicia coñecense un total de 1.600 macromicetos, das cales arredor dunhas 200 especies son comestibles, 10 poden ser mortais, outra media dúcia, verdadeiramente tóxicas e algo máis de 30, causan problemas menores.

Na nosa Comunidade desde o ano 1994 ata hoxe teñense producido moitos ingresos hospitalarios provocados polo consumo de cogomelos silvestres y preto de media dúcia de mortes, amais dalgún transplante de fígado a personas intoxicadas.

 

Para distinguir unha especie tóxica de outra que é comestible, non existen regras xerais. Só é necesario coñecela, é dicir, saber cal é o seu nome científico (moito máis preciso que o popular). A unha persoa non se lle ocorre sair ó campo apañar herbas silvestres para comer sen coñecelas bem, ¿por qué un cogomelo si?. 

 

Fig. 1Partes dunha seta (M.Castro. Guía dos cogomelos de Galicia. 2000. Xerais. Vigo)

 

Un cogomelo para ser considerado comestible, sen riscos, ten que poder ser identificado a simple vista, sen axuda do microscopio e que non exista a posibilidade de que sexa confundido con outro semellante e tóxico. Esto obriga a facer unha detallada e minuciosa observación de certos caracteres: hábitat (lugar onde vive ou especie de árbore a que está ligado), cor, cheiro, tamaño e morfoloxía:  sombreiro, himenio ou superficie fértil e pé, con anel e volva (fig.1).

 

Cada unha destas partes teñen que ser analizadas en detalle; así no sombreiro hai que observar a forma, o tipo de marxe, a presencia de escamas, de copos, etc. A superficie fértil pode ter láminas, tubos, pregues, aguillóns ou ser lisa e unirse pé por toda a superficie lateral (adnata), a través dunha escotadura, baixar ó longo do próprio pé (decurrente) ou estar separada del (libre). 

Todas estas características son constantes para cada especie. Ademais, algúns ó partilos ceiban un líquido (látex), con sabor e cor características e imprescindibles para identificalos.

Sen embargo, non podemos esquecer que estamos a falar dun “froito”, polo que poden presentar unha serie de cambios en tamaño e cor debido a edade, a cambios climáticos bruscos, …  e hai certos cogomelos que presentan en fresco unhas características organolépticas (cheiro e sabor) e en seco, outras. 

 

 

Precaucións na apaña e consumo de cogomelos

  1. Non recoller nunca, con fins alimenticios, unha especie que non se IDENTIFIQUE con total seguridade no campo e EN caso de dúvida, absterse!.

  2. As persoas inexpertas deben apañar os cogomelos acompañadas dun experto “seteiro”, ou consultar con algún especialista antes de os consumir.

  3. Hai que transportalos en cestos ou caixas duras, nunca en bolsas de plástico, xa que se rompen, soltan auga e poden fermentar. Tamén hai intoxicacións por consumilos en mal estado e non por tratarse de especies tóxicas.

  4. Non se deben mesturar, no mesmo cesto, especies comestibles con outras duvidosas ou tóxicas. Se apañamos un ou varios exemplares para identificar na casa e non sabemos se son comestibles, hai que introducilos nun recipente distinto ó dos comestibles.

  5. É necesario recoller exemplares adultos, maduros e completos, con cuidado de non estragar o entorno, pero completos, para observar minuciosamente todos os detalles morfológicos, que poden quedar enterrados como a volva, e evitar así erros fatais.

  6. Hai que cociñalos ainda frescos, non deixalos moitos días no frigorífico, tamén se degradan e os metabolitos secundarios poden provocar intoxicacións e alerxias.

  7. Non se deben preparar guisos con diferentes especies, porque se apareceran problemas despois da inxesta (por exemplo, sensibilidade persoal a algún dos compoñentes) non se pode indicar ó médico de que cogomelo se trata, nen se sabe o tipo de intoxicación que produce, nen polo tanto cal é o tratamento a aplicar.

