Símbolos

La Voz de Galicia

Fran Alonso

05/01/03

Símbolos

Para os que sentimos que o mar da Costa da Morte rompe directamente contra o noso corazón, Man, o alemán de Camelle, era todo un símbolo desa comarca fermosa que se amarra con paixón a un mar magnífico e salvaxe. Man concentraba na alma toda a forza da Costa da Morte, a súa capacidade ensoñadora, a visceralidade da súa paisaxe, e tamén a súa incrible inxenuidade, a súa bondade. Coa morte de Man, non só morre unha persoa e un creador, senón que tamén morre o mellor símbolo dunha costa agraviada por esa infernal pasta de piche. Man era un símbolo, como tamén o é xa Muxía, convertida no referente indiscutible da marea negra para o mundo enteiro. Pero hai moitos máis símbolos. Os mariñeiros son o da valentía, o da tenacidade e o da resistencia. E os Patróns Maiores que estiveron en folga de fame encarnan a dignidade. Mesmo unha persoa coma min, escasamente mitómana, recoñece todos eses símbolos, que se identifican tamén nos comportamentos da sociedade civil desde que comezou a marea negra.

Sen embargo, o símbolo máis emblemático que a sociedade civil esperaba dos gobernos (galego e estatal) non chegou a producirse. Estou a falar da dimisión dos responsables políticos, cada vez peor valorados pola cidadanía, segundo as enquisas. A dimisión simboliza a humildade e, en ocasións, pode simbolizar tamén a honradez. O que, desde logo, non é honrado é facer crer que a democracia consiste só en escoller co noso voto, a través das urnas, as persoas que nos van representar nos distintos gobernos e cargos públicos. Sen tolerancia, sen diálogo social, sen capacidade de interlocución, sen consenso e sen solidariedade a democracia non existe. A democracia non é un rito, é un xeito de entender a vida, as relacións humanas e as relacións sociais. Por iso resulta incomprensible que o goberno galego e o goberno español permanezan xordos ante un pobo que lles solicita a berros a súa demisión. E o peor é que o seu comportamento autista vai en deteriorio da propia concepción democrática, dese sistema democrático ao que representan. O feito de negarse a dimitir é unha perversión política que non ten ningún tipo de xustificación. E moito menos na Europa do século XXI.

FRAN ALONSO