Donnie Darko e a publicidade
Hai películas que se consumen coma un iogur (que diría Xurxo Souto): o visionado satisface unha necesidade básica de entretemento, non é preciso un consumo consciente e meditado, son de fácil dixestión e o regusto que deixan no padal só dura un segundos trala última cullerada. Son a maioría.
Pero existen outras películas que te deixan tocado, ás que volves unha e outra vez porque hai algo hipnótico ou terapéutico nelas, porque hai poesía, ou catarse, ou vai ti saber o que, que fai que para un sexan algo especial. Son películas que quizais escolliches pensando tomar un iogur porque non sabías delas, porque tiñas algún prexuízo, ou porque ó mellor eras moi novo para apreciar na súa plenitude o que estabas vendo; pero pode ser tamén que buscaras esa película porque é unha “das que hai que ver” e que unha vez vista quedaras sinceramente impactado. Creo que as primeiras destas, as que te sorprenden, son as que máis profundamente quedan rexistradas.
Donnie Darko está nesta categoría. Unha película que non esperaba.
Supoño que o propio sería desenvolver o argumento nunhas poucas liñas, pero non sabería por onde comezar e, sobre todo, non podería facelo mellor que moita xente que xa o fixo (este, por exemplo).
O caso é que neste post ía falar doutra cousa moito máis simple que todo isto: Donnie Darko e a publicidade, prometín.
O asunto en realidade, como digo, é sinxelo. Simplemente quero deixar constancia de que a magnífica banda sonora deste filme (que en tantas horas de traballo me leva acompañado) está resultado ser bastante útil como música de spot, e chámame a atención, precisamente, porque se trata dun filme relativamente minoritario.
Eu de momento levo identificados tres anuncios que a empregan alguha peza da película.
1.Gears of War: xogo de XBOX no que a desoladora versión de Mad World de Gary Jules enfatiza o dramatismo das imaxes.
2. Ford Mondeo: Artifact and Living é ingrediente fundamental dunha onírica paisaxe londinese cun ceo sementado de vehículos elevados por globos.
3. AEDYR: Liquid Spear Waltz é o tema musical que acompaña as “fantasías” propostas pola susurrante voz de Nawja Nimri: “imagina que todos naciéramos con una nube”.
Actualizo hoxe ás 18:30. Como sucede moitas veces, o que ti pensaches xa o pensou outro antes, tiveses ti coñecemento ou non. Quero dicir que me deu por buscar sobre o tema Donnie Darko e publicidade e, como mínimo, este blogue xa se decatara tamén do uso da banda sonora.
Posted: Decembro 10th, 2007 under anotacións, opinión.
Comments: 2
algo que dicir?
Comment from Barbara
Time: 11 Decembro 2007, 3:19 pm
Hola!!
A través de tu post, decidí ver esa película…y la verdad que valió la pena. Sin embargo, creo que me faltan unas 3 veces más para poder entender esas escenas que me dejaron “en shock”.
A colación de los spots..¿intentan recordarnos a la película?
A mí no me recordaron a ella, ¿quizás lo dices por algún plano de la cámara o simplemente por la banda sonora?
Igualmente, me parece bien encontrada la relación entre el cine y la publicidad
Un saludo
Comment from albertodafonte
Time: 11 Decembro 2007, 5:55 pm
A verdade é que me refería exclusivamente ó uso da banda sonora do filme en tres spots tan “seguidos” no tempo. É certo que a música é un complemento perfecto a imaxes enigmáticas ou oníricas, pero nestes casos coido que funciona por si mesma, sen necesidade de ter como referente o filme.
E alégrome sinceramente de que este post te animase a ver a película.
Dicía no post que hai filmes que se consumen coma un iogur; pois ben, hai outros que son como a tónica: tes que probala varias veces para que che guste de verdade.

Write a comment