 

 

Especies de cogomelos tóxicos en Galicia

Este catálogo non é exhaustivo, senon que indica aqueles cogomelos que son máis frecuentes e/ou perigosos. Figuran organizados de máis a menos perigoso, indicando o tipo de intoxicación, unha sinopse descriptiva que permita identificar a especie, ademais do hábitat, período do ano e frecuencia coa que se atopa en Galicia.

 

Amanita phalloides e Amanita verna

Tipo de intoxicación: hepatotóxica por amanitinas

Son cogomelos carnosos, de sabor e cheiro agradables. Teñen láminas brancas e o pé con anel péndulo e volva moi ampla e membranosa, semellante a un saquiño. O sombreiro é verde, amarelo ou branco en Amanita phalloides e branco puro, en Amanita verna.

Viven en bosques de carballos e coníferas, a primeira no outono e a segunda, na primavera. Son frecuentes e abundantes.

Amanita phalloides

 

Amanita verna

 

Lepiota helveola, Lepiota brunneoincarnata e Lepiota subincarnata

Tipo de intoxicación: hepatotóxica por amanitinas

Recordan ás “zarrotas” (Macrolepiota spp.), pero o sombreiro mide menos de 8 cm. de diámetro, o pé é delgado e o anel é fixo, se un intenta movelo, rompe, a diferencia da zarrota que se desplaza bem ó longo do pé. Teñen láminas brancas e non presentan volva.

Atopanse en xardíns e en bosques preferentemente de carballos, durante o outono e principios do inverno. Pouco frecuentes, ainda que algúns anos son moi abundantes e de tamaño grande (6-8 cm).

 

Cortinarius orellanus e outros Cortinarius grupo cinnamomeus

Tipo de intoxicación: nefrotóxica por orelaninas

Son cogomelos pequenos, menos de 5 cm. de diámetro, de cores pardas, máis ou menos amareladas ou vermellizas. As láminas son de cor acastañado nos exemplares maduros e no pé presentan restos dunha cortina (semellante os restos dunha tea de araña). Non presentan volva.

Aparecen baixo piñeiros, máis raro carballos, durante o outono e inverno. Algunhas especies do grupo aparecen con frecuencia no N.W. da Península Ibérica.

Cortinarius orellanus

 

Gyromitra esculenta

Tipo de intoxicación: hidracínica

Ten unha forma estrana e consistencia de cartilago, tanto no pé oco, como no sombreiro arrugado e cerebriforme. De cor parda vermelliza na cabeza e pé, grisácea. Pódese ver preferentemente na primavera, nas ribeiras dos ríos, en lugares húmidos, sombríos e con solo areoso. Pouco común.

Gyromitra esculenta

 

Paxillus involutus
Tipo de intoxicación: por paxilina

Presenta un sombreiro pardo, coa pel facilmente separable e forma de funil. As láminas teñen a particularidade de que se separan do pé con só darlles un pouco coa uña, son de cores pardo amareladas e escorren ó longo dun pé, máis ou menos, dourado. Non presenta anel, nen volva.

É abundantísima en todo tipo de bosques, durante o outono, boa parte do inverno e con certa frecuencia na primavera.

Paxillus involutus

 

Tricholoma equestre
Tipo de intoxicación: sustancia tóxica descoñecida, produce rabdomiolise

Este cogomelo carnoso, de sabor dóce e consistencia blanda ainda é consumido por moitas personas; sem embargo aconsellase non comelo, xa que pode provocar rabdomiolise dexenerativa, e incluso a morte, en persoas sensibles.

O sombreiro é amarelo acastañado, o que contrasta fortemente coa cor amarela das láminas e o pé. Non tem volva, nen anel. Atópase, con frecuencia, durante o outono e principios do inverno, baixo piñeiros.

