O
Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo
constituído como un equipo do Grupo de Estudios de
Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT)
comprácese en organizar unha terceira edición do
EDESCANOP que decorrerá os días 13 e 14 de outubro na
Facultade de Historia da Universidade de Vigo.
Estos Encontros arrincaron no ano 2007 como plataforma de
reunión e discusión de especialistas en estudios
cerámicos do Noroeste, e como tal, celebrouse o primeiro
EDESCANOP. Os organizadores optaron, dous anos despois (2009), por
trocar o enfoque cara un encontro concibido como unha actividade
formativa, teórica e práctica, destinada a cubrir
baleiros formativos de profesionais da arqueoloxía, estudantes
de historia e investigadores. Para elo, o IIº Encontro artellouse
sobre a figura do máis importante experto sobre a
cerámica tardorromana de produción africana: o
Investigador Doutor Michel Bonifay (CNRS, Aix-en-Provence) quen,
durante dúas xornadas, achegou a cerámica africana de
época romana aos máis de 30 inscritos, superando todas as
expectativas da organización. Os participantes consideraron o
IIº EDESCANOP, concibido como un curso
teórico-práctico, como unha actividade única na
nosa Comunidade, tremendamente útil e que cubría unha
necesidade formativa de distintos colectivos implicados no mundo da
Historia e da Arqueoloxía, e así comunicáronllelo
á organización.
Co IIIº EDESCANOP, o LAUV-GEAAT recolle as demandas dos
participantes da pasada edición, que nos trasladaron a
necesidade de organizar un curso teórico/práctico
–a imaxe e semellanza do realizado en 2009 sobre a
cerámica de produción africana- sobre as ánforas
de época romana. Non obstante, o universo anfórico antigo
é tremendamente amplo e complexo, polo que foi necesario acoutar
o marco de estudio ás ánforas romanas de produción
peninsular (Béticas e Lusitanas) deixando para futuras
edicións outras produción anfóricas
mediterráneas –tamén documentadas na Galiza-, en
especial as orientais, unha vez que as ánforas producidas na
Tunisia xa foron abordadas amplamente no 2009.
Para cubrir todo o panorama anfórico peninsular de época
antiga dende unha achega teórica e práctica, o IIIº
EDESCANOP medra considerablemente fronte as pasadas edicións
propoñendo dúas xornadas cos meirandes especialistas das
tres zonas produtoras máis importantes en época romana,
coa inclusión das producións da Galiza, minoritarias
respecto ás outras pero de enorme interese para a nosa
comunidade científica.