| |
|


ALBERTO GAGO
Alberto Gago Rodríguez (Vilanova de Arousa, 1956) é doutor en economía pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrático de Facenda Pública da Universidade de Vigo desde 1994. Nesta universidade foi director do Departamento de Economía Aplicada durante o período 1995-2000 e desde 2002 desempeña o cargo de Vicerreitor de Planificación e Asuntos Económicos. Noutros ámbitos académicos foi membro do Consello Económico e Social de Galicia, do Consello Económico e Social de Vigo, do consello científico do Instituto de Estudios Económicos de Galicia - Fundación Barrié de la Maza, e presidente ata xaneiro de 2006 da Asociación Española de Economía Energética.
Perfil académico
O seu traballo de investigación desenvólvese nos campos da incidencia impositiva, a reforma fiscal e a fiscalidade ambiental, e publicou nunha quincena de libros e máis de setenta artigos en revistas científicas. Como experto nestes temas participou no grupo de estudios de fiscalidade comparada, do Ministerio de Economía e Facenda, no grupo de traballo sobre 'Fiscalidad de la Energía y Desarrollo Energético', do Instituto de Estudios Fiscales, e no grupo para a reforma fiscal que creou a Fundación Iniciativas e que publicou en 2002 o informe Una propuesta para la reforma fiscal en España .
Na actualidade é investigador principal e coordinador do grupo de investigación REDE (http://webs.uvigo.es/rede), centrado na economía ambiental, con especializacións diversas en avaliación económica de impactos ambientais, deseño de instrumentos de política ambiental, reforma fiscal verde, mercados de permisos de emisión, etc.
Entre outras iniciativas recentes, este grupo está a traballar nun proxecto de investigación co Instituto de Estudios Fiscales do Ministerio de Economía e Facenda, sobre "Imposición ambiental e descentralización en España", e coa Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, sobre "A imposición propia autonómica".
Nos últimos tempos, Alberto Gago actuou como asesor da Secretaría de Estado de Facenda na elaboración do proxecto de reforma fiscal que se atopa en trámite parlamentario.
Perfil humano
Como docente, Alberto Gago incorporouse á academia con apenas 23 anos, e viviu a forte evolución sufrida pola Universidade de Vigo. Este feito reforzou o compromiso que mantería coa institución nas súas diversas facetas docente, investigadora e xestora.
Como profesor, Alberto Gago sobranceou sempre por ser unha persoa próxima, atenta e preocupada, tal e como recordan os seus antigos alumnos/as. Así pois, unha teima constante na súa experiencia docente foi evitar que se perdera a frescura dos primeros anos da Universidade de Vigo, onde a proximidade entre o profesorado e o alumnado era patente, e iso é algo que el recorda con certa nostalxia.
Pola súa banda, a responsabilidade é o que caracteriza a andaina investigadora de Alberto Gago, desenvolvendo proxectos socialmente comprometidos que reforzasen os lazos entre a universidade e a sociedade, tal como é o caso da economía ambiental; e, sobre todo, prestando os seus coñecementos a diferentes comisións de traballo organizadas polos gobernos locais, autonómicos e nacionais para procurar, desde o máis estrito pluralismo e imparcialidade, solucións solventes ante o contorno.
Xa en clave doméstica, e explorando a súa faceta xestora, Alberto Gago asumiu unha grande variedade de cargos na Universidade de Vigo. A experiencia obtida en todos eles sitúano, a día de hoxe, como un candidato adecuado para aspirar a ser reitor dunha institución para a que leva traballando máis de 27 anos.
|
|
|