 Tricholoma equestre

 

Clitocybe caerussata e outros Clitocybe blancos
Tipo de intoxicación: muscarínica

Pequenos cogomelos de cor branca, en forma de pequeno funil, pel suave, láminas decorrentes polo pé e forte cheiro a fariña fresca. Carecen de anel e volva. Algunhas especies viven en prados e outras en bosques, durante o outono e son frecuentes

Clitocybe caerussata

 

Inocybe geophylla e outros Inocybe
Tipo de intoxicación: muscarínica

Son todas de pequeno tamaño com cores pardas ou pardo amareladas, a excepción da que figura na foto. O sombreiro é lixeiramente cónico e a pel está formada por fibriñas, máis ou menos, diferenciadas. As láminas son amareladas no exemplares xoves e pardas, nos maduros e o pé non presenta volva, ainda que si pode ter cortina (semellante os restos dunha tea de araña). Normalmente cheiran forte a terra, a esperma ou a lixívia.

Atópanse con frecuencia tanto en outono e inverno como na primavera, baixo piñeiros, máis raro noutros tipos de bosque.

Inocybe geophylla

 

Amanita pantherina
Tipo de intoxicación: micoatropínica

O sombreiro é grisáceo ou algo acastañado, está cuberto de copiños brancos, ou lixeiramente grises, fortemente adheridos (non se podem separar bem rascando coa uña) e tem a marxen profundamente estriada, incluso nos exemplares novos. Ten láminas brancas, anel (delgado e situado na metade do pé) e volva.

Moi frecuente durante o outono, preferentemente nas fragas, pero tamén baixo piñeiros.

Amanita pantherina

 

Amanita muscaria
Tipo de intoxicación: micoatropínica

É o típico cogomelo dos contos infantís: sombreiro vermello, copiños brancos e láminas brancas, ó igoal que o anel e o pé. Ten unha volva característica, descomposta en varios aneis discontínuos formados por pequenos copiños.Ás veces presenta cores amarelo-douradas na marxe do sombreiro, láminas e anel. Neste caso non se debe confundir coa "cesárea" (Amanita caesarea) comestible, que tem as láminas e o pé intensamente amarelos.

Atópase frecuentemente tanto baixo castiñeiros e bidueiras como piñeiros, durante o outono.

Amanita muscaria

 

Entoloma sinuatum (= E. lividum sensu auct. pl.)
Tipo de intoxicación: gastroenterítica

Sombreiro de cor variable, desde branca a gris a azulada, con fibriñas innadas por debaixo da pel. Láminas lixeiramente amareladas, tendendo ó rosa. Pé branco, sen anel, nen volva. Carne densa, branca con fortísimo cheiro a fariña fresca.

Medra durante o outono, non en primavera, preferentemente nas fragas. En Galicia é unha especie moi rara.

Entoloma sinuatum

 

Agaricus xanthodermus
Tipo de intoxicación: gastroenterítica

Semellante ó champiñón de cultivo, ainda que máis grande. Hai variedades de cor branca e gris. Diferenciase ben doutros champiñóns, tanto polo forte cheiro a fenol, que presenta na base do pé, como pola intensa cor amarela ouro, que aparece nos sitios onde se toca ou se frota.

Nace en preferentemente en prados, durante o outono e é moi frecuente.

Agaricus xanthodermus

 

Boletus calopus e outros Boletus grupo satanas
Tipo de intoxicación: gastroenterítica

Como o resto das "andoas" ten na parte inferior do sombreiro unha especie de esponxa, que neste caso é amarela. A pel é branca, máis ou menos escura e o pé, vermello, con unha rediña branca na metade superior.É relativamente frecuente nos bosques de carballos, durante o outono.

A especie deste grupo considerada como máis tóxica (Boletus satanas) vive en lugares básecos (pH ³ 7) e non se coñece de Galicia; sen embargo non se deben consumir as especies que teñen pel esbrancuxada e pé ou poros vermellos.

