C A C T I

Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación

 

Indice
UNIVERSIDADE
DE
VIGO

Principal Info Usuario Persoal Tarifas Servizos Novidades

     

 

Presentación
Regulamentos
Solicitudes
Memoria Resultados
Catálogo

Regulamentos

Disposicións Xerais

Organigrama

A Dirección

A Comisión

Funcións do Persoal

Normas de Funcionamento

Cesión de Equipos

Xestión de Recursos

Disposición Adicional

Anexo I

Anexo II

 

En cumprimento dos artigos  6, 242, 243 e 250 dos Estatutos e co fin de asegura-lo bo funcionamento dos Servizos que se integran no C.A.C.T.I., establécese o seguinte Regulamento.

CAPITULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS

Art. 1. O C.A.C.T.I. ten como misión prestar apoio científico e tecnolóxico a tódolos labores de investigación e desenvolvemento que se realicen nos diversos ámbitos científicos da Universidade de Vigo.

Art. 2. O C.A.C.T.I. poderá e deberá dinamiza-la prestación de servizos a Organismos ou Entidades públicas ou privadas do seu contorno xeográfico e social que así o soliciten.

Art. 3. Coa autorización do Vicerrector de Investigación o C.A.C.T.I. poderá realizar informes para organizacións ou entidades públicas ou privadas, sempre e cando ningún grupo de investigación da Universidade se encargue da súa realización.

Art. 4. O C.A.C.T.I. adscríbese ó Vicerrectorado de Investigación da Universidade.

Art. 5. O C.A.C.T.I. estará dirixido por un Director/a, que será responsable da súa xestión.

Art. 6. Están afectos o C.A.C.T.I. os bens e equipos adscritos a cada unha das unidades que figuran no Anexo I do presente Regulamento. Consideraranse incorporados a dito Anexo todos aqueles bens e equipos que no futuro sexan adquiridos con presupostos destinados ó C.A.C.T.I. ou sexan asignados a el.

Art. 7. O C.A.C.T.I. estará situado no edificio construído pola Universidade de Vigo a tal fin no Campus de Lagoas-Marcosende.

arriba

 

CAPITULO II. -ORGANIGRAMA DE FUNCIONAMENTO

Art. 8. Mentres as necesidades e ampliacións dos servizos e unidades non aconsellen a súa reestructuración, para o seu racional funcionamento o C.A.C.T.I. estará estructurado nos servizos especificados no Anexo I.

Art. 9. O organigrama de estructuración do C.A.C.T.I. en Servizos, Seccións e Unidades poderá ser modificado por Resolución do Rector, por proposta da Comisión do C.A.C.T.I. co informe favorable da Comisión de Investigación.

arriba

 

CAPÍTULO III.- DIRECCIÓN DO C.A.C.T.I.

Art. 10. O Director/a do C.A.C.T.I. será Persoal fixo da Universidade de Vigo coa titulación de Doutor, que será nomeado polo Rector/a, por proposta do Vicerrector/a de Investigación, oída a Xunta de Goberno.

Art. 11. Son competencias do Director/a do C.A.C.T.I:

  1. Desempeña-la representación oficial dos Servizos que constitúen o C.A.C.T.I.

  2. Organizar, coordinar e supervisa-las actividades que se desenvolvan no C.A.C.T.I.

  3. Organiza-la actividade do persoal que teñan asignados os Servizos, sen menoscabo das competencias da Xerencia da Universidade.

  4. Propoñer ó Vicerrectorado de Investigación as tarifas de utilización dos distintos servizos e unidades do C.A.C.T.I., que haberán ser aprobadas pola Xunta de Goberno, por proposta da Comisión de Investigación baseándose en criterios obxectivos de custo dos servizos.

  5. Presentar á Comisión do CACTI os criterios de utilización dos aparellos en réxime de autoservizo.

  6. Presentar ó Vicerrectorado de Investigación as solicitudes das necesidades, tanto humanas como materiais, necesarias para o correcto funcionamento do C.A.C.T.I. por proposta da Comisión do C.A.C.T.I.

  7. Impulsar e fomenta-las relacións do C.A.C.T.I. coas Institucións, cos Organismos Públicos e coas empresas para promover a rendibilidade científica dos investimentos.

