Presentación

Foi un inmenso pracer para o equipo de dirección da Facultade de Ciencias do Mar de Vigo asumir a tarefa de organizar o
II Simposio Internacional de Ciencias do Mar, aínda a sabendas de que sería unha difícil tarefa, debido á excelente organización e acollida que nos brindaron os nosos predecesores en Valencia.
Do leste ao noroeste, a brisa mariña tráenos do Mediterráneo ao Atlántico.
Benvidos a Vigo!
A nosa cidade está moi ligada ao mar, nela sitúase o maior porto pesqueiro de Europa, as actividades náuticas deportivas son unha constante, posúe un porto de mercadorías cun movemento de carga importante, nas augas da ría realízanse actividades de pesca e cultivo de especies comerciais, os grandes cruceiros de luxo atracan varias veces ao ano na estación marítima e, ademais, na súa boca sitúanse as illas Cíes, pertencentes ao Parque Nacional das Illas Atlánticas. Toda esta actividade hai que xestionala, polo tanto Vigo e o seu contorno son un laboratorio natural para calquera que teña algo que ver no campo das ciencias mariñas.
En Vigo, ademais da industria ligada ao mar, están situados varios organismos docentes e de investigación que teñen como ámbito de estudo o mar, léase o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, a Escola Náutico Pesqueira, entre outros, e como non a Facultade de Ciencias do Mar, dependente da Universidade de Vigo.
Polo tanto, o comité organizador espera reunir neste simposio os estudantes, profesionais e persoas, en xeral, ligadas ao mar. Gustaríanos que se convertese nun foro de debate onde os científicos presenten os seus resultados e os estudantes poidan actualizarse, completar a súa formación e tamén obter ideas sobre os campos cara aos que se queiran encamiñar no futuro.
Esperamos poder contar coa súa presenza en Vigo, en abril de 2009, e que goce do II ISMS09.
O presidente do comité organizador


