| |||||||||||||
|
O Centro de Apoio Científico Tecnolóxico á Investigación (C.A.C.T.I.) da Universidade de Vigo créase coa axuda de fondos FEDER e programa STRIDE da Unión Europea e ten como misión proporcionar apoio científico e tecnolóxico ós membros da Comunidade Universitaria e á Sociedade Galega para o fomento de labores de investigación e desenvolvemento. O nivel de desenvolvemento que acadou a investigación na nosa Universidade supón unhas necesidades de infraestructura cada vez máis importantes, unha parte substancial das cales materialízase en grandes equipos e en servizos de apoio, cunhas características que aconsellan a súa organización de xeito centralizado, de modo que poidan ser utilizados por tódolos membros da comunidade científica, racionalizando así o seu réxime de explotación. A natureza, obxectivos e finalidades do C.A.C.T.I quedan definidos nos Estatutos da Universidade a través de varios dos seus artigos. O artigo 2 establece como fins prioritarios entre outros o alcanza-las máximas cotas de calidade de docencia e investigación. O artigo 242 establece as condicións que un servizo debe cumprir para ser considerado de carácter xeral: "un servizo será considerado de carácter xeral cando o seu nivel de coordinación ou de actuación supere o ámbito dun Departamento, Instituto, Centro ou Campus. Estes servizos, que non deberán ter carácter lucrativo, crearanse por acordo da Xunta de Goberno despois de oí-lo informe económico da Xerencia. O cadro de persoal de cada servizo deberá se-lo necesario e te-la cualificación adecuada para que sexa xestionado e administrado con eficacia". O artigo 250 tamén establece que "Os Servizos Técnicos de Apoio á Investigación integran unidades e servizos especializados de instrumentación e de aporte de materiais básicos para determinadas investigacións científicas, técnicas ou humanísticas, de acordo co art. 242, podendo prestar este servizo a outros organismos públicos ou privados consonte se indique no regulamento do servizo. Un dos membros do persoal adscrito funcionalmente a cada unha das unidades actuará como o seu coordinador técnico, baixo a dependencia do director do servizo". O artigo 243 establece que "a comisión de cada un dos servizos xerais será fixada pola Xunta de Goberno e nela estarán integrados o director deste, así como unha representación tanto dos usuarios, polo menos un en cada Campus, como do persoal da Administración e Servizos adscrito ó servizo. As comisións son órganos consultivos da Xunta de Goberno e do Rector para todo o que contribúa ó cumprimento dos fins e mellora da calidade do servizo correspondente. Cada comisión elaborará un regulamento do servizo que será aprobado pola Xunta de Goberno". |
|
|