  8. Desenvolver iniciativas que contribúan o financiamento parcial dos custos de funcionamento do C.A.C.T.I., xa sexa por servizos prestados ou con financiamento externo á Universidade.

  9. Executa-lo presuposto do C.A.C.T.I.

  10. Elaborar unha memoria anual, económica e de actividades que será remitida ó Vicerrectorado de Investigación para a súa correspondente difusión na Comunidade Científica.

  11. Aquelas outras que lle poidan ser conferidas pola Regulamentación vixente.

arriba

 

CAPÍTULO IV.- COMISIÓN DO C.A.C.T.I.

Art. 12. A comisión do C.A.C.T.I., elixida pola Xunta de Goberno, estará formada por:

· Director/a do C.A.C.T.I ou persoa en quen delegue, que a presidirá.
· 8 profesores doutores usuarios do C.A.C.T.I.
· 3 alumnos (polo menos 2 de 3º Ciclo usuarios do C.A.C.T.I.).
· 3 P.A.S. do Servizo.
Dos representantes de usuarios, non poderá haber máis de un por Departamento e garantirase a representación de, polo menos, un de cada Campus.

Art. 13. A comisión do C.A.C.T.I. reunirase, polo menos, unha vez cada trimestre ou cando un tercio dos membros o soliciten.

Art. 14. Son competencias da Comisión:

  1. Propoñer suxestións que contribúan a optimizar as prestacións do C.A.C.T.I.

  2. Informar e propoñer modificacións ó regulamento e á normativa de funcionamento do C.A.C.T.I.

  3. Estudiar e elevar á Dirección do C.A.C.T.I. as melloras aconsellables no funcionamento do C.A.C.T.I.

  4. Velar pola calidade, independencia, imparcialidade e integridade das actividades do C.A.C.T.I. de acordo coas Boas Prácticas de Laboratorio.

  5. Crear comisións de usuarios de cada servizo a medida que as necesidades o requiran.

  6. Impulsar e fomenta-las relacións do C.A.C.T.I. coas Institucións, os Organismos Públicos e as empresas para promover a rendibilidade científica dos investimentos.

  7. Desenvolver iniciativas que contribúan ó financiamento parcial dos custos de funcionamento do C.A.C.T.I., xa sexa por servizos prestados ou con financiamento externo á Universidade.

  8. Velar polo cumprimento deste Regulamento e da normativa da súa utilización.

arriba

 

CAPÍTULO V.- FUNCIÓNS DO PERSOAL DO C.A.C.T.I.

Art. 15. Son funcións do persoal do C.A.C.T.I.:

  1. Atención directa ó usuario, proporcionando o apoio adecuado en cada momento

  2. A formación de usuarios en réxime de autoservizo.

  3. O mantemento dos equipos, procurando que o instrumental se atope en condicións óptimas en cada momento.

  4.  A actualización das técnicas e a posta a punto de novas metodoloxías, e a súa difusión, para o que se promoverá a súa asistencia a Cursos de Formación, Congresos, Seminarios.., tanto en centros nacionais como estranxeiros.

  5. A relación cos técnicos comerciais para a actualización da información sobre a instrumentación científica.

  6. A participación na investigación aplicada dos distintos grupos da Universidade de Vigo que o soliciten, o que redundará na posta a punto de novas tecnoloxías.

arriba

 

CAPITULO VI.- USUARIOS E NORMAS DE FUNCIONAMENTO

Art. 16. O C.A.C.T.I. prestará servizos de apoio ás actividades investigadoras de profesores, investigadores e persoal en formación de Terceiro Ciclo da Universidade de Vigo, así como de calquera Organismo ou entidade pública ou privada que o solicite. Ditos servizos solicitaranse mediante os correspondentes impresos normalizados que a tal fin se proporcionarán nos Servizos Administrativos do C.A.C.T.I.

Art. 17. A utilización dos Servizos implica que os usuarios asumen a normativa de funcionamento recollida neste Regulamento (Anexo II), así como as normativas especificas de utilización de equipos e servizos.

arriba

 

CAPÍTULO VII.- CESIÓNS DE EQUIPOS

Art. 18. Poderá adscribirse ó C.A.C.T.I. equipamento de interese para toda a comunidade Universitaria cedido por grupos de investigación, Departamentos ou Centros.

