MÁSTER UNIVERSITARIO E PROGRAMA DE DOUTORAMENTO EN “ESTUDOS INGLESES
AVANZADOS: INTERPRETACIÓN TEXTUAL E CULTURAL
DAS SOCIEDADES
ANGLÓFONAS CONTEMPORÁNEAS”
POLA UNIVERSIDADE DE VIGO
O máster en ‘Estudos ingleses avanzados: interpretación textual e cultural das sociedades anglófonas contemporáneas’ ofrece un periodo de formación de posgrao que proporciona unha formación avanzada e interdisciplinar, de carácter especializado, orientada a identificar a pluralidade e diversidade na investigación de temas fundamentais no ámbito lingüístico, socio-cultural e literario-artístico das sociedades anglófonas contemporáneas.
O título de Máster acádase despois de superar 60 créditos e asemade constitúe o periodo de formación obligatoria para acceder ao Doutoramento.
OBXECTIVOS
- Proporcionar unha introdución ás técnicas de investigación e metodoloxía para a análise de corpus, textos, discursos e produtos literarios e artístico-culturais das sociedades anglófonas contemporáneas.
- Ofrecer achegas para o estudo da complexidade lingüística e cultural das comunidades anglófonas contemporáneas, atendendo a criterios relacionados coa influencia de procesos de diacronía e evolución histórica e política, á pluralidade e diversidade características das estruturas lingüísticas, ás prácticas discursivas, aos movementos culturais, estéticos e ideolóxicos do presente.
- Afondar na multidisciplinariedade fundamental para a investigación lingüística e cultural de aspectos de relevancia nas sociedades anglófonas contemporáneas.
- Preparar para a observación crítica, a capacidade de relación e emisión de xuizos persoais informados, reflexións de relevancia ética e social no contexto das culturas anglófonas contemporáneas.
ESTRUTURA
O máster consta de dous módulos, que proporcionan a posibilidade de adquirir unha formación especializada ben no eido da investigación literaria e cultural ou ben no eido da investigación en lingua e lingüística.
O título de máster acádase nun curso académico despois de superar 60 créditos. 48 créditos correspóndense cunha escolla entre materias metodolóxicas e materias de especialización e os 12 restantes coa realización dun traballo de fin de máster.
METODOLOXÍA
A organización das materias en torno a módulos no só favorece a aprendizaxe das metodoloxías e teorías, así como dos principios temáticos, terminolóxicos, formais e ideolóxicos fundamentais para a introdución á investigación no ámbito dos estudos ingleses. Ademais, a meta última é que o alumnado adquira as habilidades de aprendizaxe que lle permitan continuar as súas tarefas de investigación de modo autónomo.
Outra das novidades é a introdución de créditos ECTS, que permite valorar o traballo non só en relación ás horas presenciais obrigatorias senón tamén na carga de traballo persoal, así como a titoría individualizada. Por outra parte, no contexto da revolución tecnolóxica e dixital, destacan as posibilidades que proporcionan os entornos virtuais desenvolvidos pola Universidade de Vigo, como a plataforma de teledocencia Tema, baseada na tecnoloxía Claroline (faitic.uvigo.es), ferramenta fundamental para o desenvolvemento da proposta de máster en ‘Estudos ingleses avanzados’ e esencial para promover a autoaprendizaxe e a interación, permitindo a flexibilidade necesaria para a xestión e planificación do traballo en rexime semipresencial.