RELACIÓNS LABORAIS

ELECCIÓNS SINDICAIS

Nº DE ORDE: 80/03

 

 

 

LAUDO ARBITRAL

 

 

D. JAIME CABEZA PEREIRO, designado árbitro no procedemento de Eleccións Sindicais na provincia de Pontevedra, de conformidade co disposto no art. 76.3 do texto refundido do Estatuto dos Traballadores, aprobado por RD-lexislativo 1/1995, do 24 de marzo –ET-, e no art. 31 do Regulamento de eleccións a representantes dos traballadores na empresa, aprobado por RD 1844/1994, do 9 de setembro –RE-, resolve a cuestión prantexada por D. Xosé Manuel Rodríguez Méndez, en nome e representación de CIG, e na que son así mesmo partes interesadas:

-U.G.T.

-CCOO.

-Astrazéneca, s.a.

 

PRIMEIRO.- Feitos motivadores da reclamación.

 

O promotor, D. Xosé Manuel Rodríguez Méndez, en nome e representación de CIG interpuxo ante a Oficina Pública, con data de entrada 6 maio 2003, escrito de reclamación en materia electoral no que solicitou que o señor D. Manuel Puga Pereira fora excluído do censo electoral e se retrotraeran as actuacións ó momento de constitución da mesa electoral.

 

SEGUNDO.- Comparecencia.

 

            As partes foron convocadas polo árbitro para a correspondente comparecencia, ó abeiro do art. 76.6 ET e 41.1 RE, que se celebrou o día 13 de maio do 2.003 ás 13:44 h. Persoáronse:

 

-D. Xosé Manuel Rodríguez Méndez, en nome e representación da promotora da impugnación, CIG.

-D. José Manuel Cobos Olivares, por UGT.

-D. Alberto Viejo López, en representación da empresa.

-E Dª. María Carmen Iglesias Piñeiro, presidenta da mesa electoral.

 

TERCEIRO.- Alegacións, proba e conclusións.

 

           

O representante da impugnante ratifícase na impugnación. Ó respecto do tema controvertido hai criterios contradictorios. D. Manuel Puga Pereira ten a condición de director técnico e único adscrito ó grupo 0 do convenio colectivo aplicable. É o meirande responsable da empresa no complexo industrial de Porriño. Conforma con outras cinco persoas no Estado a cúpula directiva da empresa. Do seu cargo cara abaixo, hai outras persoas do staff directivo, que se adscriben ós grupos 7 e 8. No grupo 8 hai que mencionar a D. Oswaldo Álvarez, director de loxística, a Dª. Remedios Gómez Ballesteros, directora de QA, D. Antonio Arias Pérez, director de producción e a D. Victoriano Rodríguez Pérez, director de enxeñería e SHI. No grupo 7, a D. José Antonio Gómez Díaz, director adxunto. Estes traballadores manteñen capacidade de dirección, pero non están afectados pola impugnación. Situación distinta é a de D. Manuel Puga. É o máximo representante da empresa neste centro. Debe recoñecerse que participou en anteriores procesos electorais, porque ninguén impugnou a súa participación, probablemente porque non influía na composición do órgano de representación ou porque a súa relación coa mercantil era distinta. A redacción do disp. adic. sexta do convenio colectivo estatal de Industrias Químicas avala a exclusión, xa que os representantes dos traballadores deben intervir en cuestións nas que el, ademáis de estar excluído do obxecto das intervencións, é o interlocutor dos mesmos. En canto que encadrado no grupo 0, está excluído de aspectos esenciais do convenio colectivo.

 

            O representante de UGTsolicita a emisión de laudo axustado a dereito.

 

            O representante da empresa remítese ás probas que se van practicar. D. Manuel Puga Pereira non é alto cargo no sentido técnico-xurídico da palabra. É o director técnico de Porriño, non o director xeral, como se expresa na impugnación. Dirixe un centro de producción. O centro de Porriño ten encomendada a producción de Astrazéneca Spain. A mercantil ten a condición de multinacional. En España, é xestionada por Astrazéneca Farmacéutica Holding Spain, s.a. Hai un director xeral, D. Carlos Trías Vidal. E, en segundo ou terceiro orde un grupo de persoas con xefaturas específicas, entre os que está o traballador afectado por esta controversia. Ten poderes da empresa, como tamén os teñen os grupos 8 e 7 citados pola parte impugnante. É apoderado, pero con funcións limitadas. Ten facultades referidas a poderes de mera administración e representación. Contrata, despide, negocia convenios…Pero non é alto cargo, no sentido que esixe a xurisprudencia. Non ten funcións referidas ós obxectivos xerais da empresa. Vigo é un centro de producción. Xa que logo, debe votar, como fixo noutros procesos. Aplícaselle o convenio colectivo.