Art. 19. Considéranse susceptibles de cesión aqueles equipos de uso xeral que requiran para o seu funcionamento, mantemento e instalación unha infraestructura non dispoñible polos grupos de investigación e outros equipos para os que se desexe unha utilización máis ampla.

Art. 20. A proposta de cesión deberá dirixirse ó Vicerrector de Investigación polo investigador principal responsable do equipo e polos investigadores que participen na solicitude do mesmo. Esta proposta deberá estar avalada pola sinatura de outros grupos de investigación interesados na utilización do correspondente equipo e incluirá unha memoria razoada.

Art. 21. As solicitudes de cesión deberán ser informadas favorablemente pola Comisión do C.A.C.T.I. e aprobadas pola Comisión de Investigación.

Art. 22. A aprobación da cesión implicará a adscrición ó C.A.C.T.I. de dito equipamento, quedando regulada a súa utilización polo Regulamento do Centro.

Art. 23. A tarifa que se aplicará ó Investigador principal responsable da cesión será dun 25% da tarifa vixente durante un período de 5 anos a partir da entrada en funcionamento do equipamento.

arriba

 

CAPITULO VIII.- XESTIÓN DOS RECURSOS ECONÓMICOS E FUNCIONAMENTO ADMINISTRATIVO

Art. 24. Os gastos de mantemento dos bens e equipos do C.A.C.T.I. necesarios para o seu correcto funcionamento que non sexan cubertos polo cobro das tarifas de servizos serán sufragados pola Universidade de Vigo na medida das súas posibilidades.

Art. 25. A dotación económica do C.A.C.T.I. estará consignada no Presuposto Xeral da Universidade de Vigo.

Art. 26. Os gastos ocasionados pola reparación de avarías causadas por neglixencia do usuario en réxime especial de autoservizo serán sufragadas polo Grupo de Investigación ou Departamento o que pertenza o usuario, previo informe da Dirección do Centro e aprobación pola Comisión de Investigación da Universidade.

Art. 27. Os usuarios dos servizos aboarán os gastos por servizos prestados conforme ás tarifas establecidas (Anexo III), que serán aprobadas anualmente pola Comisión de Investigación, a proposta da Dirección do C.A.C.T.I., oída a Comisión do C.A.C.T.I.

arriba

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

1ª.- Este Regulamento entrará en vigor o día seguinte de ser aprobado pola Xunta de Goberno da Universidade de Vigo.

2ª.- Este Regulamento poderá ser modificado pola Xunta de Goberno a proposta da Comisión de Investigación ou a proposta da Comisión do C.A.C.T.I., previo informe favorable da Comisión de Investigación.

arriba

 

 

ANEXO I

ORGANIGRAMA DO C.A.C.T.I.

DIRECCIÓN

servizo DE DIFRACCIÓN E FLUORESCENCIA DE RAIOS X

UNIDADE DE DIFRACCIÓN DE RAIOS X UNIDADE DE FLUORESCENCIA DE RAIOS X UNIDADE DE PREPARACIÓN DE MOSTRAS

servizo DE ANÁLISE ELEMENTAL

UNIDADE DE ANÁLISE ELEMENTAL UNIDADE DE ABSORCIÓN ATÓMICA UNIDADE DE ANÁLISE DE VIÑOS UNIDADE DE TÉCNICAS RADIOQUÍMICAS UNIDADE DE ANÁLISE DE NUTRIENTES

servizo DE ESPECTROSCOPÍA MOLECULAR

UNIDADE DE RESONANCIA MAGNÉTICA NUCLEAR UNIDADE DE DIFRACCIÓN DE RAIOS X MONOCRISTAL UNIDADE DE ULTRAVIOLETA-VISIBLE UNIDADE DE INFRAVERMELLOS UNIDADE DE POLARIMETRÍA UNIDADE DE NITRÓXENO LÍQUIDO

