
ENTREVISTA CO CANDIDATO
"PENSAMOS A UNIVERSIDADE CARA A FÓRA, PORQUE NON COÑECEMOS PROXECTOS QUE PAGUEN A PENA SE NON SON COMPARTIDOS"
Alberto Gago afronta con responsabilidade a súa recente candidatura a reitor da Universidade de Vigo. A confianza que lle supón o apoio do seu equipo e a elaboración dunha sólida proposta de goberno motivan o candidato para comezar con ilusión a súa campaña, e poder compartir o seu programa co resto da comunidade universitaria.
Que o leva a se presentar a reitor da Universidade de Vigo?
Un forte compromiso persoal e institucional. Ambos os dous teñen a mesma orixe: 27 anos a traballar na Universidade de Vigo, facendo medrar a súa imaxe como institución.
Cheguei moi novo, con apenas 23 anos, a un Colexio Universitario illado no monte, onde só había primeiros ciclos, cun cadro de persoal duns 50 profesores e profesoras, e non máis de 400 estudantes. Era unha pequena familia na que nos coñeciamos todos.
Imaxinade agora todo o que tivo que ocorrer ata chegar a unha universidade con 25.000 alumnos e alumnas e un cadro de persoal de 1.650 profesores e 650 PAS. Toda esa profunda transformación a vivín en primeira fila como afectado e implicado, asustado ás veces, ilusionado as máis e sempre consciente da importancia do que estabamos a construír.
Xa que logo, non estrañará que afirme o meu forte compromiso persoal con esta Universidade. É a miña segunda casa, o sitio onde máis amigos e amigas fixen e teño, o meu proxecto vital máis fondo e, despois da miña familia, o lugar onde máis restricións sobre a miña liberdade persoal estou disposto a aceptar. Con estas condicións de partida, os meus colegas fixeron o resto: empurrar un pouquiño e lembrarche o que agardan de ti.
Canta influencia ten nesta decisión o paso pola Vicerreitoría de Planificación e Asuntos Económicos?
Esa experiencia persoal foi importante, sen dúbida. Os últimos anos permitíronme cursar un máster intensivo no que puiden coñecer a composición e o funcionamento interno da Universidade de Vigo desde todos os planos e perspectivas posibles. Ademais, foi o mandato dos novos Estatutos, da consolidación do proxecto da Cidade Universitaria e da negociación do novo plan de financiamento do sistema universitario de Galicia, na que, por certo, tivemos un papel especialmente activo.
Digamos, logo, que levo circulando uns anos por unha autoestrada que xa coñezo. Se tivese que comenzar de cero sería moito máis complicado e poñería máis reparos persoais para presentar a miña candidatura a reitor.
Vostede estaba integrado no anterior equipo directivo da Universidade. Como valora a xestión de Domingo Docampo?
Como ocorre sempre, o tempo permitirá avaliar os dous mandatos da reitoría de Domingo Docampo. Neste sentido, que eu diga que somos unha Universidade cun presente expléndido pode non facer proba. Pero chegado o momento da súa despedida, semella que hai cada vez máis xente que así o recoñece.
A transformación da Universidade de Vigo nestes últimos oito anos foi tan fonda como demostra a súa faciana nos seus campus de Ourense, Pontevedra e Vigo, e a evolución dos seus datos básicos.
O aspecto físico dos campus mudou de tal maneira que en ocasións resulta irrecoñecible para quen deixara pasar demasiado tempo desde a súa última visita. Simultaneamente a esta transformación física, os últimos oito anos supuxeron para a Universidade de Vigo a plena consolidación do seu proxecto académico, incluíndo o asentamento da súa oferta de titulacións, a madurez do seu cadro de persoal, dos seus grupos de investigación e un importantísimo salto cuantitativo nos seus recursos. Entre 1998 e 2006 o orzamento da Universidade de Vigo pasou de 78 a 144 millóns de euros, o número de doutores/as de 632 a 987, a captación de ingresos externos de 3 a 30 millóns de euros, o número de estudantes de terceiro ciclo (másters e doutoramento) de 620 a 1276, e as teses lidas cada ano de 45 a 87.
Durante este período non foi menos relevante a forte intensificación das relacións da Universidade de Vigo coas institucións e axentes sociais, económicos, empresariais e culturais do seu contorno. A oficina universitaria de I+D xestionou 464 proxectos con empresas en 2005; a Oficina de Iniciativas Empresariais impulsou 73 aventuras empresariais dos estudantes egresados; a Oficina para a Orientación ao Emprego asesorou a 1167 universitarios/as na busca dun primeiro emprego durante o ano 2005, xestionando 386 contratos, dos que 77 foron indefinidos.
Tampouco quero esquecer os datos de internacionalización e mobilidade do noso alumnado e profesorado. Durante o ano 2005, 460 estudantes e 42 profesores/as da Universidade de Vigo participaron nos programas Sócrates/Erasmus, ISEP, Alban, Alfa e Leonardo de mobilidade internacional, con destino preferente a países europeos (Alemaña, Austria, Bélxica, Finlandia, Gran Bretaña, Hungria, Italia, Portugal, República Checa).