 

            A presidenta da mesa manifesta que é a primeira vez que ten esta responsabilidade. D. Manuel Puga Pereira votou noutras ocasións. No censo incluíuse. A empresa certificou que non é director xeral, senón únicamente director técnico.

 

            Como proba documental, CIG aporta censo electoral, copias de reunións entre o comité de empresa e o representante legal da mercantil, calendario laboral, reclamación ó censo e contestación da mesa e un laudo, a efectos ilustrativos. O representante da empresa, certificación de D. Carlos Trías Vidal, poder plural, certificado de D. Fernando Amescua Esperón, contrato de traballo ordinario do director técnico e nóminas na súa condición de director industrial.

 

            O representante de CIG solicita interrogatorio do representante da empresa. Este resposta que D. Manuel Puga Pereira é o máximo responsable no centro de producción. Que non sabe se no caso de despedimentos ten poderes decisorios ou ten que consulta-la decisión. Que nas negociacións cos representantes dos traballadores, el comparece en ocasións. Outras, o xefe de relacións laborais de Madrid. Noutras ocacións, Dª Rosa Rodríguez Domínguez. Que non coñece exactamente as relacións de D. Manuel Puga con estas dúas persoas. Que as súas funcións se limitan á producción. Nas mesmas, é o xefe do centro de traballo de Vigo.

 

            A instancia de CIG, comparece D. Alberto Gonzálvez Herrero, traballador da empresa e membro do comité, polas listas de CIG. Manifesta: que D. Manuel Puga é o máximo responsable en Porriño. No caso dun despedimento que sucedeu hai un ano, as negociacións foron co xefe de persoal, D. Fernando Amescua Esperón, que logo se reunía con D. Manuel Puga. O comité de empresa negocia o calendario, pero non o do persoal de loxística nen o dalgúns traballadores de taller, que negocian individualmente os seus. D. Manuel Puga é o máximo responsable de Porriño, dun cadro de persoal de 118 traballadores.

 

            En conclusións, o representante de CIG expresa que D. Manuel Puga é o máximo responsable e o único grupo. Pertence a un grupo de cinco persoas do staff directivo da empresa no Estado español. Con independencia da existencia dun holding económico internacional, as súas funcións son claramente directivas. É o máximo director no centro de traballo de Porriño.


            O representante de UGT reitera o seu pedimento de laudo axustado a dereito.

 

            O representante da empresa reitérase no que xa dixo. D. Manuel Puga é o xefe de producción, pero nada máis. Hai un director de relacións comerciais, outro de relacións laborais…D Manuel Puga non ten control sobre eles, porque non é un director xeral. Os seus poders para despedir non o convirten en alto cargo.

 

            A presidenta eleva a definitivas as súas alegacións.

 

CUARTO.- Feitos que resultan probados.

 

Primeiro.- Que o día 26 de marzo do 2003 entra na oficina pública o preaviso de eleccións na empresa Astrazéneca Fermacéutica Spain, s.a. O día 28 de abril constitúiese a mesa electoral e apróbase o calendario. Segundo este, exponse o censo laboral.

 

Segundo.- Que o día 30 de abril D. Alberto Gonzálvez Herrero, en representación de CIG, prantexa reclamación á mesa na que solicita a exclusión  do censo electoral de D. Manuel Puga Pereira, pola súa pretendida condición de persoal de alta dirección. Con data de 5 maio, a presidenta da mesa comunica ó reclamante a desestimación do pedimento, polo feito de que o afectado votara en anteriores procesos, sen que houbera argumentos para lle denega-lo exercicio dos seus dereitos democráticos.