Boletus calopus

 

Gyroporus ammophilus
Tipo de intoxicación: gastroenterítica

Con sombreiro acastañado e pé oco, un pouco máis clara e a "esponxa" case branca ou ocre moi claro. En estado xove caracterízase polas cores asalmonadas tanto do sombreiro e do pé como dos poros.Unicamente se atopa, ainda que moi abundante, nos pinares dos areais do litoral, sobre todo no outono.

A especie comestible (Gyroporus castaneus) é moi semellante en estado adulto; pero vive preferentemente nas fragas.

Gyroporus ammophilus

 

Lactarius chrysorheus
Tipo de intoxicación: gastroenterítica

É un cogomelo de cor ocre alaranxada, lixeiramente zonado no sombreiro e láminas decorrentes polo pé. Ó rompelo ou rascalo coa uña solta un látex (leite) branco, amargo e algo picante, que pasa inmediatamente a amarelo. Ten pé corto e carece de volva e anel.

Atópase frecuentemente durante o outono en todas as fragas e carballeiras.

Lactarius chrysorheus

 

Macrolepiota venenata
Tipo de intoxicación: gastroenterítica

Semellase ás "zarrotas" (Chlorophyllum rachodes) tanto polo aspecto como polo tamaño. Ten o sombreiro grande (ata 15 cm.) e carnoso, cuberto por escamas pardas dispostas radialmente e a marxe lacerada. O anel é péndulo e non se move con facilidade, ademáis nacen varios pés xuntos, partindo dun mesmo bulbo. Moi semellante é Chlorophyllum brunneum (= Macrolepiota rachodes var. hortensis), que tamén pode provocar problemas gástricos.

Macrolepiota venenata

 

Sarcosphaera coronaria
Tipo de intoxicación: hemolítica

Este cogomelo ten o aspecto dunha taza grande, ata 10 cm. de diámetro, carnosa e fráxil, especialmente na marxe. Presenta cores violeta no interior e brancas ou gris clara no exterior. En Galicia atópase no fin do inverno e principios da primavera nos pinares dunares do litoral.

Non é moi frecuente porque vive en solos básecos (pH maior de 7)

Sarcosphaera coronaria

 

Coprinus atramentarius
Tipo de intoxicación: cardiovascular 

O cogomelo en conxunto é cilíndrico, xa que o sombreiro gris e liso, nunca chega a abrirse e envolve totalmente ó pé. Ó madurar descomponse en tinta. Ten pé branco e un anel fugaz situado na base deste. As láminas son rosadas ó primeiro e despois negras, antes de licuarse.

Aparece con moita frecuencia nos prados, durante o outono e moitas veces preto da especie comestible Coprinus comatus ("barbuda"), que ten o sombreiro moi blanco e cuberto de grosas escamas peludas, coa punta castaña ou negra.

Coprinus atramentarius

 

Psilocybe semilanceata e Psilocybe gallaeciae 
Tipo de intoxicación: enteoxénica 

Son pequenos cogomelos, de cores acastañadas, máis ou menos escuras, con sombreiro cónico e fortemente mamilonado ou papilado. As láminas son pardas e o pé, delgado, é da mesma cor que o sombreiro ou un pouco máis escuro. Cheiror ácido e sabor amargo.

Atópanse durante o outono, na herba ou sobre excrementos, en prados abertos situados en zonas altas. Escasos, pero aparecen por toda Galicia.

Psilocybe gallaeciae

 

Panaeolus sphinctrinus e outros Panaeolus
Tipo de intoxicación: enteoxénica 

Ten sombreiro cónico ou acampanado, de cor castaña ou negra. As láminas son negras, ainda que con frecuencia presentan manchas brancas por toda a superficie. Pé castaño ou negro, moi longo e esbelto, fráxil. 

Normalmente atópanse ligados a prados moi abonados ou sobre excrementos, durante todo o outono. Extremadamente frecuente.

