Saúdo da Decana

 

“En 1968 cheguei á primeira escola na montaña luguesa. Era unha escola construída polos veciños fóra do pobo. Os nenos espráronme para indicarme o camiño polo monte. Era urxente cubrir un cacho de patio para protexerse da chuvia e da neve. tamén había que construír un cuarto de baño. Ante a negativa do Concello, foron os propios pais os que fixeron as obras.”

Ermitas Fernández. Mestra.

 

Benvido/a á Facultade de Ciencias da Educación: unha facultade moderna, pero debedora do pasado e respectuosa con el.

Ademais de toda a información que podemos facilitarche persoalmente nos distintos servizos da Universidade e do centro, esta páxina web pode axudarche á busca autónoma de información desde calquera lugar no que teñas acceso á rede.

A Facultade de Educación é a escola de escolas: unha institución pública ao servizo de todas as persoas interesadas na mellora continua da educación e dos servizos sociais. Trátase dun centro universitario que se asenta sobre a historia dos centros de formación de mestres/as, educadores/as sociais e traballadores/as sociais, pero tamén sobre a historia do ensino e dos servizos sociais.

É unha facultade, polo tanto, que tenta incorporar todos os medios técnicos posibles, pero sen renunciar a un pasado que se constrúe sobre o esforzo colectivo dos profesionais e da cidadanía.

Só pasaron corenta anos desde aquela experiencia coa que encabezamos este texto. Os cambios respecto ao presente son considerables. Pero hai algo que unha facultade de educación debe contribuír a que se manteña: o espírito solidario dos veciños/as e a percepción da escola como propia, como asunto da comunidade.

Agardo que as persoas que elixen esta facultade para realizar os seus estudos teñan esa mentalidade de pertenza a un grupo que constrúe o futuro colectivo da educación e dos servizos sociais.

Aquí podes estudar catro títulos de Mestre/a (Ed. Infantil, Ed. Primaria, Ed. Especial e Linguas Estranxeiras), Educación Social e Traballo Social, todos eles co grao de diplomatura, ademais do segundo ciclo da licenciatura de Psicopedagoxía.

Co ánimo de dar continuidade a este proceso de construción histórica, a facultade está a preparar todos os cambios que demanda o espazo europeo de educación superior, tentando que os nosos títulos teñan plena validez en todo o territorio europeo, sen que iso supoña renunciar á nosa identidade lingüística e cultural, que constitúe o noso principal patrimonio educativo.

Como facultade que ten fondas raíces en Ourense, nos centros que a propiciaron (Escola Universitaria de EXB e Colexio Universitario de Ourense) os departamentos están situados no centro e permiten unha coordinación máis doada para mellorar a calidade da docencia, así como afrontar liñas de investigación enraizadas na mellora dos problemas educativos e sociais do contorno.

Así mesmo, hai unha longa tradición de colaboración coas diversas institucións educativas e de servizos sociais, non só en Ourense, senón en todo o sur de Galicia, o que permite coñecer a realidade laboral e realizar prácticas preprofesionais.

Non dubides en pórte en contacto con nós, ben por teléfono ou visitando a facultade, para ampliar ou aclarar a información que se ofrece nesta guía.

Grazas pola túa atención.

A decana

 

Voltar