 

Terceiro.- Que D. Manuel Puga Pereira, con antigüidade na empresa dende o día 9 abril 1981, ten categoría de director industrial, encadrado no grupo 0, ó abeiro do Convenio colectivo estatal de industrias químicas. Ten poder, xunto con outros traballadores do centro de Porriño, para a representación da empresa e toma de decisións no tráfico ordinario, limitado nas súas contías. De feito, ostenta a meirande responsabilidade da empresa e a xefatura no centro de traballo de Porriño. Nesta condición, exerce a toma de decisións e a negociación e sinatura de acordos en representación da empresa co comité de Porriño.

 

 

QUINTO.- Fundamentos da resolución.

 

Primeiro.- Outra vez se prantexa o carácter da relación entre un traballador con funcións de dirección e unha empresa ós efectos da súa inclusión no censo laboral e recoñecemento dos dereitos de sufraxio activo e pasivo, en relación co art. 16 do RD 1382/1985, do 1 de agosto. E de novo hai que lembrar a xurisprudencia, de carácter marcadamente restrictivo no ámbito de aplicación desta relación laboral especial. A esta materia referiuse o laudo da mercantil Bernardo Alfageme, s.a., asinado por este árbitro o 30 de xaneiro do 2003 (nº orde 8/03). En seguimento da súa doutrina, cómpre desestima-la impugnación. No mesmo, contíñase a cita da STS do 4 de xuño do 1999 (rec. nº 1972/1998) e a STS do 11 de xaneiro do 2001 (rec. nº 184/2000). Cómpre reproducir esta pequena pasaxe da segunda: “…para apreciar la existencia de trabajo de alta dirección se tienen que dar los siguientes presupuestos: el ejercicio de poderes inherentes a la titularidad de la empresa, el carácter general de esos poderes, que se han de referir al conjunto de la actividad de la misma, y la autonomía de su ejercicio sólo subordinado al órgano rector de la sociedad…” Non concorren no Sr. D. Manuel Puga Pereira todas e cada unha destas condicións.

 

Segundo.- Realmente, as facultades decisorias de D. Manuel Puga Pereira restrínxese ó centro de producción de Porriño, no que exerce funcións de dirección. O seu apoderamento é limitado, tanto nos seus aspectos cualitativos, referido ó tráfico ordinario da empresa, como cuantitativo. Xa que logo, non desenvolve poderes xerais atinxentes ó conxunto da actividade da empresa, senón que a súa encomenda refírese a unha parte da mesma, por importante que esta poida ser. Como expresa o art. 22 do  XIII convenio colectivo estatal de industrias químicas, os traballadores encadrados no grupo 0 toman decisións que afectan a aspectos fundamentais da empresa nas divisións, departamentos, fábricas, plantas, etc. É dicir, toma de decisións en ámbitos concretos.

 

Terceiro.- E sen que se prantexe nesta impugnación outra materia cá a inclusión no censo do Sr. Puga Pereira. Cuestión distinta sería que realizara proselitismo por unha candidatura, ou que se presentara como candidato. Nestes casos, habería que pondera-los dereitos electorais á vista da súa condición de especial rango xerárquico na empresa. No antecitado laudo da empresa Bernardo Alfageme xa argumentara verbo da posibilidade de que unha actividade especialmente participativa no proceso electoral dun cargo da dirección ordinaria da empresa podía ter a condición de indicio dunha posible conducta antisindical por parte da empregadora. Sen que, como xa quedou dito, estas cuestións se prantexen nas presentes actuacións.

 

Emito, en consecuencia, o seguinte,

 

LAUDO. Que debo desestimar e desestimo a reclamación interposta por D. Xosé Manuel Rodríguez Méndez, en nome e representación de CIG, e declarar a validez do proceso electoral no referido á inclusión no censo de D. Manuel Puga Pereira.

 

            Contra este laudo se pode demandar ante o Xulgado do Social de Vigo, no prazo de tres días hábiles contados desde que as partes foran notificadas do mesmo, de conformidade co disposto no art. 76.6 ET e 42.2 RE, e a través da modalidade procesal dos arts. 127 e seguintes do texto refundido da Lei de Procedemento Laboral, aprobado por RD lexislativo 2/1995, do 7 de abril.

 

            Deste acordo darase copia a todas as partes interesadas, e á Oficina Pública.

 

 

            En Vigo, a dazaséis de maio do 2003.

 

 

 

 

 

Asdo: Jaime Cabeza Pereiro