 

 

Amanita rubescens
Tipo de intoxicación: hemolítica (se esta mal cociñado) 

O sombreiro é de cor viño rosado, ás veces tirando ó gris, com copiños brancos ou grises, que se separan facilmente coa uña. Non ten a marxe estriada. As láminas e o pé son de cor branca, un algo rosada. A carne tamén é branca, pero ó tocala ou ben en contacto co ar, ou onde é mordida por insectos, muda rápidamente a vermello. 

Atópase abundantemente todo o outono, máis raro no resto do ano, en todo tipo de formacións arbóreas (carballeiras, pinares, …).

Amanita rubescens

 

Amanita sección Vaginatae
Tipo de intoxicación: hemolítica (se esta mal cociñado) 

O sombreiro, pouco carnoso, nos exemplares adultos é moi plano, con un mamelón obtuso no centro e ten a marxe fortemente estriada. A cor é variable: gris, branca, ladrillo - acastañada, … Ten as láminas brancas, ó igual que o pé. Presentan unha volva grande, en forma de saco; pero carece de anel. No outono, menos en primavera, son frecuentes nas fragas, máis raro baixo piñeiros.

Amanita sección Vaginatae

 

Helvella lacunosa e outras especies do xénero 
Tipo de intoxicación: hemolítica/hidracínica (se esta mal cociñado) 

Especie comestible, ainda que é necesario tirar a auga de escaldalo. Non ten o aspecto típico dun cogumelo, xa é como cartílago e o corpo fructífero é oco. O pé, gris, con fortes estrias lonxitudais e a cabeza, negra, ten forma de cerebro ou de sela de montar.Aparece na primavera e no outono, nas marxes dos bosques, preferentemente pinares. É moi común.

Helvella lacunosa

 

Morchella esculenta e outras especies do xénero 
Tipo de intoxicación: hemolítica/hidracínica (se esta mal cociñado)

Tamén é comestible, ainda que é necesario tirar a auga de escaldalo. Tem consistencia cartilaxinosa e pesa moi pouco, xa que o interior é totalmente oco. O pé é liso ou granuloso, de cor branco-grisácea ou crema e a cabeza semella un panal de mel, xa que está formada por numerosas celdiñas cóncavas. Cheiro forte e aromático.Unecamente se pode apañar na primavera, nas beiras dos ríos ou sobre os restos do bagazo de facer viño ou sidra. Non é demasiado frecuente.

 

Morchella esculenta

 

Intoxicacións por cogomelos

Clasifícanse, en función do tempo que tardan en facer efecto, dous grandes grupos: as de período de incubación longo (de 4 h. en diante) e as de período de incubación curto (30 min. a 4 h.). As máis graves son as de período longo que con frecuencia causan a morte ou obrigan ó transplante dalgún órgano.

 

Intoxicacións de período de incubación longo

Intoxicación por amanitinas. Está provocada por amanitinas tipo a, b,g o d (octopéptidos bicíclicos), non se destruen ó cociñalas. Atópanse con certa frecuencia Amanita phalloides, Amanita verna, Lepiota helveola, Lepiota subincarnata, Lepiota brunneoincarnata e, moito menos, Amanita virosa, Amanita porrinensis e Galerina marginata.

A sustancia tóxica ataca en primeiro lugar ó sistema dixestivo, logo a través do fígado, onde destrue os hepatocitos, pasa unha parte ós sistemas circulatorio e urinario e outra parte retorna ó propio dixestivo e volve a repetir o ciclo continuamente.

 Presentase en 3 fases ben diferenciadas e o tratamento, en consoancia con elas, consiste basicamente en manter o nivel de líquidos no organismo, protexer os hepatocitos e eliminar a máxima cantidade de tóxico posible (proposta de Josep Piqueras, Val d’Hebrón, Barcelona):

 

hora de manifestarse

síntomas

tratamento

 

4 - 12 h.

fase coleriforme: náuseas,  vómitos, diarreas, ...

