| |
No contexto europeo, Galicia destaca pola súa cultura propia e o seu carácter atlántico. Dentro da comunidade, a zona sur é a máis moderna, poboada e industrial, o que a converte no motor económico galego.
A Universidade de Vigo, fundada en 1990 e situada no sur de Galicia, parte dun espírito novo e emprendedor que cobre un espectro dun millón e medio de persoas establecidas entre as provincias de Pontevedra e Ourense, así como un amplo número de estudantes doutras comunidades e países. A privilexiada situación xeográfica dos seus tres campus, próximos á fronteira portuguesa, unidos á ampla rede de convenios internacionais, facilita que esta institución teña unha marcada proxección internacional.
Esta universidade é, en definitiva, unha organización que aspira a fomentar as súas calidades universalistas en España, Europa e América a través dunha oferta académica coherente e innovadora. A misión principal é prestar un servizo de educación superior moderno e de calidade. Unha oportunidade de participar nunha universidade vinculada ao desenvolvemento económico e social. |
| |
A vida dos mais de 25.000 membros que compoñen a comunidade universitaria transcorre en tres campus situados nas cidades de Ourense, Pontevedra e Vigo.
A cidade universitaria de Vigo inspírase no ideal de cidade académica co que se desenvolven moitas universidades estadounidenses. No campus mestúranse edificios docentes, administrativos e áreas residenciais e deportivas con complexos científicos e de lecer que enriquecen o día a día universitario. A piscina, o ximnasio ou o centro comercial son exemplos dalgúns dos servizos que permiten aproveitar ao máximo as posibilidades deste campus, apartado da trasfega urbana pero moi ben comunicado co centro da cidade, onde se manteñen algunhas instalacións docentes.
Fronte a este modelo, Ourense goza dun campus propiamente urbano e que responde a unhas características singulares, sobre todo na súa parte antiga, que á súa vez conéctase coa parte nova do campus por unha pasarela aérea que desemboca na zona de facultades, complexos residenciais e deportivos. Existen, ao dispor dos/as alumnos/as, residencias propias e concertadas na cidade..
O campus de Pontevedra está atravesado polo río Lérez e rodeado pola Illa das Esculturas para conformar un recinto arquitectónico de nova creación. A natureza, o deporte e, sobre todo, a cultura, son os aspectos diferenciais da vida universitaria pontevedresa. Os/As alumnos/as contan cunha residencia concertada e, dende o curso 2007-2008, poderán aloxarse en pisos destinados exclusivamente para o seu gozo. |