servizo DE ESPECTROMETRÍA DE MASAS

UNIDADE DE ESPECTROMETRÍA DE MASAS DE ALTA RESOLUCIÓN UNIDADE DE CROMATOGRAFÍA DE GASES-MASAS UNIDADE DE CROMATOGRAFÍA DE LÍQUIDO-MASAS

servizo DE MICROSCOPÍA ELECTRÓNICA

UNIDADE DE MICROSCOPÍA DE VARRIDO UNIDADE DE MICROSCOPÍA DE TRANSMISIÓN UNIDADE DE MICROSCOPÍA CONFOCAL UNIDADE DE PREPARACIÓN DE MOSTRAS UNIDADE DE AUGA PURA

servizo DE ANÁLISE DE SUPERFICIES

UNIDADE DE ESPECTROSCOPÍA DE FOTOELECTRÓNS DE RAIOS X UNIDADE DE MICROSCOPÍA DE PROXIMIDADE UNIDADE DE PROPIEDADES FÍSICAS

servizo DE TALLER ELECTRÓNICO

servizo DE TALLER MECANIZADO

servizo DE TELEDETECCIÓN

 

arriba

 

 

ANEXO II

NORMATIVA DE UTILIZACIÓN DE SERVIZOS DO C.A.C.T.I.

1. As solicitudes de servizo realizaranse nos servizos administrativos do C.A.C.T.I. segundo o modelo establecido para tal fin.

2. Tódalas solicitudes deben ser autorizadas polo responsable da entidade solicitante. As solicitudes dos Departamento e grupos de investigación da Universidade deberán ser autorizadas polo Director do Departamento ou Investigador Principal do grupo ou proxecto, e incluirán a aplicación orzamentaria á que se cargará o importe do servizo.

3. Para cada Unidade existirá un libro de rexistro de solicitudes de servizo, no que se rexistrarán por estricta orde cronolóxica tódalas solicitudes, as cales serán atendidas polo persoal adscrito á Unidade nesa mesma orde. Mentres non exista un Técnico por Unidade, os mesmos atenderán rotativamente as solicitudes das distintas unidades ó seu cargo.

4. Cando o solicitante do servizo desexe estar presente durante a realización do mesmo deberá facelo constar na solicitude. Os servizos administrativos comunicaranlle o día e a hora máis conveniente de prestación do servizo solicitado.

5. Para asegurar a axilidade dos servizos e a atención a un máximo de usuarios, a primeira solicitude de servizo nunha unidade por parte dun usuario deberá constar dunha soa mostra, e as seguintes constarán dun máximo que estará especificado na normativa propia de cada unidade.

6. Os usuarios con coñecemento da técnica e experiencia no manexo de equipos similares poderán solicitar a utilización directa do instrumental do C.A.C.T.I. en réxime de autoservizo. As solicitudes serán autorizadas polo Director/a do C.A.C.T.I. logo da conformidade dos Técnicos Especialistas.

7. O usuario en réxime de Autoservizo deberá asinar no caderno de rexistro do equipo as horas de uso do mesmo. A responsabilidade dos prexuízos derivados do uso neglixente dos equipos observada durante o tempo de Autoservizo recaerá sobre o usuario.

8. A entrega dos resultados realizarase por escrito. A recepción dos mesmos implicará a aceptación do cargo polo importe do servizo de acordo coas tarifas en vigor.

9. O cobro das tarifas será tramitado pola Unidade de Xestión Administrativa do C.A.C.T.I., de acordo coas normas de xestión económica aprobadas pola Xerencia da Universidade.

10. Todo grupo de investigación rexistrado na Oficina de I + D que sobrepase un consumo anual de servizos do C.A.C.T.I. de 100.000 pesetas, pasará a ser considerado usuario habitual do mesmo polo que se lle aplicará un desconto do 20% a partir desa cantidade.

11 Os usuarios do C.A.C.T.I. deberán mencionar nos seus traballos os servizos prestados polo centro e entregar polo menos unha fotocopia dos seus traballos para o arquivo do Centro.

 

arriba

 

 

 

 


Envíe un correo electrónico a con preguntas ou comentarios sobre esta web.
Para consultas sobre unha técnica específica contacte co persoal encargado do servizo.
Última modificación: 11-07-2008