  • lavado, sonda e aspiración

  • aplicación de carbón activo

  • hemodiálise

  • diurese reforzada e rehidratación

 

24  h.

falsa melloría

  • aplicación de penicilina G-sódica (1 millón U/h.) [ácido tióctico e/ou silimarina como sustitutos para alérxicos á penicilina]

  • reposición de metabolitos

 

> 48 h.

forte agresión visceral: hepática e renal

ás veces seguida de morte!

  • suministrar vitamina K

  • suministrar plasma

  • ás veces transplante de fígado ou ril

 

Escusado é decir que todo este tratamento tense que levar a cabo nunha Unidade de Cuidados Intensivos dun Hospital ben equipado.

 

Intoxicación por cortinarinas. Provocana o consumo consecutivo de certos cogomelos que conteñen orelanina e diversas cortinarinas (ciclopéptidos) resistentes a cocción. Son frecuentes todas as especies do grupo de Cortinarius cinnamomeus e algo menos Cortinarius orellanus.

A intoxicación presentase con moita sede, cansancio, oligonuria seguida de anuria e insuficiencia renal.

O tratamento é esencialmente sintomático e de soporte das constantes, seguido nos casos máis graves de hemodiálise e  nalgún caso de transplante dos rils.

 

Intoxicación por hidracinas. As especies que causan a intoxicación son esencialmente do xénero Gyromitra e, se están mal cociñadas, as Helvella e Morchella.

A sustancia que provoca a intoxicación, mediante doses acumulativas, é a giromitrina (acetal-hidrazona), que ó ser ingerida evoluciona a monometilhidracina (MMH). Esta sustancia volatilizase a 87 ºC, de tal xeito que pode intoxicar non só ós comensais, senón tamén ó cociñeiro.

Os síntomas poden ser dixestivos (naúseas, vómitos, ...), hepáticos (aumenta as transaminasas e a ictericia) e sanguíneos (hipertensión, hemolisis), para acabar nun coma.

Aparte do tratamento sintomático, aplícase vitamina B6 por vía intravenosa (100 mg. - 1,5 g. diarios) e piridoxina, xunto con diazepán (equilibrador neurolóxico).

 

Intoxicación por paxilina. Esta intoxicación está causada polo consumo continuado do Paxillus involutus. Por acumulación da paxilina no organismo prodúcese hemolise e dexeneración grasa do fígado, do corazón, dos rils e dos músculos. Tamén se poden formar coagulos grasos que provocan  embolias cerebrais  e, por conseguinte, a morte. Non se coñece tratamento específico.

 

Intoxicación por “tortullos”. É a intoxicación de período de incubación longo máis recentemente descoberta (2001), provocada por Tricholoma auratum ou Tricholoma equestre (sen confirmar a especie porque son dous cogomelos moi semellantes). Considerase que o consumo continuado e abundante desta(s) especie(s) pode provocar rabdomiolise (necrose muscular degenerativa) e na súa fase terminal, a morte.

Ainda non se coñece a toxina que a provoca, nen o tratamento específico, polo que a investigación continúa.

 

Intoxicacións de período de incubación corto

Moito menos graves, ainda que moito mais numerosas, son as intoxicacións de período corto, entre as que destacan:

 

Intoxicación gastroenterítica aguda. Son moitas as especies que poden provocala, tales como Entoloma lividum, Agaricus sección xanthoderma, Boletus sección calopus, Gyroporus ammophilus, Lactarius chrysorheus, Macrolepiota venenata, etc.

Ás veces son de origen alérgica, así especies que son perfectamente comestibles para a maioría das persoas, poden causar gastroenterite a outras, por exemplo Macrolepiota procera ou Coprinus comatus, ... bons comestibles, pero con algunhas excepcións en persoas sensíbles a algún dos seus compoñentes.

Os síntomas comenzan con vómitos e seguen con fortes diarreas e dores de ventre. Nalgúns casos van acompañados de calambres e suoración. O tratamento é sintomático.

