|
Proxecto de investigación rexistrado na oficina de I+D da Universidade de Vigo; código FG2; códigos UNESCO 570599, 570504, 570106, 570199. Subvencionado pola Dirección Xeral de Política Lingüística (Consellería de Educación) a través do convenio de normalización da Universidade de Vigo. Obxectivos Os obxectivos básicos deste proxecto de investigación quedan resumidos nos seguintes puntos: Observación da neoloxía en textos de prensa: recollida e análise de neoloxismos en textos (orais ou escritos) galegos, cunha perspectiva esencialmente sincrónica e co fin de elaborar un banco de neoloxismos do galego moderno e un diccionario de neoloxismos. Entendemos por “neoloxismo” calquera unidade léxica de nova creación que non aparece recollida nos diccionarios e que se rexistra nunha determinada lingua, tanto por creación autóctona coma por préstamo ou calco. Cos materiais recollidos, farase un estudio sistemático dos procedementos lingüísticos de formación de neoloxismos. Elabora-lo material de base que facilite o labor de normalización dos neoloxismos, tarefa asignada ás institucións con capacidade normativa. Posibilita-la inclusión dunha marca de neoloxismo nos diccionarios galegos. Se as dispoñibilidades de tempo e persoal o permiten, tentarase facer un seguimento parcial da neoloxía na prensa castelá, para tentar determinar cunha maior fidelidade as razóns da aparición dunha determinada unidade léxica na lingua galega. Recolle-lo material necesario para a elaboración dun diccionario de neoloxismos. Así mesmo, como obxectivos subsidiarios, preténdese colaborar no establecemento de novas liñas de investigación e na formación de especialistas en neoloxía, tarefa esta que debe ser levada a cabo, principalmente, polos centros de formación de traductores e filólogos. Orixes do proxecto. O proxecto nace directamente relacionado coas materias de Terminoloxía e neoloxía e Neoloxía e normalización da lingua galega, que se ensinan nos planos de estudio das licenciaturas de Filoloxía Galega e Traducción e Interpretación da Universidade de Vigo, asignadas ó Departamento de Filoloxía Galega e Latina. O Miradoiro é un proxecto que está aberto á colaboración e ás suxestións das persoas interesadas no léxico xeral e especializado. O proxecto xurdiu como consecuencia directa dos estudios de Neoloxía que se veñen impartindo na Universidade de Vigo dende hai algúns anos. Durante este tempo, foise elaborando unha base de datos con neoloxismos recollidos na prensa galega polos estudiantes desta disciplina. Así mesmo, realizouse un esforzo para ir constituíndo un corpus bibliográfico especializado e mantivéronse contactos con persoas interesadas no campo da Neoloxía en Galicia e en Cataluña. Estes contactos levaron á organización dunhas primeiras Xornadas de Neoloxía, en marzo do 1998. A idea dos “observatorios” de neoloxía xorde no ámbito da francofonía, especialmente no territorio do Quebec, e transládase rapidamente a outras linguas. Na península, o único observatorio que funciona, dende 1988, é o da Universitat Pompeu Fabra e os resultados do seu labor estanse facendo evidentes na lexicografía catalana (Cf. última edición do Diccionari de la Llengua Catalana, 1997 e o Diccionari de Paraules noves, 1998). A experiencia catalana fíxonos ve-la necesidade de tentar artellar un proxecto semellante en Galicia, un proxecto que contase co apoio da Universidade e que fose coñecido polas institucións e persoas que se dedican ó estudio da lingua. Pretendemos coñecer mellor a vitalidade da lingua e os procesos de anovamento que se albiscan, moitas veces independentes da planificación lingüística que se fai dende as institucións. Obxectivos a curto prazo No primeiro ano de traballo preténdese darlles prioridade ós seguintes aspectos: 1. Formación dos bolseiros e colaboradores. |
||