Esta é a realidade da Universidade de Vigo, ese expléndido presente ao que me refería ao principio como ronsel dos mandatos de Domingo Docampo.
Na súa proposta de goberno, presenta unha política continuísta?
O que penso facer, desde logo, é sentirme publicamente orgulloso da herdanza que recibirei se son elixido reitor. Fíxose moito e ben, e todo iso é un activo para quen veña. E a partir de aquí virán os cambios, necesarios e inevitables. En primeiro lugar, porque cambian os obxetivos. Temos a obriga de facer un novo programa de goberno e con tal motivo debemos revisar a estratexía da institución cara aos próximos catro anos. E, en segundo lugar, porque cambian as persoas, os grupos humanos e os estilos.
Pero o que non muda é a nosa maneira de imaxinar o futuro desta Universidade: plural, participativa, aberta á innovación, preocupada polo emprego, fondamente inserida na sociedade, en contacto permanente coas institucións e as empresas. Pensamos a Universidade cara a fóra, porque non coñecemos proxectos que paguen a pena se non son compartidos .
Pensa que lle vai axudar a súa experiencia como vicerreitor?
Antes referinme a iso: será unha grande axuda en todo aquilo que teña que ver coas cuestións técnicas e cos plans e proxectos nos que participe ou que afecten á Universidade. Pero quería referirme a outro aspecto positivo que non é doado avaliar. A experiencia como vicerreitor permíteche comprender a dinámica das institucións complexas e a importancia de implicar a todas as persoas que forman parte dela. Nunha institución consolidada como a Universidade de Vigo, nada conseguirás se ninguén te segue.
Cales con os eixos básicos da súa candidatura?
Pluralidade dentro e implicación fóra. A Universidade aberta e diversa fai referencia ao concepto renacentista dunha institución de mérito, permeable á libre circulación de ideas e persoas. A Universidade implicada é aquela que se confabula coas iniciativas institucionais e privadas para levar adiante proxectos comúns. No século XXI, isto significa ser universidade emprendedora e de transferencia.
E as principais iniciativas cara aos tres principais grupos da comunidade universitaria (persoal docente e investigador, PAS e alumnado)?
Para o alumnado, presentamos o obxectivo xeral de reforma da docencia que esixe a harmonización europea do ensino superior, nun sentido máis participativo e práctico, e con maior solvencia profesional. O meu programa contén, ademais, plans específicos de prácticas profesionais, mobilidade internacional, oferta de cursos do Centro de Linguas, extensión cultural, actividade deportiva, voluntariado, gabinete psicopedagóxico e unha mellora dalgúns servizos, como o de transporte ou o de residencia.
Para o PAS, mantemos a aposta por afondar na profesionalización da xestión e na definición dunha carreira profesional coas máis altas cotas, vencellando as melloras do cadro de persoal á maior asunción de responsabilidades na xestión e nos servizos. O vindeiro mandato será tamén o da descentralización administrativa para os campus de Ourense e Pontevedra, coa dotación das figuras de vicexerente en ambos. E o da conciliación laboral, cuestión na que asumimos para o vindeiro mandato o compromiso concreto de prestar o servizo de gardería nos tres campus da Universidade de Vigo.
Para o profesorado, xunto a un obxectivo xeral de estabilidade e promoción, hai compromisos importantes en termos de docencia (grao e posgrao), de investigación (novos centros de referencia) e de servizos comunitarios (infraestructuras de comunicación, garderías nos campus). Pero se cadra hai dous compromisos que sobrancean de xeito especial: una nova política de I+D centrada nos grupos de investigación e un programa de desgravacións docentes por actividades non regradas, que contempla incentivos para a realización de iniciativas complementarias da docencia (prácticas con empresas, mobilidade internacional, cursos cero, programas de calidade docente, etc.).
Cales son as novidades no tocante aos tres campus da Universidade?
Se deixamos de lado as iniciativas horizontais, centralizadas e comúns para toda a universidade (docencia, investigación e novos títulos), as principais novidades por campus teñen que ver coas infraestruturas e os servizos.
Para os campus de Ourense e Pontevedra, o próximo mandato será o da descentralización, tanto administrativa como de funcións. Nos dous campus creamos unha nova estrutura de goberno, composta por un vicerreitor de campus, apoiado por dúas direccións de área e un vicexerente. E nos dous casos comprometemos tamén a defensa das titulacións impartidas e das novas que sexan vencelladas ao posgrao.
A partir de aquí, as novidades máis relevantes diverxen. No campus de Ourense, os proxectos distintivos son a construcción e dotación do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI), a construción da piscina e novas instalacións deportivas. No campus de Pontevedra, a finalización do edificio de Ciencias da Educación e do Deporte, a construción do novo Edificio das Artes e a dotación dun novo servizo de residencia de estudantes.