 

Intoxicación muscarínica. Está producida polo consumo dalgunhas especies de Clitocybe e Inocybe, que conteñen muscarina, provoca suoración, vómitos violentos, diarrea, cólicos intestinis e lagrimeo. Ademais pode provocar contracción da pupila, trastornos da visión, diminución da tensión arterial e bradicardia.

En xeral os síntomas ceden sen tratamento. No caso de persistir, trátanse con 1-2 mg. de atropina cada media hora ata que cedan.

 

Intoxicacións micoatropínicas. Son provocadas por Amanita pantherina e Amanita muscaria, teñen acido ibotécnico que se transforma en muscimol. Producen vómitos, midriasis, taquicardias, rubefacción e borracheira, acabando nun forte sono (ata 15 h).

A intoxicación acostuma a pasar sola, sen tratamento; ainda que nalgúns casos é necesario o lavado gástrico e a aplicación de purgantes e carbón activo. Nalgunhas ocasións usaronse 2 mg. de fisotigmina, lentamente por vía intravenosa.

 

Intoxicación cardiovascular. É provocada pola inxesta de Coprinus atramentarius, entre outras especies. Despois de consumilos acompañados de calquera bebida alcohólica produce rubicundez na metade superior do corpo, así como taquicardia, ruxido nos oídos, etc.

Esta intoxicación pode durar varios días, repetíndose ó tomar alcool, aínda que non se repita o consumo da seta; pero non é grave. Non se lle administra ningún tratamento especial.

 

Intoxicacións enteoxénicas. En xeral son voluntarias e provocanas especies dos xéneros Psilocybe e Panaeolus, que conteñen fundamentalmente psilocibina e psilocina. Os síntomas son típicamente alucinóxenos con alteracións do comportamento (euforia, pánico, intento de suicidio, ...) e das cores, acompañados, por veces, de fortes modificacións espacio-temporais.

En casos graves aconséllase colocar ó paciente en semipenumbra e aplicarlle algunha benzodiazepina.

 

Intoxicación hemolítica. Provocada por Amanita rubescens, Amanita sección vaginata, Sarcosphaera crassa, etc., xa que conteñen hemolisinas que destrúen os glóbulos vermellos do sangue. A intoxicación non aparece cando os cogomelos están ben cociñados,  porque as hemolisinas destrúense a máis de 55 ºC.

O tratamento só se aplica en casos de hipersensibilidade (lavado gástrico, purgantes, plasmaférese, ...).

 

Intoxicacións mixtas. Son moi perigosas, xa que son provocadas polo consumo mesturado de cogomelos tóxicos con período de latencia curto e longo. Neste caso os síntomas aparecen pronto, o que fai pensar nunha intoxicación leve, pero ás 24 horas regresan con moita máis forza e poden ter xa graves repercusións.

 

cómo actuar no caso dunha intoxicación

1.      Acudir inmediatamente a un centro médico: Recordar que o tempo pode xogar a favor ou en contra do doente. Canto máis rápido se faga o tratamento, máis garantia hai de supervivencia; incluso nas intoxicacións hepatotóxicas, as posibilidades de superalas son moitas si se acude ó especialista cando se observan os primeiros síntomas.

2.      Aportar algunhas informacións ó especialista: É fundamental coñecer a hora da ingesta, así como poder observar anacos dos cogomelos consumidos, ou o lugar onde foron apañados, para poder consultar a micólogos expertos que identifiquen as especies responsables da intoxicación, para así poder aplicar o tratamento adecuado.

 

Enderezos úteis en caso de intoxicación

·        Hospital General “Vall d’Hebrón” (Dr. Josep Piqueras): Tfno. 93.418.34.00

·        Instituto Nacional de Toxicoloxia (Dna. Mª Jesús Iturralde): Tfno. 91.562.04.20

·        Universidade de Vigo. Facultade de Ciencias. Laboratorio de Micoloxía (Dra. Marisa Castro): Tfno. 986.81.25.99

·        Centro de Información de Medicamentos do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra (Dr. Floro Andrés): Tfno. 986.86.57.11