Presentación

A Cátedra da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal e froito da estreita colaboración que, desde sempre, manteñen a Universidade de Vigo e Caixanova.

Ao abeiro do proceso de consolidación dun espazo único en Europa, fóronse conformando -coa denominación de Eurorrexións- unha serie de territorios que nalgúns casos –como o da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal- forman parte de dous Estados fronteirizos e conforman por eles mesmos unha realidade socioeconómica que toma carta de natureza en moi diversos aspectos que afectan ao conxunto da sociedade.

  A Cátedra da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal nace coa pretensión de fomentar a identidade eurorrexional. As súas actividades céntranse nas seguintes liñas de actuación: colaborar na organización de estudos de grao, posgrao, máster e doutoramento que teñan por obxecto o estudo da problemática eurorrexional; promover a investigación, e outras actividades de produción de coñecemento, de carácter multidisciplinar, que aborden asuntos de interese para a integración da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; contribuír á realización de estudos que sirvan para a identificación de problemas e oportunidades para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; promover e colaborar na creación e desenvolvemento de centros de documentación e bases de datos de carácter especializado; fomentar a creación de redes académicas interdisciplinares no seo das universidades da Eurorrexión; colaborar no desenvolvemento de programas de mobilidade de estudantes e docentes, tanto entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal como cos países iberoamericanos e os da lusofonía; promover a publicación de estudos ou traballos científicos ou de divulgación, referidos aos ámbitos de estudos propios da Cátedra.

 Para acadar os seus obxectivos a Cátedra conta co apoio de institucións relevantes no ámbito da Eurorrexión, como son: Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, Fundación Provigo, Confederación de Empresarios de Pontevedra, Club Financiero de Vigo, Cámara de Comercio de Vigo, Consulado Xeral de Portugal en Galicia, Confederación Empresarial de Ourense e Universidade do Minho. Todas elas están representadas na Comisión de Seguimento da Cátedra.

Desde aquí convidámosvos a todas e a todos a participar neste proxecto e a contribuír a facer realidade os obxectivos que nos temos marcado.