Polo que respecta ao campus de Vigo, as novidades principais teñen que ver coa construción e dotación de novos centros de investigación (Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, ampliación do CACTI, Módulo Tecnolóxico-Industrial e Módulo Biosanitario) e coa execución do proxecto de vias elevadas para facilitar a comunicación entre os diferentes ámbitos e servizos.
Sobre este tema, que valora máis vostede?: manter a independencia dos campus ou apostar pola vertebración?
Non son fórmulas alternativas e o meu criterio sobre elas depende das funcións das que falemos. O obxectivo final debe ser que ningún estudante, PAS, profesor/a ou grupo de investigación da Universidade de Vigo reciba un servizo ou trato diferenciado por razóns xeográficas. En determinadas cuestións, isto só pode garantirse mediante fórmulas centralizadas, caso das normas de matrícula, das prestacións docentes, das condicións laborais ou das convocatorias de investigación. Pero, en moitos outros casos, a autonomía dos campus é primordial para acadar os obxectivos que se procuran. Inserción social, prácticas en empresas, procesos administrativos rutineiros, actividades culturais e deportivas, relacións institucionais, convenios de cooperación, infraestruturas, etc. son todos eles exemplos nos que podemos imaxinar doadamente mellores resultados con funcións transferidas ca centralizadas. E esta é precisamente a proposta que incorporamos no noso programa de goberno.
En Vigo, cal vai ser a política a seguir?
Non temos ningún plan específico ou diferenciado para o campus de Vigo, agás as iniciativas distintivas ás que antes me referín e que resultan da súa configuración física e do superior grao de consolidación no que respecta a grupos de investigación. Hai outro factor que marca diferenzas para este campus: o acentuado carácter industrial e empresarial do seu contorno. Isto define acentos e vantaxes no tocante sobre todo ás políticas de transferencia e cooperación coa empresa privada. Por suposto, a política de I+D que propoñemos incide neste aspecto, pero en todo caso aspiramos a que poida ser unha liña preferente de actuación nos tres campus.
Falemos agora do futuro da Universidade de Vigo como institución: en que pensa vostede que pode mellorar?
Nas respostas anteriores fixen referencia a unhas cantas liñas de mellora no que respecta a infraestruturas e servizos. Vou engadir agora outros aspectos e proxectos que considero salientables para o vindeiro mandato:
En primeiro lugar, a reforma da docencia para adaptala ao espazo europeo . Temos, ademais, unha nova listaxe de títulos oficiais de grao e posgrao. Isto obrigaranos a reformar todos os plans de estudo e debemos facelo coidando de dous aspectos: priorizar os aspectos de solvencia profesional, inserción laboral e transversalidade humanística para a innovación, xunto aos programas engadidos de prácticas en empresas; e tratar de reforzar a posición da Universidade de Vigo neste tema das titulacións dentro do sistema universitario de Galicia.
En segundo lugar, a política de I+D, con dúas apostas salientables: a consolidación do Parque Tecnolóxico Universitario de Galicia en Vigo, constituído polas tres universidades de Galicia coa fórmula de consorcio e polo que se xerarán infraestruturas de investigación da Universidade, e o centro de cooperación coa iniciativa privada que denominamos Citexvi, ao que logo me referirei. A segunda aposta refírese aos grupos e centros de investigación de referencia. As liñas de apoio aos grupos diversifican o seu contido, incluíndo contratos-programa máis ambiciosos para os grupos de referencia, con desgravacións docentes para investigadores/as principais e apoio administrativo, e un forte respaldo aos grupos emerxentes e consolidados.
En terceiro lugar, o proxecto Citexvi , moi vencellado aos obxetivos de transferencia e de relación coa empresa privada. Citexvi é un proxecto compartido con Zona Franca e Caixanova, que define un espazo no campus para compartir coa empresa privada que fai I+D+i. Aspiramos a compartir ese espazo, para que coñezan e cooperen cos nosos grupos, compartan proxectos de investigación con eles e incorporen en práctica profesional e contraten o noso alumnado.
Por último, o proxecto Campus verde . Con esta iniciativa buscamos tamén un dobre obxectivo: por unha banda, adaptar a conduta enerxética e ambiental da Universidade de Vigo aos estándares de sostibilidade máis esixentes, de maneira que todas as actuacións tecnolóxicas, paisaxísticas, urbanísticas, arquitectónicas, e de consumos da institución sexan auditadas con eses criterios; e, por outra, actuar neste tema tamén como vangarda para a sociedade e afondar na sensibilización respecto das enerxías renovables, o medio ambiente e o desenvolvemento sustentable.
Ben, parece que formula vostede unha proposta de goberno bastante coherente pero se tivese que definir brevemente o seu programa, con que expresión o faría?
Transferir coñecementos e compartir proxectos: somos parte activa da sociedade na que vivimos.
E se existira unha palabra para definir o seu equipo, cal sería?
Competencia.
Finalmente, se tivese que definirse a si mesmo, afirmariamos estar ante un candidato...
Equilibrado; unha mestura de prudencia e determinación.
Moitas gracia, Alberto, foi un pracer compartir este tempo con vostede.
|